Dez libros recomendados para o día de San Brandán

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente nos meus criterios críticos, formulados a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase todos os luns. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

1

Os libros que hai en min, de Emma Pedreira. Cuarto de inverno

Non é habitual en Galicia a publicación de libros relacionados co propio labor das persoas que se dedican á literatura. Esta obra foxe do academicismo, máis ben emparenta cun libro anterior da autora, Bibliópatas e fobólogos (2017). Un moi interesante percorrido autobiográfico, desenfadado e radiantemente subxectivo sobre as lecturas que marcaron a maneira de ver a vida da escritora.

2

Así naceu unha lingua, de Fernando Venâncio. Tradución de Elías González López. Galaxia

Un ensaio divulgativo, de grande éxito en Portugal onde xa esgotou cinco impresións. A partir de dúas teses, o historiador da lingua revoluciona moitos lugares comúns sobre o idioma, tanto o portugués coma o galego: o portugués é, na orixe, di Venâncio, galego, a fala común no reino de Galicia cando Afonso Henriques logra a independencia ao sur do Miño. O portugués, especialmente tras a vitoria portuguesa fronte a Castela na guerra de sucesión (1383-1385) foise “contaminando” polo castelán nun proceso que durou até ben mediado o século XVII. Moi ben escrito, moi didáctico e moi incisivo contra determinados mitos académicos ou populares.

3

Interna, de Oriana Méndez. Arte de trobar

Un libro de ritmo prodixioso onde a poeta consegue cimentar un discurso literario de grande altura non coa ampulosidade das palabras do fondo dos dicionarios senón coa lingua do común. Unha aproximación ao íntimo, ao colectivo, ao presente e ao histórico que supón un cambio de rumbo total na traxectoria da escritora viguesa. A obra que a independiza de calquera escola e debera ser ensino e exemplo para aspirantes a poetas.

4

A arañeira, de Joseph Roth. Tradución de David A. Álvarez. Irmás Cartoné

É unha boa nova que, pouco a pouco, a biblioteca galega se vai arrequecendo con obras fundamentais da literatura universal. Por buscarlle un punto positivo ao atraso xeral no eido da tradución, diremos que podemos desfrutar destas obras incuestionables coma se fosen novidades e, polo tanto, inserilas nos andeis máis vistosos das librarías para que moitos lectores galegos as descubran como recentes. Esta novela, máis alá do seu valor anticipatorio sobre a deriva nazi da Alemaña dos anos 20, mostra un Roth, malia ser esta a súa primeira obra, en plenas facultades para a narrativa, cunha gran capacidade para poñer ao servizo da literatura o seu dominio das técnicas xornalísticas e o seu instinto para captar o fundamental nas súas personaxes.

5

A evolução histórica dos limites da Galiza (I e II), de José Manuel Barbosa. Através

Non é habitual que en Galicia se publiquen libros de historia divulgativa. E menos aínda con coordenadas moi especializadas, mais co obxectivo de chegar a un público amplo. Este libro vai repasando, seguindo as fontes, até onde chegou a Galicia histórica (a Gallaecia) e como foi mudando a súa extensión conforme pasou o tempo. O máis interesante do traballo de Barbosa é que non ten medo a reinterpretar as fontes que consulta e non se sente coaccionado por determinadas tradicións historiográficas españolas, que teñen auténtico pánico a que se identifique a Galicia histórica coa Galicia nuclear, aínda que logo usen sen xeito conceptos como Reino de Asturias. Benvido o libro (en dous volumes) de Barbosa para que haxa debate.

6

A vida incerta, de Montse Fajardo. Cumio

A figura da que foi muller de Castelao ficara até agora ensombrecida pola fulgurante vida e obra do político rianxeiro. Con esta biografía cobra corpo Virxinia Pereira, compañeira fiel e leal non só ao seu home senón ao seu legado e tamén á causa do galeguismo. As fontes que manexou a investigadora permiten colocar a estradesa no alto da loita contra o franquismo por méritos propios.

7

O ganso salvaxe, de Mori Ogai. Tradución de Gabriel Álvarez Martínez. Irmás Cartoné

Non é común que se publiquen en galego obras xaponesas. E aínda así ultimamente van aparecendo moi interesantes títulos, unha fortuna á que non é alleo o bo facer do tradutor carballiñés Gabriel Álvarez Martínez. Desta volta traduce unha obra moi literaria, que tece con mestría fíos sociolóxicos e poéticos para compoñer unha visión moi persoal do Xapón do primeiro terzo do século XX. Unha narrativa precisa, meticulosa cando debe selo e elíptica para evitar reiteracións e palla. Unha obra que aínda hoxe se percibe como moi moderna.

8

Todos os pasos fan ruído, de Sara Plaza. Espiral Maior

Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Diario sen datas do confinamento pola pandemia da covidia combinado con referencias paratextuais que multiplican os efectos de cada “entrada”, de cada poema en prosa. O acerto deste libro é xogar a facer poesía. que todo o conxunto pareza algo así como un ensaio xeral dunha obra literaria. Amarrada á pretensión de atopar un refuxio entre a incerteza, a poeta vai debuxando un mundo, pequeno e invencible detrás das pouquiñas liñas que escribiu en cada páxina de papel.

9

Soldados forzosos. A memoria esquecida da Guerra Civil Española, de Francisco Leira-Castiñeira. Galaxia

Un libro moi diferente aos que habitualmente se publican en galego. Sen desmerecer o seu contido, o máis valioso é o material gráfico que reproduce. Unha moi interesante colección de fotografías que axuda a contextualizar a vivencia vertixinosa da década do 1930 en Galicia: o paso da monarquía á II República; o golpe de Estado e a mobilización militar de gran parte da poboación, a represión brutal sobre os desafectos ao novo réxime e o encadeamento a unha longa ditadura.

10

Noite fiel e virtuosa, de Louise Glück. Tradución de Samuel Solleiro. Chan da Pólvora

Primeiro libro da poeta estadounidense, galardoada co Nobel 2020, en publicarse en galego, unha práctica non moi habitual, infelizmente (só hai que reparar nos moitos premiados que aínda son inéditos na nosa lingua). Nesta obra, do 2014, a autora amosa a súa capacidade para deslindar a súa poesía da experiencia e construír cos seus versos e poemas en prosa universos ficcionais moi complexos e evocadores sobre os grandes temas: o paso do tempo, o amor, a memoria…

4 comentarios en “Dez libros recomendados para o día de San Brandán

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s