Xa podes inscribirte na futura Liga de relatos

Duelo de tenis. COTTONBRO/PEXELS.

En Biosbardia non temos paranza. Aínda acabamos hai un pedazo a Liga Maruxairas do Outono do 2021 e xa estamos deseñando novas competicións. En xaneiro celebraremos a primeira Copa Biosbardia, unha nova modalidade na que dous equipos de tres escritores competirán entre si durante case un mes. E en abril publicaremos os duelos da Liga da Primavera 2022.

Na futura liga haberá varios cambios. A máis importante, a súa mecánica e cronograma. Se até agora os duelistas tiñan que escribir e comentar en quendas semanais, desta volta os participantes na liga terán que ter os seus relatos prontos antes do propio inicio da liga. Deste xeito reducimos o estrés competitivo (que aumentara moito tras introducirmos trabas en cada duelo) e procuramos que durante a propia liga, os duelistas se concentren en comentar os relatos dos seus compañeiros e compañeiras, unha parte que consideramos fundamental nesta experiencia literaria.

É por iso que mudan os tempos de inscrición. Velaquí o calendario:

Até o 10 de xaneiro: inscrición aberta para calquera que teña ganas de escribir, aprender, sufrir unha chisca e pasalo mellor do que nunca puideron imaxinar.

Entre o 10 e o 17 de xaneiro os participantes recibirán as súas tarefas e publicaranse en Biosbardia as bases e o elenco da liga.

Até o 10 de abril terán tempo de enviar todos os relatos da liga.

Os duelos publicaranse a partir da última semana de abril.

Desta volta, a liga será unha homenaxe ao cinema. As imaxes e algunhas das trabas terán que ver coa historia do celuloide.

Outros proxectos

No 2022 queremos crear torneos paralelos ás dúas ligas anuais co que denominamos torneos exprés. O primeiro deles será a I Copa Biosbardia, na que experimentaremos por primeira vez con equipos de duelistas (seis participantes repartidos en dous equipos), con novas trabas “literarias” e un elenco no que haberá dous campións de liga.

En febreiro convocaremos a I Batalla Biosbardia, unha competición todas-contra-todas de microrrelatos con tres xornadas de duración.

En marzo teremos o I Torneo de Inicios de Novela, onde os participantes terán que presentar o comezo dunha obra literaria longa (entre 7.000 e 10.000 caracteres) con dous niveis de comentario/puntuación; antes da valoración dos demais participantes e despois das súas recomendacións e críticas.

Para inscribirte na Liga da Primavera, na Batalla ou no Torneo de Novela só tes que enviar un correo a biosbardia@gmail.com.

Esperámoste!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s