Como se reparte o valor dun libro? O caso francés

Thierry Discepolo.

Xesús González Gómez.

A madrileña Trama editorial ten un catálogo moi coidado. Nese catálogo áchanse traducidos ao español libros de autores galegos (tres): O porco de pé, de Vicente Risco, Un ollo de vidro, de Castelao, e mais De como me encontré con el demonio en Vigo, unha selección de contos de Ánxel Fole: dos tres, este é o único esgotado. Doutros títulos da editorial non falaremos; si queremos falar dun libro publicado por ela na colección (dedicada ao mundo do libro) «Tipos móviles». Unha colección con títulos ben seleccionados, tanto as traducións como os orixinais en castelán. Das traducións recomendariamos, en primeira instancia, as memorias de Jean-Jacques Pauvert, La travesía del libro (á espera de que traduzan Endetté comme une mule ou la passion d’editer, de Eric Losfeld, o editor máis castigado pola censura da V República francesa, por ríba da mítica Maspéro[1]); o de Robert Darnton Las razones del libro. Futuro, presente y pasado, e bastantes máis, pero hoxe deterémonos, moi por enriba, no libro de Thierry Discepolo La traición de los editores, que apareceu na editorial marsellesa Agone, da que é director editorial e fundador o propio Discepolo, no 2011: a versión española, de Gabriela Torregosa, é do 2013. Versión un pouco «dura» e que incorre nalgún erro como traducir maître por mestre (que tamén significa iso), pero que no contexto da frase dá o outro significado da palabra: amo («nunca ha tratado de ocultar –Amazon– sus intenciones de erigirse en maestro absoluto» (p. 58). Nalgúns erros máis incorre, pero non imos enumneralos todos: sería demasiado aburrido; e ademais, o que nos trae hoxe é comentar algúns dos datos que dá Discépolo sobre o mundo editorial francés.

Tamén hai que afirmar que como o libro foi publicado hai máis de dez anos, algúns dos datos que recolle Discepolo quedaron «anticuados». Fala moito dos grupos editoriais e a quen pertencen. Os grandes grupos editoriais franceses eran, no 2010: Editis (que pertencera ao grupo Vivendi –Compagnie général des Eaux-Havas), comprada no 2008 pola Editorial Planeta; o Grupo Hachette-Lagardère (o gran grupo francés; Edicións Xerais pertence a este grupo); o Grupo Flammarion-RCS Media Group (Italia), e o Grupo Gallimard. As cousas cambiaron. No 2019, o grupo Editis –que Planeta comprara a Hachette– é vendida ao Grupo Vivendi (creado a partir da privatización de Matra, fábrica de armamentos e avións de combate) con perdas por parte do grupo español – cómpre lembrarnos que o Grupo Videndi lanzou unha OPA sobre Hachette-Lagardère[2] o pasado mes de setembro despois de comprar o 17,5% que Amber tiña neste último grupo. De ter éxito tal OPA, Vivendi faríase co aproximadamente o 70% da edición francesa. O Grupo Flammarion é comprado no 2012 por Gallimard (Grupo Madrigal), sendo, xa que logo, estes tres grupos os máis potentes da edición francesa. Outros grupos importantes son o Grupo Actes Sud (que non hai moito comprou a editorial Payot-Rivages), Albin Michel e La Martinière-Chanel. É dicir, as máis importantes e coñecidas editoriais francesas están baixo o «dominio» destes grupos, e así acontece, por exemplo, que editoriais como La Découverte (antigamente Françoise Maspéro), a editorial que publica os escritos da esquerda e das novas esquerdas, pertence ao grupo Vivendi (fabricante de armas). A mítica, esquerda católica, Editions du Seuil (editora de Foucault, Barthes, etc.), pertence ao Grupo La Martinière-Chanel, que en principio pertencía ao mundo da cosmetica, agora diversificouse: cubertería, caza, etc., etc. A maioría destes grupos teñen detrás bancos e fondos de investimento. Como se preguntaba Pierre Rimbert en Le Monde diplomatique, e recolle Discepolo: «a oposición á orde dominante non se convertería nunha mercadoria como outra calquera», visto que os escritos contra esta orde son publicados polos amos desa orde? Pois, como afirma Discepolo, dáse «unha situación dobremente paradóxica porque deixa nas mans dos mesmos actores da orde social dominante a difusión das ideas de cambio político; e porque mantén a ilusión (e xa que logo a pasividade) da existencia dunha oposición». Porque moita desa oposición, como se di no libro, afirma que publicando nos grandes grupos se chega a maior numero xente… ao tempo que enchen os petos os gupos dominantes. Discepolo demostra que os libros de «oposición» publicados polos grupos dominantes, e que foron best-seller (sic), tamén o serían se fosen publicados por editoriais verdadeiramente independentes (ou mellor, libres, xa que independente é un concepto decimonónico: sempre se é dependente de algo ou de alguén): A insurrección que vén, do Comité invisíbel, publicado por Éditions La Fabrique vendeu mais de 50.000 exemplares, o mesmo que vendeu Unha historia popular do Imperio americano, de Howard Zin e Paul Buhle, con ilustracións de Mike Konopsvki (Encrage éditions); Curso de autodefensa intelectual, de Norman Baillargeon e ilustrado por Charb (Lux éditeur) máis de 100.000, Os novos cans de garda, de Serge Halimi, e Sobre a televisión, de Pierre Bourdieu (publicados por Raisons d’Agir) superaron ambos os 200.000 só en librarías; unha novela de política-ficcion, Mañá parda, de Frank Pavloff (publicada por Editions Cheyne, existen versións catalá e española), vendeu en libraría millón e medio de exemplares en doce anos; Indignádevos!, de S. Hessel (Indigène Éditions, máis dun millón de exemplares nun ano; existe versión galega, Kalandraka), etc. Todas estas editoriais, e moitas máis, claro, son verdadeiramente libres. Noutras palabras, a «escusa» de que se publica nun gran grupo editorial porque así se chega a máis lectores é, simplemente, unha falacia. Por outra parte, como demostra Discepolo, moitas das denominadas editoriais dependentes (Grupo Gallimard, Galaxia Actes Sud), de «independentes» non teñen nada.

