Os inéditos de Gaziel

Agustí Calvet, Gaziel.

Xesús González Gómez.

No 2013, as Publicacions de l’Abadia de Montserrat deron ao prelo o volume Gaziel i Josep M. Cruzet (i l’Editorial Selecta): Correspondència (1951-1954), edición a cargo de Manuel Llanas. É este un libro importante para saber da recuperación do libro catalán na posguerra, xa que a Editorial Selecta, cuxo propietario era Cruzet, foi a grande editorial catalá desde o seu nacemento (1946) até 1962/63, momento en que aparecen novas editoriais e se renovan algunhas das históricas (como Edicions Proa) que porían ao día, dentro dos límites (moitísimos) que lles puña o franquismo, o mundo do libro en catalán.

Á parte, ou ademais, do valor, digamos, documental do libro, este está inzado de noticias sobre escritores cataláns e da loita por lograr aínda que só sexa unha miguiña de normalidade editorial, e cultural. A correspondencia mostra dous homes liberais (no sentido decimonónico do termo) e fondamente antifranquistas (Cruzet denomina o xeneral Franco «O Minotauro»). E, por parte de Gaziel, este ten moi claro que certas actitudes, certos escritos, certas actitudes que poden semellar inocuas ou «inocentes», no fondo non son máis ca unha clara toma de posición: colaboración co franquismo.

Chegados aquí, o/a posíbel lector/a do que levamos escritos pode preguntarse quen eran estes dous personaxes, Gaziel e mais Cruzet. Hoxe, coa rede, quizais sobren esas informacións en escritos coma o presente. Mais digamos, apresuradamente, que Gaziel (Agustí Calvet, 1887-1964) foi director do xornal barcelonés La Vanguardia de 1920 a 1936. Durante a guerra civil formou parte do grupo propagandista a favor dos militares golpistas que financiaba o líder da Lliga Catalana Francesc Cambó. Volveu a España en 1940, foi procesado e absolto polas autoridades franquistas e dedicouse a negocios editoriais e a crear unha obra literaria da que salientan as súas memorias (Tots els camins duen a Roma) e o dietario Meditacions en el desert, sen esquecermos a «Triloxía Ibérica»: Castella endins, Portugal enfora e La península inacabada, volume este último que de 250 páxinas cento trinta están dedicadas a Galicia. En 1970 apareceu na Editorial Selecta a súa obra completa (sic),que non era tan completa, xa que Meditacions en el desert apareceu gravemente mutilado por mor da censura —como se dicía nos meus tempos dalgunha película estreada en España durante o franquismo (por exemplo, Prima della revoluzione, de Bertolucci), vimos o tráiler—. O texto de Meditacions en el desert publicado na obra completa era iso, o tráiler do libro. Outro dos seus escritos que non apareceu na obra completa foi a súa Història de La Vanguardia. Ambos libros, esta historia e aquel dietario, apareceron por vez primeira en edición completa nas Edicions Catalanes de París, en 1971 e 1974 respectivamente. A/o interesada/o en saber algo sobre esta editorial que tiña a súa sede en París, pode ler este artigo de Jordi Amat. Coa chegada da democracia, houbo que esperar algúns anos, mais finalmente foron publicados en Cataluña e o dietario mesmo traducido ao castelán. (Aviso á/o lector/a curiosa/o: se le vostede Meditacions en el desert, observe o que di sobre Augusto Assía e os seus «matrimonios»: Gaziel foi quen «fichou» a Felipe Fernández Armesto para La Vanguardia.)[1]

Sobre Gaziel será curioso salientar que toda unha serie de xornalistas e profesores, achegados a Ciudadanos (agora non sei se están en Vox ou no PP) intentaron a manobra –cousa que tamén fixeron con Josep Pla– de presentalo como un inimigo do nacionalismo catalán. Que era crítico co nacionalismo catalán, non hai que dubidalo: era a súa obriga: ser crítico cos seus, non como os nacionalistas españois que o «reivindican» para defender o seu nacionalismo (español), ao cal nunca critican, mesmo chegan escribir que non existe (!!!). É máis, algún destes reivindicadores chegou a pór en letras de imprenta, por exemplo, que Gonzalo Fernández de la Mora non era un pensador «nacionalista» español!!! O mesmo «reivindicador», un dos primitivos ideólogos de Ciudadanos, partido co que rompeu cando non apoiou a investidura de Pedro Sánchez, mesmo chegou a dicir que este partido derivara cara a un nacionalismo español que non estaba no seu ideario (?!), cando era o único «ideario» que tiña/ten ese partido e a súa única razón de ser. Volvendo a Gaziel: se se len os seus escritos con atención, máis crítico é con España, cos políticos españois —de calquera cor—. Por outra parte, tanto el como Pla considerábanse escritores monolingües, pero escribían en castelán por unha cousa moi sinxela: había que comer. Ambos, cando escriben a súa «obra literaria», os seus escritos íntimos, as cartas aos amigos e familiares… fano en catalán: por algo será, digo eu.  

