Un falar sobre Emilio Lavandeira, o fotógrafo

Xosé Enrique Acuña.

Ser era de Ortigueira, alí nacera no 1934, pero o seu foi ser de Compostela e exercer polas súas rúas oficios nos que se embarcou desde que nesta cidade asentara, vía familiar, nunha idade que tocaba facer a daquela obrigatoria e sacramental primeira comuñón. Bacharel dos do Instituto Xelmírez, co seu título superior asinado pola xefatura do Estado accede a unha Facultade de Dereito a tiro de pedra do seu domicilio en Casas Reais. Aínda que o seu pai era almacenista, estudar estudou leis. Mais faríao cunha intensidade que non lle permitiu converterse en avogado, fiscal ou rexistrador da propiedade. Colgou cedo o seu futuro togado á vez que, con compañeiros de maior e futuro percorrido universitario, abrazou eses novos ritmos que desde a sorpresa afroamericana os anima a crear un grupo musical que fixo bailar moitos dos seus compañeiros de universidade. Tempos da orquestra Casbah, onde Lavandeira era non máis ca Emilio o dos bongos.

Emilio Lavandeira retratado por Gustavo Luca.

Coma tantos mozos desa época, tratábase de reverter un pequeno fracaso persoal, aquilo de ter colgado a carreira, nunha oportunidade precisa para se reinventar. O camiño non foi o da emigración, coma outros tantos fixeron, senón o de formarse, situarse nunha nova profesión. E esa xa foi a de fotógrafo. O seu primeiro e notorio paso no oficio será cando certo día se achegue a Lavacolla para, como Manuel Ferrol fixera nos peiraos da Coruña, retratar os rostros máis castigados da emigración. Nun aínda modesto aeródromo santiagués realiza unha reportaxe entre os retornados da Operación “Morriña”, que no ano no que a executa, 1959, xa vai situalo como un nome a ter en conta entre os fotógrafos galegos. Con modesto estudio aberto na rúa Doutor Teijeiro, a prensa compostelá tivérao claro cando falaba dese “último grande artista incorporado á fotografía”. Mais de Lavandeira, neses días iniciáticos, aínda se falaba del como un “universitario destacado e intérprete de música moderna singularísimo”. Pero o certo é que non eran poucos os que sabían que o antigo alumno de Dereito se vira na obriga de deixar a carreira para superar unha desgraza de ámbito familiar que lle imporá buscar traballo. Na súa casa, os cartos xa eran os que eran. É dicir, poucos. Tocaba pois buscar a vida e o xornal.

Á altura do 1960, o fotógrafo de gabinete Lavandeira tenta xa marcar estilo propio e procura imprimirlles ás orlas fin de carreira certo aire de novidade que nas facultades compostelás non se vía desde os idos tempos, nos que Villafranca quixera dotalas de certo aire de cadro cubista. Dous anos máis tarde, baixo a beizón do gran mestre Luís Ksado, sería dos que poña en marcha unha voluntariosa Agrupación Fotográfica Compostelana, na que toma o cargo de bibliotecario cun secretario como Julio Cabo Rey, amigo e tamén intuitivo fotógrafo, hoxe coa súa tan poética obra máis ca esquecida. Por eses días, Lavandeira e mais Julio Cabo eran dos que se botaban camiñadas, sempre coas súas cámaras no lombo, tirando fotos nos grandes feiróns de Santa Susana. Tamén o 1962 foi o ano en que se decide a colgar por vez primeira as súas fotos para a Unión de Artesanos, nunha mostra en que reúne cincuenta e cinco fotografías que el, por aquel tempo, definiría como “dinámicas” e que, en realidade, era o seu xeito de explicar unha aposta por esa fotografía documental que admiraba na prensa impresa e tanto libro de viaxes editado en Cataluña. Unha opción que non lle facía esquecer aprendizaxes que naceran desde o respecto a outros fotógrafos da cidade como os veteranos Ksado e Almeida, afeccionados artísticos como Cabo Rey, ou coetáneos colegas como Arturo, Santiso ou Guitián.

