A guerra do FBI contra a liberdade de expresión

Edgar J. Hoover.

Xesús González Gómez.

Sobre a represión exercida polo stalinismo contra os escritores rusos/soviéticos tense escrito moito e sempre interesante. Acho que está demostrado que o stalinismo (algúns dirán comunismo, leria que non compartiría, pero que está aberta a discusión) malbaratou a literatura rusa (e non só a rusa, senón tamén a xeorxiana, ucraína, etc.), sobre todo a novela, durante moitos anos. Mesmo hoxe, as secuelas do stalinismo e os seus sucesores pesan gravemente sobre unha literatura, sobre todo a narrativa, como diciamos, que non acaba de despegar. Se nos inicios da Revolución rusa a literatura nesta lingua contaba con autores como Pilniak, Bunin, Zamiatin, Bulgakov, Erhenburg, Babel, A. Bieli, etc. etc., despois de 1936, que narrativa rusa se pode presentar, deixando de lado xente como V. Grossman e outros que foron silenciados? Pode, se queren, a lectora ou lector galegas facer unha comparativa, e ler textos dos escritores que acabamos de mencionar e botarlle unha ollada á Sete narradores soviéticos, traducidos e presentados por Manoel Riveiro Loureiro, e publicado o volume en 1991 por Edicións Xerais; digo pode o/a lector/a comparar calquera destes sete narradores antologados e traducidos ao galego co máis pobre dos autores mencionados hai unhas liñas: a diferenza é abismal, a que vai da boa literatura á redacción.

En 1952, André Breton, nun artigo titulado «Do “realismo socialista” como medio de exterminación moral» (que era resposta a uns artigos de Louis Aragon sobre a pintura rusa actual, de 1952, claro), escribía: «Somos moitos, no mundo enteiro, os que pensamos que o “realismo socialista” non é máis ca unha impostura máis a sumar na conta dun réxime que —ao alienar a liberdade humana, ao corromper sistematicamente cantas palabras poderían tender á fraternidade universal, ao eliminar de forma ignominiosa os seres que non baixaron demasiado pronto a cabeza—, polo feito mesmo de ser totalitario, debe ser xulgado no seu conxunto». Ou sexa, se o comunismo stalinista foi un medio para eliminar millóns de persoas, o «realismo socialista» vai parello a ese sistema, e foi unha panca máis da que se serviu o stalinismo para eliminar os seus opositores. Para eliminalos moralmente, e fisicamente. O realismo socialista, xa que logo, como avisa Breton, é indisociábel do stalinismo, e o xuízo que sobre el se faga ten de ir ligado —quéirase ou non— ao xuízo que se faga do stalinismo. Polo que cabe deducirmos que o «realismo socialista» non só foi un medio de exterminación moral, senón tamén de exterminación física.

Mais hoxe non queriamos falar nin do stalinismo, nin do realismo socialista, nin das súas secuelas e consecuencias, polo que detemos a nosa «reflexión» aquí. Hoxe queremos falar dun libro sobre o que dixemos nunha destas entradas que falariamos del: Le FBI et les écrivains. Enquêtes et dossiers d’une guerre secrète, de Natalie Robins[1], cuxa versión francesa publicaron en 1997 as parisienses Éditions Albin Michel. O orixinal apareceu en 1992. O que sei de Robins é o que ela mesma escribe na súa páxina web:

Que para presentar o comentario deste libro falase da represión stalinista sobre os escritores rusos/soviéticos non quere dicir que as investigacións e manipulacións por parte do FBI dos escritores estadounidense sexa comparable á «práctica» staliniana. Mais como se di na contraportada deste volume, se ben estes feitos «n’ont pas de commune mesure avec les goulags et les déportations des pays soviétiques», non son menos reveladores das «derivas dunha democracia exemplar[2] que non dubidou en utilizar os métodos dos Estados totalitarios para manipular a súa opinión pública»: o FBI (Federal Bureau of Investigation), o Estado, non fusilou nin fixo desaparecer ningún escritor norteamericano, outra cousa foi a súa actuación cara aos militantes negros e outros —da súa actuación no exterior, da actuación do Estado USA non falaremos, que aí si fixo desaparecer miles de persoas, directa ou vicariamente, entre elas diversos escritores. Pero iso é outra historia, paralela, mais converxente, que hoxe non nos toca.

Natalie Robins traballou cos «dossiers» que o FBI argallou sobre un monte de escritores, xornalistas, axentes literarios, etc. Dossiers que foron abertos ao cabo dos anos, aínda que en moitos deles hai páxinas e parágrafos censurados ou tachados, xa que se considera, desde as instancias gobernamentais, que os informes ou datos censurados afectan á seguridade do Estado, á vida privada doutras persoas ou conteñen datos que poden permitir a identificación das fontes do FBI. Por outra parte, no prólogo, Robins lembra que o FBI foi o sucesor do BI (Bureau of Investigation), creado no 1908 por Theodore Roosveelt especialmente para loitar contra os «ladróns de terras» que, «no Oeste, se apropiaran de decenas de miles de hectáreas coa complicidade de membros do Congreso e de funcionarios». Cando o BI se transforma en FBI, o seu terreo de investigación son «os secuestros, atracos a bancos, fraudes fiscais ou aduaneiros, sabotaxes, espionaxe e crimes federais. Ningún dos estatutos do FBI menciona que se trata dun servizo de intelixencia» (p.12). Mais esta institución «comeza a reunir investigacións durante a Primeira Guerra Mundial e exerce as actividades dun servizo de intelixencia, non en virtude dos seus estatutos, senón en función de mandatos que emanan do poder executivo durante este período» (p.12).

