‘Silencio’, sobre ciencia e literatura

Agustín Agra.

Eva Moreda.

“Caderno da tundra”, o primeiro dos oito relatos de Silencio (Galaxia, 2020), último libro publicado de Agustín Agra, pareceume un achado. Aquí vai contándose, a través dos ollos dunha súa compañeira de estudos, a traxectoria dunha fotógrafa da natureza chamada no libro Sofía Goettsch, e que vén sendo un trasunto de Cristina Mittermeier (Sofía é o segundo nome de Mittermeier e Goettsch, o seu apelido de solteira). Gustoume como o autor comeza o relato dun xeito expositivo, limitándose a resumir diversas etapas da vida de Goettsch sen caer no pedestre, pero tampouco no ampuloso e deténdose a facer certas homenaxes ao xénero do nature writing; e gustoume tamén como cara ao final vai levando esta especie de recreación memorística cara a unha trama ou un misterio que cae máis claramente no terreo que habitualmente consideramos ficción.

O tema da fotografía da natureza serve de engarce entre este relato e os demais: en efecto, o tema indiscutible deste libro é a ciencia, a súa historia e en particular algúns dos científicos que contribuíron a levala cara ao que é agora (Pasteur, Mendel, Galilei, Newton, Darwin, etc.). E volvendo sobre esta frase que acabo de escribir, penso que aquí a clave é xusto esa palabra que primeiro utilicei un pouco ao chou: indiscutible. Por que? Tomemos o segundo relato, “Omphalos”, que procede a base de breves fragmentos biográficos centrados nos grandes nomes históricos da astronomía (Galilei, Kepler, Brahe, Coopérnico, Newton). Os fragmentos están ben escritos, sen moito exceso expresivo e sen recorrer ao enciclopedismo; e están ben escollidos tamén: en particular, os que se centran na época de Newton como parlamentario en Westminster teñen un aquel case surrealista moi atractivo. Un relato moi meritorio logo, pero no que confeso que non conseguín mergullarme como si fixen no primeiro, talvez porque nunca lle atopei a autonomía que penso que é imprescindible na literatura. Ao cabo, non puiden deixar atrás a impresión de que é un relato pensado para rapaces e rapazas que comezan a ser conscientes da historia da ciencia ou ben para lectores adultos que poidan sentir certo deleite en comprobar que as cousas que aprenderon no instituto non as esqueceron de todo e, sobre todo, que eles están no bando dos bos e xenerosos: os que cren na ciencia, e non os fanáticos que van contra ela. Isto é o que no relato se presenta como indiscutible, sen que haxa moita posibilidade para quen le de intentar outras lecturas. Esta impresión acrecéntase nos relatos que seguen. Mesmo semella que a decisión de utilizar un enfoque diferente en cada relato (metaliteratura; relato epistolar; relato dialogado; narrador máis clásico en terceira persoa, etc.) está motivado por un desexo de non cansar o lectorado, e non tanto por unha experimentación consciente que puidese levar a estes personaxes históricos a converterse en verdadeiros personaxes literarios, cuase-independentes do coñecemento previo que poida ter o lector sobre eles.

O último dos relatos, “Naturgemälde”, recupera un tanto o ton e o interese do primeiro relato ao deixar que a ciencia teña un papel máis accesorio nas relacións e os sentimentos de personaxes, digamos, do común. Aínda que hai aquí máis exuberancia expresiva ca no primeiro relato (e ca no resto do libro en xeral), interesoume moito como Agra pasa da ficción a parágrafos explicativos e divulgativos (neste caso sobre o naturalista alemán Alexander von Humboldt) cunha habelencia notable, sen que os segundos caian necesariamente no enciclopedismo, que é un dos meirandes riscos cando se tratan este tipo de temas.

♦ Silencio, de Agustín Agra. Galaxia, 2020. 144 páxinas. ♠14,90€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s