‘A testemuña’ vs ‘Sol escuro’

Fotograma de ‘Pride’ de Matthew Warchus.

Xornada 2 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Lois Z e Ana Vigo.

Traba: O relato debe estar escrito en segunda persoa.

‘A testemuña’

Ana Vigo.

12:05 Xa estou aquí, na mani, con estes. Queríache desexar un bo día de estudo. Sei que non queres que te moleste, así que xa che contarei como vai isto.

12:06 Vén por aí Alfredo. Non mo esperaba.

12:07 Non entendas mal, sei que planeaba vir. Pero non che contei algo. Pero xa cando esteamos xuntas, con calma.

12:09 Alfredo saudoume. Se soubeses que pasou, entenderías os meus nervios.

Ben, xa nos movemos, a ver se me distraio. Tamén te deixarei en paz, estarás farta e querendo concentrarte.

12:15 Está a falarme coma se nada. Que se queremos ir con eles esta fin de semana á praia. Ou está tolo ou lle falla a memoria. Será mellor que cho conte.

Perdoa se te distraio, pero necesito que o saibas, por se pasase algo. Non me tes que responder.

Onte saín tarde do curro, estaba o típico cliente borracho tocando os ovarios e custounos botalo.

Vale, pois a iso das 2, atopei a Alfredo. 

12:16 Ti viches o Telexornal?

Perdoa. Si seguro que estás ocupada, xa cho contarei.

12:21 Ah, non me deixa en paz, semella que non se quere separar de min.

Mellor cóntocho, cando escribo pasa de min, que é o que quero.

12:22 Supoño que non debín vir, despois do que pasou, e sabendo que Alfredo podía aparecer. Pero que demo, teño dereito a reivindicar os nosos dereitos, non?

12:23 Se cadra imaxinei todo. Era tarde, estaba cansa. Non, que digo, estou certa de que era el.

12:25 Foi preto do meu piso, ao dobrar a esquina. Vin un grupo de xente montando barullo. De primeiras non souben que facían, depois decateime de que estaban a bater nalguén que estaba no chan.

12:35 Case me ve! Bloqueei a pantalla xusto a tempo.

Non o aturo, de verdade. Acábame de dicir que el tamén me viu onte, e que con quen falo. Tentei disimular, pero creo que xa non hai volta atrás.

Responde, por favor, el acaba de chamar por teléfono e temo o peor.

12:36 Sae da casa. Lesme? Tanto tes que estudar?

12:37 Debín denuncialo axiña, ao ver a nova en internet. Vino con claridade, entre os que mataron esa rapaza estaba Alfredo. Teño medo de que queira evitar que ti ou eu falemos.

Por favor, le isto e sae da casa. Coñece os nosos enderezos.

12:38 Por favor. Sei que tes que estudar, pero toma algún descanso, e le as mensaxes.

12:45 Ola?

12:53 Dime que non é verdade o que me acaba de contar este desgraciado.

12:59 POR FAVOR, RESPONDE!


Sol escuro

Lois Z.

As tribos do deserto esqueceron o medo, pensas, se atacaron as murallas de Poza do Dragón. Desde que o senescal repicou a campá da Torre de alabastro tres días lles levou ós bruxos espertarte do teu sono máxico. Deteste un intre para observalos, exhaustos, debruzados uns sobre outros e saes da cidadela. A multitude, desesperada, agardaba por ti e aclámate.

As tribos do deserto buscan auga e escravos nos teus dominios. Desexan os teus tesouros. De novo se atreven, pensas, esqueceron o sangue a e dor. Botas a andar polas rúas da túa cidade. Para manter o teu paso os que queren seguirte teñen que correr. Para igualar a túa furia terían que vivir mil vidas. Sentes o alento da multitude, camiñan contigo ata as portas da cidade portando bandeiras e estandartes, berran morte, berran vinganza e vitoria. Berran o teu nome, nunca por eles esquecido, desde o tempo no que os deuses gardaron silencio na terra.

Entréganche os emblemas de Poza de Dragón cosidos sobre unha tea. Nun campo vermello dúas figuras sedentes, o home e o dragón. Sobre eles un sol negro envolto en chamas. Recolles o pendón, erguen as reixas, cruzas a barbacá. Diante dun millar de inimigos que asedia a túa cidade chantas o pano con tanta forza que a terra treme.