Josep M. Cruzet (1903-1962) fundou, con Antoni López Llausàs (logo no exilio sería o dono da Editorial Sudamericana da Arxentina) e Manuel Borràs a Libraría Catalonia, que en 1939 pasaría a denominarse Casa del Libro. En 1946 fundou a Editorial Selecta e creou, en solitario ou con outras editoriais catalás, diversos premios. Foi, que dúbida cabe, o grande editor catalán de posguerra até o día da súa morte (suicidouse).

Pola correspondencia entre Gaziel e Cruzet sabemos, por exemplo, que en Faro de Vigo comentouse o terceiro volume da Triloxía Ibérica: La Península inacabada. Nunha carta de Cruzet datada o 29 de xullo de 1961 avísao de que lle envía o artigo de Faro de Vigo no que se comenta o seu libro. Dous días despois, Gaziel responde agradecendo os recortes do xornal vigués e do barcelonés El Correo Catalán que falan do seu libro, e engade o autor de La Península inacabada: «O primeiro hai que agradecelo dabondo; o segundo non tanto. Por que será que os non cataláns (salvando as excepcións de rigor) se interesan por esta pobre triloxía con máis afecto e penetración que os críticos nosos?» O 16 de agosto Cruzet coméntalle a Gaziel: «Verdadeiramente dá pena falar dos “nosos críticos”, practicamente inexistentes. A súa triloxía merecería un eco e uns comentarios que nin remotamente se produciron. Vivimos uns tempos en que a aparición dunha obra mestra pode pasar perfectamente desapercibida por parte da prensa. E aínda os que están mellor son de fóra, como o Faro de Vigo. O ton intelectual nunca chegara tan abaixo […]». Seis días despois, o escritor responde ao editor e entre outras cousas dille: «Despois do artigo de Salvador Lorenzana no Faro de Vigo, tiven a agradábel sorpresa de recibir unha carta chea de afecto da dirección da editorial galega Galaxia, tamén de Vigo, e 13 volumes escollidos da literatura galega moderna. Xa pode vostede pensar a alegría que me deu». Nunha carta de setembro dese 1961 (do 17), Gaziel escribe a Cruzet e coméntalle: «Os galegos teiman na correspondencia que espontaneamente iniciaron comigo, a consecuencia de ler A Península inacabada. Como que mos piden, faga o favor de remitir Castella endins e Portugal enfora ao director-xerente de Editorial Galaxia, S.A. – Reconquista, l – Vigo (Pontevedra). Co paquete, rógolle que poña a carta que lle adxunto. Tamén souben que Editorial Galaxia ten un representante en Barcelona. Escribiume moi amabelmente. É o señor Basilio Losada Castro, e vive [non poño o enderezo, porque é no que aínda vive Basilio Losada, XGG]. Se a vostede lle interesase coñecelo, con miras á difusión do libro catalán en Galicia (non polas ganancias, certamente, senón pola fraternización e o prestixio), penso que el estaría moi compracido. Cando estea en Barcelona tamén penso ir velo». Como que na correspondencia Basilio Losada/Ramón Piñeiro, Do sentimento á conciencia de Galicia (Vigo, Ed. Galaxia, 2009), non se menciona nin unha vez o nome de Gaziel (ou Agustí Calvet), está claro que quen lle escribiu a este foi o director-xerente de Galaxia: Francisco Fernández del Riego, que non sei se o xornalista catalán soubo algunha vez que era o Salvador Lorenzana que comentara o seu libro no xornal vigués.

