‘Ela’ vs ‘O chapeu’

Sombreiro.

Xornada 6 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Xerardo Méndez e Sabela González.

Traba: O relato debe empezar coa frase “E marchou correndo”.

Ela

E marchou correndo. E deixoume atrás. E eu fiquei parvo ollando a porta cuspir unha bafarada de invernía á taberna, rodeado doutro cento de parvos, todos nós agarrados ao vaso de cristal coma se fose marchar correndo. Coma ela. 

O primeiro que pensei foi que tiña que tela agarrado a ela e non o vaso, pero trabucábame. A ela non se lle podía agarrar sen saír malparado. Notábaselle, a verdade, nesa forza de moverse, nese ímpeto de falar. Mesmo na forma na que a camiseta se lle arreguñaba polo corpo, coma se quixese amansar as súas curvas e non puidese.

Chamárame ela, ollo. Propuxérame vela na taberna sen pronunciar pregunta ningunha. Toda ela era unha afirmación. “Vémonos no de Manolo. En media hora. Pónteme guapo”. E eu que son parvo púxenme todo o guapo que me sei poñer, co sombreiro e todo, para facerlle o chiste, e baixei ao de Manolo en quince minutos. Cando cheguei, ela esperaba xa nunha mesa ben escollida, coa bebida mediada. Non sei se quedei ben ou peor, pero disimulei a vergonza como puiden. Sorrín, traguei o cuspe coma se tragase unha bóla do billar e sentei ao seu carón, pousando o sombreiro na mesa para amosalo ben, para parecer interesante. Ela riu o seu riso poderoso e pediume unha caña. E logo falou e falou, guiando a conversa por canto labirinto quixo, arrincándome afirmacións e sorrisos, todo eu convertido en agasallos para ela. Cando calou, miroume con ollos doces, sorbeu o seu cóctel e puxo o meu sombreiro, divertida. E, de súpeto, marchou correndo. E deixoume atrás. E cando volveu entrar na taberna, cunha enorme pluma de gaivota na man, toda a taberna se xirou para mirala, para admirar a súa camiseta que loitaba por conterlle os peitos e o carácter. E ela… ela só me miraba a min, aínda que fose parvo.


O chapeu

—…E marchou correndo, non había marchar?

O conto empeza no verán do oitenta e tres, que se me acordou furgar no baúl.  Estaba alí. O avó da Cabana gastaba chapeu, pero o da Medorra andaba cunha gorra calada ata as orellas, unha desas que lle dicían de visera coa que me lembraba a Delibes. Cando atopei aquel sombreiro, vello pero aínda en bo uso, deume por poñelo na cabeza e saír dar unha volta. Unha palabra paroume:

—Deixa o chapeu onde estaba. 

Vinlle na cara o toro que estaba a piques de botarme:  saqueino con toda a delicadeza e fun metelo de volta na caixa onde o atopara, no fondo do baúl do cuartón. Quixen preguntarlle á avó, pero nunca me dixo nada. Non foi ata o día que faltou que lle fun co conto ao tío Silverio.

—Aínda o tiña gardado?

Fun buscalo. Alí seguía, no fondo do baúl. 

—Éche de cando marchou a Cuba.

Na feira do 12 en Montederramo, no ano 19, un home cun chapeu de palla subiu a un carro e cantou as bondades de Cuba: terra de promisión onde o único que había que facer para conseguir facerse rico era traballar coma un home. Ofrecía contrato por cinco anos, renovable por outros cinco, unha paga en moedas de ouro, casa propia e un traxe novo ao poñer o pé nas Américas. Moitos non sabían ler e meteron o dedo na tinta para asinar. El leu, e nada lle pareceu mal. Algo bo de máis, pero… decidiu arriscarse. Tivo que baixar andando a Ourense e alí coller o tren a Vigo. No peirao estábaos esperando o home, no mostrador da Compañía Cubano-Española, que lles deu o billete para o barco, onde os esperaría contra o mediodía. A viaxe rematou nunha cidade que non viron coas casas. Non houbo traxe. Ao cabo dunha hora estaban outra vez nun tren que os levou á Camagüey e de alí andando outros dous días ata a Hacienda Marabú. Alí volveunos recibir o home do chapeu, que lles dixo que lle entregasen o pasaporte para poderlles tramitar o permiso de traballo. De alí marcharon ás casas, que resultaron ser uns barracóns co teito de colmo abertos a todos os correres, cuns catres para se deitar. Foron pedir contas, claro. O chicote do capataz estalou por riba das súas cabezas e catro homes armados apuntáronos coma se fosen coellos. Botou dous anos rozando na cana de azucre, buscando a maneira de fuxir. Un día atopouna e marchou correndo, non había marchar?  

Que como fixo? Nunca o contou. Cando eu atopei o chapeu, no ano trinta e seis, antes da guerra, había un revólver canda el, e unha navalla de afeitar. Case me mata por abrir o baúl. No corenta e seis volvino abrir. Alí so quedaba o chapeu. 

