‘Urania’ vs ‘O monstro e a flor’

Mapa de ferrocarrís.

Xornada 2 da I Copa Biosbardia. Segundo duelo entre o Teamdalos e Botánica Aplicada.

Traba: O relato é de xénero negro.

Urania

O vello hispano-suíza renxía sobre o xabre inzado de fochas. Chovía. Non como chove nos cristais de casa Aurora cando che fregan as costas coas tetas. Non. Chovía frío. E mesto. E Bebé maldicía no seu galego de Nüremberg cada vez que o couquizo lle batía no teito.

―A min dáme igual quen gañe esa puta guerra. Eu o que quero son traballos destes ―Apalpou o vulto da pistola―. As caras de medo… que preguen pola súa vida… póñenma dura!

Bertram Becker, B.B., o das SS, o poeta, o fillo de alemán e galega, fitou para min co seu sorriso composto. Perdera seis dentes na batalla do Ebro e, de volta en Baviera, no 41, o médico de Dachau fundíralle seis pezas de ouro. Disque non lle quedaran moi alá. E que rara vez os deixaba ver. Pero aquela noite si. Aquela noite sorría baixo a choiva. E cando Bebé sorría, os seis dentes de ouro mestizo ferían os ollos coma un sol semita e sanguento.

―Estas aventuras non as vivirá a teclear na comandancia, Her Míguez. Eu estou ben na mina de volframio, fodendo nas mulleres dos presos, pero saír de caza algunha vez, matar unhas desas ratas de vagón que nos escapan a Portugal… Cona!

O camiño empinárase monte abaixo e obrigárame a apurar un par de curvas. Bebé bateu no marco da porta e un fío vermello comezou a baixarlle pola fronte.

Deixamos o coche entre os fentos. Baixamos á vía, cruzámola e camiñamos até o casoupo onde disque axudaban os xudeus. Chovía. E o pelo louro de Bebé escurecíase coa auga. Tapei a cara coa bufanda.

―Policía! Abra! ―O seu puño a rebentar a porta.

―Adela Vilar? ―Na fronte o bico da pistola empurrándoa cara atrás. Recoñecina e quedei paralizado. 

―Onde está seu marido? ―Sentouna. 

―Morto.

―Non me fodas, puta! ―Arrimoulle o cinto á boca e repetiu a pregunta.

―Morto no Ebro!

―Ahh, unha alimaria de auga. Igual foi el o que me fixo isto.

Agachouse e amosou os dentes coma un lobo.

―Queres uns? ―Atravesoulle a pistola na boca―. Podes pagar uns coma estes, galicosa? ―Quitou o seguro.

Adela suaba sinalando a única foto nun andel sen vernizar. A carón, unha carta. Engurrei a foto e chimpeina á lareira. A pobre xemeu. Saquei a carta esfarelando o sobre e amoseilla a Bebé. Unha pinga de sangue caeu no papel.

―O Goberno da República lamenta informala… E máis que o lamentaches ti, verdade meine kleine Sau? Quen che vén quentar a cama pola noite? Dime! ―A man esquerda a rodearlle a gorxa―. Abre a boca! Abre a boca, porca! ―O canón a profundar entre os dentes.

Suabamos. O casoupo frío abafaba. Quixen resistirme, deixar que a matase, pero non aguantei. Quitei a bufanda e os preciosos ollos verdes de Adela infláronse coma ovos. Procurei a pistola no cinto. Non a atopei.

―Aquí che está, camarada ―dixo Bebé mentres me apuntaba con ela.

E no longo lenzo da noite sentiuse o ruído dun tren infinito.


O monstro e a flor

O monstro

Levo tempo matinando en como facelo, señora. Desde que coñezo da súa tristura. Vostede sempre me di que lle gustaría viaxar e ver mundo e facer cousas que fai a xente nova, e el tena aquí pechada. É certo que o patrón non lle dá a atención que vostede merece. Mire, eu se fose miña daríalle todo o que teño. E tampouco me tería que agardar soa na cama polas noites, estaría sempre ó seu lado, non xogando ás cartas como fai el.