O pasado 2020, na Biblioteca Serra d’Or (nº 515), das mencionadas Publicacions de l’Abadia de Montserrat, deuse ao prelo ao volume Obra inèdita de Gaziel, ao coidado de Manuel Llanas. Neste volume (180 páxinas) recóllense dous artigos inéditos: un porque non o enviou ao xornal (unha resposta a Joan Estelrich) e outro porque o prohibiu a censura: era un artigo sobre a crise ministerial que desembocou nun goberno integrado por membros do Partido radical e da CEDA. Artigo que debía publicarse o venres 25 de xaneiro de 1935 –os venres era o día en que publicaba o seu artigo semanal, di M. Llanas–, ese dia La Vanguardia apareceu sen o seu artigo. Un excelente artigo, que é un ataque en toda regra non só a Alejandro Lerroux, senón á política dos gobernos españois e aos políticos. Hai un frouxo poema, cronoloxías e notas autobiográficas que puideron servir para a redacción das súas memorias (o mencionado Tots els camins…). O «Croquis dunha novela peninsular» (de 1953) que nunca escribiu. Unhas notas de viaxe a Nápoles e arredores de 1956. «Catro notas dispersas», que non teñen moito interese. Unha pasaxe eliminada das súas memorias e un fragmento de Portugal enfora, eliminado pola censura. Gaziel no seu libro fai unha apoloxía de Salazar. Acho que non se decatou ben do que acontecía en Portugal e el, o que intenta, é diferenciar unha ditadura «afábel» (a portuguesa) dunha ditadura criminal (a española), sen mencionar a segunda: os censores non foron parvos, porque, polo xeral, non o eran[2].

Veñen logo os escritos inéditos de máis interese… segundo a miña opinión: «Notas á correspondencia André Gide/Paul Valéry»; «Notas á correspondencia de Prosper Merimée», e «trinta e catro notas das corenta e unha conservadas no Fondo Agustí Calvet da Biblioteca de Catalunya; as datas extremas son 1951 e 1963», informa M. Llanas. Estas notas son, a maioría, en certo xeito, verdadeiras recensións, algunha moi ampla, de libros. Outras comentarios sobre escritores: Anatole France, Stendhal, etc; outras comentarios que rozan a actualidade política: «Os internados españois nos campos de concentración de Verdelais –e supoño que nos outros pasaba o mesmo– eran todos hostís ao cristianismo. “Como queren que sexan –exclamou Mauriac, que en compañía de Gide visitaba o campo–, si o asimilan a Franco”. E engadiu: “Franco fixo que millóns de españois vexan en Cristo o inimigo núm. 1…” […] Si, é certo o que dixo Mauriac. Pero Gide puido moi ben replicarlle: “Franco, fortemente axudado pola Igrexa española de Cristo”. E eu engado agora: De tal maneira que se algún día o franquismo paga polos seus crimes abominábeis, vexo moi difícil que a igrexa española non pague tamén a axuda que lle vén dando» (27-X-56).

