‘Ir indo’ vs ‘Carta atopada no asento dun tren’

Interior.

Xornada 5 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Xerardo Méndez e David Botana:

Traba: O relato non pode conter a letra h.

Ir indo

Xerardo Méndez.

Funme da casa con dezasete anos. Claro que aquilo non foi fractura limpa: ía estudar, en teoría. Estudar algo estudei, non moito nin moi seguido. A universidade acumulaba, daquela, un infinito de posibilidades que nestes momentos están a un botón de distancia. Os libros. A música. Os espectáculos. As festas, o bebercio, os porros, a fariña. O sexo, casual ou non. A rebeldía e a promesa da revolución… Quen non querería eternizar vida tal?  

A dipsomanía non é moi compatible co éxito académico, pero por fin alguén asinou un papel e abandonei aquel útero intelectual ben a desgusto. En plena crise, aquel papel parecía ter o mesmo valor que os francos centroafricanos. Tiven que procurar traballo no que fose, porque ao negocio dos pais tocábanlle a defuntos: fun camareta, repoñedor nun súper, mesmo tentei subir á obra, pero aquel primeiro día deulle a un por voar desde o tellado e acabouse, que de oito que eramos dous tiñan seguro. Opositar. Si. Tamén probei, o máis fácil que atopei, que entre curro e curro non tiña vagar para ser esixente. Tiven sorte. O destino levoume a Vigo e a Lisa, ao matrimonio, a dous fillos e un piso a medias co banco. A sábados de fútbol e domingos de sofá. E ao peirao, á xenebra, a Lola e a súa alegre maneira de foder. Aos piollos patos e ao divorcio.

Embarquei. Sempre fai falta xente nos barcos. Medín as catro esquinas do mundo: mexei á sombra de todas as farolas. En Saigón matei un tipo. Eu saía dun bordel, mais cocido que o fideo na sopa da matanza; o tipo tirou de navalla. Mala sorte: viña de mercar un ferro no mercado negro, foi coma se o destino me estivese agardando. Non sei nin como atinei a darlle; sei que alcancei o barco despois de tirar o ferro ao mar. Durmín esperando que o abrente me levase lonxe de alí, e levoume. De alí todo dereito a Valparaíso, onde me alcanzou o telegrama.

Aquel telegrama anunciaba a morte dos meus pais nun tráxico accidente. Collín un avión, e outro, e un terceiro, e mais un taxi, para volver á casa para o enterro. Non fun un  fillo bo. Foi un enterro moi emotivo: xuntouse moitísima xente e todos querían saudarme. Non sabía moi ben polo que, pero sempre vén alguén coa explicación.

—E que vas facer coa casa e coa terra?

Era certo. Aquela casa estaba en ruínas, pero era grande, con moito servizo, e  non sei cantos ferrados de terreo. Miles. A pesar das dificultades, os pais nunca se desfixeran da terra. Nin falar do tema. Ese ferro matábaos mellor que o coitelo de sangrar. Non tardaron en alcanzarme as ofertas. Ridículas. Cismei, e pensei que podía parar de dar voltas e montar un oasis de turismo rural. Algún carto forre tiña. E sempre fun mañoso. No día rematei un pendello e arranxei a leiteira. Debería estar contento. Pero a fiestra do autobús cántame coma cando tiña dezasete anos…


Carta atopada no asento dun tren

David Botana.

