‘O truco’ vs ‘Miña mamá’

Tragasabres.

Xornada 1 da I Copa Biosbardia. Segundo duelo entre O Teamdalos e Botánica Aplicada.

Traba: O relato é do xénero de terror.

O truco

O truco non pode ser máis sinxelo. Un ergue a cabeza en liña recta coa espada, abre a boca e deixa pasar o gume trucado ata a gorxa, onde os bordes se deteñen e ceden ante a presión da man. Lentamente, deixas que o gume se pregue en si mesmo, guiado pola fenda oculta. Desfás o movemento e levas o público no peto. Tan sinxelo coma iso. Pero esta vez a espada choca contra a boca, sen ceder, e o Tragasabres preme o mango sen entender.

Diante del o teatro agarda silencioso. A pesar da representación, o simbolismo do xogo coa morte hipnotiza as vontades máis débiles e as demais, no clímax do acto, permítense o pracer da ficción. Cunha cerimoniosa reverencia, o seu axudante entrégalle a folla e retírase onde os focos non o alcanzan. Ninguén interrompe o mesmerismo e todos observan como o artista, estático, percorre coas mans o corpo da arma, coma un paso máis do espectáculo.

Pero non hai espectáculo, porque non hai fenda trucada. Tampouco o fío é de latón. É un gume de aceiro o que ten agora aloxado no ceo da boca. A sospeita, suxeita dun espírito terrible, cae sobre el ao mesmo tempo que a folla, máis pesada, agora que a recoñece. Intenta empuxar coa lingua pero o gume traza nela o seu contorno e un sabor metálico inúndalle a gorxa, afrouxándolle a mandíbula. 

Débil, a glote dilátase e a espada, en precario equilibrio ata entón, afúndese uns centímetros. Antes de ser consciente dela, o metal afogáselle, arrincando arcadas que fan tremer a parte do sabre que aínda sobresae por encima da súa cabeza. Por un segundo a textura da cartilaxe e a da arma confúndense e o Tragasabres ten a gorxa metálica.  

O gume avanza cego polo seu propio peso e o peito deformase baixo a camisa. A imaxinación, lúcida pola dor, traza o reptar dun parasito. O artista intenta lanzar algún xesto de auxilio, pero os brazos marcan o tracto do gume con cada movemento, extirpándolle nervios enteiros. 

Sente que ten o corpo cheo de teas de araña que están a apartar. Intenta ollar por axuda pero a cabeza, desarticulada pola espada, está fixa no teito. Berraría, pero o aire que escapa dos pulmóns esvara sen consecuencia entre as cordas destripadas. No peito segue a sentir o tracto do parasito, pero o tacto invisible que o rodeaba esvaécese con cada cabezada deste. Séntese oco.

As mans tiran da empuñadura cada vez con menos forza, e o gume responde con movementos simétricos, abaixo, onda as teas de araña. Apenas quedan. O público agarda o desenvaiñamento triunfal e o Tragasabres suxeita inmóbil o pomo, cun redobre de tambores que xamais termina.


Miña mamá

—Estás seguro? Tes o rei moi descuberto.

—Mmmm… Que tramas, raíña branca?

—Xa veremos, cabaleiro negro. 

—Un días destes vas ser miña, xa verás.

—Es mellor ca min cando tiña a túa idade, pero inda tes moito que aprender.

O teu riso escurece o sol de verán que nos baña no xardín. Moves a túa raíña, triunfal, xusto ao oco que eu che deixei. Es tan previsible que resulta aburrido ata deixarche gañar. Non te quero pola túa intelixencia. Finxo sorpresa, fágome o neno mentres a miña mente debulla as pezas do taboleiro da túa vida. 

