As novelas ‘extremadamente pobres’ de Dashiell Hammett

Dashiell Hammett.

A guerra do FBI contra a liberdade de expresión (II)

Xesús González Gómez.

Como dixemos na anterior entrega, falaremos dalgúns dos dossiers cos que traballou Robins, quen ademais de fozar nos arquivos do FBI entrevistou unha serie de escritores e escritoras, xornalistas, avogados, axentes literarios, etc., entre os que se contan, entre outros, nomes como: Svetlana Alliluieva (filla de Stalin), Amiri Baraka (antes LeRoi Jones), Karl Saphiro, E. L. Doctorow, Allen Ginsberg, Norman Mailer, Grace Paley, Malcom Cowley, Arthur Miller; Ramsey Clark, que tamén foi fiscal xeral en tempos de Lyndon Johnson; Cartha D. DeLoach, número tres na época de J. Edgar Hoover, Harold T. Leinmbaugh, escritor alto cargo do FBI; un informador do que non se dá o nome (Axente X), William Steele Sessions, director do FBI en 1988 (ano en que foi entrevistado), e mesmo un membro do Partido comunista dos Estados Unidos, oficial da mariña mercante e presentado como «X», etc.

O «corpo» central do libro está ocupado polos 130 dossiers cos que traballou Robins, e á parte dunha importante bibliografía, entréganse tres anexos: a) lista, por orde alfabética, dos autores sobre os que traballou Robins, seguida da data en que o FBI abriu o dossier; b) Á marxe da «Historia», informes sobre dossiers de escritores que non son estudados no «corpo» central do libro, «para a edición francesa só se reproducen os dossiers consagrados aos autores máis coñecidos en Francia ou os que esclarecen as inquietantes prácticas do FBI (Nota do editor francés)»: unha trintena de nomes, de Nelson Algren –que foi amante de Simone de Beauvoir: no dossier que lle abriron o nome da escritora francesa consta como pseudónimo de Algren: «durante trinta e cinco anos, ou sexa até 1969, o FBI non apartou os seus ollos de Algren: rexistraba o itinerario dos seus desprazamentos, vixiaban o seu correo, telefonábano con falsos pretextos e espiábano regularmente. […] nun informe de 1958, o FBI cualifícao de axente publicitario dos Rosenberg, eses comunistas condenados a morte e executados»; para o FBI, afirma Robins, non cabía dúbida ningunha de que Algren era dirixente comunista, acusación da que o escritor se defendía», mais o FBI teimaba, afirmando que traballaba para o partido con nome falso e que «escribía con moita intelixencia e unha gran facilidade artigos de tendencia “Nova esquerda”»; de Nelson Algren, como diciamos, a Susan Sontag ou Adrianne Rich; e c) Escritores, axentes literarios, xornalistas e editores que foron «fichados» polo FBI porque asinaran algunha carta de protesta ou se manifestaran contra algún dos actos do goberno estadounidense, principalmente a guerra de Vietnam e a loita anti-racista durante os anos 1960: unha lista de 243 nomes nas que non falta ningún dos grandes escritores e escritoras americanos que se deron a coñecer nesa década ou na anterior.

Le FBI et les écrivains trae moita información que, se ben non é imposíbel de resumir, en certa maneira é penoso, porque deixaría fóra moitos datos que se poden considerar importantes. Digamos, como inicio, que en 1919, o FBI abrira 60.000 fichas sobre individuos de «tendencia extremista», que para o FBI calquera conflito no mundo do traballo era un «complot comunista», e que en 1920 Hoover –que criticaba violentamente as técnicas do sistema comunista– servíase do medo como medio de coerción, lémbranos Robins. Segundo o antigo axente do FBI Joseph L. Schott, Hoover, que «se inspiraba amplamente no partido comoniskta para a disciplina do Bureau» (a ortografía, dinos Robins, intenta reproducir, segundo Schott, a maneira en que o seu xefe pronunciaba a palabra») dispuña dunha sección que rexistraba 625 xornais e un ficheiro que contiña 200.000 entradas sobre «temas e individuos diversos». Noutras palabras, non había «radical» estadounidense que non estivese fichado polo FBI, para quen, por exemplo, todo movemento negro a prol dos dereitos civís estaba manipulado e dirixido polos comunistas. As técnicas, como se pode imaxinar, eran as dun estado totalitario, cousa que non era, nin son, os USA.

