‘A sauna’ vs ‘Pai Lúa, Nai Sol’

Astros.

Xornada 2 da I Copa Biosbardia. Terceiro duelo entre O Teamdalos e Botánica aplicada.

Traba: O relato debe ambientarse no universo espacial de ‘Kullervo, a machada vingativa’, de Guillermo Rodicio.

A sauna

Chegastes cedo fuxindo do inverno que fungaba fóra. Espístevos das peles brunas e somerxestes na bañeira os corpos novos, azulados polo vento. A capilomante aquelaba aínda as ferramentas, alentaba as lapas lentas da caldeira. Apurástela con palabras feas. Queriades que entendese, unha vez máis, que era unha escrava.

Deixastes que vos desenredase o cabelo, que catase os vosos piollos, que cepillase os vosos dentes con romeu e mais borralla. Logo de vos perfumar con aceites e augaflores, a aldagela colocouvos os camisotes e as saias, cinguiuvos os brazais, os talabartes e as tiaras. Calzou os vosos pés con sandalias repuxadas.

Trabastes nos peixes moles que as cociñeiras especiaran, nas carnes que asaran nos fornos das arquimáxiras. Axitastes no aire as mans pingando de graxa. Metestes a cara enteira na talla doce das bagas.

Para cando entraron as músicas, as vosas gorxas xa cantaban embriagadas, co bafo do xenebreiro, coa malte, coa lembranza da cebada. Soaron pífanos e zanfonas, vibraron violas e mais harpas. Con pigmentos de raíces pintastes os ombros e as caras. Ouveastes himnos á lúa, confundístesvos en abrazos, celebrastes a mocidade chuchando no corpo das hetairas. 

No máis fondo da noite adormecestes cabo das derradeiras brasas.

Espernexastes en soños, a boca chea de babas. Acordastes, fedendo coma pelamios, co sol a vos mancar nas pálpebras.

A sauna quedara fría, a bañeira rabuñada con cicatrices de resaca. U-la neve? E a fogueira? As vosas peles, que se fixo delas? E dos perfumes, e dos aceites… E das escravas?

Correstes, coa lingua fóra, buscando a luz que abrasaba. Topastes gretas nos muros, vistes couza, hedra, arañas. Os templos xa derramados, os xardíns con herbas bravas.

Chorastes polas estatuas, pola porcelana branca, polo rumor das fontenlas onde a lúa se deitaba. Pola espiga debullada, polo cadáver da parra. Os vosos saloucos mollaron a terra seca da chaira.

E polo carreiro do sol, subía a montaña a pique unha caravana lánguida de fillas desencadeadas. E no alto o libro, os pais, as ovellas mais a arca. Un rumor de cabaleiros xa prestos para a batalla.


Pai Lúa, Nai Sol

A luz do serán acariñaba o trigo, roubándolle a cor, e as árbores tornaban pardas baixo a morna brisa. Polo campo enteiro resoaba o son do machado, percutindo coma un carillón que a tarde, esgotada, non deixaba de mirar.

Diante do seu fillo, Kull, heroe de Atlantis, picaba leña. Sentado detrás, baixo o mesmo transo no que caera o mundo enteiro, Kullervo contemplaba os brillos que recollía a folla en cada golpe. Nervioso, trazaba coas mans sucos na terra, sen atreverse a falar. A realidade da guerra removera cousas que aínda non debían espertar. Kull, consciente disto, falou:

—Sabes como se creou o mundo? —dixo o vello heroe, botando a mirada ao ceo, que comezaba a prenderse en chamas polo horizonte.

O neno negou coa cabeza. Á parte das obrigas diarias eran poucos os momentos que pai e fillo compartían, pero parecía que a urxencia que invadía a aldea, monte abaixo, chegara incluso alí, en forma de pregunta. 

—Este mundo, fillo meu, non era máis ca terra cando chegaron Pai Lúa e Nai Sol. Foron eles, coa súa lingua celestial, quen trouxeron auga e vida ás rochas. Das súas palabras, suaves e amables, naceron as plantas e os animais. Máis tarde, con frases enteiras, xurdiron os primeiros homes e mulleres.

