‘A canción sen nome’ vs ‘Informe sobre túneles’

Túnel. MARKUS SPISKE/UNSPLASH.

Xornada 6 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Carlos Vega e David Botana.

Traba: O relato debe conter as seguintes palabras: botar, poder, maña, canón e agachado. No seu contexto habitual, non como nomes propios.

A canción sen nome

Vai frío na estación. O tolo quenta os dedos co bafo e saca a guitarra. Sempre toca unha hora a soas antes que a xente ateigue a estación. Se lle preguntas o porqué pode dicirche moitas cousas: que lle gusta escoitar os ecos da súa música, que lle canta ao edificio, que é un quecemento… Nunca confesará o verdadeiro motivo. O certo é que lle resulta sinxelo porque non dorme demasiado ben, as rúas son máis frías que a estación, sobre todo para os tolos. Co primeiro acorde Rufo dálle ao rabo, ben agachado na manta que comparten. É a súa canción favorita, a canción sen nome.

Ao fondo resoan uns pasos nerviosos, zapatos de tacón, botas, xente con présa. Rufo ladra pero o seu compañeiro xa está no son e vaille custar saír de aí, os tolos sempre se perden nos lugares nos que se atopan cómodos. Co dedo gordo artella un baixo que acompaña a percusión dos pasos. Ten moita maña para a improvisación. Da esquina saen un home e unha muller. Botas, alcol e ira; tacóns, drogas e medo. El tira dela coma quen pasea un can por obriga. Rufo cheira a tensión e mexa co medo, despois morde a perna do tolo para que reaccione. Este só sorrí pola calorciña e muda o ritmo dun lento blues a un simulacro de tarantela. 

A muller recrimínalle algo ao home, berra, ergue os puños, sinálao. El ofrece como resposta unha monosilábica labazada que a tira no chan. Logo repara no solitario músico perdido en si mesmo, achégase e dálle un golpe no pé. O tolo abre os ollos sobresaltado. «Ain´t no Sunshine, de Bill Withers» di tirándolle unhas moedas. El ri, colle os cartos e devólvellos,  «Inda non abrín», afirma tallante mentres segue coa súa canción. O home escarállase, bebe algo dun botello que leva e volve onda a muller para reafirmar o seu poder a base de patadas. O can sobe unha nota no coro de laios. Un deturpado ritmo de ska acompasa freneticamente os gritos que retumban no corredor. Entón o tolo rompe a cantar e todos quedan petrificados, Rufo, o home, ata a muller. Muller que aproveita este momento de estupor para botar a correr. O home berra, logo saca unha arma. O canón prateado reflicte a macilenta luz industrial do metro. O disparo é un eco do triste ouleo da canción. A muller cae aos pes do músico que agora canta baixiño, coma nun murmurio. O home apunta durante un intre de dúbida o músico, logo foxe. Rufo sae a explorar, achégase á muller e lámbelle a cara. Esta recobra o sentido e comeza a berrar pedindo axuda. O can chama polo seu dono, mórdelle as mans, lámbelle a cara, tíralle dos pantalóns. Pero el só pode cantar, tocar e chorar perdido dentro dunha lenta samba. A muller achégase e agárraselle xemendo coa dor. O tolo remata a canción, abre os ollos e di: «Que queres que che cante, princesa?».


Informe sobre túneles

Hai mineiros que esquecen de onde viñan. Pasan tanto tempo abaixo, arrincándolle as entrañas á terra, que non lembran a superficie ao saír. Para eles a Compañía ten un tren especial. Unha liña cun percorrido único, que en vez de regresar á casa, pérdese nos túneles que rodean a escavación.

Houbo un tempo no que o tren tiña paradas con escaleiras e ascensores que subían arriba. Moitas veces os mineiros que se detiñan nestas paradas non volvían. A Compañía non podía soportar isto e cegaron á maquina. Rompéronlle os faros e tisnaron os cristais. Agora o tren arrástrase, agachado, polas vías escavadas na terra, onde non hai escaleiras nin ascensores que soben arriba.

Aos mineiros tamén os cegou a Compañía, pero dunha forma distinta pois estes, ao contrario que a máquina, non ven só polos ollos. Tiñan lume na cabeza, que os guiaba fóra da mina cando remataba a xornada. Eran lapas que crecían arredor da familia, do fogar, do futuro. Quecían o corpo e fornecían os brazos, con poder.