Desde o concursismo polo que pulaba a Agrupación Fotográfica Compostelana, Lavandeira foi dos que mandou obras a premios e certames con menor que maior sorte. Un quinto premio, nunha denominada Exposición Nacional de Fotografía celebrada na propia Compostela, foi a bagaxe previa a unha definición da súa obra que pasa por un intelixente achegamento ao xornalismo. Campo aberto por conta dunha colaboración con Jesús Rey Alvite, o inevitable amigo, co que intercambiaba, baixo o epígrafe de “Postal Santiaguesa”, glosa con fotografía. O mesmo aconteceu en El Pueblo Gallego, o xornal de Vigo, onde ensaiará con outro gran xornalista en formación como era Cuco Cerecedo, nese mesmo 1962, o contacto entre textos e unhas fotos nas que Lavandeira xa comezaba a transmitir unha linguaxe que el tentaba arredar dun preponderante e oficialista fotoxornalismo estático. Alvite xa definira a Lavandeira como un poeta que coa súa máquina escrutaba o que se ocultaba na súa cidade, e Cerecedo –un namorado, coma tantos, da mítica alcantarilla capturada en 1960 por Lavandeira– posará ante a súa cámara para aparecer logo superposto o seu rostro co doutro fotógrafo –Siorty, o tan omitido reporteiro de El Pueblo Gallego– como un retrato mixto e fotomontado que era toda unha inesperada e informalista novidade na prensa galega.

Ao sentir afinada a súa aposta fotográfica, Lavandeira decídese por unha nova exposición nese creativo 1962. Colga obra no Liceo de Ourense e, para súa sorpresa, vende doce das cincuenta fotografías expostas. La Noche –o xornal de Santiago no que na súa redacción non paraba de facer amigos, incluído, claro é, Borobó–, será onde lle publiquen unha paradigmática imaxe dun toneleiro pola rúa que se correspondía cunha das obras expostas en Ourense. Os seus amigos nas redaccións de Vigo e Santiago non esquecían o seu anterior oficio de bongosero, pero, á vez, non dubidaban que ese Lavandeira polifacético, en breve, deixaría de selo para afianzarse definitivamente na fotografía documental.

Mais Emilio Lavandeira tiña outras cousas e era dos que se apuntaban sempre á solidariedade. Lembrar, que logo daquel tráxico e mortal accidente de tráfico que tan gravemente afectara a Orquestra Compostela do mestre Manuel Muñiz, el e o humorista “O Xestal” actuarían nun festival benéfico no que o agora fotógrafo retoma os bongos xunta o portorriqueño Jhonny Rosario, o seu antigo compañeiro do grupo Casbah. Neste evento, logo da actuación musical, tamén ofrece para poxar, e así lograr cartos para as familias dos falecidos, unha fotografía de título “Pobriño”, que sería adxudicada en 1.200 pesetas, un prezo ben alto e semellante ao que poderían acadar os cadros de tanto pintor amigo.

Unha das postais editadas por Lavandeira. A do seu mítico
sumidoiro compostelán, tomada no 1960.

E amigos cultivounos de sempre dentro do xornalismo. Emilio Lavandeira tiña o don do trato directo e o seu carácter, o seu sorriso característico, abríalle portas para que os máis atentos a unha linguaxe fotográfica que se renovaba, lle concedesen un lugar crítico na prensa galega. Velaí o singular caso de Jorge Víctor Sueiro, que transmite, cando non existía a crítica fotográfica en Galicia, a emoción e sorpresa que sente ao descubrir a obra de Lavandeira: “(…) la cámara del artista compostelano se detuvo cualquier tarde del avanzado septiembre en una leira para convertir en documento artístico, el humilde brazado de trigo, apilado con sus compañeros, en espera da malla. Lavandeira es, problabemente, el fotógrafo que más pasión siente por los temas galaicos palpitantes y vivos, poco bucólicos. Se diría que ha elegido el camino dramático para la imagen de todas las cosas nuestras que, pese al tiempo, siguen siendo absurdamente crueles. Un fachuco humilde, una infame corredoira, un paraguas colgado en el cogote, la patela pesadísima sobre la cabeza femenina, los pies descalzos sobre el aristado morrillo de las carreteras abandonadas… Y esto no es, desdichadamente, imagen curiosa, sino cotidiana”. Jorge Víctor Sueiro, algo críptico, entendía ao tempo que con homes como Lavandeira á fotografía debéralle corresponder “una parte en el esfuerzo colectivo por conseguir que el ascua se arrime a la sardina de todos”.