Ora ben, estes grandes grupos «atácanse» entre eles? Discepolo non di palabra sobre o tema, só reproduce o seguinte que, penso, o di todo ou case todo. Trátase do «trasvase» de elementos directivos dun grupo a outro: «A maior parte dos participantes vanse turnando neste xogo da cadeira editorial: Claude Durand viña de Seuil cando pasou a Grasset antes de recibir a dirección de Fayard; Éric Vigne, primeiro director literario de La Découverte, incorporouse a Gallimard despois de pasar por Fayard; Teresa Cremisi, que formou durante moito tempo con Antoine Gallimard “un deses dúos que tanto gustan no mundo editorial, complexo, complementario, indisociábel”, dirixe Flammarion dende 2005 e é vicepresidenta dende 2010 da póla editorial de Rizzoli-Corriere della Sera; chegado a Seuil como lector, Olivier Betourné marchou cando era xa secretario xeral para se incorporar a Fayard, de onde pasou a Albin Michel antes de regresar a Seuil; presidente en Stock, Jean-Marc Roberts formouse en Seuil; por pasar polas direccións de Calman-Lévy e Fayard, Olivier Nora ten o perfil editorial máis prestixioso de Lagardère; Henri Triubert, que empezou en Rocher (antes da súa compra) pasou por Fayard antes de se incorporar á “Galaxia Actes Sud”; Olivier Rubinstein fizo a súa aprendizaxe en Climats (antes da súa compra), Quai Voltaire e despois en Mille et Une Nuits antes de facer carreira en Denoël; aínda nos inicios da súa carreira, Hugues Jallon migrou de La Découverte e de 10/18 a Seuil», etcétera. (lembremos que dende o 2012 Flammarion pertence ao grupo Gallimard: Teresa Cremisi pasou a ser encargada de desenvolvemento editorial de Madrigal, o holding que engloba o Grupo Gallimard e Flammarion: agora é novelista). É dicir, os diversos grupos intercámbianse os directivos, polo que está claro que o único que conta é a «ganancia», a venda de non importa que produto.

Nas páxinas 148-150, Discepolo desglosa o prezo dun libro a partir da venda ao público. Os datos corresponden «aproximadamente á situación media dun libro de “literatura xeral” (novela, ensaio) cunha impresión de entre 1.500 e 3.000 exemplares»:

Editor: +/– 12%

IVE; 5,5%

Libraría: +/– 36%

Distribuidora: +/ – 9%

Comercialización difusión: +/ – 8,5%

Impresión: +/ – 10%

Autor: +/ – 9%

Tradución: +/ – 10%.

Discepolo engade outros datos, se ben as librarías adoitan ten un 33% de desconto. Se é unha pequena libraría nunca conseguirán o que conseguen as grandes ou antiguas librarías tradicionais: cando menos un 38%. A FNAC acada un 40%; os híper e supermercados un 42% e Amazon alcanza un 45% e ás veces até un 50%. O distribuidor, que normalmente tamén se encarga da comercialización e a difusion, pode chegar a pedir até o 20%. O 10% do prezo correspondente á impresión pode baixar dúas veces se se fan 10.000 exemplares no canto de 2.000; e catro veces máis barato se a tiraxe é de 50.000. Os autores adoitan levar un 7% por unha primeira novela; se as vendas superan os 10.000 exemplares, sobe ao 12%; os fabricantes de bets-sellers levan un 14% ou un 15; o escritor Jean d’Ormesson foi alcumado como «o señor 18%», Françoise Sagan, ao final da súa carreira chegou ao 20%.