O deserto esténdese máis aló de onde alcanza o coñecemento. O vento sopra cargado de area. Ves o sol escuro deitar a súa luz espectral sobre un exército de bandidos, escravistas, caníbales e seres monstruosos ataviados con coirazas de óso e armas de pedra. Tamén sobre ti, un espellismo delirante que camiña, que corre, que parece voar cara a eles, que se fan máis e máis pequenos con cada paso que dás.

Sentes unha fame ardente, unha fame que é percusión de mil tambores cada vez máis numerosos e veloces. Tes que lles mostrar a guerra ás tribos do deserto para que os seus fillos non se perdan como se perderán os pais. Roxes, e o vento e a area e o mesmo sol escuro se deteñen estremecidos. As tribos do deserto esqueceron o medo, pensas, é tempo de que lles lembres por que esta cidade se chama Poza do Dragón.

9 comentarios en “‘A testemuña’ vs ‘Sol escuro’

  1. Neste duelo hai un desequilibrio provocado pola traba. Narrar en segunda persoa é simplemente dirixirse a un ti? Lois Z demostrou na pasada liga que non, e todos aprendemos con el. O narrador en segunda persoa non pode competir con outras voces narrativas porque sempre perderá fronte a unha primeira persoa.

    ‘A testemuña’

    O relato debo analizalo, polo tanto, sen ter en conta a traba, porque este é un relato en primeira persoa. As novas formas de comunicarnos por escrito xeran novas técnicas narrativas. Eu lembro con agrado os libros de Daniel Glattauer escritos con formato de correo electrónico, e en galego houbo un autor bastante famoso que quixo publicar unha novela a base de whatsapps, pero tras presentalo a algún premio desistiu. David Botana ten experimentado coa linguaxe das redes sociais en anteriores torneos. Neste caso a estrutura favorece a intriga e iso está ben, pero coido que máis alá da idea a este relato fáltalle traballo, primeiro porque é moi previsible case desde o terceiro estado, e logo porque se fai todo inverosímil: unha testemuña dun crime non acode á policía e vai de manifestación. Encontra alí o asasino e fai como se nada? Todo iso fai que o relato quede sen alma demasiado pronto, pero repito, a idea está ben e podería reescribirse tendo en conta estas cuestións.

    ‘Sol escuro’

    Narrador en segunda persoa clásico. Antes de nada teño que recoñecer que me gusta moito a épica. É un ton narrativo en cuestión desde hai moitos anos que sobrevive nas marxes da literatura, unha reminiscencia das idades teocrático e aristocrática da literatura, seguindo o criterio de Harold Bloom. Neste relato esa épica, ademais, é protagonista absoluta. Apenas temos datos, non nos fan falta. Apenas sabemos quen son atacantes e defensores, pero o relato funciona porque o ton que pretende a voz narrativa está conseguido, dános o que nos promete, un momentiño de grandeza, un fío que nos une a Homero ou a Tolkien, a Méndez Ferrín e a Cunqueiro, a Chrétien de Troyes e Ursula K. LeGuin. Este relato é coma un barquiño metido nunha botella de cristal. O que nos interesa é a capacidade para reproducir a escala todos os detalles que queremos que estean presentes nun relato sobre a violencia non como unha eiva da humanidade senón como parte da súa natureza. Hai moitos anos Manuel Veiga escribira aquí en Biosbardia sobre a vinculación temperá entre literatura e guerra e vemos como esa relación evolucionou até, por exemplo, ‘Meridiano de sangue’, de Cormac McCarthy, pero este relato vai outra vía, pola débeda cun xénero, o dos brasóns e os alazáns, que a moitos nos acendeu os soños de aventura cando eramos Amadís, se cadra Aragorn.

    Voto por ‘Sol escuro’ porque ademais de cumprir a traba e vincularse dun xeito moi orixinal coa foto, dá o que promete.

  2. Boas.
    Sempre me prometo que non vou ler os comentarios antes de facer o meu e sempre pico. Teño que mirar de corrigir isto. En fin.

    Gústame a proposta de “A testemuña” e incluso ese “non mo esperaba” podería entrar por dereito propio no relato, pero a verdade é que non. A linguaje pode servir para definir ás personagens sempre que tema un gran de consecuencia, que é o que, na miña opinión, lle falta ao relato. A idea é boa, pero o desenvolvemento da trama é un pouco feble.

