María do Cebreiro: “Na biblioteca dos meus pais eu sentía que estaba todo o que había que saber sobre a vida”

María do Cebreiro. LAURA DALAMA.

María do Cebreiro Rábade Villar é unha das escritoras máis orixinais da literatura actual. Amais de poesía (a súa obra máis recente é A Herba de namorar (Galaxia, 2019)) é tamén ensaísta e divulgadora académica. Seu é o epílogo d’A revolución en marcha. Decretos e proclamas da Comuna de París (edición de Xesús González Gómez (Laiovento)) e a edición e estudo preliminar de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en Xerais, as dúas do 2021. Tamén é autora da edición e estudo de El primer loco, tamén de De Castro (Alvarellos, 2019), xunto a Germán Labrador. Hoxe entramos na súa Biblioteca Íntima.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

A marela tarabela, de Xosé Neira Vilas, nunha preciosa edición á que se lle acabaron soltando as follas. Así, sen compoñer e con marcas de lectura da infancia, foi un dos primeiros agasallos que lle fixen ao pai da miña filla.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

A contrafío (A rebours) de Joris Karl Huysmans, que ilustra como poucos a capacidade humana de coñecer a través dos sentidos.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Calquera na que o autor ou autora xulgue que é quen de sobardar a intelixencia de quen le. É un vicio frecuente na literatura. Máis frecuente na considerada mala, pero é un tic que teñen algúns grandes autores e do que habería que fuxir coma da peste.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Devólvolle o cumprimento a Daniel Salgado e digo que con el, aínda que xa teño pasado moitas porque somos moi amigos e as nosas familias se coñecen desde hai anos. Non sei se unha noite de festa, porque criar un bebé xa rouba moito sono, pero conversaría con gusto arredor dun café con Diego Ameixeiras, a quen coñezo pouco, pero de quen aprecio moito canto escribe.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Elfriede Jelinek non me parece precisamente simpática…

Un libro recente que lle gustase moito…

Os inquedos, de Linn Ullmann, sobre a vida de seus pais, nada máis e nada menos que de Ingmar Bergman e Liv Ullmann. É un canto de amor a eles, nada compracente e por iso mesmo conmovedor e verdadeiro. 

Unha novela que non puido terminar…

Cando comecei a aleitar pasaba algunhas noites en vela e fíxenme fan da opción de mostras do Kindle. Non quería darlle máis cartos á plataforma, así que deixaba moitísimos libros sen rematar.

Que novela lle gustaría protagonizar?

No pasado atraíame moito Emma Bovary, non tanto polo que lle ocorre na novela como pola súa capacidade para sentir e pensar á marxe do que se agardaba dela. Reafirmeime na miña simpatía cando lin as marabillosas reflexións de Jacques Rancière sobre a novela de Flaubert. Desde que son nai non me sei ver aí. Teño que atopar aínda a miña personaxe guía.

Que novela a reconciliou coa literatura?

Depósito de espantos de Manuel Outeiriño. Foi un libro decisivo, por iso mesmo, no meu desexo de escribir e de publicar poesía en galego a comezos do milenio.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Non teño obras pendentes; cando pasan a esa categoría morren para min.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Moitos. Dos últimos que lin, o fermoso esbozo que Simone de Beauvoir fai da súa primeira e grande amiga no libro de memorias As inseparables.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Ningún, pero desde hoxe, e desafiando o criterio dalgúns lectores fieis, o que menos me gusta é o primeiro.

Leva vostede un diario ou un dietario?

Moitos, pero sen orde nin concerto, aos que van parar receitas de cociña, enderezos, recortes de xornais e pensamentos ao chou. Case nada leva data.

Escribirá as súas memorias?

As memorias son un xénero da soberbia, pero moita literatura o é. Ninguén está libre de vaidade, e menos aínda no gremio dos escritores, así que (tamén polo valor que lle dou á memoria na vida) quizais non consiga vencer a tentación.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Manuel Outeiriño, polas razóns que antes daba. E nun sentido indirecto pero decisivo, sen dúbida os meus pais. Digo indirecto porque, para me facer un camiño propio, optei desde moi nova por non ler os seus libros. Agora loxicamente síntoo doutro xeito, e sei que chegará o intre non que non me quedará nada deles por ler. A súa biblioteca foi a miña primeira biblioteca, e iso é moito dicir, porque eu sentía que alí estaba todo o que había que saber sobre a vida.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Subscribo a idea de que de case todo se pode extraer algo bo, ou cando menos que nos sirva para algo. Se un libro ou calquera cousa non me interesa a miña estratexia é máis ben seguir ao meu, tentando non opoñer resistencia.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

De cativa non aturaba o título As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, non podía con el, e coido que por iso nunca cheguei a ler a obra. En cambio penso que o feito de que o título dun autor, neste caso A galiña azul, dese pé a unha rede de escolas infantís públicas é un logro ao alcance de poucos escritores.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Neste capítulo non son orixinal: Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín ségueme parecendo un libro moi importante. Sempre reivindico a Ferrín: é un autor imprescindible para entender os últimos corenta anos da poesía galega e dáme algo de mágoa que nos últimos tempos non teña a presenza que merece (non falo de recoñecemento público ou institucional, senón de presenza real na vida e nas mans dos lectores). Outro libro do mesmo tempo que adoro, este sen dúbida infravalorado e menos lido do que debera, é Seraogna, de Alfonso Pexegueiro.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Mesteres,de Arcadio López Casanova. Non por falta de valor, senón porque se lle atribúe unha influencia que ao meu parecer non tivo.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Calquera obra de Álvaro Cunqueiro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s