‘Última hora’ vs ‘Novo Testamento’

Fotograma de ‘Cidade de Deus’, de Fernando Meirelles.

Xornada 1 da Liga da Primavera. Duelo entre Carlos Vega e Ana Vigo.

Traba: O relato debe contar catro versións da mesma historia.

Última hora

Ana Vigo.

Diario de Noticias, 13/2/2051

Tiroteo con vítima 

A pasada madrugada rexistrouse un tiroteo xunto á Ponte da Fronteira, que separa as nosas rexións. Tres pistoleiros sen identificar abrían fogo contra unha furgoneta que pretendía cruzar o paso, e causaban a morte da condutora. A policía xa está a investigar o acontecido. Segundo os veciños que alertaron do caso, hai tempo que notan inseguridade nas rúas, que relacionan coas bandas de inmigrantes do outro lado.

Información Nacional, 13/2/2051

O crime da fronteira

Esta madrugada a policía tivo noticia da morte dunha muller en territorio veciño, xunto a fronteira. Conducía o seu vehículo cando foi abatida por tres individuos, agora en paradoiro descoñecido. O Gran Xeneral condenou o feito e acusa o goberno da república veciña de contratar sicarios para atacar os nosos comerciantes, sinalando a xenofobia e o proteccionismo do seu presidente. O Alto Mando reunirase para decidir como actuar ante esta afrenta.

A Voz da República, 13/2/2051

Crime ou xustiza?

Hai días que Interior alertara da desaparición da Bomba. Agora foi atopada no interior dunha furgoneta tiroteada de madrugada no paso da Ponte da Fronteira. Fontes da investigación sinalan a posible vontade da condutora falecida de entregarlla ao exército veciño. O Goberno da República acusou a súa ditadura de encargar o roubo da arma para usala contra o noso territorio. O comité sancionador reunirase para avaliar unha acción pertinente. 

Revista do Internacional, 13/2/2051

Medra a tensión

O tiroteo contra unha furgoneta na fronteira provoca novas tensións entre a ditadura e o goberno da república, históricos veciños que nunca destacaron polas súas boas relacións. Entre mutuas acusacións dos seus dirixentes, de roubo por unha banda e de asasinato pola outra, a comunidade internacional segue con preocupación a escalada entre as partes, e o mundo prepárase para unha guerra inminente.


Novo Testamento

Carlos Vega.

Evanxeo por San Lucas

En Ciudad de Dios custa menos encontrar un revólver que unha camisa limpa. Por isto Lucas se sentía afortunado aquel día. A camisa recendía a colonia, que era algo ao que Lucas non acostumaba. Baixou ao campo de fútbol co peito metido nas costelas, intentando respirar frouxiño, aforrando perfume. 

No campiño case ninguén se fixou na camisa, porque estaban a xogar os maiores. Estrañouse, porque aínda era ben cedo, pero pouco lle importou. Meteuse a xogar cos demais e pronto cambiou o cheiro a home aseado polo de lama e suor. Pensaba en que se podía xogar cos maiores, unha camisa rota era custo barato. Volveríase bo, e podería fichar polo equipo da capital. Soñando con goles marchou detrás do balón, cando Marcos o botou fóra do campo; onde as casas.

Evanxeo por San Marcos

O diñeiro dos ricos tiña un olor especial, un olor a limpo, a como debía cheirar un banco por dentro. En Ciudad de Dios o diñeiro era vello e estaba gastado. Marcos tan só tivera diñeiro limpo unha vez que atracara uns turistas de Rio. Por un momento, co diñeiro nas mans, fórase delas o cheiro a pescado de cada mañá, cando lle axudaba a abrir o posto a seu pai. Dende ese momento só podía imaxinar unha cousa no seu futuro: tal morea de diñeiro, que xamais ulise na casa nada a pescado. 

No campo despistouse por un intre. Algo ulía ben; parecido ao diñeiro, parecido ao perfume que botaba Panela cando se erguía polas mañás con ela. Pronto se perdeu e todo volveu ser calor, terra e po. Mirou o reloxo e viu que faltaban cinco minutos para as doce. Embarcou o balón para despexar o campo e acenou aos compañeiros.

Evanxeo por Santa Panela.