Kullervo mirou, apertando os ollos, o astro que se deitaba xa sobre a cordilleira de poñente. Aguzou o oído, pero non foi quen de escoitar nada máis ca a seu pai, que seguía coa mirada en algures.

—Pero hai veces que Pai Lúa e Nai sol discuten e o ceo pártese en tormenta. Das palabras que pronuncian neses momentos, feridas e sanguentas, nacen o insulto e a violencia. Nacen homes sen corazón e coas tripas negras —di Kull mentres toma o machado de volta, recuperando a vista sobre os pés.

—E por eses homes temos que ir a guerra? Foron eles os que incendiaron Loutota? 

—Son os fillos deses primeiros homes, Kullervo, quen traspasan agora as nosas portas. Levan dentro o mesmo odio con que foron pronunciados os seus antecesores e teñen a mesma ansía por consumir o resto de palabras coas que se encheu o mundo. Por iso é o noso deber, como parte do discurso celestial, defender os froitos que tivo a doce fala sobre esta terra.

A palabra, infectada dende había días dentro do rapaz, non foi quen de saír.

—Hai que…?

—Non, fillo. Nunca matarás un home. Non lles quitarás a vida. Non temos dereito sobre iso. Devolverémolos a Pai Lúa e Nai Sol, para que poidan volver falalos e, desta vez, nazan das súas palabras homes xustos e fortes.

—Homes coma ti! —afirmou Kullervo, reafirmado pola seguridade que destila da vella e grave voz.

Kull non contestou. Volve ao traballo pero sente os músculos pesados. Sobre eles, unha decena de cicatrices trazan a súa lembranza e pensa na guerra, e na cor da sangue que verteu. Por un segundo a madeira non é tal. Crébase baixo o machado cun son cebado, brando.

6 comentarios en “‘A sauna’ vs ‘Pai Lúa, Nai Sol’

  1. Recuperamos “Kullervo”, marabilla! Para min, os dous relatos souberon replicar a atmósfera e o tipo de linguaxe do relato orixinal de Guillermo e son moi dignas lecturas. O meu duelo favorito da xornada.

    ‘A sauna’

    Encántame o punto de vista deste relato, penso que encaixa á perfección co que quere narrar e coa distancia que quere tomar. A linguaxe está usada dunha forma marabillosa e a historia, aínda que poida parecer sinxela, é completa e redonda. Iso si, mea culpa, non acabo de entender de todo… Non sei se durmiron durante moito tempo e cando espertaron xa lles conquistaran todo ou se foi cousa dunha noite e os drogaran ou aparvaran para que acontecese todo nesas horas. Con todo, pouco me importa, ambas opcións me gustan como final. Se é unha cousa distinta, dicídemo, porfa, haha.
    E a imaxe… onde está? Coido que é facilmente adiviñable coas licenzas habituais de falar do día e a noite, pero ao ser menos evidente que no seu compañeiro, canta un pouco máis.
    Por certo, que é unha “aldagela”? Procurei por “aldaguela” e por “algadela” e nada. Non me importa buscar palabras e tampouco os inventos (como supoño que é “arquimáxira”), pero esta non cola como galego con ese “g” traidor.

    ‘Pai Lúa, Nai Sol’

    Outra lenda moi ben escrita que enfía perfectamente co “Kullervo” de Guillermo, cunha linguaxe cómoda e correcta, algo poética de máis tamén, pero non ten duda. Gustoume tamén moito. Xenial que as persoas nacesen de frases. Atópolle de pega o cambio de tempo verbal, innnecesario ao meu parecer. Gústame o final. Homes nunca mataron…

    O meu voto, o máis disputado da xornada, vai para “Pai Lúa, Nai Sol”. Paréceme que captou a esencia da imaxe, do relato de Guillermo e das historias lendarias mellor que o seu compañeiro, aínda que insisto en que me encantou tamén.

