Baroja ante o espello. A visión de Sánchez-Ostiz

Miguel Sánchez-Ostiz.

Xesús González Gómez.

Collo na biblioteca do barrio Pío Baroja, a escena. Una biografía a contrapelo, de Miguel Sánchez-Ostiz, que é a versión corrixida e aumentada da que no 2006 publicara Espasa-Calpe. No curto prólogo, Sánchez-Ostiz informa sobre as vicisitudes (e desgrazas) desta edición de Espasa, boicoteada, case dende un principio, pola propia editorial… e por outras instancias, persoas e institucións. Para min, que o boicot non foi á biografía de Baroja, que tamén, senón á persoa, xa que logo, á obra do escritor navarro: un grande escritor. Poeta, novelista, articulista de xenio, etc., Sánchez-Ostiz non goza, na denominada gran prensa, do «cartel» que merece. Este boicot contra o autor de Tánger Bar vén de lonxe, como demostrou no seu día Víctor Moreno (outro deses nomes boicoteados pola «gran prensa») no traballo «Un caso de recepción crítica: Las Pirañas, de Miguel Sánchez-Ostiz», recollido nun libro que, que se saiba, non se comentou en ningún dos suplementos literarios desa prensa, da que aínda existe e da que desapareceu, pero gozaba de moito «caché» no seu día, como Diario 16 e o seu suplemento literario: estamos a falar de De brumas y de veras. La crítica literaria en los periódicos (Pamplona, Pamiela, 1994); libro, como todos os de Moreno, publicados co seu nome ou cos seus pseudónimos, altamente recomendábel. No citado traballo albíscase, aínda que quizais non era esa a intención primixenia do seu autor, o boicot cara á obra de Sánchez-Ostiz, un dos grandes novelistas españois actuais. Digamos que nos últimos anos ese boicot acentuouse mercé ás posicións morais, políticas, xa que logo, do escritor navarro. Posicións políticas que deitan naturalmente da súa posición moral. É dicir: a moral comanda a política, ao contrario do que adoita acontecer cunha serie de escritores e opinadores dos que mellor, nestes momentos, é esquecerse.

***

Existen, sábese, moito tipos ou clases de biografías. Normalmente, mesmo que a biografía sexa à rebours, a contrapelo, a biógrafa, o biógrafo, acaban atrapados pola síndrome de Estocolmo con respecto ao suxeito do seu estudo. Ás veces, porén, para fuxir desa síndrome, o biógrafo, a biógrafa, carga as tintas, como ocorre por exemplo nese libro titulado Baroja o el miedo, de Eduardo Gil Bera (Barcelona, Ed. Península, 2001). Non obstante, e malia os vixiantes da pureza da literatura española, tipo Ricardo Senabre e outros, recomendamos encarecidamente a visita ao libro de Gil Bera. O que queremos dicir é que sempre é difícil para unha biógrafa, para un biógrafo, escapar ao «encanto», á atracción que exerce sobre el o suxeito do seu estudo. Hai outras biografías nas que o autor ou autora se limita a amorear textos, datos, informacións, conxecturas, sen entrar nunca nas zonas últimas da creación. En fin, poderíase afirmar, sen medo a caer en erro, que o 99% das biografías (de escritores, pintores, músicos, etc.: xa non digamos das de políticos, actores e outras especies) son, simplemente haxiografías. E non vou citar título ningún: que a/os curiosa/os se limiten, simplemente, a fozar no apartado biografías das bibliotecas públicas ou das librarías.  