  1. Un chulo nunca te quere, só se encapricha.
  2. Un chulo nunca o deixa, tan só se relaxa.
  3. Un chulo fai dano, pero tamén fai diñeiro.
  4. Con diñeiro pódense abrir as portas de San Pedro.
  5. Fóra delas hai homes poden deixar de ser chulos.

Evanxeo por San Mateo

Na compañía de gas nunca o tomaban en serio. Viña da favela, non era da capital. Observábano dende os cubículos da oficina como quen se asoma ao cristal dun zoolóxico. Quizais por isto lle deixaban a el o reparto daquela zona. Por pensar en que alí recoñecerían un dos seus, que verían alguén coma eles, alguén así, e soñarían con chegar a conducir o camión do butano. Ou pensaban en que, no peor dos casos, o camión sempre volvía, e ao condutor podíaselle buscar recambio.

Pero el tiña unha idea distinta. Sabía como eran os altos de camión, e non pensaba deixar que o zoupasen fóra a patadas. Non a el. Agora el vivía na capital, traballaba nunha compañía e non ía deixar que uns mangantes o arruinasen todo. Por iso, ante a Anunciación de San Marcos, Mateo baixou cunha man descuberta, outra nas costas, e o peito ao descuberto. 

7 comentarios en “‘Última hora’ vs ‘Novo Testamento’

  1. Última hora

    Cando comecei a lelo pareceume unha idea fantastica o de poñer a historia en 4 partes como novas de 4 xornais distintos, con diferentes puntos de vista, intereses ou intencións. Despois dinme conta de que a pesar de ser fantastica era tamen tremendamente dificil. Por varios motivos. Un deles é que ó empregar un rexistro xornalistico un apartase da literatura, no sentido dunha forte renuncia ó factor estetico. Queda logo o subtexto ou como se lle queira chamar a esa capa subxacente á informacion pura, unha capa invisible que vive entre o texto escrito e o argumento da historia e que aqui se presenta moi fina. O texto escrito é mellorable. O relato necesitaba que as frases deran máis de si. Era moi dificil, verdaderiamente dificil, pero tamén imprescindible para que o lector puidera extraer literatura (non sei darlle mellor nome) do relato.
    Tamén é o texto un tanto imperfecto á hora de darnos a información. Por exemplo, na primeira liña falase “das nosas rexións”. Se falas asi qeure dicir que ambas rexións pertencen ó mesmo país. E incluso así é unha expresión rara, é coma se un periodico de corea do sur tivese como lectores obxectivo ós de corea do norte. Só asi se entende que o xornalista diga “as nosas rexións”. Este cruce de cables na primera frase pode tumbar o relato enteiro. Tamén se mencionan veciños e inseguridade nas ruas, cousa que non cadra para nada cun paso fronteirizo, excepto algo tipo muro de berlin onde está dividida unha cidade. Sen embargo nunca se menciona a palabra cidade, senon “territorio”, e o paso é unha ponte, que lle da mais sensacion de fronteira natural entre paises.
    Dito isto vou tentar entender a historia:
    unha tipa cunha bomba conduce unha furgoneta. A bomba procede da republica e a tipa pretende entrar na dictadura con ela, suponse que para entregarlla a ese pais. Na fronteira, pero ainda no lado republicano (isto non qeuda claro) 3 pistoleiros deteñena a tiros e deixan a bomba na furgo. A muller non semella nativa da ditadura (senon a segunda nova non diría “unha muller”, diria “unha camarada, unha cidadá no noso pais, etc), pero estes protestan coma se o fose. A 3º nova aclara todo isto e a 4º é unha especie de resumo final visto desde fóra.
    Unha vez aclarada a historia queda pouco que morder. Non qeudan ben expresados os 4 puntos de vista, de feito se se elimina a informacion repetida poderia pasar todo como unha mesma nova nun só periodico. Penso que teria axudado moito que ambos paises tivesen nome. Tamén choca que se diga que eran 3 pistoleiros pero non se fale de testemuñas. Fáltalle moita vida ó relato, faltalle ata verdadeira manipulacion. Basta ler okdiario para darse conta do que é mentir e terxiversar nun xornal. Aquí nin sequera se palpan as contradicions. Por que non di, por exemplo, o xornal de corea do norte que o da bomba era unha montaxe?
    Dame a sensacion que o relato queda nunha boa idea mal executada.

