‘Un señor elegante’, como escribir unha epopea hoxe

Suso de Toro.

César Lorenzo Gil.

Suso de Toro é autor de Un señor elegante, publicado por Xerais, unha novela de case 550 páxinas sobre a familia Baltar, liñaxe burguesa, con abundancia de profesionais sanitarios, galeguistas, protectores de artistas. Xínea na que destaca, especialmente, Ramón Baltar Domínguez, cirurxián e militante antifranquista.

O principal mérito desta novela é, xustamente, dar a coñecer para o gran público a figura de Ramón Baltar e os seus antecedentes familiares. Grazas a esta obra, o médico pasa ao inventario dos bos e xenerosos por mérito propio e do escritor, que consegue non só difundir a súa biografía senón dotala de certa épica sen perder nunca o control das fontes, deixándose levar só unha miguiña polo entusiasmo. Un señor elegante é unha epopea moderna. De Toro entende que hoxe en día xa non é posible o relato heroico cos parámetros do que entendemos tradicionalmente por literatura. Non é que este libro non conteña literatura senón que as técnicas narrativas que emprega o seu escritor ligan máis coa historia e, sobre todo, co xornalismo. E con todo, De Toro garda un elo valiosísimo coa literatura, unha figura que só pode darse na arte: a subxectividade. Esa subxectividade está recollida no uso da sempre arriscada voz narrativa en segunda persoa. O escritor interrógase a si mesmo, preséntasenos como un investigador curioso, fascinado por todo o que vai atopando no seu camiño.

O problema é que Un señor elegante chégalle ao lector case coma un borrador, un inventario magmático onde o escritor vai depositando todos os materiais que atopa na fase de intensa documentación. E iso manca o resultado final porque a narrativa (nin a historiográfica nin a xornalística) non pode prescindir da síntese e da orde. E porque a narrativa literaria ten que sublimar a mirada, o detalle, mediante un labor de observación fermentado e o máis destilado posible.

A esta novela sóbranlle páxinas. No tempo da hiperinformación e da transmedia, sería máis útil para o “proxecto” (determinadas obras contemporáneas, ambiciosas coma esta, poden considerarse así e deberan rachar límites que a tecnoloxía hoxe permite crebar) que moitos dos textos reproducidos, historias colaterais ou “pequenas leccións de historia xeral” se apartasen para mellor lucimento do relato central e, sobre todo, para mellor captar esoutra parte fundamental no libro, mais escurecida: a relación do autor co universo que arela relatar, unha faceta na que Suso de Toro demostra que está moi por diante doutros narradores galegos. Dise, con razón, que moitas veces os escritores exhiben a documentación coma unha folla de servizos, para impactar o lector. Neste caso coido que non se tratou diso; foi máis ben, penso, que o escritor se encariñou de máis cos datos e non puido poñelos a un lado.

♦ Un señor elegante, de Suso de Toro. Xerais, 2020. 544 páxinas. ♠23,90€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s