En Pío Baroja. Una biografía a contrapelo, a historia da vida do escritor é contada desde o punto de vista deste, mais tamén hai que dicilo, o que para min é un «tanto» a favor de Sánchez-Ostiz, dá a impresión de que o autor bota man, moi sutilmente, dun xeito case que imperceptíbel para o lector, do que se deu en chamar «distanciamento brechtiano», ou mellor dito, máis que do «distanciamento brechtiano» o autor uso daquilo que Antonio Gramsci denominou «afastamento-comprensión», cuxo elemento estilístico adecuado é, afirma o revolucionario italiano, o sarcasmo; «e aínda mellor unha forma determinada, o “sarcasmo apaixonado”» (engadamos que para o italiano «os fundadores da filosofía da praxe áchase a expresión máis alta, ética e esteticamente, do sarcasmo apaixonado»). Este «sarcasmo apaixonado» permite, entregando ao lector, como debe ser nunha biografía, un sentimento de proximidade co suxeito estudado, unha obxectividade crítica, tanto por parte do autor como por parte do lector. Obxectividade crítica que se ve aumentada, por outra banda, ao non presentar o autor da biografía o suxeito do seu traballo desde unha única posición crítica. Outro dos acertos, para min, desta biografía a contrapelo, é que Sánchez Ostiz a presenta como unha maneira posíbel de percibir o mundo: percepción por parte tanto do biografado, como do autor e do lector. Ao cabo esta biografía é algo así como o rexistro dunha experiencia, non esencialmente como unha obra; ao longo das páxinas, o autor avisa de que hai momentos escuros debido a unha serie de circunstancias, que enumera e/ou denuncia e, xa que logo, non pode entregar unha visión –visión, non explicación deses momentos.

Existe tamén un tipo ou clase de biografía que adoita ser unha versión moi sutil, moi intelixente, de haxiografía. Neste tipo ou clase de biografía é aquela na que o biógrafo vai entrando na aura do biografado, asumindo os seus puntos de vista e acabando, moi amodiño, confundíndose coa súa subxectividade (coa do biografado, claro), como ben albiscou Juan José Saer. Este tipo ou clase de biografía é a que máis se estila, a que goza de mellor prensa nos suplementos literarios e nas institucións académicas… pola falsa obxectividade crítica. Finalmente, existen as biografías como esta de Sánchez-Ostiz, que o que se quere é entregar un retrato o máis «verídico» posíbel do suxeito biografado. Tipo de biografía que adoita crearlle problemas ao seu autor, como lle aconteceu a Sánchez-Ostiz. Problemas coa familia de Baroja e con bastantes departamentos de literatura española (cos seus titulares). Ao longo da obra Sánchez-Ostiz dará os nomes, xa que non ten nin medo, nin pelos na lingua, nin contraeu estraños compromisos.

Evidentemente, o retrato que se entrega de Baroja non é un retrato total, pero o lector pode seguir as súas vicisitudes, como home e como escritor, en todos os lugares en que viviu o escritor vasco e, sobre todo, percibir que os Baroja eran unha tribo. De aí, tamén, as lendas, e a defensa desas lendas, montadas con posterioridade á morte do escritor polos seus familiares, polos seus herdeiros. Saberá tamén das teimas, dos odios contra outros escritores (Valle Inclán; Unanumo; o pintor Solana, mesmo Ortega y Gasset[1]), contra a «bohemia», e mesmo dos amores do escritor; saberá das súas mentiras, da súas fraquezas e das súas «grandezas», do seu odio á «modernidade», do tempo barojiano no franquismo, dos novos escritores españois como Martín Santos ou Juan Benet que se achegan nun momento ou outro a Baroja, coñecerá as lecturas barojianas desde os seus inicios como lector, saberá do amor polo «folletinistas», etc. etc. Por outra parte, nesta biografía desfanse cantidade de mitos que rodeaban, e rodean aínda, a vida de Baroja: por exemplo, segundo a lenda o volume Comunistas judíos y demás ralea, publicado en 1938, fora unha recompilación do prologuista do volume, o fascista Ernesto Giménez Caballero. Como diría un posmoderno: «De eso nada, monada». O libro foi montado polo editor de Baroja (Ruiz-Castillo) e polo escritor, etc., etc.

Pio Baroja.