Escribote estas lineas pra que saibas que te conozo. Eu fun moitas veces no tren de Serantes, cedo polas mañas. Ti sempre ibas diante de min. Eras coma o lume sol antre o verde que se via polas ventanas. Eu iba traballar o matadero. Agora non vou sa, voume coa mamae lonse. Meu pai non e bon, non e bon pra ela, non e bon pra el, nin pra min naide. Nunca te falei, nin una vez. Son feo e grande e ulo o matadero seino. Non son moi listo e nunca sei que dizir. Nin agora teño letras dabondo para ti. Eu mirabate e estaba feliz contente, sa me valia. Sempre que te rias dabame a risa tamben. Dabame calor por dentro. Tres anos te vin de lonse, conozote e non sei nada de ti. Eres moi mais vella mallor do que parezes. Seino polos ollos. Mamae as veces pon os mesmos e ela sempre me di que viveu mais do que devera. Lebas una cartera da que sacas libros grosos que les. Eu leo pouco, non se me da. As vezes o piriodico, as fotos das piliculas. Nunca fun o cine. Quen me dera levarte ir. Cuando me vaia levarei a mamae. Ela foi de nova, cuando pai inda a queria. Un dia non rias e eu queria asudarte, pero sei que dou medo e non fisen nada. Quedeime mirando amodiño, pra que non me sentises. A volta non te via e todo parescia tan morto coma no matadero. E na casa pior. Nunca falei cas mozas. Asustoas porque son moi grande e feo e non falo ben. Un dia os do matadero levaronme a un bar de mulleres. Arrimabanseme todas pero tiñan medo, viallo nos ollos. Os do matadero rianse de min e funme. Non me enfadei, a sente ri de min pero dame igual. As veces penso en ti nas rapazas, penso cousas e sintome mal. Porque sei que eso non e pra min, pero sintome mal igual. Antes deisaba todo no traballo. O jefe dicia que ojala foran todos coma min. As vacas miran coma a sente, pero non se rin de naide, teñen medo namais. Eu acaboas pronto, pra que non lles doa. O principio dabame pena, agora non, tampouco me gusta. Quero facer outra cousa na que non se mate. Cuando me vaia con mamae farei outra cousa. So me vistes una ves. Nas festas do San Tello viñan uns rapases qentes de caña. Meteronse comigo, diseronme todo o que era, todo o que quiseron. Ti berrastes con eles, que me deisasen en paz, que eu nunca me metia con naide, que era tranquilo. Enton souben que ti sabias que eu estaba ali tamben. Defendistesme e sentinme feliz ben. Un colliute pola man, enfadeime,  berreille e empuseino. Colleron medo todos. Ti tamben, soubeno polos teus ollos. Escribote isto pra pedirte perdon, pra dicirte adios e que te quero votarei vou pensar levo en cada riso.

6 comentarios en “‘Ir indo’ vs ‘Carta atopada no asento dun tren’

  1. Outros dous relatos moi ben armados, cun fondo nostálxico que lles vai ben. Tiven dúbidas sobre a quen votar.

    Ir indo
    Paréceme un relato moi ben narrado. Cunha estructura sólida e un personaxe totalmente críbel. O final paréceme acaído. A historia non precisaba de algo potente como peche mais dun elemento nostálxico. Boa elección do autor.

    Carta atopada no asento dun tren
    Penso que o autor arriscou moito coa elección léxica. Persoalmente, tanta gralla fíxome a súa lectura menos grata que a do seu rival. Non estou seguro de que fose preciso. Porén, o narrador é moi potente, a parte na que reflexiona sobre o seu traballo no matadoiro paréceme maxistral. Consegue transmitir máis sentimento que o relato rival.

    Repartiría o punto se puidese, mais como non se pode voullo dar á sobriedade de “Ir indo”.

  2. Ir indo

    Un relato de vida. Empece forte e vai moi ben, cun ritmo alto que mantén ó lector enganchado, con aventuras e ata un morto, e como queda (case) todo sen explicar a imaxinacion propia enche os ocos sobre a marcha. Como lle pasa a moitos, este é un relato xenial para deixar a medias. Porque o lector agarda, mais que un “final”, un peche que complete o sentido da historia. E aquí o final, inda que reconecta co inicio (os pais, as orixes) non consegue (polo menos en min) recoller o que sementou.
    Parte do problema provén da narración en 1º persoa. Unha narracion en primera persoa trae unha mochila de cousas enriba polo mero feito de ser un relato en 1º persoa. Unha delas é que se non se especifica o contrario o momento presente do relato é o final do relato. Desde ese punto é desde onde se conta a historia. Enton, cando chegamos ó final, inconscientemente asumimos iso e redixerimos o relato desde esa perspectiva. E eu non sei por que este home se pon nese intre a recapitular a sua vida, cando semella unha etapa mais do seu ir indo. E hai outra consecuencia: comezamos o relato sen saber quen nos fala, porque ese “quen” está no final. Non sería mellor comezar o relato mostrando quen é no presente? É dicir, comezar dicindonos cales son as suas circunstancias actuais, e logo recapitular a sua existencia. E o “climax” podería ser a morte dos pais (iso non se contaria no inicio) e asi lector e personaxe reconectan co principio xuntos e con toda a info sobre a mesa.

