‘Todas as trabas’ vs ‘Todo pola ciencia’

Staff.

Xornada sétima e derradeira da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre David Botana e Sabela González.

Traba: Os relatos só poden usar palabras cuxas letras estean contidas na seguinte oración: “Manuel Antonio Pérez Sánchez de Rianxo”. As letras proscritas si poden utilizarse en conxuncións e preposicións.

Todas as trabas

David Botana.

—Tamén…

—Esa non.

—… dixen que ía…

—Tampouco. Ollo ao piollo.

—Que?

—Entendo que esteas espeso. Reláxate, xa estamos nós para coller as rendas. 

—Como?

—Somos os solucionadores, damos conta até do cadaver literario máis túzaro. Nesta lea usaremos nomes que poidas usar, eu son o Secasí, entendido como nome metaliteraio e polo tanto conxunción. Existo ao puto límite, seino. El é Porén e, por sortear males maiores, só mirará. Ao mellor participa no conto ao remate, el é así.

—Onde estou? 

—Nun texto complexo. Tes limitacións moi duras para este último relato. Xa eran extremas antes de que decidises, inconscientemente, usar o resto das… Merda, o salto.

………………………

—Tamén…

—Temos que dar arranxado isto antes do próximo corte. Resumindo, ansías deixar un relato decente para a derradeira xornada pero a túa idea é a mierdaza suprema. Mira, tes as mans presas.

—Isto é un pesadelo.

—É peor. Toca rematalo de contado. Ir consumindo a munición e rezar para que se entenda. A, c, d, e, h, i, l, m, n, o, p, r, s, t, u, x ,z. As túas armas xunto a preposicións e conxuncións. Eu de ti ía empalmando conxuncións até o remate. Así nacín eu polo menos… Merda, nin risas temos.

……………………..

—Tamén…

—Que cutre loce o rollo cíclico. Non podes nin usar o resto porque está riscado. Espera…

—Que?

—Sempre podes anular. A lóxica ditamina iso, se as anulas as cousas non existen: botar, poder, maña, canón, agachado, realmente dixen isto?

—Non me parece xusto. 

—Coma se a estas alturas importase. Para iso estamos nós, para sacarte do entulladoiro onde te trouxo a túa propia inconsciencia/pereza. Que crías acadar?

—Non sei, un relato que causase unha impronta no imaxinario do concurso. Unha… Non te… Non. Merda. 

—Úsa o truco, anda. Total xa está aí o salto. 

Homenaxe.

……………………

—Tamén che dixen que ía…

—Para, para. A estas alturas mellor completala no derradeiro salto. Podías desenrolar a cousa máis alá do exercicio metaliterario. Literatura, non? 

—Esta edición xira arredor das personaxes. Eu son o escritor anónimo, ti un recurso e el… está mudo. 

Porén está a mirar o lector con ese sorriso de pesadelo dende o inicio. Xa lle transmitiu máis que ti en todo o relato. Ademais sempre pode sentenzar na arrincadeira para matar épicamente este monstro de remendos literarios. É meta ou non é, sae á palestra. 

—E que conto?

—Eu só sei o que non podes dicir.

……………..

—Tamén che dixen que ía chover. E máis que choverá. Pero ti estás ao abrigo e igual xa escampou cando leas isto. O único sitio onde non estiña seica é no fondo do mar e no corazón dos que só poden sufrir. Pero ti non vives nas profundidades salgadas e agardo que desfrutes da risa. Eu collín todas estas trabas e xunteinas nun paraugas de letras para que os meus propios atrancos non me mollasen a roupa. Pero debía vir de lado que teño os pés enchoupados, lentos, arrefriados. Estou farto de tanta auga. Porén… Porén?

—Eu penso 


Todo pola ciencia

Sabela González.

Certos días comezan dun xeito horroroso. A maioría deses días son luns, pero o día no que pasou o que pasou resultou ser mércores. 

Para Antonio e Xoan non comezara tan mal, aínda que para min si. Eles entraron no despacho contentísimos, encantados coa concesión dun proxecto. Eu recollía todo o meu no despacho da porta do lado. A reitora explicárao con simpleza. “Isto é así, Luís, uns acadan proxectos e outros rematan o contrato. Spain é como é”. E ao carallo. Recolle, Luís. Mentres metía os meus papeis nun AZ, oínos parolar, alto e claro polo pladur.

… antes de que marche collemos os números…

… pois apurando, seica o chimparon xa, eh…

… anota pois o excel que é e imos…

… 200.000 lereles, o-lé…

Un intre despois, chamaron á porta. A suor empapárame o pelo todo. Non podía ser.

—Luís, campión, xa nos dixeron… Moita pena perderte, meu.

Antonio procurou unha aperta. Xoán sorriu a traizón. Non disimulei. E pasou o que pasou.