Estas gabanzas, e outras semellantes, xa lle permiten ser reclamado para ser xurado de premios de fotografía ao mesmo tempo que el mesmo continúa a concursar no espeso circuíto do asociacionismo. No 1963 presenta obras, algunha con premio, como “Camiño de gatos” ou “Despois da escola”, e descobre, xunto aos seus amigos Santos López Casado e Xulio Maside, a obra do primeiro universitario galego dos anos 60 que se internou na fotografía artística como foi Enrique Banet. Cando abre unha nova mostra na AFFA de Ferrol, Lavandeira confesaríalle a Salvador García Bodaño que estivera seis anos aprendendo, sempre só, de libros e revistas á vez que, algo contraditorio, lle aseguraba que “non se pode imitar; quen imita é tonto”. Bodaño entendía que Lavandeira era un “fotografo de composición cunha luz feliz” e este manifestáballe con certo desengano que o seu idilio circunstancial co concursismo asociacionista ía a rematar. Pensaba, díxolle a este seu amigo poeta, que xa non era o camiño. Faltábanlle ás obras premiadas nese  corporativo mundo, aquel toque de vangarda que achegaban, segundo el, os negros intensos. Negros que Lavandeira tentou plasmar cando aposta por unha insólita proposta, que consistiu en escoller fotografías da súa autoría para convertelas en nadais que a xente puidese comprar en mostras que abrirá por distintas cidades, sempre no mes de decembro. Primeiro no 1963 no Centro Gallego de Madrid, baixo a denominación de “Nadales de cousas galegas” –exposición que chegou a ser cuberta por unha nacente TVE no seu programa “Primera Página”– e posteriormente repetida con repercusión semellante en salas de Santiago e Vigo.

Este relativo éxito anímao desde 1964 a imprimir e editar, a xeito de postais, algunha das súas obras máis salientables. Lavandeira vendíaas por estancos e librarías de Compostela en xornadas en que comparte a idea dos nadais fotográficos co grande Antonio Gabriel, daquela reporteiro no Diario de Pontevedra. No 1964 cede algunha destas fotografías –como exemplo un atrevido picado de dous pratos de polbo– para que X. Fernández Ferreiro, en La Noche, as acompañe dun texto literario que era lido e admirado con devoción polo núcleo compostelán de amizades de Lavandeira. Este pasaba por xente do cinema, a pintura, a literatura e da arte como eran Gonzalo Anaya, Ventura Cores, Euloxio R. Ruibal ou Felipe Criado, que se sumaban aos que coñece desde un achegamento natural (por veces tabernario; tempo do Entreportas), a fotógrafos de análoga e parella obra como Castuera e Estalote, e, dado á súa presenza privilexiada na prensa, a un mundo intelectual que lle permite retratar a sinalados homes dun ámbito no que non faltaban apelidos do galeguismo cultural, moitos deles superviventes da República. Destes días data a súa idea –proxecto nunca executado formalmente– de publicar un manual de fotografía para afeccionados, do que el chegou a anunciar que sería editado en lingua galega e que, de concretarse, se convertería nun fito da fotografía en Galicia en plena sociedade franquista.  

