‘Vernichtungsbefehl’ vs ‘Conto de Nadal’

Morte por «chispazo».

Xornada 1 da I Copa Biosbardia. Duelo entre Botánica Aplicada e O Teamdalos.

Traba: O relato debe inspirarse na película Dogville, de Lars Von Trier.

Vernichtungsbefehl

Cando os alemáns chegaron a Namibia ofreceron o aceiro e o vapor, a electricidade e o gramófono. Só pediron a cambio un cachiño de terra, para os fillos dos pobres que non tiñan onde botar unha pataca ou con que criar un porco. Os hereros preocupáronse, mais ao final convencéronos as promesas dos seus xefes. 

Os barcos trouxeron música e abrigos de pel. E familias de labregos e pastores europeos, que se atrapallaban ao ler o ceo austral, que gustaban dunha festa, de esponxarse no alcol. Coma eles.

Os hereros concedéronlles terras aos colonos e aprendéronlles a tirarlles proveito. Avisáronos de que máis alá do horizonte abría a bocaza un deserto. Explicáronlles a lei: non era de ben abusar das súas fillas nin meter o gando no prado comunal. «Mais os alemáns temos outras leis», contestaron, «máis sabias, máis vellas». Cando un herero se equivocaba, lle aplicaban esa afastada lei. 

Un dia, cando os alemáns xa coñecían o ceo, as pestes e o sabor da terra, pedíronlles aos hereros intercambiar as terras. As terras máis fértiles criarían vacas que criarían coiro que criarían abrigos de pel alá en Alemaña. Era xusto que así fose, para os labregos e pastores africanos calquera torrón bastaba. 

Desta volta non valeron as promesas dos xefes. A alianza acabara. Era hora de volver á lei. Os guerreiros pedíronlles forza e habelencia aos espíritos dos seus antepasados.

Volveron os barcos, chemineas fungando vapor, aceiro de grillóns, estrondo de fusís, claríns de batalla. O xeneral contoulles aos seus homes que na sola das súas botas traían a semente da civilización. O exército alemán venceu, seguindo estritamente as tácticas da Preußische Kriegsakademie, da civilización. Os que non caeron derrotados no combate fuxiron ao deserto. Era a estación seca.

O xeneral ordenou a Vernichtungsbefehl: calquera herero que entrase en territorio alemán sería exterminado. Sen terras, sen auga, oitenta mil deles foron obrigados a esperar a morte. Cando a estación das chuvias chegou, as patrullas alemás foron atopando esqueletes ciscados ao redor de pozos enxoitos. Os hereros cavaran infrutuosamente, procurando chegar ao nivel do mar, dixeron. Non era certo. Tan só quixeran desaparecer tan fondo tan fondo na terra que onda os seus ósos ningún alemán puidese chegar. Co seu vapor, co seu aceiro…


Conto de Nadal

O BMW deixa a estrada e métese por unha pista de terra. Ó volante o Polgar segue sen falar, leva a pistola no cinto e o peito cheo de carraxe. Mira o reloxo e sabe que non vai chegar á cea de noiteboa.

—Sabía que ías traer mala sorte. En canto te vin. Que che fixo a ti o Ramil? Non che levaba el, que ben o sei eu, un pouco de chocolate todos os días? E á primeira córtaslle a gorxa. É que non se  pode ser bo. Non se pode, ou acaba un no maleteiro coma el. Crías que sacarte daquel buraco de merda ía ser gratis? Pero quen te cres que es, a Trotski das putas? Ías facer a revolución ou que cona estabas pensando?

Na parte de atrás vai deitada unha rapariga. Leva posto un putidisfrace de Virxe María e as mans atadas ás costas. Recibiu unha tunda, pero está esperta. Na radio botan panxoliñas e o asento cheira a suor. O coche detense preto dunha sima. O Polgar faille arrastrar á rapaza o corpo do Ramil ata a beira, pero para ela é imposible. Cada vez que para, el dálle un trompazo. As luces do coche alumean o lugar, o silencio é tan profundo que os coros de Noite de paz soan cun estrondo aterrador. Cando ela non é quen de continuar, o Polgar saca a pistola.

—Sabía que ías traer mala sorte. Sabes por que? Porque se che nota que non tiveches mais ca iso na vida. Mírate, es tan animal que nin chorar sabes.