Os que baixan no tren cego hai moito tempo que perderon ese lume. Ao principio quedaban brasas, que reavivaba o alento de cando en vez. Así eran capaces, por un intre, de recordar un sitio, unha cara, un mañá ou un nome. Eran momentos críticos e a Compañía tiña que intervir rapidamente. Mandábaos aos niveis máis profundos, onde a escuridade é densa e nin o son do pico dun compañeiro, que resoa coa forza dun canón, chega ata alí.

Nos niveis máis profundos da mina as brasas podrecen e convértense en carbón. Os pensamentos son substituídos pola inercia e o po cólgase das pestanas, formando barrotes que apresan os ollos. Así os cega a Compañía. Coa cabeza inútil, convértense nun par de brazos que botar a picar.

O tren invalido déixaos ao comezo do túnel, onde baixan en grupo. Cada un busca unha esquina onde gorecerse: fan unha esteira coa chaqueta e as botas e deitan a cabeza nela. Non saben distinguir se están durmidos, porque incluso soñando habitan os túneles. Tampouco o necesitan; o descanso, xunto cos demais desexos, fuxiron do corpo coa desaparición do lume. 

Os alóxenos acéndense momentos antes de que chegue o tren de volta. A Compañía felicítase polo seu traballo ao ver como os mineiros se erguen, asustados. A luz descobre os mapas das paredes, que lles pon no ápice da lingua cousas que están fóra da mina. Cousas que non son tebras nin rochas.  Apresúranse a montar no tren, coa luz das lámpadas a removerlles o carbón.

No vagón séntense seguros. Saben que están de camiño á mina, e que na mina están ben. A escuridade alí é distinta á dos túneles. É máis profunda, e envólveos cosmicamente. Non existe nada máis alá. Pero hai veces que o calor das rochas, abertas pola insistencia do pico, lles recorda a algo. Algo que tiveron antes. Miran para as mans, que teñen forma de mango, e volven traballar.

6 comentarios en “‘A canción sen nome’ vs ‘Informe sobre túneles’

  1. Bos días, comezo a comentar o primeiro duelo da Xornada. Os meus parabéns tanto a David como a Carlos polos seus relatos.

    A Canción sen nome
    Engaioloume este relato desde a primeira liña, tanto polo tolo coma por Rufo, que penso que lle dá unha perspectiva case máis humana ca o seu dono.
    Paréceme ben escrito, cun final moi chulo e encantoume a canción de Bill Whiters, moi acaída ao relato. De poñerlle un pero, titularíao coa última frase ou coa canción de Bill. Pero tamén me gusta o título do autor.

    Informe sobre túneles
    Está ben narrado e a historia dos mineiros explotados pola compañía está ben trazada. A parte do lume na cabeza non me convenceu moito pero reflicte ben a idea de facelos man de obra non pensante.
    Non me gusta tanto como o seu contrincante e voto por “A canción sen nome”.

  2. Comezo tamén por este fantástico duelo. Parabéns a David e Carlos. Ambos mallaron os relatos desta xornada.
    A Canción sen nome
    Coincido don Pilar. Unha escena moi atractiva e moi ben levada. Era doado que con eses elementos (maltrato, tiros, música, o tolo) o relato quedase épico demais e que iso lle quitase realismo, mais penso que o autor fixo un traballo de contención fantástico. Engancha desde a primeira liña e está moi ben resolto. Dos mellores do torneo, ao meu ver.

    Informe sobre túneles
    Paréceme tamén un relato moi bo, no que o ambiente opresivo está perfectamente descrito. Ao meu ver, gañaría se nalgún momento individualizase a algún dos mineiros, axudaría a empatizar máis con eles, pero vamos o que propuxo o autor tamén me parece unha opción válida.

    Contodo, tiña un rival moi moi forte, co cal voulle dar o meu voto a “a canción sen nome”.