    Carta atopada no asento dun tren

    Gustoume o relato, dinme metido perfectamente na pel dese pobre home que á vez sabe e non sabe. O uso das faltas fai o seu traballo, é literatura hiperrealista. Tamen me gustou o detalle de que na anecdota sexa ela quen o defende a el, cando un poderia esperar a mesma escena pero á inversa. Penso que foi ben elexido o caracter da carta, é coma unha carta de presentacion e de despedida á vez. Non pretende mais, de feito vai marchar do lugar. Queda para o lector decidir se quen atopou a carta foi a rapaza ou outra persoa. Como punto negativo, alí cara o final cambiaria o de que soubo que tiña medo polos seus ollos. É un pouco tópico usar sempre os globos oculares, mais ben inexpresivos, como fonte e garda de toda emocion. Se tivo medo veriallo na expresion da cara, nas liñas da boca ou na mirada. Xa sei que é para facer a comparativa coas vacas do matadero, pero bueno, nese caso é distinto porque interpretar o medo nun animal -sen que mostre signos mais evidentes e inequivocos- é mais persoal.
    A foto do manuscrito en follas de libreta de 2 raias é simpática (non o lin enteiro, supoño que é o mesmo que no relato).

    Voto para carta atopada no asento dun tren.

  3. “Ir indo”: Bo comezo, boa estrutura e ben narrado. Algunhas partes parécenme reviradas de máis, innecesariamente, quero dicir. A historia non está mal, aínda que o exceso dramático me cansa, resúltame irreal en ocasións e fai que non entre ben nas historias. Con todo, redonda e moi ben escrita.

    “Carta atopada no asento dun tren”: Tenme pasado en duelos doutros torneos que a representación gráfica de formas de falar non me acaban de gustar ou parécenme forzadas. Aquí, aínda que me parece esaxerado en ocasións, paréceme un texto que reflexa ao narrador con éxito. As palabras riscadas encantáronme e aínda que tampouco é un tipo de historia que me encante, gustoume moito. Non preciso as imaxes, a verdade.

    Custoume decidir, pero voto por “Carta atopada…”.

  4. Imos co segundo duelo. Dous xeitos moi distintos de contar ante a mesma imaxe.
    Ir indo
    Como narrar toda unha vida en 500 palabras. Sabemos todo o que fixo na vida para acabar montando unha casa de turismo rural. A min tanta referencia á xuventude dos 17 anos non me di nada. Penso que non acabo de entender o que quere transmitir. Pero serei eu que xa vou algo cansa de opinar dos relatos dos meus contrincantes…
    Carta atopada no asento dun tren
    Como a Sabela tampouco me gusta moito que estea escrito tal cal como se topou a carta. Xa que mandou a orixinal podería ter prescindido das tachaduras, erros ortográficos e castelanismo. Pero se o autor o fixo así será porque quería transcribir tal cal a carta. Gustoume o contido e como se expresa popularmente o protagonista. E o que me gusta moito é que cadra máis coa imaxe ca o seu contrincante.
    O meu voito é par a Carta atopada no asento dun tren

  5. Boa imaxe e moi bo duelo, o meu favorito da xornada.
    Ir indo ten un comezo acelerado que engancha. Resume unha vida que podo entender perfectamente e unhas necesidades que tamén. A vida universitaria e as viaxes en tren van da man. Todo isto de forma medida, sen atropelarse coas palabras. A 1º persoa é unha boa escolla, pero penso que se podería profundar máis, alén da acción final. Con tanta condensación de feitos quedei a espera dunha conclusión máis forte, dun choque. A frase final é efectista, pero non me remata de encaixar.
    Carta atopada no asento dun tren foi toda unha sorpresa. O tropo de manuscrito achado nunha botella encántame, porque cando se fai ben, o efecto que queda tras a lectura é bo. Neste caso boísimo. Unha personaxe conseguida, coherente e que me interesa. Un formato atractivo. É un win-win. O xogo do matadero está logrado e encaixa por si so. As palabras tachadas funcionan, pero creo que funcionarían mellor se non se incluíse o orixinal ao final. Eu apostaría por poñer a transcrición ou a fotografía, pero as dúas quedan algo superpostas.
    É un duelo duro, pero pódeme o gusto persoal. O meu voto vai para Carta atopada no asento dun tren.

  6. Dous relatos excepcionais. Pouco máis que dicir que me encantaron. Soborde ir indo, esta frase pareceume marabillosa: abandonei aquel útero intelectual ben a desgusto. Encantoume como se desenvolveu a historia enteira

    Soborde carta atopada no asento dun tren: encantoume o xeito “coloquial” no que está escrito ou, máis ben, transcrito. Lembroume a Panza de burro pero en galego. O detalle da carta, simplemente magnífico.

    Moi complicado decantarse por un. Aínda así meu voto vai pata ir indo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s