Tirei cuncas, carpetas, o pincho da tese e o rato do PC. A Xoán atineille no nariz co teclado e xa ía arrincar o router e lanzalo cando Antonio puxo as mans en son de paz.

—Luís, tran…

—Hostias! Traidores! É o meu proxecto! É meu!

—Pensa un anaco, Luís, pensa un pouco… contratámoste! Eh? Paréceche? Un ano. Ou un e medio!

Chiscoume un ollo. Non me parecía, non. 

Por iso pasou o que pasou. Antonio saíu mellor parado, e iso que a CPU lle deu de cheo na testa. Pero a Xoán atoóuselle o E, que o teclado o tiña solto, e non daba respirado. 

Acordamos un contrato de postdoc de dous anos e constar nos papers. Xa lles direi da denuncia outro día. Mellor un luns. Como anda a ciencia no país…

12 comentarios en “‘Todas as trabas’ vs ‘Todo pola ciencia’

  1. Comezo tamén parabenizando a Sabela e David, autores dalgúns dos mellores relatos deste torneo. Foi un pracer participar con vós neste torneo.

    Todas as trabas
    Dito desde o aprezo polo autor/a, mais penso que neste relato hai máis trampas que nun combate de boxeo en Las Vegas. Entendo que a traba era moi difícil, mais como comentei no duelo dos gatos, creo que o uso das letras proscritas non cumpre unha finalidade narrativa. Por exemplo, se tentamos borrar as palabras tachadas do penúltimo parágrafo, o texto non ten sentido. A historia en si, tampouco me convenceu. Eu non son especialmente amigo da metaliteratura e como comentei no relato de Sofía da semana pasada, para que me interese ten que achegar algo especial que neste caso penso que non se cumpre.

    Todo pola ciencia
    Este relato mostra que si se podía construír unha boa historia e narrala ben a pesar da importante traba de escribir sen B, V ou H. Pódeo ler calquera que non saiba que se estaba a usar unha traba e gozar da súa lectura. Iso ten un mérito importante. É dinámico, claro e simpático. Parabéns!

    O meu voto vai para Todo pola ciencia.

  2. Vou co segundo duelo. Parabéns a David e mais a Sabela para min, calquera dos textos está ben escrito.

    Todas as trabas
    Moi arriscado xuntar todas as trabas anteriores, falando dos relatos e facendo metaliteratura. Gústame e arrisca, facendo cinco versións. Hai algunha letras que non podían aparecer (cadáver, unha) Sóbranme as palabras “merda, puto e rollo” pero supoño que o autor as usa adrede por algo… Aínda así hai algo que engancha desde o principio e iso é positivo. O final é raro.

    Todo pola ciencia
    É un relato ben escrito e que garda moita relación coa imaxe. Empeza ben co contraste de Antonio e Xoán co pobre Luís que é despedido. Pero hai algo na trama que non cadra. Non sei se é ese ataque “razoable” pero improbable ou é que non me encaixa a min…

    Voto por “Todas as trabas”, aínda que eu eliminaríalle as palabras mencionadas.

  3. Boas.
    Todo o que eu tiña que dicir xa o dixo Daniel mellor do que eu o faría.
    Polo tanto tamén coincidimos no voto. Voto por “Todo pola ciencia”