Reproduzamos (traduzamos) algún dos comentarios de Gaziel. Despois de confesar que non leu ningunha das novelas de Ignacio Agustí, afirma que leu dabondo artigos deste: en catalán antes de 1936 e en castelán despois, «e nunca, nin por casualidade, achei un que fose tan só pasábel. Aquí vai unha mostra do último, sobre “Alemania 1951”, lido agora en Destino». En nota, Llanas reproduce algún dos treitos subliñados por Gaziel: «Había en el exiguo cuarto, en el que los papeles pegados con chinchetas en las paredes acentuaban la impresión huidiza de la fiebre intelectual, solo tres sillas. Les debió halagar y sorprender la presencia de un intruso de mi procedencia en su lucubración, en este punto abstracto en que se debatían desde su palomar, asegurado con cordeles, con clavos y remiendos». Comentando o libro de André Maurois Olympo ou la vie de Victor Hugo, despois de afirmar que en España non houbo ninguén que se lle puidese nin remotamente comparar (fala da conduta cívica do poeta), escribe que aquí, España, todas as figuras se someteron e envileceron, e continúa: «Aquí non houbo homes, aquí non houbo nada: Ortega y Gasset, mudo; Marañón, demasiado falador; Azorín, pasteleiro coma sempre; Baroja protestando solitariamente, é dicir, inutilmente; todos os outros –incluso os meus, os cataláns– van tirando ou mollando no pote. Falta, non xa o Victor Hugo: o home. O único que puido selo, Unamuno, morreu antes de tempo. España hoxe é un recanto de mundo pechado, cheo de merda, de lama e de sangue mesturado con incenso». De La condition humaine, de Malraux, que acaba de reler: «Hai en Malraux unha tensión, uns ares de fondura e transcendencia, unhas ganas de elevación innegábeis. Pero eu tamén acho, máis aínda, unhas “pretensións” fenomenais, que en realidade a obra nin xustifica nin demostra». Non podemos reproducir todo o que di sobre a obra de Jean Descola (París, Fayard, 1954), Les conquistadors. Ao final da súa ampla, nota, Gaziel, despois de dicir que as conclusións da obra non son nada claras, escribe: «En descargo supremo dos conquistadores [que para Gaziel eran uns bárbaros asasinos], e desmentindo a Lope de Vega, di que a relixión a sentían de verdade: tiñan fe e obraban de boa fe. É demasiado! Se ter fe na propia causa, e o obrar de boa fe, é dicir, con convencemento absoluto de que se serve un ideal, sexan cales foren as atrocidades que se cometan, vale para xustificar unha empresa —o hitlerismo e o comunismo, con todos os horrores de que os acusan os homes como Descola, estarían plenamente xustificados—. Non, e mil veces non: ningún ideal nin ningunha fe poden facer boas as salvaxadas abominábeis dos conquistadores». Comentando a correspondencia entre Joan Maragall e Unamuno, anota: «O “visionario” era Maragall. Se vivise dabondo, decataríase de que Unamuno, no fondo, era un castelán irredutíbel da única Castela que existiu, existe e existirá […][3] Portugal ten razón. Castela prefire e preferirá sempre que España se afunda que non que se salve por mans e obra de alguén que non sexa castelán». Nas notas á La guerra civil española, de Hugh Thomas anota comentarios que hoxe pasarían a censura, pero…: «A psicoloxía típica do militar español. Moi ben vista. Só falta resumila dicindo que non é unha mentalidade de cidadán, nin de patriota, senón de privilexiado, de homes de casta.» «A descomposición republicana. A sinistra figura de Prieto (Indalecio) e as súas manigances para unha “negociación” que só podía ser “rendición incondicional” e sanguenta». Comentando o volume II do coñecido libro de Charles Moeller, La Literatura del siglo XX y cristianismo (Editorial Gredos), remata o seu comentario con esta contundente frase: «Isto non é crítica literaria nin especulación filosófica: é apoloxética a base de literatura», e o comentario que lle dedica ao resume de L’Histoire, de Toynbee, feito por Somerwell, remata así: «En España, aínda hoxe, todo o que non é militar ou clerical, ou non se somete humildemente a estas dúas castes, é paria, é tratado como paria».

En 1956, Gaziel dedica amplas notas á correspondencia de Prosper Merimée, notas que ocupan as páxinas 103-121 do libro. Vai copiando frases que escribe Merimée sobre España, os españois, Cataluña, Castela, diversos personaxes e feitos históricos, etc., e veñen logo os seus comentarios ou apostilas. Pola correspondencia do francés, Gaziel chega a saber que o xeneral Prim bombardeara Barcelona en 1843. O editor francés da correspondencia pon a seguinte nota (traducimos do francés):«Barcelona, asediada polo xeneral Prim, foi bombardeada os días 22, 23 e 24 de outubro e capitulou o 21 de novembro; epílogo das insurreccións catalás de 1841-1842-1843», e engade o escritor catalán: «Pobre Barcelona! Sempre igual: ou traballando teimosamente, coma unha somnámbula, sen querer saber nada de España, ou vítima de convulsións epilépticas –porque nin ela entende a España nin España a entende a ela. E facendo sempre de mingo[4]. Igual que nos nosos días e sen que se albisque ningunha solución posíbel. Como lle fallou no tempo a única solución posíbel, a saída de España, como Portugal, mentres dure o que chamamos era das nacionalidades, Cataluña está condenada, sen remisión posíbel, ao martirio. Debería cambiar fabulosamente o mundo para que o mal dos cataláns tivese remedio». Noutra anotación a esta correspondencia, afirma que a casta dominante e dominadora de España (cregos e militares), despois de «conquistar, converter (?) e guerrear (rapinar, espoliar)» por Europa e América deixa a España real «materialmente baleira e abandonada durante todos os séculos da decadencia». Expulsada (a casta militar-clerical) de toda Europa, logo de América, e despois da «pacificación» do Rif, esta casta «caeu enriba de España, non ten xa onde vivir coas costas ergueitas, e entón acabou aquí calquera posibilidade de goberno civil e de democracia. E agora –maio de 1956–, nas vésperas de abandonar España Marrocos, a casta secular e tradicional xa non ten para vivir, en todo o mundo, máis que España. Isto producirá, fatalmente, un destes dous feitos: ou o envilecemento crónico, incurábel, definitivo, de toda cidadanía en España, ou unha explosión final da cidadanía oprimida, a estoupar anárquica e incalculabelmente.» Non foi profeta Gaziel, pero algo do primeiro feito si que quedou ben arraigado na sociedade española.