Miro a campa. E pésame o segredo.

6 comentarios en “‘Ela’ vs ‘O chapeu’

  1. Vou co último duelo da Xornada. Os meus parabéns tanto a Sabela coma a Xerardo porque o chapeu inspirou ou protagoniza dúas historias ben bonitas.
    Ela
    Gústame o xeito en que son narrados os dous protagonistas. Dame a sensación que el está máis namorado dela e ela vai máis por libre… E como o sombreiro é testemuña da historia dos dous. Paréceme ben narrado e cun bo final.
    O chapeu
    Aquí o chapeu funciona como fío condutor para contarnos todo o pasado do avó e a prohibición que lle ten á familia de tocalo. Está ben narrada a historia do pasado en Cuba e de como conseguiu fuxir. De como desaparece un revólver no 46… Pero hai algo que non me cadra no relato, aínda que non sei explicar o que é.
    Gústame máis e iso decide o meu voto que é para “Ela”.

  2. Vou deixar un comentario moi similar ao de Pilar.
    Gustáronme moito ambos relatos. Penso que foi unha xornada moi fructífera en relatos de calidade. Parabéns a Xerardo e Sabela.

    Ela
    Tampouco sei o que é, mais este é un relato que atrae. Os personaxes fanse moi próximos, a historia cotiá flúe moi ben. Non sucede nada excepcional e sen embargo deixa un pouso moi fondo no padal. Mérito da execución do autor/a.

    O chapeu
    Unha historia máis complexa, tamén moi ben narrada, que entronca moi ben coa frase proposta. Porén, creo que deixa menos pouso que o seu rival.

    De boa gana votaba por ambos, mais neste caso vou facelo coas tripas e darlle o punto a “ela”.

  3. Ela

    Ben, gustoume. Moi ben usada a primeira persoa. Hai algunha cousa que cambiaría (sempre hai), pero é unha obra redonda, distraete sutilmente cunha cousa mentres che conta outra, e o que falte polo ti. O ritmo rapido axuda a non facerse preguntas, o narrador conta o que sinte nese momento, é honesto, non esconde informacion. Ben metido tamen o sombreiro. que aburridas son as criticas cando os relatos son bos. non me fagades isto, haha!

    O chapeu

    Este relato contén unha boa historia e unha boa narración, pero hai unha disonancia entre ambas. a historia mostrase como fragmentada, pero o problema non é ese. Aqui, o uso da primeira persoa non se axusta ó modo de contar a historia. Desde a 1º liña, co ese dialogo que non sabemos de onde sae. Despois entra o narrador, que parece unha voz en off, narrando como en presente -os dialogos dan esa sensacion- algo que está no seu pasado (83), e logo ven a historia do avó. Por ultimo volvemos a ese presente/pasado, aludindo a outro pasado posterior (o 36) e rematando de novo no presente (pero cal?).
    Non digo que o/a autor/a cometese un erro de racord, digo que é complicado de seguir, e non nun sentido loxico, senon nun sentido intuitivo e subconsciente. Como di Pilar, hai algo que non cadra, porque efectivamente a 1º persoa está desenfocada nesta historia.

    Voto por Ela, un gran relato. O seu rival, cunhas voltas tamen pode aspirar a selo.

  4. Moi bos duelos esta xornada. Parabéns aos autores¡
    Ela é un relato que sabe moi ben o que fai. Sempre penso que é un risco reducir o número de palabras pero neste caso sirve moi ben. É redondo e creo que é un dos maiores atractivos dos relatos da Liga. O ritmo e o ton directo do narrador axuda moito a isto. Vese o que hai. A imaxe está ben referenciada e pouco máis. É un relato impecable. Sobretodo, subliño como describe o carácter da muller. Moi bo traballo.
    O chapeu aposta por unha estrutura máis intricada e creo que perde algo de forza fronte a simplicidade do seu rival. Ten unha boa historia detrás que se perde algo por este xogo de voces. Quizais dándolle unha volta se pode presentar dunha forma máis directa. Aínda así, valoro moito a construción que ten por detrás. Un moi bo traballo.
    O meu voto vai por Ela.

  5. ELA:

    Encantame como empeza o relato, ten un ritmo rápido e acompasado ao que se lle suma unha boa trama.
    O chapeu é algo máis complicado, tanto formal como conceptualmente. Non obstante, encántame que o tema da emigración se trate, porque penso que é dificil e á vez valente.

    Voto polo chapeu.

  6. Remato con este fantástico duelo.

    “Ela”. Disfrutei moito este relato. Está fantásticamente contado. Contei as palabras, trescentas, ojo. Non fai falta máis se tes moi claro o que queres contar. Unha historia sinxela, coa linguaxe apropiada, que deixa moito pouso. Parabéns.

    “O chapeu”. Outra moi boa historia que nos leva a un pasado moi familiar e cercano. O problema que lle vexo ao mellor é a falta de espazo e tamén certo desapego, non sei.

    O meu VOTO vai por Ela, un dos mellores relatos da xornada e poida que do torneo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s