Elsa choraba debruzada sobre o toucador. Ergueu a cabeza e mirou para o xigante Antón por riba da botella que xa levaba ela mediada. Sabía que o matón bebía os ventos por ela, e gustáballe saberse desexada, pero iso non enchía o abandono que sentía, nin sequera lle serviría para darlle celos.

Escoite, o patrón está planeando un golpe e precísame mañá na estación de tren para o traballo. Estaremos os dous sós, coma outras veces. Só fai falla unha palabra súa, señora. Podería matalo e despois fuxirmos xuntos vostede mais eu.

Elsa asustouse ó escoitar aquela terrible proposta. Íalle rifar, anoxada, pero agochado no medio daquel pensamento viu unha oportunidade de ganar algo. Abriu un caixón do toucador e sacou unha pequena pistola prateada.

Si, faino. Matao coa miña pistola. Será a proba do noso amor.

A flor

Antón traía na face un ricto de dor contida e a camisa empapada en sangue. Elsa deixou a porta sen pechar e apartou del chea de medo.

Que pasou? Onde está el?

Señora, o patrón sabíao todo. Colleume por sorpresa. Quitoume a súa pistola, señora, e dixo “aquí está a proba”. E riuse moito de min. Cando cansou de rir dixo que me ía matar por traidor e por querer roubarlle a muller, pero eu quería vela unha vez máis, señora, e non podía permitilo e arrepúxenme. El disparou ata quedar sen balas. Cando rematou o estrondo batín con tanta forza nesa cara que nos separaba, señora, que cando parei non fun quen de recoñecelo. Eu sei que llo contou todo vostede, e perdóollo porque sei que non era libre, era aínda a súa dona e debíalle lealdade, enténdoo, pero agora el está morto.

Elsa, horrorizada, comezou a ciscar caixóns e abrir armarios. Mentres o facía berraba insultándoo e chamándoo asasino. Ó fin deu co que buscaba, un revólver e munición, cargouno sen deixar de mirar a Antón, xigante e calmo ó outro lado da habitación.

Mataches o meu home! 

O sangue de Antón pingaba na alfombra de seda persa. Achegouse a Elsa, que tremía e choraba maldicíndoo. As súas mans non eran capaces de manter dereito o revólver.

Veña comigo, señora, ainda hai tempo se marchamos axiña.

Elsa meteu o cano na súa boca e apertou o gatillo. Antón xemeu coa dor. Abandonou a casa cambaleando sobre un mar de sangue, as ondas afastárono e moi pronto se perdeu de vista na escuridade e na distancia.

9 comentarios en “‘Urania’ vs ‘O monstro e a flor’

  1. Dous relatos escuros, ambos cunhas atmósferas ben amosadas e literarias, case se ven as cores sepia das esceas… Empezo a pensar que non sei ben o que é o xénero negro, porque me falta a parte de incógnita que pensei que era precisa. No negro “van bien”.

    ‘Urania’

    Un relato redondo en estrutura e historia. Como dixen, non sei se de xénero negro ao uso ou negro sen máis. Final curioso, gustoume. Cómpre dicir que, persoalmente, xa me cansa tanta pirola ao aire, tanta puta e tanta pistola. Pero analizando o máis obxectivamente posible, penso que é unha boa historia.
    Vexo moito esforzo, iso si, en complicarse con palabras, pero non o mesmo esforzo na corrección gramatical (maiúsculas onde non se debe, minúsculas en marcas comerciais, comparativas incorrectas, pronomes chirriantes…). Os diálogos non son abondo naturais e penso que as aclaracións se poderían empregar mellor.