Como diciamos na primeira entrega, todos os grandes escritores e escritoras do século XX estadounidense tiñan aberta unha «ficha», co seu respectivo dossier no FBI. Vexamos uns cantos exemplos e algunha curiosidades:

Sobre Dashiell Hammett, que segundo todos os indicios foi militante do Partido comunista estadounidense, o FBI abriu un dossier sobre el en 1934. Para o Bureau, as súas novelas eran «extremadamente pobres», mais en ningunha delas «o substrato comunista está ausente». Nos anos trinta, na segunda metade, para o FBI Hammett estaba en plena lúa de mel co stalinismo e os soviéticos confiáranlle a misión de crear «organizacións paralelas», ao tempo que facía entrar unha chea de comunistas no xornal PM, un xornal liberal creado en 1940. Como se sabe, durante o machartysmo, Hammett acabou no cárcere por se negar a responder preguntas dos seus interrogadores. O dossier final sobre o escritor constaba de más de 150 páxinas. Se Hammet era vixiado permanentemente, non menos vixiada foi a súa compañeira Lilian Helmann, cuxo dossier constaba de máis de 600 páxinas. Outras das escritoras que o FBI consideraba como «comunista oculta» foi Dorothy Parker, cuxo dossier constaba de 506 páxinas.

O dossier de John Steinbeck constaba de 239 páxinas e foille aberto en 1936. En 1939, cando a publicación de As uvas da ira, Steinbeck recibe unha carta do FBI na que lle reclama cartos. O escritor respóndelles: «Despois de abrir unha investigación, o FBI non dispón de proba ningunha que permita acusar de desvío de cartos o autor da carta». O escritor, en 1942, escribe ao ministro de Xustiza protestando pola «atención» que aínda lle presta o Bureau. O ministro transmite a carta a Hoover, que responde cunha mentira: «Steinbeck non é nin foi nunca obxecto dunha investigación do FBI». A pesar de que recoñece que Steinbeck xa non é comunista (en realidade nunca o foi), non deixaron de investigalo até 1968, ano da súa morte. O dossier de John Dos Passos, do que Howard Fast afirma que foi membro do Partido comunista, foi cerrado en 1974, ou sexa, catro anos despois da súa morte. O tres de xuño de 1952, Dos Passos –cuxas opinións políticas son entón as dun extremista de dereitas (Robins)– describiu a súa traxectoria política a dous axentes do FBI, mais non por iso deixaron de vixialo. Mesmo en 1917 abriran un dossier sobre Jack London: suicidárase o ano anterior.