  3. Boas.
    Gustoume moito o primeiro relato, “Canción sen nome”. Paréceme que as personaxes están ben conseguidas, que o ritmo é bo e a linguaxe precisa. Como alegoría tampouco está mal.
    O segundo relato ten un simbolismo que me resulta excesivo, e ese asunto da malvada Compañía tampouco me acaba de convencer.
    Voto por “A canción sen nome”

  4. A canción sen nome

    A min este relato paréceme mais conceptual que realista. E ainda así está narrado dunha forma realista. A cancion non ten nome, pero as personaxes tampouco, só o can, que é o unico que parece persoa, excepto a muller, que só mostra un aspecto de vítima e por tanto colocase nun plano distinto ós demais. Poderiamos dicir que ela é a protagonista real do relato. O tolo sería entón unha actitude, unha excreción da sociedade que trata á súa vez a esta da mesma forma deshumanizada que o tratan a el. O home pode ser o agresor e o tolo os que consinten. Non sei, podese ler de moitas formas e iso ten mérito. A historia queda na cabeza remoendo, mutando, inda que é unha historia rara aceptamola como imaxe de algo que se agacha detrás. Se non atopamos algun significado -como me pasou a min na historia da piscina de Sabela- sería cando comezan as preguntas incomodas. Pero que fai ese home cunha pistola, por que lle dispara e se vai, por que non lle dispara ó tolo, por que a muller se arrastra ata el.. ou outras similares. Pero non, este relato ten o poder de esquivar esas preguntas porque nos mostra doadamente outros niveis de lectura (que cada un interpretará á sua maneira).
    Isto sucede en gran parte porque está ben narrado, nun presente que mantén ó lector atento, como se estivera vendo un programa en directo. As frases curtas e a accion continua, nerviosa e impredecible das personaxes manteñen ben a tension. Todo no relato é unha receita para o éxito.

    Informe sobre túneles

    Tamén me gustou este relato, pero nótase que a execución era ainda mais complicada que a do rival. O primeiro parágrafo, por exemplo, non me parece efectivo. Di que hai mineiros que non recordan a superficie “ao saír”. Entón están xa fóra, onde realizan a accion de “non recordar”. Pero de seguido se nos di que a compañía, para eses casos, os mete nun tren que vai polos tuneles e non volven a casa, e aqui da a sensacion de que nunca chegaron a sair.
    Despois fala de escaleiras e ascensores nas paradas dese tren.vale, moi ben, pero de novo se referencia que os que as usaban non volvian. entendo que non volvian ó tren, enton que relacion ten non recordar a superficie con que a compañia lles poña un tren -con paradas- a esa xente e que esa xente non volva cando sube? Penso que deberia redactarse dunha forma mais eficaz. Por exemplo non dicir que non lembran a superficie “ao sair”, ou se o fas ter en conta que os situaches xa fóra. e a parte dos ascensores case a quitaria, xa que se supon que esa estrutura a construiu tamen a compañia. de feito o propio concepto da compañia creo que é o mais dificil de manexar. No relato amosa unha intencionalidade deshumanizadora que non entendo ben se é a sua actividade principal ou non.
    O final está ben, inda que de novo volvo ter dúbidas de se fala dos mineiros normais ou dos que van no tren.
    En resumo, o relato é un caramelo ó que cómpre quitarlle o envoltorio antes de tragar, e fan falta autor e lector xuntos para conseguilo. Recórdame niso ó Verniz, ese texto era moito mais accesible ó lector.

    Voto por cancion sen nome.

  5. Ola compañeiras,

    De canción sin nome gustoume todo, tanto a trama, as imaxes ás que fai referencia, a canción e o relato en sí, de forma completa.
    De informe sobre túneles penso que, malia que a algunha das miñas compañeiras non lle acabou de convencer, o simbolismo que acarrea é extremadamente bo e casa perfectamente co relato en xeral.

    Voto por Informe sobre túneles

  6. Duelo moi complicado, encantáronme os dous relatos aínda que sexan tan distintos. Ou máis ben por iso. Parabéns.
    “A canción sen nome”: Paréceme xenialmente narrado, a imaxe do que conta confórmase na mente sen dubidar, as personaxes e a acción son claras e fortes. Non me acaba de gustar o desenvolvemento e o final, pero iso é cousa de gustos temáticos, non de forma, que está brutal.
    “Informe sobre túneles”: A miña aposta vai a que este é Carlos porque adoita usar a mesma estrutura. Hai veces que o vexo vir e me resulta cansino, aínda que estea ben feito. Desta volta, ben feito coma sempre, orixinalísimo, encantoume. É máxico.
    Voto por “Informe sobre túneles”, pero a estes dous votábaos varias veces aos dous, jajaja.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s