O tempo que paso sen ti é unha marabunta de segundos a comerme a razón. As túas mañás perténcenlle a Eduardo e as noites ao capitán, só te teño dúas horas polas tardes. A mestra que manda o seu fillo morrer á escola, vaia exemplo, mamá. Estraño a intimidade que nos brindou papá tras a súa morte. Tanta pena tiñas que me metías na túa cama sen sospeitar o pouco que quedaba de neno en min. Lembro o teu aroma, o teu tacto, ver os teus peitos na boca de Eduardo, sentir o seu sabor cando xa ninguén máis ca min ficaba esperto e famento nesa cama. Porque metiches o capitán na casa, por que? Tan soa te sentías ao meu carón? Obrigáchesme a xogar un complexo xadrez a todas as horas. Permutacións, combinatoria, anticipación; constrúo obsesivamente o gambito que te ate a min para sempre. A Eduardo encantoulle o fakir aquel do circo ao que nos levaches, tragando aquela folla coma se nada. Compreille comics sobre o tema, ata lle leo contos. Xa puxo un nome e todo, o gran Edwick Tragaferros! Só quere a aprobación do seu irmán maior, nunca tivo pai, é fácil guialo. O capitán gábanos tanto que no seu despacho non hai fechaduras para nós, sabe ben cal é a chave do teu querer. O que máis fascina a Eduardo é a súa colección de espadas. A ti non che gusta nada iso, de feito foi motivo da vosa primeira rifa seria. Os nenos non deben xogar con armas, pódense mancar. Pero o capitán é un inconsciente e Eduardo… é tan cativo e curioso. Imaxínoo collendo o afiado sabre de enriba da mesa, abrindo ben a boca. Poñendo a proba o estómago do incrible Tragaferros. Será capaz ou haberá que botarlle unha man? Hoxe o capitán tiña partido de polo, volveu deixar os seus escintilantes tesouros á vista dun neno aburrido. Estou ben aquí, mamá, pero tamén podo escusarme e ir xogar con Eduardo aos fakires, podo ata gañar, mamá. Podo causarche tanta dor que me teñas que meter de novo dentro. Que me teñas que abrazar tan forte que deixe de existir. Que me engulas coma unha espada ardente que che atravese o corazón e te devore ata que non quede nada. No meu taboleiro esfameado só hai sitio para unha raiña branca.  

—Xaque mate, cabaleiro.

5 comentarios en “‘O truco’ vs ‘Miña mamá’

  1. Dos tres duelos desta semana, penso que este foi para min o máis disputado. Penso que os dous relatos conseguiron aproveitar con bo senso o motivo do tragasabres (ás veces pode parecer con estas cousas que se meten un pouco con calzador, e non de xeito orgánico), un deles convertíndoo no seu eixo case único e o outro insertándoo nun universo familiar.
    De “O truco” gústame a súa ambientación indeterminada, co ton a oscilar entre o manual de instruccións e a narrativa ficcional propiamente dita. Lembroume un pouco os relatos de terror decimonónicos nos que o medo provén do propio corpo e o seu funcionamento (como “The Tell-Tale Heart” de Poe), que no fondo teñen un aquel de terror polas cousas que a ciencia daquela estaba a revelar de nós mesmos. Neste sentido, paréceme que nalgún momento se cadra se cae algo de máis na descrición anatómica; igual cun parágrafo ou dous menos non se perdía tanto.
    “Miña mamá” foi o que me causou máis terror propiamente dito! Gústame como se vai pintando esta situación familiar (un lugar común, recoñecible, un pouco como no primeiro relato, que non circunscribe o relato a unha época en concreto) con pinceladas. A alternancia entre diálogo e cuase-monólogo interior non me rematou de funcionar; desde logo que para min o mellor é o segundo destes elementos.
    Como dixen duelo moi disputado, pero o meu voto vai esta vez para “O truco”.

  2. Os dous relatos constrúen o terror de xeito moi natural, pero en situacións distintas.
    O primeiro é máis evidente, pois xa dende o comezo mesmo do relato sabemos que o sufrimento físico vai ser o principal.
    Pola súa banda, no segundo atopamos unha situación máis cotiá na que podemos ver o que vai par pero que non é tan evidente. É dicir, aquí funcionan mellor os mecanismos de intriga e de contención.
    O meu voto vai para “Miña mamá”.

  3. Segunda votación, imos aló! Os dous relatos me parecen de moita calidade, pero penso que os gustos persoais aquí dan moito peso á valoración, ao ser o terror un xénero que vai a tocar fibras e sensibilidades.