  4. Pareceme que te propasaches un pouco, Daniel, ó dicir que en Todas as trabas hai trampas. Ti non fixeches trampas na xornada de escribir en 2º persoa (non era un relato en 2º persoa, pero ese sería xa un debate co organizador, non contigo) e este/a autor/a tampouco as fixo nesta xornada. E isto vai tamen por todos, se queredes dedicarlle 100 palabras a discutir se un relato cumple ou non cumple (cando por definicion se está publicado é que cumpliu co criterio de quen puxo as tabas), moi ben, adiante, eu tamen o fixen. Pero non vos quededes aí, despois falades outro tanto do relato, que é do que se trata. Podedes facer o exercicio de reler os vosos comentarios desta xornada e comparalos cos das primeiras. Parece que o tan mentado “cansando do escritor” non é nada comparado con “cansando do comentarista”. E sabedes que? Que é xusto aí, nos comentarios, onde mais se aprende: forzádevos a explicar por escrito por que por vos gusta ou non vos gusta un relato. Escribide sobre os relatos: sen filtros, sen estrutura, sen coordinacion, sen correccion ortográfica, que mais da todo iso. Se non se vos ocorre nada que dicir comentadeos frase por frase se fai falta pero non vos conformedes con dicir 2 (ía dicir “4”, pero alguns non chegades a semellante numero) banalidades intercambiables. E isto non o digo por facerlle un favor ós autores: é por facervolo a vós mesmos. Obviamente non vai ser cada comentario un ensaio publicable por Planeta, a veces sae unha merda de comentario, por suposto que si. Pero home polo menos intentalo. Non ten que ser nada tecnico nin estudiado nin hai que usar palabras esdrúxulas, só dedicarlle un pouco de tempo e atencion ó que se le, escribir o que pensaches mentres o lias ou no que che fixo pensar despois mentres ías ó pan. E si, claro, facendo asi diredes moitas tonterias sobre os relatos, tamen me pasa a min, pero entre esas moitas tonterías haberá 2 ou 3 cousiñas interesantes, e serán interesantes sobre todo para vós, porque vos darán pistas importantes. Por exemplo, unha tonteria que dixo Sofia o outro dia sobre o relato de Tuco. Para 2 frases que dixo unha delas foi que estivo en Boston habia uns dias. E podemos pensar, por que gastou unha frase en dicir iso? Por que necesitou contalo? Que o relato se situase nun lugar co que se viu conectada foi tan forte que o incluiu no seu minimo comentario. O autor non pretendia usar Boston desa maneira, pero foi un premio que conseguiu POR LOCALIZAR A ACCION NUN LUGAR CONCRETO. Enton xa temos unha pista: localizar a accion en lugares concretos e plausibles –sempre que a historia dea lugar a facelo- é bo. Gusta, ten agarre emocional, da votos. Foi unha boa idea. Hai que repetilo. O concreto gánalle ó xenerico.
    E Xerardo: nun duelo molestouse en escribir un segundo comentario para pedir perdon por unha gralla –algo que se poderia xulgar innecesario pero entendemolo perfectamente- e en cambio neste non lle pareceu necesario dicir nada propio sobre os relatos. Caramba, non fai falta ser Freud para sacarlle xugo a esta curiosa eleccion de prioridades.
    Poderia seguir analizandovos toda a noite pero non é o tema do comentario, o unico no que quero insistir é nisto: falade das trabas canto queirades, pero falade (tamen) dos relatos.

    Todas as trabas
    Metaliteratura e todas as trabas da liga nun mesmo relato. Unha inmolación de despedida da que o/a autor/a sae vivo/a polos pelos. E é que se non temos unha historia á que agarrarnos todo o demais non serve de nada. E esta é a historia dun escritor custodiado por 2 mangallóns que continuamente censuran o que tenta dicir á vez que o obrigan a continuar. Como di Pilar iso engancha. Non fai falta mais. Ainda así o relato vai de mais a menos e ese final onde o escritor se xira cara nós non me acaba de convencer. Non sei cal podería ser o final adecuado para un relato así, ó mellor non o había. O escritor loita por dicir unha frase que contén letras prohibidas. Non entendo ben por que. Se é por que quere cumplir as trabas non cadra ben co feito de que algunhas das outras se cumpren de forma allea a el (a da 2º persoa deixemola no aire). Non vexo unha liña clara no argumento e sen iso a min costame tirar para adiante e disfrutar do relato. Eu digo moitas veces que non me importa o que o autor quixera transmitir, o que me importa é o que me transmite. Talvez simplemente quitando o ultimo salto me quedaria un mellor sabor de boca, porque -independentemente do que eu saiba sobre o relato (falo metaliterariamente)- sempre xulgo (ou iso tento) desde a ficcion. E en relacion a iso, a satisfacerme como “historia” vexoo feble.

    Todo pola ciencia
    Aparentemente é un relato sinxelo que conta algo co que conectamos rapidamente: unha inxustiza que se repara. Pero eu que pasei polo que pasou o protagonista (e coñezo a outra xente que tamen) non logro entrar na historia. En realidade o que soe pasaré que o tal Luis se marchase levando todos os datos consigo e deixase ó departamento sen poder participar da patente que saise dese proxecto (no meu labo pasou tal cual). Tampouco me cadra que eses 2 teñan a potestade de negociar un contrato con Luis. En fin, non é cuestion de poñerse a discutir sobre verosimilitude da historia, o relato deixa as suficientes cousas sen contar (quen lle pagaba a Luis? Falamos de ambito publico, privado, hibrido? que clase de proxecto era) como para que sexa posible montarse un fondo plausible e iso é o importante. Só o menciono poruqe forma parte da xustificacion do meu pouco apego polo argumento. Prefiro quedar coa narracion en si. A 1º persoa está ben empregada. Se o relato fose mais longo, ou mellor dito, se tentasemos expandir ese universo, penso que teriamos problemas, pero para un “formato anecdota” da moi ben o pego. E si, como di Daniel, é dinámico e simpático (o de claro non o comparto tanto).

    Este foi o duelo que mais me costou votar de toda liga. Voto por Todo pola ciencia.

    • quero aclarar que é escribir “unha tonteria que dixo Sofia” me refiro a algo aparentemente accesorio e sen de importancia, non a que considere que fixo comentario “tonto” no seu sentido pexorativo da palabra.

