‘Unha rapaza de provincias’, unha noveleta ben medida

Cecilia F. Santomé.

Eva Moreda.

Unha rapaza de provincias (Xerais, 2021), segunda obra de ficción de Cecilia F. Santomé e primeira publicada nunha colección para adultos, é unha noveleta de lectura moi gratificante: hai dominio da voz narrativa e sentido da economía do relato e non hai estridencias nin efectismos. A novela conta a historia de Carme, a rapaza de provincias do título, que no verán de 1979 se traslada para servir a Barcelona, cidade onde xa vive unha súa irmá, Pilar, co seu home. O tema da emigración galega a Barcelona non é que estea falto de precedentes na nosa literatura (mesmo se pode dicir que gozou dunha certa fortuna nos últimos anos), nin tampouco é unha novidade que se adopte unha perspectiva feminina para tratalo (aí está o relativamente recente O paxaro de nácara, de Pura Salceda), pero Santomé realiza aquí unha achega moi destacable.

É destacable sobre todo pola naturalidade e inmediatez da narración. Narrada en presente, a novela deita os seus mellores momentos cando as accións dos personaxes se describen case de pasada, resumindo nun parágrafo varias horas ou mesmo varias días, dando conta de comportamentos repetidos e rutinas que no fondo son os que configuran o ambiente que estas rapazas (hai tamén casting de secundarias: criadas e señoras, principalmente) atoparon ao chegaren a Barcelona. Isto é o que atopamos sobre todo a medida que a novela vai avanzando: nas primeiras páxinas pareceume que había algo máis de prolixidade se cadra innecesaria no describir cada movemento ou cada acción dos personaxes, pero isto logo desaparece. 

Os detalles históricos están tamén, en xeral, ben elixidos: Santomé renuncia a facer de narradora omnisciente e enciclopédica, e prefire mostrar o espírito da época a través de moi breves referencias –tamén ben encaixadas– sobre a situación política do momento, ou sobre a coexistencia do catalán e castelán en Barcelona na altura.  

Os diálogos, sen que se vexa unha intención manifesta por recrear a oralidade, soan naturais. Pregunteime se non habería un abuso de fraseoloxía traducida directamente do castelán, en lugar de buscar expresións máis enxebres, pero penso que, en conxunto, estas contribúen á impresión de naturalidade e autenticidade –sen man férrea por parte da narradora para levar a historia por este ou aquel camiño– que transmite esta novela.

♦ Unha rapaza de provincias, de Cecilia F. Santomé. Xerais, 2021. 104 páxinas. ♠16€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s