    ‘O monstro e a flor’

    De fondo, unha historia completa, clásica e con personaxes ben feitiños. De fabricación, unha cousa un chisco rara. Non entendo a división en dúas visións/partes se logo no relato se mesturan narradores e puntos de vista do mesmo xeito, nada distingue unha parte da outra no que a estilo se refire e a historia é a mesma. Ou serán pseudo-capítulos? Esperaba atoparme o relato de Antón por un lado e o de Elsa por outro e que se completasen mutuamente, penso que funcionaría mellor. No que a historia se refire, gustaríame que a traizón de Elsa a Antón se narrase doutra forma, pareceume entre evidente e fugaz.

    O meu voto vai para “O monstro e a flor”.

  2. Pregunteime ao rematar estes relatos se realmente se poderían considerar de xénero negro; non me cadra ningún dos dous, aínda que tampouco me parece que importe tanto. Pareceume que os dous tratan a violencia (que en si non me molesta) dun xeito un tanto obvio, como por cumprir, sen a distancia ou a ironía que si lles vin a outros relatos dos que xa se escribiron neste torneo.
    “Urania” paréceme que ten o seu mellor achádego no personaxe de Bebé. Un poeta alemán de nai galega, (seguramente) fascista penso que pode dar moito xogo, e aquí, dentro dos límites do relato, si que o dá. Non me convence a frase final, demasiados adxectivos.
    “O monstro e a flor” pareceume un tanto anticuado en ton e ambientación; intentei buscar algo de distancia, algún xesto de que o autor sabe que está a escribir unha especie de pastiche, pero non o atopei. O conto é que, se cadra por esta mesma falta de artificio no plantear o relato, ao final a historia resulta, o personaxe de Antón deume bastante peniña.
    O meu voto é para “Urania”.

  3. Os dous relatos conseguen evocar un ambiente de moita violencia, aínda que a incógnita non está moi clara, e mesmo semella que por momentos as descricións tan explícitas son excesivas e non contribúen a nada. Considero que o xénero negro ten que ser algo máis que ambientar na violencia.
    Dito isto, considero que o primeiro relato tenta meter moitisimos datos historigráficos que, mesturados con certa dose de violencia non resulta de agradable lectura nin achega unha conclusión clara.
    O segundo relato creo que fai un xogo interesante contrapoñendo dous elementos opostos e xerando con eles ese ambiente violento menos explícito e que, quizais por iso, consegue chegar mellor a min.
    O meu voto vai para “O montro e a flor”.

  4. Gostei moito deste sesión de literatura en negro. Graciñas ós dous participantes!

    ‘Urania’: o autor ou autora foi quen de meternos de cheo na historia desde a primeira liña. Sabe xogar ben coa lingua e coas imaxes (ese cabelo louro que a choiva escurece, por exemplo, di moito do personaxe tanto no físico como no carácter). E logo hai unha historia de xénero negro que, ás caladas, chega limpa ó lector e que se entende perfectamente sen que se teña que engadir nada extra.

    ‘O monstro e a flor’: historia bastante clásica que, para min, non acaba de amosar a tensión necesaria nun relato negro. Tamén me pareceu que o estilo que emprega para narrar a historia é un pouco impersoal; gustaríame que os personaxes falasen cunha voz propia, identificable. Hai un punto interesante no medo que Elsa sinte diante de Antón. Teño a sensación que ela acepta a proposta homicida do monstro-xigante por puro terror e creo que pagaría a pena xogar con ese elemento na narración.

    O meu voto vai para ‘Urania’.

  5. Hum, sobre o tema do xénero negro, estou un pouco na liña do que comentan as miñas compañeiras. Ningún dos dous relatos para min é realmente xénero negro, a violencia per se como tema pode dar lugar a xéneros moi distintos e Kill Bill ou Old Boy, ultraviolentos, non son noir. Para min o negro require ollada cínica e cansa, mesmo certo manierismo, que tipicamente era a do detective ou o policía a piques de retirarse. Con todo, estou dacordo en que non me parece tampouco demasiado importante, entendendo que os xéneros son caixiñas que empregamos para falarmos rápido das cousas.