En 1925, «o Bureau descobre que Langston Hughes, que cualificará, máis tarde, de “poeta negro e pornográfico”, na época en que traballaba nun hotel de Washington, pertencía á Liga Anti-Imperilista Americana», e abre un dossier que constará de 559 páxinas. O dossier de Ernest Hemingway consta de 113 páxinas. Durante a Segunda guerra mundial realiza funcións de espionaxe para a embaixada estadounidense da Habana, ao que Hoover se opón. (Hemingway recolleu abondosa información sobre a actuación da Falange española en Cuba.) Hoover desaproba as actividades realizadas por Hemingway durante a guerra e a súa desconfianza exacérbase cando recibe informacións sobre o escritor nas que “critica vigorosamente o Bureau”, cualificándoo de “anti-liberal”, de “perigoso” e comparándoo á Gestapo. Non obstante, Hoover decide non envelenar as cousas, porque, na época, Hemingway está casado con Martha Gelhorn, que é moi amiga de Eleanor Roosevelt». En troco, o dossier sobre Francis Scott Fitzgerald só consta de catro páxinas, e este dossier ábrese en 1951, once anos despois da súa morte! O motivo da apertura foi a estrea dunha comedia musical baseada nun dos seus relatos: Un diamante grande como o Ritz. No dossier simplemente se di que Fitzgerald era considerado como un «roxo», o que en tempos do macarthysmo, sinala Robins, abondaba para pór o FBI en garda e considerar que podía ser un traidor. Segundo Howard Fast, Fitzgerald era membro do Partido. O dossier de Howard Fast, membro do Partido de 1934 a 1958, consta de 1603 páxinas: foi un dos escritores mais vixiados polo FBI, que contrataba tradutores para saber dos seus artigos publicados no estranxeiro e comparalos cos orixinais. Unha vez abandonado o partido, o FBI pensou en interrogalo mais pensando que quizais Fast os «manipulase», non se atreveron. En 1957, o escritor declarou ao FBI que a obra que ía publicar, The Naked God, axudaría á causa do anti-comunismo, pero segundo o Bureau a obra non contén ningunha información que non fose publica e, por outra parte, Fast non deu un só nome de membros do Partido ao FBI. Fast foi dos escritores entrevistados por Robins, e nunha parte desas entrevistas afirma o autor de Espartaco que «Llilian Hellman foi membro do partido durante dúas semanas. Steinbeck tres. Ronald Reagan […], Quería adherirse ao partido, pero Eddie Albert [tamén actor] pasou todo un serán a explicarlle que probabelmente sería máis útil no exterior que no seo do partido». Tamén conta Fast que en 1950 os axentes do FBI presentáronse na sede da sucursal das edicións Peguin en Nova York esixindo que tanto as súas obras como as de Eric Ambler fosen destruídas. Fast escribiu un artigo sobre o tema para o New York Times e finalmente os libros non foron destruídos. Con todo, tanto as súas obras como as de Ambler foron retiradas das bibliotecas estadounidense localizadas fóra dos USA.

As páxinas dedicadas a Fast no libro merecerían que se traducisen, pero non imos facelo, sobre todo polos dereitos do autor e, ademais, porque son moitas. Para ir acurtando, reproduciremos os nomes dos escritores ou escritoras e o número de paxinas de que consta o seu dossier, e, se acae, algunha curiosidade.

e. e.cumins: o seu dossier consta de seis páxinas e abriuse en 1955. O máis grave que atoparon foi que traducira o poema de Louis Aragon, Front Rouge.

T.S. Eliot: dossier de dúas páxinas. Á parte de cualificar a Eliot de anti-semita, en realidade o FBI interesouse nel non polas súas opinións políticas ou porque era amigo de Ezra Pound, senón porque fora mencionado, desfavorabelmente, no xornal comunista Daily Worker.

William Faulkner: non se indica o número de paxinas do seu dossier, só que este se abriu porque asinou unha petición para que se levantase o embargo de armas á República Española. O FBI considérao un grande escritor e sinala que un irmán del traballara noutrora para eles.