    Nota ao pé: Despois deste torneo, clase urxente de comparativas e de puntuación de diálogos XD Hai moito lío cos como/coma, ca a/que. O dos diálogos non é por estes dous relatos, pero aproveito a cuña “tocahuevos” para meter todo XD

  2. Ao contrario que noutros duelos deste torneo, aquí a conexión dos relatos coa inspiración orixinal está ben clara. Se cadra é porque ambos relatos beben dunha serie de tropos ben establecidos sobre Finlandia e os países nórdicos que poden caer un pouco no clixé, aínda que ambos relatos me pareceron interesantes e meritorios por outros motivos.
    “A sauna” é un relato que me desconcertou de primeiras; moitas palabras rebuscadas, moitos cultismos que eu non coñecía, un pouco como os poetas simbolistas. Ao principio pregunteime se non sería un exemplo máis da vella táctica de intentar levar o premio a base de deslumbrar os xurados a base de rebuscar no diccionario; sen embargo, paréceme que hai tamén – aínda que non sabería explicar por que – un certo intento de distancia, de ironía, de pastiche.
    “Pai Lúa, Nai Sol” paréceme que ten o seu meirande mérito en humanizar a lenda facendo que nola conten o avó e o neto. Non sei se esta é unha lenda da mitoloxía finesa pero desde logo pareceume moi aparente e crible.
    O meu voto, porén, vai para “A sauna”, porque penso que o autor asumiu máis riscos.

  3. Ambos os dous relatos conseguen evocar ben o ambiente do que parten e teñen claras concomitancias.
    O primeiro destaca moito por ser quen de xerar ambiente, con descricións moi coidadas que nos levan a unha lectura máis velada e, polo tanto, máis rica en matices.
    O segundo manexa unha linguaxe máis cinematográfica pero non consegue xerar misterio por ser tamén demasiado evidente no ritmo e no ue vai acontecendo.
    O meu voto vai para “ A sauna”.

  4. Que bonito é ver o universo do conto de un desenvolvido, que outros o acollan con cariño, fíxome ilusión. Tamén o feito de ter pensando bastante en Kullervo faime mirar para estes dous contos con ollos menos obxectivos, mais penso en liñas xerais deron para un bo duelo.

    A sauna.
    Este relato está feito pensando sobre todo no estilo, en deslumbrar co léxico, tanto o existente como o que se atreve a inventar no universo dos capilomantes. Sabe que o que é a trama podería ser resumida en apenas un parágrafo e aposta moi forte pola descrición, ambientar pola vía do rexistro lingüístico. A diferenza do que comenta Eva, eu non vexo aquí pastiche, e a súa seriedade non me parece mal, de feito creo que ese deslumbre consigue vestir un relato que por detrás é un tanto pobre.
    Quero dicir, non vexo moito máis por detrás da ambientación. Non sabemos moito das motivacións dos guerreiros, das escravas que os enganan. A figura dese narrador que se dirixe aos enganados albisca quizais un personaxe interesante pero tampouco sabemos nada del. En certa medida creo que se apoia demasiado no conto base, para que entendamos as posibles caracterizacións das faccións.
    Hai algúns detalles que me gustan, ese parágrafo final cunha simboloxía misteriosa, en xeral creo que quedou demasiado como exercicio de estilo, pero aprecio o esforzo de ambientar e en xeral o conto deixa bo sabor de boca.