Nos comentarios sobre a correspondencia Valéry/Gide, Gaziel toma partido polo primeiro.: «Como se entende que Valéry rompese con tanta pequeneza [co mundo literario, co “deporte literario”, como o denomina el –Valéry–, mesmo case coa literatura; segundo o catalán para Gide, en gran parte, a literatura só era iso, un deporte] –á maneira de Rimbaud, se apartase completamente e vivise tantos anos nunha tremenda soidade de afáns espirituais secretos e íntimos –até que canso de loitar, de non aboutir como el quixese, entregouse, deixando que se producise a súa tardía e fulgurante aparición na vanity literary fair, convertido en ídolo e en mito e aproveitándose cinicamente, pero non sen franqueza e elegancia, do mercado literario». E máis adiante, afirmando que Valéry ten moitos puntos de semellanza con Rimbaud, pero no canto de abandonar, como o autor de Iluminacións a loita, escribe: «cerrouse con ela, heroicamente, traxicamente, durante 25 anos, sen facer ruído, gañando mediocremente a vida, e a dos seus, como un escuro oficinista ou secretario particular. Das 5 ás 9, cada mañá, loitaba solitariamente co anxo. E, no canto de sucumbir á propia renuncia espiritual, como Rimbaud, Valéry sucumbiu á imposibilidade humana de ganar o seu combate. Finalmente, abandonouna, estoupou, e deixou que o mundo, o público, coñecesen só fragmentos da súa loita inacabada: é todo o que publicou en vida. Aínda queda a parte máis grande[5], unha inmensa parte –quizais a máis interesante, intelectual e espiritualmente considerada– por publicar».

Hai, tamén notas sobre libros de Josep Pla, de Bertrand Russell, de Balzac, sobre as memorias de Josep Mª de Sagarra, sobre libros de historia catalá, sobre Dostoievski, etc. Se, como reproducimos ao inicio, Josep Mª Cruzet afirmaba en carta a Gaziel que «os nosos críticos [os cataláns] son practicamente inexistentes», despois de ler estas notas un está por afirmar que Gaziel puido ser o gran crítico catalán dos anos 1950…

En fin, se ben esta obra inédita non é o mellor do seu autor, foi interesante dala a coñecer para sabermos o que puido ser e non foi por mor das circunstancias políticas, culturais, xa que logo, do país. E para, dunha vez por todas, acabar coas idioteces españolistas ou españoleiras sobre o escritor catalán Agustí Calvet, coñecido como Gaziel.


[1] Non podemos deixar de recomendar o libro de Manuel Llanas, Gaziel: vida, periodisme i literatura, Barceclona, Publicacions de l’Abadia de Montserrat, 1998, modelo de biografía, xa que o seu autor non está secuestrado polo seu biografado e non padece da síndrome de Estocolmo.

[2] Llanas, no seu libro, subliña este aspecto, á vez que non escatima «críticas»: «Deixando de lado as incursións costumistas na vida portuguesa, inzadas de lugares comúns que soan a falso […] O libro incorpora […] un discurso ideolóxico abstracto e intemporal que o enriquece. […] o perfil das ideas do autor debúxase con gran nitidez. Proliferan tamén aquí as queixas e os lamentos polas transformacións producidas pola civilización moderna […], etc. Todo isto «fatal correlato político, que neste libro se manifesta na equívoca valoración da ditadura de Oliveira Salazar; como liberal, debe repugnarlle, pero recoñece que Portugal […] En conxunto, a imaxe que Gaziel ofrece do ditador portugués non é nada desfavorábel, circunstancia que en parte hai que atribuír, ao meu entender, ao desexo de desacreditar implicitamente a figura de Franco׃(p. 424-425.

[3] A que nega a España diversa.

[4][4] Mingo, no xogo de carambolas, bóla xeralmente vermella coa que non lanza ningún dos xogadores. (Diccionari de la lengua catalana, Barcelona, Enciclopèdia catalana, 1988).

[5] Como dixemos non hai moito nesta mesma web, 29.000 páxinas manuscritas, só publicadas anos despois da morte do seu autor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s