A obra articúlase, explica Robins, «arredor dos principais conflitos armados nos que se viron implicados, de preto ou de lonxe, os Estados Unidos desde inicios do século XX». Os dossiers sobre escritores son moitos, pero non tantos como podiamos imaxinar. Velaí os datos que entrega Robins: «O primeiro —e o máis importante— grupo de dossiers mencionados aquí concerne aos que se fixeron nos anos trinta, na época da guerra Civil en España e á alba da Segunda Guerra mundial (64). O segundo concerne os dossiers estabelecidos nos anos corenta, durante e despois da Segunda Guerra Mundial (34). Vén en terceira posición o grupo de dossiers constituído xusto despois da Revolución rusa e a Primeira Guerra Mundial (24). Soamente se realizaron dez dossiers entre o 1911 e 1920, e dez tamén nos anos cincuenta, é dicir, durante o período do maccarthysmo, da guerra de Corea e en plena guerra fría. É durante os anos sesenta, preto de corenta anos despois da investidura de Hoover á cabeza do Bureau, que se constituíu o maior número de dossiers (250) sobre escritores cuxa maioría aínda está viva[3] e ignora a vixilancia de que foron obxecto» (p. 13). Robins afirma que o FBI presionou para que a obra do seu director, Edgar J. Hoover, Masters of Deceit, publicada en 1958, fose un éxito, e «un axente federal declarou un día: “O Bureau tiña poderes para asegurar o éxito dunha obra, fose cal fose o seu contido». Non obstante, afirma Robins, este xénero de operacións «só representa unha pequena parte da influencia do Bureau en materia de literatura. A acumulación impresionante de dossiers sobre os escritores americanos non ten precedentes e xogou un papel considerábel», e pregunta a autora: «Tratábase de paranoia? De conspiración? Dunha burocracia que ultrapasou as súas funcións? Ou o Bureau facía, simplemente, o seu traballo? Estas catro preguntas dan probabelmente un inicio de resposta. Unha cousa é segura: os escritores eran vixiados a causa das súas ideas

Robins continúa explicando o que é un dossier (contén: relacións de investigacións, actos xurídicos, entrevistas, peticións, memorandos, cartas, artigos, recortes de xornal recollidos e reunidos nunha carpeta polo FBI, etc,); calquera dos nomes que aparecen, mesmo se non foi investigado, ao estar este indexado é susceptíbel de que se lle poida abrir un dossier. Ora ben, como en virtude da lei sobre a liberdade de información calquera cidadán/á pode, nos USA, pedirlle ao FBI o dossier que este teña sobre a súa persoa, o Bureau inventou os «dossiers non rexistrables». «Os seus elementos non debían ser relacionados e podían, xa que logo, ser disimulados. Un dossier podía tamén ser cualificado de “temporalmente en punto morto” (open dead) cando concernía a persoas sobre as que o Bureau non desexaba investigar, pero que “un día podían ser obxecto de investigación”. Hoxe, o FBI utiliza a apelación “Aviso informal-Non conservable”. Ademais, por medidas de seguridade, o Bureau ten a miúdo dous dossiers sobre o mesmo tema, sendo un conservado e o outro non», etc. etc.

Robins tamén chama a atención sobre o tema de que nos dossiers existen moitas informacións contraditorias, e a cantidade de informacións falsas que figuran neles. A explicación deuna no seu día Clarence M. Kelly, director do FBI de 1972 a 1978: «a maioría dos informes eran redactados, logo reescritos, riscados, relidos e revisados case unha ducia de veces antes de seren enviados. A exactitude dos feitos referidos era moi raras veces o obxectivo procurado. Practicamente todos os axentes do Bureau tiñan medo de dicirlle a verdade a Hoover. Temían que se enfadase e temían o inevitábel castigo. Así Hoover fundaba moitas veces a súa opinión a partir de informacións mutiladas» (por exemplo, no dossier sobre Lilian Helmann avísase de que viaxou a Moscova, nunca se di que era unha viaxe oficial patrocinada polo presidente F. D. Roosveelt, etc.), ou de informacións inventadas polo propio FBI. Non hai que esquecer as operacións denominadas de COINTRELPRO (Counter Intelligence Programe, programa de contra-intelixencia), se ben se dirixían maiormente contra organizacións, non por iso deixaron de usar estas operacións contra escritores, sobre todos se eran militantes negros ou antirracistas e, por suposto, comunistas ou marxistas. Mediante este programa (a Wikipedia explícao moi ben) difundíronse mentiras sobre certos escritores e os seus achegados, manipulouse a súa correspondencia, filtráronse noticias e rumores falsos á prensa, etc, etc. Moitas destas mentiras foron incorporadas como verdades aos dossiers.

Para irmos, de momento, acabando, digamos que Robins traballou sobre 130 dossiers: non falta ningún dos grandes escritores e escritoras do século XX estadounidense. Pense vostede un nome, e, de seguro o FBI tiña un dossier sobre a súa persoa. Dalgúns deles falaremos na próxima entrega.


[1] O título orixinal é: Alien Ink: The FBI’s War on Freedom of Expression, Alien Link: A guerra do FBI contra a liberdade de expresión, máis acorde co contido do libro do que o título francés.

[2] Isto de «democracia exemplar» cabería discutilo: non esquezamos que a nación estadounidense naceu enferma: a súa constitución recoñecía a escravitude.

[3] É dicir, no 1992, data da publicación do libro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s