Lorena Conde: “Algunhas obras que deixara sen rematar parecéronme formidables cando as retomei e as lin enteiras”

Lorena Conde. INÉS SALVADO GONTAD.

Lorena Conde é unha das poetas e dramaturgas con maior proxección e recoñecemento do panorama actual. No 2020 publicou O perfil da boca (Urutau); As mil vidas de Dorotea (Cuarto de Inverno) e gañou o III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con Velloucas & Minchas (Cuarto de Inverno). No 2021 gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense con As puntas da louza. Cancioneiro popular de labor (Aira) e publicou tamén  Ave do Paraíso (Apiario). A maiores, participou no volume colectivo do V Torneo de dramaturxia de Galicia (Positivas) co texto Bombona de osíxeno. Que lecturas alicerzaron a súa vida?

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido? 

Lembro ter lido ao principio contos que, polo xeral, me parecían aburridos ata que no Nadal do 88 os Reis me botaron Jim Botón e Lucas o Maquinista, de Michael Ende. Fascinoume.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Non son unha estudosa da literatura e son descoidada, así que non estou moi ao tanto da  fortuna e difusión que teñen os libros que leo, por tanto non sei se son pouco coñecidos, pero se penso nun libro que descubrín por sorpresa e me impresionou, penso que sería Les Demeurées, de Jeanne Benameur. 

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Moitas, debo recoñecelo. Rayuela, de Julio Córtazar, Ulises, de James Joyce, Tristram Sandy, de Laurence Sterne…

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Con algún ou algunha que non veña só en calidade de escritor ou escritora. Podo dicir que as miñas festas máis memorables foron con Patricia A. Janeiro. De feito, coñecémonos no posto dos viños de Aragón da Ascensión; non creo que ningún ou ningunha outro ou outra autor, autora poida mellorar iso.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Admirei moitísimo a Félix de Azúa durante o tempo no que só coñecía os seus textos pero cando souben o que opinaba sobre outros asuntos máis prosaicos fíxoseme repunante.

Un libro recente que lle gustase moito…

Adorei Panza de burro, de Andrea Abreu.

Unha novela que non puido terminar…

Moitas. Procuro non ler por obriga. Tamén é certo que algunhas das que deixei sen rematar me pareceron formidables cando, tempo despois, as retomei e lin enteiras.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Ler xa é un xeito de protagonizar, paréceme. Chégame con iso.

Que novela a reconciliou coa literatura?

Fame, de Knut Hamsun, volvín sentir o pracer puro que sentira con Jim Botón e Lucas o Maquinista. Tamén me sucedeu algo parecido tempo despois con O mestre e Margarita, de Bulgákov.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Favorito non sei, creo que ata que os dea lidos non podo facer esa afirmación, pero teño unha nutrida torre de lecturas pendentes moi prometedoras: Anne Carson, Virginia Woolf, Silvia Federici, Mario Benedetti, Sara Búho, María Reimondez, Susana S. Aríns, Iso sempre que non se me veña enriba e fine así, sepultada polas expectativas.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Cara de pan, de Sara Mesa. O abrigo ou O nariz, de Gógol. Tamén The Clothes They Stood Up In, de Alan Bennett; Corazón de can, de Bulgákov ou Fame de Hamsun. Todo o que lle lin a Natalia Ginzburg e moito do que lle lin a Roald Dahl.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Non houbo tempo dabondo como para me arrepentir. Tampouco adoito volver ler o que xa escribín, prefiro concentrar a enerxía no que está por facer.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Intenteino na adolescencia, pero fun moi irregular e só anotaba cousas anódinas. Cansei. Agora escribo cando necesito entender, pero sen obrigas nin métodos.

Escribirá as súas memorias?

Non se me ocorre nada máis aburrido (de escribir e de ler). Terían que pasarme cousas moitísimo máis interesantes. E non parece que vaia ser o caso.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Non sabería dicilo. Ata o instituto, máis ou menos, lin vorazmente sen me parar a mirar quen escribira os libros. O verdadeiramente revolucionario era que, cun libro diante, desaparecía todo, incluída eu, e á vez o universo dilatábase. Todos os autores e autoras daqueles libros (que nesa época escollía polo número de páxinas para que me durasen máis) son responsables en conxunto. Pero non o son menos miña nai, que me mercaba libros sempre que se podía, as miñas profesoras de Lingua e Literatura da escola e o instituto, que me aprenderon a gozar dos matices e as historias que hai detrás dos libros. Ah!, e as bibliotecas públicas, das que fun e continúo a ser usuaria.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Afundilos paréceme un malgasto innecesario. Eu prefiro facer pasta de papel con eles ou intervilos para convertelos noutra cousa. Arturo Pérez Reverte é unha fonte inesgotable dese tipo de material, por exemplo.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Non quero ser polémica e non vou mencionar nomes nin títulos, mais hai algunha produción na literatura galega (anterior e posterior a esa data) que ten un aquel de pretensiosa, arrogante e pasada. Non me gustan moito os libros nos que noto que quen os escribiu mira para as lectoras por enriba do ombro. E, por contra, gozo inmensamente cando percibo que quen escribe o fai con xenerosidade, compartindo o xogo.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Baleas e baleas de Luisa Castro marabilloume. 

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, nunca me interesou demasiado.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Non sei se todo o mundo os considerará clásicos, pero… Cántigas populares, de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina e, aínda que Rosalía de Castro non a escribise en galego, penso que todas debiamos agasallarnos entre nós con Las literatas. Carta a Eduarda

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s