    ‘O truco’: Gustoume moito e atrapoume. En plan vicio gore de querer máis… pero logo fíxoseme demasiado longo. Non creo que haxa que encher por encher o relato, e menos se é tan bon e engaiolante. Hai partes que me resultan confusas, pero en xeral paréceme moi ben escrito e estruturado, quitando o que xa dixen de que lle sobra repetición (poida que falte algo de historia no seu lugar? Non o sei, non mo parece).

    ‘Miña mamá’: Outro relato que atrapa, pero non me fai querer máis, a verdade. É de valorar que un relato que pretende ser de terror deixe mal corpo, obviamente, pero fíxoseme maquiavélico de máis. Non me gusta a estrutura, sempre me parece abrupto comezar cun diálogo descontextualizado e logo meter un monólogo interior petado de información e sentimento. Pero tampouco sei como se pode conseguir o mesmo efecto doutra maneira… Será cuestión de gustos.

    O meu voto vai para ‘O truco’.

  4. Pido perdón ós autores e autoras deste duelo porque sei que os meus comentarios son propios dunha repunantiña. Entendo que a traba ‘terror’ se entendeu dun xeito moi amplo (normal, se pensamos en toda a riqueza temática, estilística e narrativa do xénero), mais cústame ver en ‘O truco’ e ‘Miña mamá’ exemplos de literatura terrorífica. Identifico tensión-terror nos eventos que se narran, mais non na forma que se usa para narralos.

    ‘O truco’: ese momento de tensión no que o tragasabres é consciente de que a espada non ten truco está, creo eu, desaproveitado. Un artista que deixa o número a medias é un artista acabado, así que o noso comegumes tira para adiante, mais o autor ou autora prefire centrarse na parte máis física do enfrontamento carne-espada que no pánico que podería sentir un artista diante dun público esixente que quere que o espectáculo siga sen que as circunstancias importen. Creo que aí hai fío do que tirar. Polo demais, o texto está moi ben escrito,

    ‘Miña mamá’: a historia resultoume forzada. Para ser un texto breve, apúntanse unha chea de conflictos que embarullan a narración. Está a relación do narrador coa súa nai, da nai co outro fillo, da nai co capitán e dos dous irmáns entre eles. Por unha banda, dalle profundidade á historia e crea un contexto complexo; pola outra, paréceme que dificulta a inmersión do lector.

    O meu voto vai para ‘O truco’.

  5. Vaia, un moi bo duelo, dous contos de boa nota e entre os que custa escoller, a verdade. Non vou seguir eu coa polémica de Érica Couto do terror, que entendo por onde vai. Con todo, nos dous vexo eu un algo de terror, se cadra unha especie de gore físico, non sei.

    O truco
    Gústame a idea e a súa sinxeleza. Un truco que sae mal, o pánico que se desgrana. Non precisa nada máis e non sente a necesidade de andar con florituras de ambientación que só restarían a esa estrutura espida. Penso que mantén ben o pulso da narración e consegue o máis importante con este esquema, que é ir aumentando a tensión e gardar un clímax horrible para o final. Gústame en particular a última frase.

    No haber, estou coas compañeiras que indican que lle sobra carne. O ton case de manual anatómico horripilante conséuguese con dous parágrafos e entrar demasiado en detalle eu creo que resta forza a súa baza que é a sinxeleza. Probaría a intentar escribilo na metade de palabras e creo que se conseguiría o efecto con máis golpe.

    Miña mamá
    Neste conto pasan moitas cousas. Hai bastantes personaxes e as relacións entre eles son complexas. Non digo que sexa demais para un conto deste tamaño, pero si que nese caso explicar esas dinámicas ten que ser onde van todos os recursos. E en cambio o autor creo que se deixou fascinar por todos os elementos que se lle ocorreron e ao final a amalgama é excesiva. Para min había que escoller ou xadrez ou tragasabres (o tagrasabres ademais de pola pexa penso que é mais suxestivo e empata mellor co final), e tamén creo que o diálogo inicial perde tempo e palabras en explicar así asá o que despois vai vir con moito mellor tino no monólogo interno, que nas súas primeiras liñas é bastante bo.

    Gústame o final, o ton e o punto malvado que destila, en xeral penso que hai boas ideas no conto pero faltou saber dicir que non a algunhas delas.

    Este foi quizais o que máis me custou escoller, vou votar por “O truco”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s