Unha perfomance nocturna no porto de Vigo

A súa aventura en quiñón con Antonio Gabriel, centrada neses nadais fotográficos, desvelaría un aspecto tan ignorado coma orixinal de Lavandeira. Todo un antecedente das actuacións de certos artistas de arte contemporánea que, en Galicia, aínda tardarían décadas en ensaiarse. Os dous fotógrafos abriron na sala Foto-Club de Vigo unha mostra conxunta de nadais. Fotografías que foron acompañadas dunha serie de paus de zoco (solas) asinadas por Lavandeira que, nunha clara estratexia publicitaria, tamén artística a xeito de “instalación”, e que despois convertida en “perfomance”, sorprendería en decembro de 1964 o mundo cultural e artístico de Vigo. Lavandeira compráballe estas solas de madeira a un carpinteiro de zocas que el trataba desde os seus días fotografando a feira de Santa Susana de arriba a abaixo. Obsesionárase coa súa forma e aproveitaba a textura da madeira de bidueiro para realizar debuxos no seu labrado oco para, dedicados, agasallarllos aos seus amigos.

A coincidir cos días nos que estaba aberta a mostra, Emilio Lavandeira deseña unha intrépida “perfomance” nocturna  no porto de Vigo que realizará por sorpresa e sen comunicación previa ás autoridades gobernativas. En plena noite botou ao mar máis de cen solas de zoco que contiñan cada un dela frases de distintos intelectuais e escritores. Frases escritas da súa man de figuras como Unamuno, Ortega, Celso Emilio Ferreiro ou Castelao (entre outros) que, tras unha polbada con viño de ribeiro (ao igual que na inauguración da mostra) cos seus amigos vigueses e ás dúas da madrugada foron lanzadas con solemnidade á ría viguesa logo de que, el mesmo e en voz alta, lese un por un a totalidade dos pensamentos que transcribira nos paus de zoco. Un breve de prensa recoñecía que o mar de Vigo –“que ha recibido tantas lágrimas”– era a primeira vez na historia que albergaba unha mensaxe tan orixinal e que, en clave xustificativa e cerimonial, se correspondía coa intención de Emilio Lavandeira de homenaxear “os galegos que no mar morren, que no mar traballan, que polo mar se van…”. Esta esquecida acción artística –aireada nalgún xornal de Vigo– mereceulle unha seria chamada á orde por parte do Goberno Civil de Pontevedra que o fotógrafo canearía con boas palabras, sorrisos e doses calculadas de man esquerda ante o funcionario que o interpelou para demandarlle explicacións.