Richard Wright: o escritor negro foi membro do partido desde 1932 a 1942 (el afirmaba que o abandonara en 1940). O seu dossier abriuse en 1935. Aínda que en 1944 é interrogado polo FBI, que o considera anti-comunista, mais anti-comunista porque para el o Partido non é suficientemente revolucionario no tema racial, continúa a vixialo, mesmo cando, en 1947, se instala en Francia. Nun informe de 1951, o FBI considera que Wright traballa nas organizacións paralelas do Partido e pensa que é un membro activo do Partido comunista francés. En 1954 o escritor entrevístase co cónsul americano en París e confésalle a súa militancia no Partido americano de 1932 a 1942. Con todo, en 1960, ano da morte do escritor, o Bureau considérao nun informe «elemento subversivo do persoal americano con funcións en Francia». «En 1960, nunha carta que dirixe a Wright, Kay Boyle escribe: “Hai unha historia, un rumor que corre con respecto a vostede […] Dise que traballa vostede para do Departamento de Estado ou para o FBI, non sei exactamente, e que fornece de informacións que se refiren a americanos para poder conservar o seu pasaporte e continuar a viaxar […]». Mais tarde, «Boyle oíu dicir que Wright fora eliminado pola administración». Robins pregúntase se Wright foi un informador e se foi eliminado pola Administración, porque se é verdade que traballaba para a Administración, por que eliminalo? E a autora continúa: «Un documento do Departamento de Estado, redactado en 1956 e que figura no dossier do escritor estabelecido polo FBI, indica que conscientemente –mais só até certo punto– cooperou cos responsábeis da administración. Un memorando confidencial, que se abriu en 1986, precisa: «Por propia iniciativa o Sr. Wright foi á embaixada [estadounidense en París] para emitir reservas con respecto ás tendencias esquerdistas do Executive Comitte for the Congress [primeiro congreso de Présence Africaine, organización composta por universitarios africanos]. Estima que os membros do comité son brillantes liberais e teme que os comunistas exploten o congreso para os seus propios fins. Numerosos membros de Présence Africaine, declara, perseguen un ideal que non poderán alcanzar. […] Para inverter esta tendencia, Wright pregunta se a embaixada non podería axudalo a propor delegados negros americanos relativamente coñecidos que poderían combater estas tendencias esquerdistas». Como afirma Robins, as persoas que Wright propuxo –Langston Hughes, Chester Himes e Ralph Ellison– dificilmente se poderían cualificar de extremistas de dereita, e mesmo de homes de dereitas. Quizais, sinala Robins, Wright desexaba simplemente que a Administración deixase de importunalo. Wright tamén era vixiado pola CIA.

Wright, en 1949, contribuíu ao libro anti-comunista O deus que fallou, no que colaboraban excomunistas ou excompañeiros de viaxe como Ignazio Silone, Arthur Koestler, André Gide, Stephen Spender e Louis Fischer. Como tal, foi convidado a participar no Congreso para a Liberdade da Cultura, pero ao ano seguinte, Wright abandonouno porque, segundo o filósofo Sidney Hook (que actuou de informador para a CIA e o FBI delatando presuntos ou verdadeiros comunistas) «afagado polo uso que Sartre fai del coma unha especie de garrote contra a cultura americana, análogo ao uso que os comunistas fan de Robeson». Wright foi o único membro do grupo de The God That Failed que logo deixou de pertencer a ese grupo de apóstolos. Durante a década seguinte, a súa vida e as súas actividades en París foron controladas pola CIA e o FBI, até a súa morte, en 1960, en estrañas circunstancias.

Karl Saphiro: O dossier do poeta consta de 117 páxinas. O Bureau, de 1945 a 1966, acusa o poeta, cualificado por un informador de «roxo e extremista», de participar en máis de vinte e cinco manifestacións pretendidamente sediciosas. Tamén constan no dossier as súas manifestacións contra a guerra de Vietnam.

William Carlos Williams: O seu dossier de abriuse en 1930, a raíz da publicación dunha carta súa en New Masses (hebdomario do Partido comunista), na que afirma que lle gustou o número dedicado a John Reed e que se subscribe á revista, aínda que non é comunista. En setembro de 1942, un axente está convencido de que moitos poemas de Williams agachan un código secreto e declara: «Semella que fosen escritos por unha persoa moi estraña ou, talvez, por un desequilibrado». Finalmente, o Bureau determina que Williams é un profesor despistado, «mais cento por cento americano». Pero cando en 1951 o poeta se candidata para o posto de conselleiro de poesía da Biblioteca do Congreso, o FBI usa todas as artimañas que ten nas súas mans (mesmo pasando noticias falsas ao xornais) para impedir a súa elección: o que consegue. Williams nunca será conselleiro da Biblioteca do Congreso.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s