    Urania
    Un conto moi sólido, que manexa con moita soltura varias ferramentas. Emprega con estilo a sintaxe curta, sabe darlle sabor e vividez aos seus personaxes e entra e sae da conversa cando o precisa, con bo ritmo. Non sei se non os son capaz de ver, pero despois do comentario de Sabela busquei grallas sen atopar ningunha, polo menos non evidentes. Non me apaixona o tema e o carácter forte das personaxes enmascara en parte que é unha historia da que xa vimos variantes. Con todo, a bo saber facer e os acertos técnicos de estrutura e ritmo dan un bo resultado final.

    O monstro e a flor
    Curioso este conto, pasoume algo parecido ao que conta Eva. Nunha primeira lectura pareceume todo nel un pouco demodé, como se fose un relato de dramas paixonais dos anos 60. Isto tamén choca coa estrutura que propón e a distancia do narrador, que non pegan con esa época. Mais a pesar das fallas evidentes, por algunha razón o personaxe de Antón consegue enternecer, o seu drama é moi puro. Fala isto de boas decisións temáticas, o triángulo amoroso de lados desiguais, o engano, o final tráxico. Porén, creo que se desperdicia boa parte deste potencial co ton un tanto frío, a distancia do narrador e ese estilo un tanto anticuado que mencionaba.

    O meu voto vai para “Urania”.

    • Encantoume isto, Guillermo: “os xéneros son caixiñas que empregamos para falarmos rápido das cousas.”
      Eu referíame a que Hispano-Suíza é unha marca, ten que ir en maiúscula; a puntuación nos diálogos está mal, a aclaración ten que comezar con minúscula. Recoñezo que agora mesmo non atopo o da comparativa, igual foi noutro e atrapallei. O *Her tamén me rechinou, é Herr. Son unha queixona, xa o sei 🙂

      • Grazas de novo ao xurado polos vosos comentarios. Coincido con vós case todos os comentarios. Xa me dixeran os compañeiros de equipo que tratara de meter moita información en pouco espazo, de feito o primeiro borrador semellaba o resumo dunha novela, pero é que cando se me apareceu Bebé, sorrindo no Google Docs, non puiden evitar querer contalo todo.
        Como xa comentei, agradezo especialmente os comentarios “negativos”. En realidade son un regalo, direccións que apuntan as lectoras e lectores para mellorar os relatos.

        Grazas, Sabela, polo do Herr. Faltoume un erre. Boa pillada.
        Grazas tamén polo do hispano-suíza. Fun consciente da diferenza mentres escribía e decidín deixalo así para que non destacase máis que o elemento de atrezzo que quero que sexa. Aínda así tes razón. Saltei a regra, sen escusas.
        Respecto ás comparativas, repasei, repasei e repasei e non fun quen de atopar erro ningún, como ben confirmou despois Guillermo. Grazas, Guillermo :).
        Co tema dos diálogos, o mesmo. Repasei, repasei e repasei e non vin erro de puntuación por ningures. Tampouco coas maiúsculas e minúsculas despois dos puntos suspensivos, que penso están ben postas en cada caso.
        Aínda así, o máis importante para min é o tema das anotacións nos diálogos. As anotacións so van en minúsculas cando conteñen un verbo de fala tipo dixo, preguntou, afirmou, mentiu etc… No resto dos casos debe empregarse maiúscula, coma unha frase normal.
        Non sei se nos fai falla un curso de diálogos e comparativas, como ti dis, pero unha boa quedada, cervexa en man, para falarmos de escrita si que me prestaría. A primeira rolda págoa eu.