Unha besta de cabeiros retortos cruza diante deles coma un lóstrego, levanta terra cos pezuños e brúa coma se viñese escapada do inferno. O Polgar dá un chimpo e tíralle dúas veces. Despois queda un intre sen saber onde apuntar ata que un tiro de escopeta lle cisca os miolos na frouma. Deseguido aparece un can tras o rastro do xabaril e tras del un home maior coa dous canóns. Leva botas pero vai en pixama, cunha chaqueta por riba e unha viseira na cabeza. Mira abraiado a Virxe Puta alumeada polos faros do BMW, coas voces celestiais dos anxos cantando arredor dela. Fíxase nas pernas espidas, nos peitos que se transparentan, na cara chea de golpes. O can ladra, quere seguir coa persecución. 

—Cala, Trotski! Papá vai facer un traballiño aquí e xa despois seguimos.

O home comeza a espirse con ansia. Cando está quitando os pantalóns sorpréndeo unha pedra no medio da fronte e cae co sentido perdido. O can rósmalle á rapariga ensinando os dentes. 

—<Estás enfadado porque lle batín. Trábame se queres>.

Ela anícase e ofrécelle unha man. O can ensínalle os dentes. Despois vaise deitar onda o dono. 

—<Es un bo can. Ti sabes perdoar>.

A rapaza pon o gabán do Polgar e recolle as armas do chan. Métese no coche, busca unha dirección no navegador e acende o motor.

Jingle bell, jingle bell, jingle bell rock
Jingle bells swing and jingle bells ring

5 comentarios en “‘Vernichtungsbefehl’ vs ‘Conto de Nadal’

  1. Estes dous relatos pareceume que son bos intentos de tratar literariamente de forma seria situacións onde a violencia é sistemática, sen (moitas) estridencias e sen (moitos) moralismos.
    “Vernichtungsbefehl” pareceume que ten un control envexable do estilo e da linguaxe, contando estes feitos históricos como unha especie de lenda ou fábula no que non hai personaxes individuais propiamente ditos. Curiosamente pareceume que unha das poucas cousas que lle sobran é a frase final. Aínda que, como dixen antes, non me semella que caia en excesivos moralismos (a situación de dominio que describe xa é bastante deplorable de por si), si que lle pode sobrar algunha que outra cousiña aquí e alí.
    “Conto de Nadal” penso que consegue trasladar á linguaxe escrita con bastante éxito algúns dos tropos e do estilo que coñecemos polo cine, se cadra máis Tarantino ca Von Trier neste caso. Neste sentido, porén, igual algún dos parlamentos (sobre todo o primeiro) resultan longos de máis, axeitados para a linguaxe audiovisual pero se cadra non tanto para a linguaxe escrita. O ton de viñeta que non sabemos ben de onde ven nin para onde vai resulta atractivo.
    O meu voto vai para “Vernichtungsbefehl” precisamente por ese control do estilo e a linguaxe.

  2. Os dous relatos trazan moi ben dúas situacións violentas nas que o macabro ten un papel importante, e somerxen ao lector nese mundo de terror.
    Con respecto ao primeiro, nel destaca a linguaxe e os mecanismos da intriga, que se reactivan pouco a pouco.
    No segundo, o que máis chama a atención é que se trata a vinganza dende unha ollada nada maniquea nin reduccionista, cunha linguaxe que consegue falar tamën da violencia do mundo actual sobre todo a exercida contra as mulleres.
    O meu voto vai para Vernichtunsbefehl polo seu manexo da intriga e por ser capaz de contarnos a historia doutro xeito,

  3. Vaia, pois este foi o primeiro duelo no que votei, mais parece que non se gardou o comentario. Todo o meu odio para WordPress e as miñas desculpas para os contrincantes.

    Comezaba o meu comentario dicindo que non vin Dogville, pero coido que a miña procura en Google foi abondo para comprender as ambientacións dos dous relatos. Por certo, dúas moi boas historias.

    ‘Vernichtungsbefehl’: Gustoume moito a estrutura e o ritmo da historia e, aínda que obviamente predecible, paréceme moi ben narrada e interesante. Só lle vexo de pega un pronome que me renxe (“Cando un herero se equivocaba, lle aplicaban esa afastada lei”). A min non me disgusta o peche, aínda que me parecería máis impactante en dúas frases separadas cun punto.