    Tamén me gusta “Sol escuro”. Creo que está mellor planeado e estruturado, quizais porque é un relato de xénero e hai unhas regras a respeitar e que funcionan ben. Non entendo a relación co fotograma porque tampoco vin esta película (vou anotando, vou anotando) pero fíxoseme un relato moi contundente.

    Voto por “Sol escuro”

  3. A segunda persoa causou moita lea na liga anterior e si, a min tamén me ensinou bastante sobre o uso desta voz narrativa. A foto, ademais, daba xogo bastante, como se pode ver en dous relatos tan distintos entre si.
    A testemuña fai uso de ferramentas que aínda seguen a ser novidosas na técnica narrativa e pensa que debeu centrar todo niso. Quizais facendo referencia ao envío de arquivos multimedia, chamadas etc.. Creo que referencias así axudarían ao relato no seu papel de conversa de whastapp. Gústame ler relatos así de arriscados e deste penso que non sae tan mal parado. O único que me faia é que a linguaxe nalgún momento semelloume artificial, replicada. Que a linguaxe fluía mellor dacordo á personaxe, a que creo debe estar molesta e, nos últimos mensaxes, desesperada. Outro problema que atopo é o do manexo da intriga, da que creo que deixa ver demasiado ao comezo do relato e remata por quedar a medias, sen chegar a conectar co final climático. Dándolle unha volta a isto ultimo quedaría un relato moi bo.
    De Sol Escuro pouco teño que dicir agás de que non lin demasiada fantasía heroica, máis aló dos clásicos como Cónan, Kull ou Aragorn. a pesar de ser un relato de xénero, a capacidade de relocalizar nel unha foto tan separada en tempo e espazo, merece un aplauso. Unha narración curta, cun ritmo crecente similar ao dunha primeira avanzada, pero conservando o punto de vista fixo de quen a espera. Coirazas de osos e armaduras de pedra, o Dragón agardando. Qué máis se pode pedir.
    O meu voto vai para Sol escuro.

  4. Hai xa semanas, por culpa da traba da do meu duelo correspondiente, estiven tratando de saber que é iso dun relato en segunda persoa. Despois de moito pensar cheguei ás seguintes conclusións meramente persoais:

    (AVISO DE INFUMABILIDADE)

    1.- Os relatos en 3ª persoa só conteñen frases en 3ª persoa. Non hai nin eu, nin ti, nin meu, nin teu etc… que non estean inseridos en diálogos, falsos diálogos, etc. Iso é fácil.

    2.- Os relatos en 1ª persoa deben conter frases en 1ª persoa e poden conter frases en 3ª persoa. Fanse así para integrar o lector. Digamos que é como meter o público no escenario. O narrador, salvo que nalgún momento se converta en personaxe e estableza diálogo, falso diálogo ou epístola con outro personaxe, non pode apelar directamente a ninguén en segunda persoa. Para min, esa é a clave, en canto exista unha apelación do narrador en forma narrativa pura (fóra de diálogos, falsos diálogos, epístolas, etc…) o relato é máis que probablemente un relato en segunda persoa.

    2.- Os relatos en 2ª persoa deben, por forza, conter frases en 3ª e 1ª persoa. Se falta unha delas, é posible que o uso da 2ª persoa sexa pouco máis que un artificio estilístico. Pode faltar a 3ª persoa, pero só para relatos con só dúas personaxes ou onde as terceiras persoas sexan só obxectos directos/indirectos das accións. O que nunca pode faltar nestes relatos é a 1ª persoa e, sobre todo, a consciencia da 1ª persoa ou narrador, aínda que sexa de forma implícita.

    Aí está a clave, nas palabras CONSCIENCIA e APELACIÓN.

    CONSCIENCIA implica que se amosan, polo menos, os pensamentos do narrador ao respecto do que fai ou lle pasa ao protagonista ou persoa apelada. Poden amosarse pensamentos e reflexións doutras persoas, pero iso convertería o narrador nunha especie de DEUS que pode ler o pensamento.

    APELACIÓN implica que o narrador ten a intención de transmitir eses pensamentos ao protagonista ou persoa apelada por algún motivo que sería bo que o lector acabase por ter claro.

