A censura de RT e Sputnik, unha anomalía en Occidente

A xornalista Helena Villar nun noticieiro de RT en español.

Manuel Veiga Taboada.

Antes da guerra de Ucraína, en Rusia xa había censura. Menos que na URSS, pero bastante alta para os parámetros que nós coñecemos. Na China, en Turquía e, por suposto, en Cuba, hai censura. Tamén en Colombia. En México o goberno non interfire demasiado nos medios de comunicación, pero os grupos narcos –aliados a algúns políticos notábeis– encárganse de eliminar directamente os xornalistas molestos.

No que chamamos Occidente ou países desenvolvidos, a censura opera ocasionalmente nos temas chamados “delicados”, pero en liñas xerais calquera pode fundar e difundir un medio case que de calquera ideoloxía. Nos Estados Unidos véndense –ou vendíanse cando eu tiven ocasión de comprobalo– publicacións de carácter trotsquista, ben é verdade que dunha calidade impresa ínfima. A doutrina liberal dálle importancia sobranceira á liberdade de comunicación e expresión, moita máis que ao dereito á vivenda, por exemplo. Na China sucede o contrario.

Pero nin sequera os países máis liberais estiveron exentos, durante certo tempo, de prexuízos. Ao longo do século XIX en Inglaterra a prensa obreira acadou unha difusión notábel, tanto en tiradas como en número de cabeceiras. Non embargante, as prohibicións e sobre todo as multas acabaron por relegala, en poucos anos, a un espazo reducido. De igual maneira, na España e na Galiza da Restauración o Estado foi moldeando o espectro de medios mediante o apoio á prensa prooficial e a censura da rexionalista, progresista, republicana ou anticlerical. Os efectos son claros.

Eses métodos foron apartados (case) totalmente despois. Pero non grazas a un fortalecemento da doutrina sobre a liberdade de información, senón porque o crecemento económico permitiu o establecemento de poderosos medios máis acordes coa liña oficial, de modo que a censura e as multas comezaron a ser substituídas polo que, en teoría da comunicación, se chama ruído. É dicir, podes publicar o que desexes porque apenas serás escoitado.

Ben visto, este asoballamento (que non prohibición) das cabeceiras menores é algo que só se poden permitir os países ricos. Os menos desenvolvidos deben seguir recorrendo aos vellos métodos da censura administrativa, moi criticada precisamente nos países de democracia e economía avanzadas.

Un sistema parecido é o que se segue respecto aos datos sensíbeis das empresas e do Estado. No ámbito anglosaxón, onde o liberalismo e a liberdade de expresión acadaron o maior fundamento legal, é moi ampla a información dispoñíbel para o público. Pero a un medio incluso de grandes dimensións levaríalle meses senón anos, así como a dedicación de grandes equipos, encontrar a información buscada entre as montañas de documentos, redactados ademais nunha prosa cargada de eufemismos burocráticos. Esta é precisamente a tese de fondo que sostivo David Foster Wallace na súa derradeira novela O rei pálido.

Deste modo podemos chegar xa á conclusión de que a censura explícita de medios significa sobre todo debilidade por parte de quen a executa. Por iso resulta sorprendente que hoxe se estea a aplicar, non xa en Rusia ou a China, senón na Europa Occidental. É dicir en países que contan cunha renda per capita que multiplica en catro veces a dos dous antes mencionados.

Pero hai outro dato que o explica e que marca unha diferenza coa guerra fría. RT e Sputnik son (ou eran) bos medios de comunicación, cun orzamento pequeno para os estándares occidentais, pero significativo, o que os levou a converterse en canles competitivas. Isto non pasaba en tempos da URSS. Os boletíns da axencia soviética Novosti ignoraban as claves formais do xornalismo, de modo que, deixando a un lado a súa ideoloxía, na práctica resultaban ilexíbeis. Motivo seguramente de que nunca fosen prohibidos en Occidente. Quen desexe saber hoxe como eran pode acudir á axencia chinesa CGTN en español, que en pouco mellora o modelo de “información” estatal soviético. Algo parecido sucede en Cuba.

RT e Sputink, e refírome ás súas canles en español, eran bos medios. Proporcionaban quizais a mellor información sobre América Latina que se pode recibir en Occidente e contaban cun bo cadro de colaboradores. Mencionarei só un deles: Alfredo Jalife-Rahme, veterano analista mexicano, colaborador entre outros do diario La Jornada. Os seus vídeos persoais seguen accesíbeis, polo de agora, en Youtube.

A información de RT e Sputnik sobre Rusia e o leste de Europa, cando menos na edición español, era bastante máis parca. Refírome a antes de que comezase a guerra. E tamén moito menos transparente. Podería ocorrer, como xa sucedeu noutras épocas, que fose a censura a que provoque precisamente un maior interese por estes dous medios e por outros de menor dimensión que aínda permanecen nas canles habituais. A aqueles que, por idade, coñeceron a onda curta, non lles resultará totalmente estraño este fenómeno.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s