    Pai Lúa, Nai Sol
    Neste conto chócame a idea que eu tiña de Kullervo, que imaxinaba orfo ao ser arrasada a súa aldea. De feito non sei moi ben en que momento acontece esta escena, porque fan referencia ao incendio de Loutola como se fose algo pasado, pero aínda parece que poden ver a aldea desde onde están os personaxes. Hai algúns detalles do conto como ese transo ao que fai referencia o primeiro parágrafo e a frase final, que non acabo de entender de todo.
    Con todo, entendo que isto son detalles secundarios e a cerna do conto está na lenda. Penso que hai certo traballo de investigación, porque a idea da creación con palabras é un dos poderes do Vainamoinen do Kalevala, e a adaptación desta idea é quizais o mellor achado que ten o relato. Gústame tamén como base ideolóxica da desafección co estranxeiro e foi unha boa decisión a de non colocala no aire senón levala a unha escena concreta de pai e fillo.
    Porén, todos estes bos vimbios ceden un pouco na parte da execución, o conto queda un pouco en terra de ninguén a nivel de ton, non é nin de todo lírico nin de todo prosaico, nin abondo escuro ou luminoso, como que o autor non se atreveu a escoller e levar ás últimas consecuencias unha decisión de estilo para o conto e o resultado final queda por iso un pouco plano. Non sei moi ben como se solucionaría, pero todas as virtudes vinllas ao conto máis ao pensa nel despois que ao lelo, mentres que as pexas si que as sentín fortes mentres o lía.

    O meu voto vai para “A sauna.”

  5. Pido perdón pola brevidade dos meus comentarios neste último duelo, que non é froito da calidade dos textos (estupendos os dous), mais do caos cotiá no que vivo. Espero que me perdoedes.

    ‘A sauna’: gustoume moito que o autor ou autora optase pola forma poética. Acáelle ben ó mundo fantástico e antigo que suxire Kullervo, transpórtanos e fainos soñar. Bravo!

    ‘Pai Lúa, Nai Sol’: hai aquí unha idea que me parece moi potente, a mitoloxía de creación implícita que fai referencia a Pai Lúa e Nai Sol, que explica a natureza dos humanos e que, por tanto, enlaza o divino co terreal. Pasa que o xeito no que se expresa o pai tenme un punto de afectación que non me acaba de convencer.

    O meu voto vai para ‘A sauna’.

  6. A sauna

    Mais que ritmo este relato ten rima, directamente. Iso, xunto co uso da segunda persoa, dalle un aire de proclama de bardo fronte o inimigo. Se non fose tan longo e concreto podería ser un himno. Igual que no relato dos alemáns, o verdadeiro relato está na construcción do narrador e non na construccion da historia.
    O final si que me supón un desafio. No relato de Kullervo falabase do pasado e do futuro, pero non de forma tan moldeable. Parecia mais unha sesion cun terapeuta. Aqui parece que viaxan ó futuro pero de verdade. A descricion das desencadeadas soa a catolicismo. Poida que a clave estea nalgun punto da mitoloxia finlandesa da que provén Kullervo (polo menos o seu nome).
    Tamén se poderia interpretar que o narrador emite un reproche, como que por culpa dos seus vicios se perdeu aquel tempo e veu un novo.
    En todo caso o relato é moi evocador e guia ben ó lector por onde quere que vaia.

    Pai Lúa, Nai Sol

    Ten razon guillermo en que despois de ler o orixinal non se entende ben a situacion temporal deste relato. Non deberia ser un problema real do relato porque a traba non pedía que tivese que basarse nos feitos del, pero neste torneo de trabas retortas sempre hai ocasion para que todo se volva contra un, sexa porque ese xurado leu o relato, porque non o leu ou porque fose o/a autor/a.
    Vega apostou por un ton que foi superado polo seu rival. Para ter opcions teria que escribir algo totalmente distinto ó que propuxo cesar, algo tal que o dia e a noite. Ese ton de lenda que parecía aposta segura foi destrozado polo bardo da outra esquina do ring. Habia que ter posto a Kullervo como corsario espacial. Esas cousas sempre funcionan, xa o dixo Couto, o que qeure o lector é que o sorprendan. Excepto se o sorprenden con algo que non lle gusta.
    Non nos deu tempo a traballar un pouco mais o final, na miña opinion o dialogo non flue natural e parece que vai dar mais onde o autor qeure que onde as personaxes podían ir. Era en todo caso un relato modesto, ben executado pero cun potencial de accion limitado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s