    Novo Testamento

    e este relato apostao todo pola literatura, en forma e ata en formato. Antes de nada teño unha queixa: por que “ciudad de dios” e non cidade de deus? se ata o orixinal é cidade de deus.
    pareceme moi ben levado o tema do cheiro, inda que logo se qeude en anecdotico, en adorno floral. Non parece que sexan 4 versions da mesma historia, o que o salva un pouco é a conexion cidade de deus – evanxeo, pero os evanxeos si que eran versions da mesma historia e aqui o que hai son 4 escenas (bueno, a 3º nin seqeura é unha escena) con certa relacion entre elas.
    Na ultima frase do relato repitese “descuberta/a”, e o efecto non é positivo.
    Esta é unha traba complicada, non tanto como a das letras, pero talvez a seguinte en dificultade. Porque si, podes sair vivo, podes ter unha boa idea, pero é moi moi dificil que o relato resultante sexa bo. O habitual é ter unha idea excentrica e logo buscar unha solucion de forma para darlle saida, pero aqui o que facemos é botarnos enriba un problema de forma e encaixarlle desesperadamente o que se nos ocorra para sair do paso. Como practica está ben, de feito a mellor ensinanza que deixa o uso desta traba é que é mellor evitar escribir un relato desta maneira, excepto se é a unica forma posible de contar o que queres contar. E unha vez aprendido isto non ten sentido seguir insistindo con ela, penso eu.

    Voto por Novo testamento, mais por demeritos do rival que por meritos propios.
    Tocando un par de fios en Ultima hora creo que tería ganado o meu voto, ten marxe de mellora. Tal como está agora é coma un castelo que non se ten en pé. En cambio Novo testamento é unha caseta de can perfectamente rematada, pintada e vernizada.

  2. Concordo co Lois en que esta traba é complicada, tanto na execución como en entendela. Ocórrelle ao mesmo ca á da versión en segunda persoa, que cómpre primeiro reflexionar para que serve antes de poñerse a escribir.

    Última hora

    Neste relato si se entende en que consiste a traba e hai relación coa foto (a foto é moi explícita e tan inequívoca que é normal que marque máis ca outras a fasquía do relato). Esquematicamente todo é perfecto e a idea de usar os xornais como voces da mesma historia paréceme moi boa. Vémolo a diario con calquera acontecemento, como se xera unha opinión na que o feito é o menos importante senón o enfoque, o punto de vista, xa non como postura ética, senón como trincheira política e, case sempre, económica. Sempre recomendo ver como a mesma noticia, poño por caso, sobre Isabel Díaz Ayuso, se conta en Antena 3 e na Sexta. Ambas cadeas pertencen ao mesmo dono, Planeta, pero como buscan captar nichos de audiencia distintos non lles importa contar practicamente relatos antagónicos en cadansúa plataforma.
    O problema é que neste caso o autor, autora, non foi quen de encher a casca. Eu si penso que se pode construír literatura partindo de calquera linguaxe (se Carlos Casares foi quen de crear ‘Os mortos daquel verán’ desde o rexistro das actas dun secretario xudicial, tamén se pode facer desde o rexistro periodístico), pero cómpre, primeiro, coñecelo, e despois saber usalo só como disfrace para cargalo de literatura. E neste caso todo iso está ausente.

    Novo Testamento

    Paréceme que non cumpre a traba. Non hai catro voces a mirar a mesma cousa, senón catro personaxes que comparten un escenario, como di o Lois. Son cousas distintas. Un relato coral é ‘La colmena’, de Cela, ou ‘Manhattan Transfer’, de John Dos Passos; un relato cubista ou con narradores non fiables (O bo soldado, de Ford Madox Ford, O final da aventura, de Graham Greene…). Nun caso o que nos interesa é a personaxe como célula dun universo. No outro atráenos o que cada mirada escolle e descarta sobre o obxecto que mira. ‘Novo Testamento’ sería un bo borrador de relato se a traba fose algo así como: Constrúe un universo narrativo autosuficiente en 500 palabras.
    Desde o punto de vista literario, coido que o autor ou autora ten bos vimbios e empezou a facer o cesto, pero aínda lle queda moito por tecer. Falta que os elementos adquiran xerarquía e o relato se eleve sobre as súas referencias, algunhas bastante tópicas, outras demasiado apegadas ao universo de ‘Cidade de Deus’/imaxe das favelas ao redor do Rio de Janeiro.