    • Por aclarar. Xa dixen que cando falei de que o autor/a “fixera trampas” referíame a que, na miña opinión, conscientemente incumplira a traba que nos propuxera César. Procuro non ser ofensivo nos meus comentarios polo gran respecto que sinto por todos os/as participantes no torneo.
      A diferenza co que fixen eu na xornada 3 é que eu pensaba que si estaba escribindo un relato en 2 persoa.
      Digamos que foi un erro de ignorancia voluntaria, non unha opción consciente, como a que tanto ti (dígoo porque sucede en ambos relatos do teu duelo) como varios dos outros participantes tomáchedes escollíchedes nesta xornada, imaxino que pola gran dificultade de escribir unha historia co vocabulario moi moi restrinxido.

    • O investigador principal dun proxecto de investigación ten potestade sobre as condicións e requerimentos do proceso selectivo de contratación para o persoal contratado dun proxecto, alomenos nos internacionais/de cooperación territorial nas universidades galegas, sempre que cumpra coa lei. Non é algo estraño contratar a alguén que xa está investigando na entidade, por obra e servizo, no marco dun proxecto.
      De todos os xeitos, para min, a plausibilidade dun feito non debería radicar nas nosas vivenzas persoais, senón no creíble que sexa o relato no noso “contrato implícito” con el. Aí si que igual tampouco atinei, hehe.

      • Non identifiquei que a firma do contrato postdoc estaba vinculada ó proxecto de Antonio e Xoan, pensei que negociaban a continuacion do traballo de Luis, porque se falaba de que os seus datos tiñan algun valor. De todas formas xa dixen que non consideraba iso un erro do relato -levou o meu voto-, só queria contar qeu eu non din composto un argumento que puidese -por exemplo- explicarlle a unha terceira persoa porque a miña experiencia persoal (e a falta de datos) mo impedía (podemos chamarlle prexuizo).
        As nosas vivencias persoais influen na valoracion dun relato. É mellor abrazar ese feito que tentar escondelo. Tamen influe o estado de ánimo do momento no que les, o ulitmo libro que liches ou quen cres que é o autor. Todo influe e non vale a pena poñerlle cancelas. O que hai que facer é canalizalo, expresandoo por que non nos comentarios ou deixando o comentario para outro momento se esa influencia é tan negativa que nos impide sequera ler o relato.

  5. Non che digo que saín tocada… sempre agardo a que remate o luns, e por se acaso sempre paso de comentar por se entendín mal os tempos, tamén. Pois voilà. As miñas desculpas.

  6. E pois aquí acabamos. Foi unha Liga marabillosa, na que creo que aprendín un par de cousas. Moitas grazas polos vosos comentarios a quen os fixestes. Será un pracer lervos e volver combater convosco. Creo que hai moito nivel nestes torneos e non podo agardar á próxima oportunidade de seguir aprendendo.
    Todas as trabas ten un estilo peli moi atractivo. É moi dinámico, cos diálogos apresurados e cortados. Aplicarse todas as trabas é o mais parecido ao seppuku que vin aquí. Creo que ao darlle protagonismo á traba, máis alá de ser un obstáculo, outórgalle ao relato personalidade e iso fai que, despois duns meses, poida volver acordarme dos dous axentes da T.I.M (Técnicos e Investigación Metaliteraria) O propio formato do relato permite esa exposición sen a que sería todo moito máis caótico. O final, na mesma liña estrambótica, funcióname ben. Resume a impotencia do protagonista e a frase final resúmeo a el por completo. Boa xogada.
    Todo pola ciencia creo que sofre de falta de palabras. Conta unha historia a que non se acollen as 500. É un contexto, como falamos noutros duelos, moi referencial, pero aquí esta desconexión ven de que a maioría, penso eu, que descoñecemos estes procedementos de ostias e patentes. Tecnicamente está ben presentado. A narración é áxil, cos diálogos articulando os parágrafos, e desenrolase ben ata o final. O único que me lastra nel é ter que entrar ao xogo de proxectos de investigación. Penso que na escritura, dialogo entre eu, lector e o mundo, e tan importante buscar explicarme a min mesmo que facilitarlle ao lector os medios para entenderme. Son cuestións persoais, pero creo que se aplican aquí.
    O meu voto, por morte con honor, vai para Todas as trabas.

  7. Todas as trabas:

    Gustame o ton desenfadado do relato e a min, ao contrario, paréceme unha moi boa idea ese xogo que se fai coas letras, paréceme que unha fraqueza dase a converter nunha virtude.

    Todo pola ciencia

    Encantame porque o relato e tan natural que non se aprecia a falta de uso das letras “prohibidas”

    Voto por todas a trabas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s