Acho que os datos que entrega Discepolo coinciden con estes outros que tiña anotado nun dos meus cadernos:

«O pasado martes (7 de setembro de 2010), o vespertino parisiense Le Monde publicou unha das súas “Contre-enqûete” ao tema “Quels sont les écrivains qui vivent de leur plume?”. Escritores franceses, claro. Mais esta contra-enquisa ou contra-investigación, reproduce datos interesantes.

»Un libro que se vende nas librarías (francesas, claro) a 20 euros, canto «tira» (de proveito) cadaquén? Velaí os datos que dá o xornal parisiense: a libraría, 7 euros (en España, 6, xa que as librarías quedan co 30% sobre prezo de venda); o editor, entre 3,90 e 4,70 euros; o distribuidor, 3,60 €, o autor entre 1,60 e 2,40€; o impresor –a imprenta– 2€, e o estado (IVE), 1,10€. Vistas así as cousas, en España, Galiza incluída, quen máis debe gañar é o editor, mais como non vende, que máis dá. (Gaña máis porque a porcentaxe da libraría é máis pequena, non sei a da distribuidora, mais tamén é certo que moitos autores galegos renuncian aos seus dereitos para que as editoriais non se vaian ao «tacho», aínda que tamén cabe dicir que ás veces as editoriais publican libros que saben que non van vender, e se tivesen que pagar dereitos de autor, non os publicarían, etc.). Nunha nota, engádese: “a difusión e a distribución pertence moitas veces aos grupos ou casas de edición./ Editor, difusor, distribuidor: a súa parte, xeralmente, volve aos patróns das casas de edición –de 7,50 a 8,30€ por libro”. Se houbese un editor galego que fose distribuidor e tivese a sorte de que os seus autores renunciasen ou non cobrasen os dereitos, de cada 20 euros o editor gañaría –perdón, retería– entre un mínimo de 9,10€ e un máximo de 10,70€, iso sen ter en conta o euro que en España, Galiza, gañan menos as librarías do que en Francia. Se se ten en conta ese euro, e se as outras porcentaxes se manteñen (e non vexo por que non), en España por un libro de vinte euros, o editor/distribuidor (por exemplo, Planeta) gaña (retén), como mínimo, entre 8,50 e 9,30 euros. E se as imprentas son súas, imaxine o lector. No entanto, debe, tamén, o lector considerar os gastos duns e doutros; é dicir, o investimentos de cada parte; investimentos que hai que tirar da cantidade que cada parte gaña (retén). Sexa dito todo isto, pedantemente, cum grano salis.

»Na “Contre-enquête” entrevístase a Jean d’Ormesson, un autor do que só gustei, título en castelán, de Au plaisir de Dieu (Por capricho de Dios), unha gran novela clásica, de saga familiar. D’Ormesson di moitas cousas, entre outras, a que salientan os redactores: “Literatura e desexo de gañar cartos son incompatíbeis”. Iso sabémolo os que escribimos en linguas minoritarias e minorizadas desde o primeiro día en que artellamos unha frase que foi publicada en libro ou nun medio de comunicación escrito, o que non quere dicir que non haxa xente que gañou e gañe cartos escribindo en galego, ou en catalán, que os hai. E outros que semella que só escriben para gañar cartos. Como que non son recompensados polos lectores, gañan premios literarios. É dicir, non escriben obras, escriben premios literarios».

Para acabarmos, dúas cousas. Jean Zeboulon, en Pensées pour moi-même et quelques autres (Visan, Editions Harpo &, 2010), escribe: «Os réximes totalitarios queiman os libros, as democracias afóganos», citado por Discepolo. E quen queira saber máis sobre este libro, é recomendábel a visita á recensión publicada na New left review.


[1] Véxase a recensión destas memorias en A Nosa Terra, nº469, 14 de marzo de 1991, p. 19.

[2] Cando o propietario de Hachette-Lagardère, Jean-Luc Lagardère, morreu no 2003, Bernard Henri-Lévy dedicoulle unha necrolóxica haxiográfica e, como tal, tratábao case de santo. Unha desas necrolóxicas ás que nos ten afeitos a prensa española cando morre ou un gran capitalista ou un ex franquista reconvertido (sic) a demócrata de «toda la vida». Léanse como paradigmas de tales necrólóxicas as que dedica o xornal El País a tales elementos.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s