Cuco Cerecedo e Siorty, sumados por Lavandeira nun informalista
retrato do 1962

De Santiago a Madrid

“Lavandeira váisenos. O éxito lévao a Madrid”, escribía Fernández Ferreiro en xaneiro do 1965. Anunciaba que o ABC lle abría as súas portas tras anos de traballo tenaz e de formación, e de se facerse a si mesmo. Xa publicara fotos en Blanco y Negro pero agora tratábase de ser fixo como reporteiro gráfico nesta revista do tan serio xornal da madrileña rúa Serrano, 61. Remataba pois a súa primeira e máis audaz etapa como fotógrafo en Galicia, mais pola contra chegaba un asentamento no oficio e tamén unha reflexionada decisión de se converter no futuro en xornalista. Ese mesmo ano, en setembro, matricularíase na Escuela Oficial de Periodismo cando non había máis que seis anos que aterrara na fotografía. Agora declarábase admirador do fotografo catalán Eugenio Forcano, e afirmaba que os seus temas preferidos para fotografar atopábaos no circo e en plena rúa. Lavandeira era dos fotógrafos que perseguía día e noite unha soa fotografía e dos que non paraba de aprender admirando as reportaxes de Paris Match, Época e Life. Un ano máis tarde –ese 1966 no que tamén anuncia a súa voda coa noiva santiaguesa de sempre, Catalina Villar– o xornalista pontevedrés Manuel Blanco Tobío toma o mando do xornal Arriba. Reclama para a súa redacción, vía os informes e recomendacións de Borobó, un Lavandeira que sempre gustou de contarlles aos seus íntimos as primeiras palabras que lle confía o seu novo director: “Lavandeira, aquí sobran falangistas e faltan fotógrafos…”. O certo é que –a maiores de liberarse do pésimo soldo que tiña no Blanco y Negro– por medio da súa cámara chegan a Arriba reportaxes sobre Galicia (Romaría de Amil, Rapa das Bestas…) e confírmase un Emilio Lavandeira máis centrado no fotoxornalismo que, de non terse dilapidado tanto arquivo dos xornais do réxime franquista, nos permitiría gozar en toda a súa intensidade o seu rigor como reporteiro. Un exemplo poderían ser todas esas reportaxes polas que se podería documentar a destrución de certo urbanismo vexetal de Madrid por man do alcalde Arias Navarro. Entre ese 1965 e o ano no que xa se reconverterá en xornalista dos de máquina de escribir, Lavandeira fai miles de fotografías e centos de reportaxes. Retrata a xente do cinema (Marisa Mell, Fernando Rey, Mickey Rooney…), misses, escritores, boxeadores, futbolistas, músicos, folclóricas, arquitectos… e, como cota obrigatoria, centos de políticos do Movimiento e innumerables militares e gobernadores civís. Na vida solteira e bohemia, primeiro vive nunha modesta pensión e despois, de xeito solidario, gozará dun piso que comparte con Cuco Cerecedo, Gustavo Luca de Tena e Alfonso Paz Andrade. Neste apartamento da rúa Xeneral Perón recalou certo día –e vive por unha tempada– un Eduardo Blanco Amor que se converterá nun adicto admirador de tanta foto de Lavandeira que decoraba aquel piso da rúa do “innombrable xeneral” arxentino –caracterización colleita do autor d’A Esmorga– e que tamén chega a escribir sobre a obra dun fotógrafo co que compartiu puntualmente morada madrileña e faladoiro no Café Gijón, á par de Borobó e Manuel Blanco Tobío, o seu xefe no Arriba.

… e de Madrid a Santiago

No 1972, á vez que comeza a ter fillos, xa é un home da Agencia EFE (tamén colaborador de CIFRA) e as súas crónicas, xa escritas, son distribuídas por distintas cabeceiras de provincias. Acada por fin título oficial, veranea en Vilagarcía, escribe en Nuevo Diario e visita sempre que pode os seus íntimos de Santiago. É que no político Lavandeira era, así o definiron os seus compañeiros galegos de Madrid, un “radical nacionalista compostelán”. O seu era Santiago, non paraba de falar del, recalcaban. E malia as mellores condicións económicas en que asentara logo de forxar a súa traxectoria madrileña, moveu todo o que podía mover para, despois de anos na capital de España, poder retornar no 1979 ao seu querido Santiago de adopción para integrarse na delegación compostelá de EFE, xa en tempos de liberdades democráticas. Aos poucos, unha renovada paixón pola pintura e o humorismo, e entregas literarias en colaboración con artistas como Laxeiro e Alfonso Abelenda (forxada entre tanta conversa madrileña no Café Gijón), que transmiten boa parte dos seus particulares gustos estéticos e literarios. Escritos articulados desde unha memorialística que fixo coincidir no tempo coa súa man de caricaturista, que centra maioritariamente nos credos e siluetas de tantos curas que vira (e fotografara) polas vellas rúas e igrexas de Santiago. A cidade onde aos 87 anos morrerá e da que deixou un perfil de imaxes, a súa obra galega (recuperala é de lei), que o sitúa como un pioneiro da fotografía máis audaz dos anos sesenta galegos. Emilio Lavandeira Prieto aínda podería ter contado mil historias da súa Compostela e mil historias, ou máis, de todas e cada unha das fotografías que tomou, tamén miles. Unha verdadeira caixa de resistencia da nosa cultura fotográfica.

Un comentario en “Un falar sobre Emilio Lavandeira, o fotógrafo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s