    O meu voto vai para ‘Última hora’ porque coido que aínda que ningún dos relatos está acabado, este ten unha mellor base para cumprir a traba cun método moi interesante.

  3. estiven dandolle voltas ó relato do novo testamento e finalmente, para min, si que cumple a traba, mais cunha reserva (é unha forma positiva de velo. Outra sería dicir que non a cumple por causa do erro do que vou falar a continuacion).
    A primeira das 4 partes sería a version dun neno, a segunda a version dun mozo, a terceira a version dunha rapaza e a ultima a version dun home (cada unha cos seus propios matices). No fondo son 4 versions da mesma historia de miseria economica e social. Pero a/o autor/a cometeu un erro fatal, o de relacionar as versions repetindo personaxes. Ó facer iso as 4 versions adquiren unha continuidade que non deberia estar aí, e que fai que o lector entenda o relato de forma lineal, do tipo que xa mencionamos: 4 personaxes que comparten un escenario. Se as 4 personaxes fosen distintas, ou mellor ainda, se fosen 4 cidades distintas, o lector atoparía outro tipo de código na lectura. Xa non seria un relato coral, que é o que o mata de cara a cumplir coa traba.

  4. Teño unha relación espesa con Cidade de Deus. É moi boa. Gustoume. Impactoume. Porén, cando o mando a distancia a atopa nalgún canal doulle ao botón P+ como quen finxe non coñecer a aquel compañeiro intensiño do colexio. Simplemente, non me apetece. Como di o meu adorado Jep Gambardella, o descubrimento máis consistente que fixen tras cumprir 65 anos é que non podo perder tempo en facer cousas que non quero facer. A el si que o vexo sempre que podo.

    Para estes relatos precisei dúas lecturas, e logo tres, e lereinos unha cuarta vez antes de rematar este comentario. Estou seguro.

    Como Lois e César vexo nesta parella unha moi boa idea falta de cariño e unha premisa clásica, mesmo tópica cun tratamento máis esmerado. Non vou entrar sobre se cumpren a traba ou non, entre outras cousas porque tampouco vén importando nas votacións dos outros duelos da xornada, meu voto incluído.

    En ÚLTIMA HORA dáme a impresión de que o escritor ou escritora foi vítima da excelente idea de buscar as catro versións no punto máis obvio posible, a prensa diaria. E digo vítima porque, sendo fiel á realidade, utilizou linguaxe xornalística para as catro noticias. Aí é onde vexo eu o fallo, que as voces apenas se diferencian unhas das outras.
    Se un estranxeiro se enfronta por primeira vez á lectura dun titular sobre a mesma noticia de La Voz, o Faro, El País e o ABC vai ter dificultades para distinguir a liña ideolóxica de cada xornal. Nós non. Nós verémolo clarísimo porque coñecemos o subtexto, porque somos quen de discernir quen é quen polas palabras que use: estado ou nación, comunidade ou rexión, castelán ou español… Para ese estranxeiro todos estes pares serían equivalentes.
    E iso é o que nos pasa aos lectores deste relato. Que no relato somos estranxeiros. O autor ou autora tentou deitar as diferencias a través de matices e as catro versións resultan planas, aburridas, repetitivas. Eu tería apostado pola esaxeración, pola hipérbole máxima, por Biggus Dickus e a súa muller. Definitivamente pagaría por ler ese relato.
    Dáme tamén a impresión de que o universo do relato non está de todo imaxinado, coma se as pezas non cadrasen ben. Non entendo por que se fala de rexións e logo de República e logo de Ditadura e tamén de veciños. Confúndeme. Non sei se son dous países veciños que pelexan, un conflito independentista, un mesmo país cunha ditadura e un goberno no exilio ou unha mestura de todo un pouco.