    Polémico corolario:

    Segundo esas premisas, no impresionante relato SOL ESCURO desta xornada, a segunda persoa aparece soamente como un artificio estilístico. Algo que o autor utiliza para dar un maior impulso épico. Unha especie de mayestático para terceiras persoas. Non hai máis. Non atopo unha frase en primeira persoa nin outro sinal que amose que esa separación de consciencias se produciu realmente. Para iso é preciso que esas dúas personaxes fagan algo ou pensen algo de forma distinta. Pero iso non se dá. É dicir, por moi marabilloso que sexa o relato, que o é, non deixa de ser unha falsa segunda persoa. Podería pórse o relato en primeira e non cambiaría nada, non habería que borrar nin unha soa frase, o que significa que non habería que expulsar ningunha consciencia porque nunca estivo aí. Só houbo unha consciencia, un só personaxe a falar de si mesmo, só un.

    Resumo: fai falla un eu para que poida existir un ti. EU existo e son distinto de TI.

    Sinto este rollo pero tema estraloume na cara así de fascinante.

    Tamén é fascinate que A TESTEMUÑA, en troques, tendo outras carencias, si cumpra coas premisas que, repito, pensei hai semanas. Non pode ser coincidencia. A apelación a unha segunda persoa distinta do narrador e a separación de consciencias están claramente aí. Gústame o formato escollido é creo que xa dixen algunha vez que se vai converter nunha especie de subxénero epistolar a durar, polo menos, ata que o seguinte cambio tecnolóxico nos evite teclear nos móbiles. Non obstante, o autor ou autora non acaba de adaptar a linguaxe ao formato. Fánseme as frases demasiado indirectas e longas, con conectores que penso que ningún de nós usaría por WhatsApp e menos nunha situación tan tensa. Eu creo que sería máis directo e con máis puntos e á parte.
    A min gústame, non o vin vir, aínda que non me resulta verosímil que alguén que quere dicirlle a unha amizade que fulano matou alguén dea tantos rodeos e fale primeiro da ambientación. Eu iría directamente ao turrón, “Tía, Alfredo matou unha rapaza!” e despois daría os detalles. Estilo periodístico.

    De todas formas, penso que o relato ten mimbres e cun retoque da voz narradora e unha reorganización sería un gran relato.

    Voto por A TESTEMUÑA porque creo que non merece quedar a cero e ademais porque cumpre coas dúas premisas da miña teoría da segunda persoa. Se o meu voto fose decisivo, igual o había pensar mellor.

  5. Mola o fotograma, eu esta peli tampouco a vin. Este torneo xa pagou a pena pola videoteca que nos montou a organización.

    A testemuña. O mellor do relato é a técnica usada. As mensaxes de wassap dan moito xogo. O chat está ben simulado, ten un bo ton. Pero a min pasoume un pouco como a César, vino un pouco inverosimil. Pero, é fácil de amañar, penso, e pode quedar un relato fantástico. Creo, e iso daríalle moito punch á escena, que o prota podería atar cabos do que viu onte en plena manifa, realmente ao ver o seguimento do Alfredo de marras. Primeiro xogar coa tensión do “porqué me sigue?” ata xa pasar ao pánico de “Joder, era el”. Para min o relato non está en segunda persoa, pero eu son pouco esixente co das trabas en xeral.

    Aproveitando o tocho de Fran sobre a segunda persoa abro minifio (como se fose un Tuitstar!). Estamos aquí teorizando e evanxeizando sobre os relatos en segunda persoa coma se esa narrativa non existise xa. A ver se vades a pensar que ides descubrir agora a pólvora. Cando se narra en segunda persoa? Cando o protagonista é o lector. Cando pasa iso? Varios exemplos: cando lembras o ben que te fodeu unha amante e llo contas nunha carta contando todo o que che fixo desde os seus bonitos ollos cor mel. Tamén podes usar a segunda persoa se queres escribir un libroxogo e que o xogador se sinta o prota (collede un libroxogo e veredes, toooodo en segunda vervigracia da narrativa, sen ser recurso estilístico nin gaitas, Fran que fumaches?). Se vas deseñar unha aventura gráfica ou algún outro tipo de videoxogo vas usar moito a segunda, amigo. Cando se dirixe rol vai tamén case todo en segunda: “Que fas? Tira a ver. Oooiiii…. O teu inimigo mete cuchillo e saca tripas.” Nun monólogo, eu que sei xa… De feito, levas un anaco lendo isto que está en segunda persoa e tampouco foi tan raro, non? Pois iso.