    ‘Conto de Nadal’: Unha moi boa historia, bastante ben narrada, aínda que a temática non é do meu gusto. Neste caso o ritmo e a estrutura non me parece que funcionen tan ben. O final paréceme algo apurado, pero o que máis me renxe é o exceso de información. A primeira intervención, posta antes do parágrafo que a explica, é moi difícil de procesar. Sei que esta pode ser unha opinión pouco popular, pero a min ter que reler un texto ou parágrafo varias veces só para poder comprendelo non me parece algo positivo.

    Vai o meu voto para “Vernichtungsbefehl”.

  4. Empezamos! Os torneos literarios que organiza Biosbardia son sempre de alto nivel e, desta vez, volvemos disfrutar de textos orixinais, de calidade e imaxinación.

    ‘Vernichtungsbefehl’ está escrito con xeito, o autor ou autora demostra habilidade narrativa e poder de evocación, sabe marcar o carácter oposto das dúas etnias, dos alemáns e dos hereros, e constrúe unha historia de dominio e opresión mantendo un ton de fábula que adquire un perfil atemporal. Coido que ‘Vernichtungsbefehl’ ten unha relación máis directa co tema de fondo da película ‘Dogville’.

    ‘Conto de Nadal’. Ben escrito tamén, aínda que o tema da mala vida (o trapicheo, a prostitución, a violencia con pistola en man, etc.) me resulta mallado de máis.

    O meu voto vai para ‘Vernichtungsbefehl’.

  5. Comezamos este torneo por equipos, a ver como se porta o formato. Xa de saída un duelo bastante interesante. Eu vin hai moito tempo xa Dogville e aínda así creo ver por onde foron as dúas propostas na película, coa visitante que vén de fóra, as informacións veladas… Dúas propostas moi distintas que fían o mesmo tema.

    Vernichtungsbefehl.
    Un conto moi sólido, que escolle contar unha historia longa en poucas palabras tirando dun ton case de fábula. Para esta escolla hai acertos no ton e no ritmo da sintaxe, mesmo na distribución dos parágrafos. Sabe que ton quere e todos os recursos van nesa dirección.

    É certo que non penso que sexa moi orixinal na maneira que trata a temática da colonización. Bebe de referentes como Achebe e en xeral a historia hoxe aceptada do que foi a colonización africana, si, pero non intenta nada especialmente novo con estes vimbios. Podería quizais buscar algún elemento que significase un pouco o relato, que o fixese destacar. Neste sentido a mellor idea do conto é o deserto onde se foxe, pero creo que comete un erro o autor de rexistro ao presentalo con “bocaza un deserto”. A min persoalmente ese “bocaza” sácame do tono e lúe un pouco o elemento que penso que debería ser o máis potente.

    Tamén quería mencionar o asunto dos pronomes. Aparte do que está mal colocado que menciona Sabela, no primeiro parágrafo e nese segundo hai en xeral un uso dos pronomes que non me gusta moito.Sinto que son unha marca redundante en moitos casos aquí, a propia lóxica do narrado indica as direcións e poñer tamén os pronomes acaba dando en frases pouco elegantes, eu intentaría buscar outras construcións.

    Conto de Nadal

    Moi distinto do anterior por temática, ton e técnicas empregadas. Comentan as outras membros do xurado que ten moito de cinematográfico e concordo, de feito creo que é algo que neste caso vai un pouco en contra do conto. Parece que hai un uso un tanto prosaico da linguaxe, como de guión de cine, non se intenta moito con ela. Isto fai que os diálogos sexan ao mesmo tempo quizais o mellor do conto, imitando o rexistro oral e que destacan entre o resto; mais tamén o mais frouxo, porque intentan meter nese rexistro moita información que ninguén soltaría así de seguido. Curioso.

    Nesta liña tamén creo que hai un ritmo un tanto atrapallado en certos parágrafos de narrador, algunhas frases que quererían pulir para construír un ritmo máis deliberado, eu creo que para este conto, quizais máis frenético.

    No positivo, a diferenza de Sabela, eu creo que o que máis me gusta do conto é como emprega o foco e a xestión de información. Esa leve confusión de a quen estás seguindo en cada momento traballa en prol da atmosfera de certo caos de baixo fondo, como se todos estivesen mirándose ao mesmo tempo nun duelo. Entendo que era esta a baza , a de un chisco de confusión, é coa que o conto quere lanzar o punch da súa historia e paréceme un risco interesante.

    Voto por
    Vernichtungsbefehl

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s