Pío Baroja, a escena lese con facilidade debido ao saber narrativo do seu autor, á súa estrutura, que sempre mantén a biografía do suxeito dentro dunhas coordenadas moi ben delimitadas, e, tamén, debido á escrita, ou sexa, ao estilo de Sánchez-Ostiz, que sabe conxugar coloquialismo e barroquismo… como nas súas obras narrativas. Por outra banda, está claro que o autor utilizou unha moi ampla bibliografía sobre Baroja e leu se non as súas obras completas, case, o que lle permite corrixir os erros de certos catedráticos de literatura que, como afirma, se os cometesen os seus alumnos os suspenderían

Por último, e para non alongarnos máis, o saber narrativo consegue producir un sentimento moi claro no lector: o tempo que pasa, no canto de ser estritamente lineal, forma no libro unha dinámica multi-temporal, o que lle impide ao autor desta biografía describir o suxeito do seu estudo, é dicir, o escritor e home Pío Baroja, mediante mini-diagnósticos ou mediante unha conclusión definitiva. Semella como se o escritor navarro seguise o consello que daba Wittgenstein aos filósofos: «Non digades, mostrade». Velaí que o fai o autor desta biografía, sen pudor e sen medo, con paixón, con sarcasmo apaixonado, mais sen acabar de «estragar» o home Baroja, que ás veces dá a impresión de ser carne de psiquiatra ou de psicanalista: misóxino, antisemita sen recato[2] –como titula o capítulo do libro dedicado a ese tema, p. 629-639, demostra implacabelmente e contra os que intentan mitigar o semitismo do autor de La busca–, conservador con trazos reaccionarios, que «asoma donde menos se lo espera el lector» e que conviviu co franquismo: sempre falou das barbaridades do lado «vermello» na guerra civil e pasou por alto as barbaridades franquistas. Foi franquista? Talvez non, pero como afirma Sánchez-Ostiz, despois de 1936, quizais un pouco antes, Baroja fuxiu do presente e foille imposíbel «el desembarco en la realidad que le está tocando a vivir» (p. 551), o que en certo modo descualifica as novelas posteriores a 1939), antimoderno en literatura, e non só, e non no sentido que lle dá á palabra Antoine Compagnon… E é que Baroja «en sus ideas y hasta en sus gustos personales, es más bien un hombre del Antiguo Régimen», é dicir, liberal –el autotitulábase tal– mais sempre amante de gobernos autoritarios.

En fin, unha biografía na que se presenta a Pío Baroja tal cal, por así dicilo. Unha biografía altamente recomendábel e, quizais, un modelo a seguir. E xa que estamos de recomendacións, é de lectura moi gratificante e informativa o pequeno traballo de Manuel Vázquez Montalbán,«La pervertida sentimentalidad de Pío Baroja», que aparecera en 1972 no volume colectivo Barojiana (Taurus) e que está recollido en El escriba sentado (Barcelona, Crítica, 1977), traballo no seu día mal visto por académicos barojianos e que ensina máis sobre o escritor vasco que a maioría dos volumes argallados por eses académicos; e, xa acabando coas recomendacións, non podemos deixar de mencionar as páxinas dedicadas Baroja nese libro excepcional titulado Nietzsche en España (1890-1970), de Gonzalo Sobejano, do que recomendamos a segunda edición, publicada, como a primeira, por Gredos.


[1] Léase este «retrato» barojiano de Ramiro de Maeztu, retrato, por certo, nada «feroz» comparado con outros: «Era católico y leyó a Karl Marx y se hizo comunista. Era marxista y se hizo tradicionalista. Era incrédulo, y oyó al padre Ibarranguéta y se hizo creyente».

[2] Na p. 668, Sánchez-Ostiz reproduce estas palabras de José Antonio Aguirre Lecube: «Brutalmente perseguidos, tratados con dureza na fronteira, desprezados por moitos dos que compartían con eles os mesmos sufrimentos, non podía eu comprender que o sentido humano chegase a escalas tan baixas como para esquecer que na desgraza todos os homes son iguais. Aquelas mulleres e menos xudeus padecían e choraban o mesmo ca os meus, e unha mesma dor cravábase no corazón daqueles homes e no meu».

2 comentarios en “Baroja ante o espello. A visión de Sánchez-Ostiz

  1. Reblogged this on vivirdebuenagana and commented:
    Un artículo excelente, minucioso que invita a la reflexión sobre la escritura de las biografías, asunto con el que conversé un día memorable con Ian Gibson… no son fáciles, en unos países peor que en otros.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s