  6. O dos diálogos non era polos teus! Sorry, eu tamén metín moita información nun só comentario.
    Ollo, se dá para unhas cañas, podemos revisar a gramática completa jajaja

  7. Urania

    Sain do 1º parágrafo con demasiada informacion. Recordoume un pouco ó meu da 1º xornada nese sentido. Un gran trailer, pero relato espeso. Xa non só pola informacion, é que a primeira frase para min está en aleman de nuremberg. Iso non é culpa do autor, pero eu non sabia que un hispano suiza era un coche e pensei que era un ancián, o cal non volvía aparecer no relato, claro. Ese tropezo leveino comigo en cada lectura, pero como non tiña que valorar non me molestei en miralo no google (ata hai 2 minutos). Se fose en mauisculas non me teria pasado iso.
    Tamen me despoistou que a 1º persoa aparecese tan tarde. A min gustame deixar esas cousas claras no 1º impulso do relato e penso que os demais farán o mesmo. Enton ó chegar ó 3º paragrafo tiven que reescribir esa info. Tampouco me axudou a mencion a “esa guerra”, que imaxino é a 2º mundial, pero non sei por que a menciona, nin estaba seguro de quen o facia. Basta dicir que as primeiras 2 lecturas estaba convencido de que eran 3 persoas.
    Para non deter a racha, non entendin a mencion ós dentes do alemán. O narrador da unha informancion moi concreta: onde os perdeu e onde e cando llos repuxeron, e a continuacion fala coma se nunca llos vise, porque non sabe se lle quedaron ben, pero acto seguido afirma que llos está vendo.
    Eu penso que este era un relato para 3º persoa e poder situarnos como é debido na historia. Total o prota non fala nada de si mesmo. Como non sabia que ían en coche non entendin a referencia ó golpe co marco da porta ata que por fin se menciona no parágrafo seguinte. Tivo que ser, por certo, un golpe como para quedar inconsciente.
    O final deixoume inda mais confundido que o resto do relato. O narrador era o home de Adela? Interpretar iso é o unico que ten sentido. Bueno, non ten por que ser o home, pode ser un amigo ou familiar. O curioso é que di que a recoñeceu pola cara, non polo nome. E logo está a carta. A foto será a del, pero enton.. como non recoñeceu o enderezo? Supoño que é todo mais complicado do que parece. Non sei, son detalles que me sacando texto, como o de que se quite a bufanda antes de coller a pistola. Nin tampouco entendo para que leva BB a esa persoa a matar á sua muller, non falo do sadismo, senon de que ten que estar moi seguro de que o outro non ten idea de onde vai. Ademais, non é que vaia matar á muller, é que vai preguntar polo marido… En fin.
    A utlima frase está ben. Ou mellor dito, estaría ben se estivesemos falando dun narrador en 3º, que é o que usa o relato na práctica. Sendo un 1º non pega nada.

    Sobre o que dixo o xurado, si que penso que os dialogos de BB están un pouco pasados de rosca. É unha exhibicion de violencia verbal innecesaria, no sentido de uqe nunca segunda lectura non achega nada novo.

    O monstro e a flor

    O tema do xenero negro volveume levar por desgracia ó terro cinematografico. Desta vez quixen simplificar todo con 2 escenas. Quedabame un oco no medio e decidin poñer subtitulos para reforzar ese caracter de 1º acto e 2º acto. Non sei se qeudou ben ou mal pero sempre é un handicap para os relatos. Este podia ser o tipico relato con asteriscos separando partes, e iso nunca remata ben.
    Saiu un relato sen unha liña clara e cuns elementos que non pegaron ben entre eles. Debín situar a histpria nalgun planeta de alpha centauri, asi aforraba problemas. En vez de pistolas fásicos e en vez dun tocador un panel de maquillaxe automatizado. Non estou de broma.

    Sobre o que dixo o xurado só non me gustou iso de que Anton da peniña. Xa postos, tampouco entendin a mencion á falta de artificio como se fose algo ¿malo?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s