De Flaubert a Arancha Nogueira. Dez libros para maio do 2022

Arancha Nogueira.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente nos meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

A educación sentimental, de Gustav Flaubert. Tradución de Isabel Soto. Hugin e Munin

Hugin e Munin segue a traer para o galego clásicos fundamentais, neste caso unha monumental novela (540 páxinas) que foi precedente e ensino para escritores posteriores e que aínda hoxe deberan ler todos os que se queiran dedicar á literatura. A novela conta, a través da propia experiencia do protagonista, Frédéric Moreau, as frustracións e arelas da clase media francesa na época previa á revolución do 1848 e a posterior chegada de Napoleón III ao poder. Novela descritiva e discursiva máis ca baseada na trama, é para moitos o máis fiel relato da Francia convulsa que oscilou entre o reino, a república e o imperio.

O ano do tigre, varios autores. Rodolfo e Priscila

É habitual atopar antoloxías de relatos de varios autores. Galaxia leva anos convocando diversas voces para compoñer coleccións, e tamén outras editoriais como Urco ou Contos Estraños optaron por esta vía. Estas propostas funcionan coma unha sorte de revistas literarias nun formato máis recoñecible polo comprador galego. Mais na idea d’O ano do tigre perfílase un camiño distinto. Á parte de xunguir todos os relatos breves ao redor do novo ano chinés como punto de partida dabondo concreto e dabondo evocador e libre como para provocar a diverxencia en todas as súas facetas, moitas das autoras teñen un perfil marcadamente poético, o que lle outorga a este libro tamén a calidade da curiosidade para ver como se desenvolven nun xénero que se considera moitas veces ponte entre a lirica e a narrativa. Nesta antoloxía poden lerse relatos de Lucía Aldao, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos.

Dublineses, de James Joyce. Tradución de María Alonso Seisdedos. Galaxia

Nova edición en galego do libro que sempre se recomenda para encetar a literatura de Joyce. Publicado no 1914, o libro reúne quince relatos que cartografan o estado de ánimo da cidade de Dublin durante o cambio de século. Considerados por críticos e literatos obras mestras do relato curto, emparentados coas novas técnicas que levaban fermentando na literatura europea desde había dúas décadas, o certo é que Dublineses serve de contrapunto perfecto do estilo do Ulises, a grande obra do irlandés que Galaxia tamén reeditou recentemente.

Curros & Holmes no misterio d’O Kapital, de Marcos Calveiro. Galaxia

A literatura galega xuvenil non é moi dada a sagas, polo que é benvida esta proposta que ademais intenta unir dúas culturas populares: a do arquicoñecido Sherlock Holmes creado por Arthur Conan Doyle e Manuel Curros Enríquez, un dos escritores máis famosos da nosa historia cuxas composicións pasaron ao acerbo popular case que como cantigas nacidas do pobo. Calveiro une ambos personaxes en Londres como detectives e aventureiros nunha novela sinxela que por veces parece escrita demasiado rápido. Malia todo, son maiores os acertos ca os erros: a presenza da familia Marx e a eclosión do socialismo en Inglaterra; que Curros algunhas veces fala cos seus propios versos ou a boa química que consegue crear entre o detective londiniense e o poeta de Celanova.

Siluetas na area, de Isabelle Eberhardt. Tradución de Fernando Domènech. Rinoceronte

A colección ‘Vétera’ dá un pulo máis na súa ambición espazotemporal acollendo esta escolma de relatos dunha autora cuxa propia biografía é tan literaria coma os escritos que deixou á súa temperá morte con 27 anos. O maior interese desta obra é coñecer desde dentro e cunha mirada próxima e chea de empatía a situación da Alxeria colonizada ou por colonizar por Francia. A mirada de Eberhardt é a medias etnográfica a medias moi subxectiva e foi un acerto presentar esta colección acompañada de notas, glosario e introdución a cargo do propio tradutor.

Final feliz, de Xavier Queipo. Xerais

Nun mercado narrativo moi dominado pola novela, agradécese que aínda haxa espazo para recompilatorios de relatos breves. Queipo, un dos escritores máis veteranos e cuxa obra curta é das máis interesantes da literatura actual, publica doce mostras da súa mestría. Neste novo libro están todos os temas e todas as teimas do escritor compostelán, mais tamén está a súa vontade de pescudar un pouco máis alá sobre a expresión e os relacionamentos cruzados que se dan entre letras e ciencias, imaxinación e realidade, soño e vixilia.

O equipo Chascadentes, de Eduard Bass. Tradución de Moisés Barcia. Sushi Books

Non é moi habitual ter na mesa de novidades libros relacionados co deporte, en xeral, co fútbol, en particular. E menos que se publiquen en galego clásicos populares relacionados con esta disciplina. Este delicioso clásico popular da literatura checa fai cen anos e segue a lerse con moito agrado a pesar do moito que cambiou o espectáculo deportivo. A historia xorde dun lugar común fantasiado por moitos nenos e pais: conseguir ter once irmáns e poder montar así un equipo de fútbol. A versión galega incorpora as ilustracións de Josef Capek.

Alberto Gende. Encher o baleiro, de Xurxo Chapela e Juan Félix Gende Díaz. AC Lumieira/Concello de Carballo

Un percorrido amplo pola traxectoria do artista multidisciplinar carballés Alberto Gende Díaz (1972-2012), que practicou a música, a fotografía, o deseño gráfico e a pintura. Este volume, composto a xeito de catálogo, memorial e homenaxe, explora todas estas facetas nunha edición moi coidada que serve para reivindicar e valorar o legado de Gende. Unha obra moi interesante non só para interesados na propia obra do bergantiñán, senón tamén para profesionais vinculados ás artes plásticas e ao deseño, xa que a recompilación das súas obras opera tamén como unha escola viva.

Capitán Lentella. Aventura a todo gas, de Jorge Campos. Xerais

A colección ‘Merlín Cómics’, de Xerais, conta cun catálogo moi valioso, non só pola calidade das obras que acumula senón polo esforzo que fai para normalizar a produción de banda deseñada infantil en galego, un labor editorial dos máis arriscados. E acerta coa publicación deste novo cómic dun dos autores máis prolíficos do momento actual. Campos proponnos desta volta unha especie de soap opera espacial con moito humor e personaxes moi ben traballadas. Unha historia que se le moi ben e que promete novos episodios.

Antese, de Arancha Nogueira. Galaxia

Con só 33 anos, a ourensá Arancha Nogueira é xa unha das voces líricas máis premiadas. Suma agora o recoñecemento no certame Victoriano Taibo que convocan o Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar. O libro gañador é unha sorte de canto sinxelo á memoria, escrito con habelencia, fincando unha man na evocación da literatura e outra nos novos medios de comunicación, con referencias continuas a Instagram, Spotify ou Whatsapp. Poesía de pouso clásico cun sutil toque posmoderno.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s