    NOVO TESTAMENTO parece executado con máis pericia. Gáñame e pérdeme coa primeira frase.
    Gáñame porque describe o barrio cun simple detalle: a contraposición revólver/camisa limpa. O detalle decisivo que lle chaman uns, a teoría fractal que lle din os outros. Moi mal se ten que dar o resto para que non vote por este, pensei a primeira vez que lin a frase.
    Sen embargo, a frase perdeume cando me din conta de que usa “Ciudad de Dios” en vez de “Cidade de Deus”. Rómpeme os esquemas. Non lle vexo sentido ningún nun relato escrito en galego sobre un barrio/película brasileira.
    Polo resto a historia é clásica nos que se ve de forma clara que os dous primeiros evanxeos son dúas versións distintas da mesma acción. Dúas cámaras filmando o mesmo acto. A terceira versión é cambio de estilo que lle dá elegancia ao conxunto pero que aparta o foco da acción principal. De feito non hai acción algunha. Elimínase entón a posibilidade de que as catro versións sexan sobre o partido de fútbol. Sigo buscando. O cuarto evanxeo narra unha acción distinta na que se pecha a historia de Mateo e Marcos. Panela e Lucas quedan colgando, coma no limbo que debe ser unha favela. Inda por riba o cuarto evanxeo narra algo que sucede despois dos outros tres. Algo que non comparte espazo nin tempo co anterior.
    Penso, penso, penso, descompoño… busco o máximo común denominador e o único que atopo, como Lois, é a miseria. E algo máis. Un pequeno matiz. As catro visións distintas que catro personaxes distintos teñen sobre como saír desa miseria. Fútbol, violencia, amor, traballo.

    Terá que valer.

    O meu voto vai para NOVO TESTAMENTO.

  5. Cidade de Deus é tan peliculón que pode dar certo medo facer algo que estea ao nivel.

    Por iso a idea que tivo @ autor@ de “Última hora” é tan boa. Afastarse do foco de unha imaxe ou idea tan poderosa a min sempre me facilita ter liberdade para escribir. Aparte de que se o pensas non hai mellor maneira de afrontar esta traba tan fodida que con ese formato. Pero hai varios problemas na maneira de acometelo. Realmente os periódicos dan datos concretos, inda que sexan falsos. O periodismo aséntase no detalle, nos nomes, nas siglas. Aquí hai un ton xenérico que pode casar en certos panfletos que poderían ir ben para unha das noticias, pero non para todas. Tamén hai algo que me saca, ao rpincipio lin as noticias con un fía de continuidade, semella que van saíndo datos á luz que son recollidos por distintos medios ao longo dunha semana ou así, pero despois caio que os titulares son todos do mesmo día, e iso non me cadra nada co conflito xeopolítico que se está intentando debuxar.

    “Novo testamento” cínguese ao tema do fotograma de maneira máis fiel e consegue certas sentenzas que son moi boas. O do cheiro do diñeiro, por exemplo. Para min todo ía fantásticamente ata o terceiro Evanxeo. Entendo que foi conectando evanxeos con xente relacionada co anterior evanxeo, e iso é válido se o relato non xestionase ou preparase o terreo previo para un conflito. Os dous primeiros evanxeos son o inicio de algo que parece que vai pasar pero ao final non. Este relato é un coito interrumpido. A min xeroume moita desconexión co que se conta ao final.

    VOTO por “Novo testamento” porque penso que ten trallazos literarios polo medio moi bos.

  6. ‘Cidade de Deus’ tamén é unha das miñas películas favoritas. Debín vela vinte veces. Pero antes da película tamén foi novela, un dos grandes éxitos da literatura brasileira da década do 1990, obra de Paulo Lins, un autor que recomendo vivamente, aínda que como todos os libros en portugués, non é doado de ler en Galicia.

  7. Boas e perdón polo atraso. Aí vai o meu comentario.

    Ultima hora

    Boa idea a de inventar catro liñas ideolóxicas arredor dun mesmo feito, aínda que o defecto que lle vexo ñe o abuso de categorías abstractas, impropias da linguaxe xornalística. O “Gran Xeneral” renxe, e hai outros detalles demasiado “planos” como as acusacións cruzadas en Medra a tensión e o final de Crime ou xustiza non resulta crible.

    Novo testamento

    Penso que aquí hai unha vontade de estilo moito máis clara que en Última hora, e desde logo é un relato que se le moito mellor. Encontro algo improcedente o Evanxeo por Santa Penela, pero non abondo para estragar o ton xeral do relato

    O meu voto vai para Novo Testamento

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s