Dez libros recomendados para o día de Ana Kiro

Virxinia Pereira, protagonista de A vida incerta.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente nos meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase todos os luns. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

1

A vida incerta, de Montse Fajardo. Cumio

A figura da que foi muller de Castelao ficara até agora ensombrecida pola fulgurante vida e obra do político rianxeiro. Con esta biografía cobra corpo Virxinia Pereira, compañeira fiel e leal non só ao seu home senón ao seu legado e tamén á causa do galeguismo. As fontes que manexou a investigadora permiten colocar a estradesa no alto da loita contra o franquismo por méritos propios.

2

O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras. Xerais

Unha novela negra clásica. Unha novela clásica do autor ourensán, que desta volta regresa á súa cidade natal como escenario literario cunha historia de baixos fondos e feridas do pasado (e do futuro), ao tempo que recorda o pasado combativo e obreiro da capital do Miño. Ameixeiras volve puír o seu estilo minimalista e o seu gusto polas personaxes con substancia. Fará as delicias dos moitos fans do escritor.

3

Galicia vista por un inglés, de Aubrey G. Bell. Tradución de Xosé María Gómez Clemente. Rinoceronte

Este é moito máis ca un libro de viaxes ou unha guía turística. É unha microenciclopedia da cultura galega a través dos ollos moi cultos do cronista. Bell coñecía moi ben o terreo que pisaba; non só o que se vía senón, sobre todo, as pegadas do que acontecera. Para escribir este libro manexou unha bibliografía de aproximadamente cen volumes, mais a súa prosa é áxil, precisa, literaria e nutritiva. Un grande achado que nos serve aos galegos da década dos 20 de espello onde ver os nosos antepasados de hai cen anos sen os preconceptos e inercias de costume.

4

Do mellor de Nós (volumes I, II e III), Varios autores. Editado por Camilo F. Valdehorras. Hércules

Camilo Valdehorras peneirou o fondo da revista Nós para escolmar un imperdible traballo bibliográfico que se converte no mellor colofón posible ao centenario da creación do “boletín mensual da cultura galega”. Ordenando por temas e subtemas, os tres volumes publicados até agora da colección fan un percorrido polos grandes asuntos que lle preocuparon á xeración que intentou, dun xeito ambicioso e multidisciplinar, normalizar, actualizar e valorizar a nosa cultura e patrimonio, tanto material como inmaterial. Aínda hoxe abraia o sentido científico e popular da obra de Vicente Risco e os seus compañeiros e nas páxinas desta antoloxía profunda poden atoparse apuntamentos sobre etnografía, historia, pensamento ou arte que, en moitos casos, aínda non foron superados pola intelectualidade galega actual. Unha radiografía moi útil do primeiro terzo do noso século XX.

5

Monte Pindo, de Laura Suárez. Galaxia

O subtítulo deste libro: “Historias e lendas do Olimpo celta” é ben elocuente dos obxectivos da autora. Un percorrido “total” por este senlleiro espazo da nosa xeografía. Suárez vai construíndo, coma un caderno de viaxe ilustrado, un percorrido en espiral pola historia, os costumes, os espazos e as sensacións do Monte Pindo, sustentado sobre a tradición oral. A alta calidade da ilustración completa unha aventura que non deixa de ser grande por estar perto da casa.

6

Doces e lambetadas. Receitas con historia, de Matilde Felpeto Lagoa. Xerais

Este é un libro de receitas. De receitas clásicas, das fundamentais para quen estea interesado en mellorar as súas técnicas nas sobremesas. Escrito por unha veterana da literatura gastronómica en Galicia dun xeito ameno e moi práctico. Mais esta obra non só é un manual, senón que contén moita e valiosa información sobre a orixe, evolución e curiosidades de elaboracións que se converteron en clásicos. Un libro que se come cos ollos, mais que tamén se le con moito gusto.

7

Arder, de Marga Toxo. Positivas

Este poemario de escasas 42 páxinas ten bastantes das calidades que debe posuír unha obra de poesía. Séntese como auténtico, escrito co alento moi perto da vida e das súas emocións: da rabia (da contida e da que salta), da esperanza (da que se imaxina e da que se pode respirar), da soidade ou da nostalxia. Posúe algunhas imaxes poderosas, enraizadas na poesía clásica, mais con ese toque sutil que lle outorga unha pátina de modernidade. E o ritmo dos poemas é coherente co tema e a estrutura: febril ás veces, interrompido outras, traballado case sempre.

8

Xácome o fatalista, de Denis Diderot. Tradución de Darío Xohán Cabana. Galaxia

O derradeiro libro asinado polo grande escritor e tradutor. Nótase o estilo de Cabana desde a primeira liña. E agradécese. O libro, escrito no século XVIII, chéganos próximo, cun galego dotado de grande expresividade. Construído como diálogo entre Xácome o seu amo mentres se dirixen de a cabalo cara a un destino non demasiado claro, este clásico da literatura satírica, amais de moi divertido, é un libro ideal para escritores, pois resolve diversos problemas sobre a voz narrativa, a construción de personaxes e a distancia entre narrador e lector. Unha obra moi avanzada para o seu tempo, obra mestra da estrutura con aparencia de desestrutura.

9

Taracea marroquí, de Eduardo Blanco Amor. Introdución e edición de Xosé Enrique Acuña. Galaxia

Galaxia publica o primeiro número da nova colección ‘EB-A. Xornalismo e fotografía’, promovida pola Fundación Eduardo Blanco-Amor e que recupera os traballos menos coñecidos do grande autor ourensán. Neste caso edítanse varias reportaxes que o escritor publicara en El Pueblo Gallego antes da Guerra do 36. Amais deses textos e de 26 fotografías que acompañaron as reportaxes no seu momento, este volume conta cun estudo introdutorio obra de Xosé Enrique Acuña, quen tamén se ocupou da edición do título, que contextualiza moi ben a influencia de Marrocos, nun momento no que a guerra do Rif e o neocolonialismo español tiñan moita importancia.

10

A evolução histórica dos limites da Galiza (I e II), de José Manuel Barbosa. Através

Non é habitual que en Galicia se publiquen libros de historia divulgativa. E menos aínda con coordenadas moi especializadas, mais co obxectivo de chegar a un público amplo. Este libro vai repasando, seguindo as fontes, até onde chegou a Galicia histórica (a Gallaecia) e como foi mudando a súa extensión conforme pasou o tempo. O máis interesante do traballo de Barbosa é que non ten medo a reinterpretar as fontes que consulta e non se sente coaccionado por determinadas tradicións historiográficas españolas, que teñen auténtico pánico a que se identifique a Galicia histórica coa Galicia nuclear, aínda que logo usen sen xeito conceptos como Reino de Asturias. Benvido o libro (en dous volumes) de Barbosa para que haxa debate.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s