    Sol oscuro. Cando o lin pensei: “Ninguén vai pillar a referencia ao xogo añejo de Dungeons and Dragons e vaille pasar factura”, pero no. Porque aquí o detalle non resta, suma. Quero dicir, que non coñeza o mundo no que está baseado non vai a sentir falta de información. Os detalles son evocadores, non excluíntes, aportan riqueza. Imaxinar o que non sabemos fai o mundo no que pasa iso máis rico se cabe. De feito a Poza do Dragón que coñezo eu, ou o levantamento dun señor dragón que lin, non é tan bo coma isto e case me da pau ata estar enterado do asunto por terceiros. Tamén me gusta como colle o fotograma e lle da un remeneo.

    VOTO por “Sol escuro” porque me flipa Dark Sun, porque está mellor que o seu rival e porque tamén usa máis correctamente a segunda persoa.

  6. Sobre o relato de Ana pouco mais teño que engadir do que xa se dixo. Usar os wasap pareceme unha boa idea, só faltou deseñar un pouco mellor a conversa. Literalmente é un relato epistolar (só qeu adaptado a un medio de expresion moderno) e coma todo relato epistolar está en 1ª persoa. É certo que se pode entender que esa personaxe á que se dirixe a que manda os wasap é o propio lector. Eu non tiven esa sensacion, de feito pareceme entender que a persoa destinataria estaría morta, asi que é complicado.

    Sobre o meu. A manifestacion transformeina nun rio de xente seguindo ó seu salvador, en vez de pancartas, estandartes. Non foi intencionado identificar o termo queer coa transformacion do home en dragon, pero mira, ata quedou ben se se mira así. O relato está inspirado nun escenario de campaña para Dungeons and Dragons (Dark Sun). Para quen non o coñeza é como un Mad Max pero de espada e bruxería. Todo o que sucede no relato é inventado, só me basei na ambientacion.

    Sobre a segunda persoa. Non existe ningun organismo oficial nin real academia dos narradores que de validez ou revoque o que diga eu, o que diga fran ou a quen defina “relato en 2ª persoa” como aquelas histporias nas que se mencione a un gato negro.
    Estamos sós neste barco, o unico uqe podemos facer é chegar a un consenso ou ben especificar mais os parametros da traba para que todo o mundo entenda que se espera dela.
    Para apañar o do consenso vou afondar un pouco mais no tema en cuestion.
    nota: estou tomando como sinonimos “escrito en xª persoa” e “narrador en xª persoa”.
    Comezamos polo facil. A 1ª persoa. Creo que todos seriamos capaces de recoñecer un relato en 1ª persoa se o temos diante. É un tipo de narracion na que o narrador está incluido no universo do relato. Hai un “eu” que conta a historia. Unha vez que aparece ese “eu” é imposible xa cambiar o tipo de narrador.
    E diredes… e que pasa se o narrador en 1ª persoa só aparece na 1ª liña do relato para dicir “vou contar esta historia”? De verdade podemos dicir, Lois, que un relato así está escrito en 1ª persoa? Este é un tipo especial de narrador en 1ª persoa, o narrador testemuña. Ten o seu propio apartado porque efectivamente é un caso extremo. Pero segue sendo un narrador en 1ª persoa. Se a historia que sigue a esa frase a conta un neno, por exemplo, a narracion terá que ter coherencia con ese dato, porque está a falar un neno. Igualmente, se lemos un relato en 3ª persoa e xusto na ultima frase o narrador di: “E isto é todo o que me contaron”, estariamos no mesmo caso.
    En canto aparece no texto un “eu” (como narrador) inda que sexa só nunha unica frase, o noso cerebro pasa a elaboralo todo como unha narracion en 1ª persoa, unha narracion dun ente que existe fisica ou espiritualmente no universo do relato. E con iso veñen unhas regras inconscientes e intuitivas que a narracion terá que cumprir para manter a coherencia.
    Dito isto, todo o que non é narrador en 1ª persoa é narrador en 3ª. O narrador en 3ª é un ente que non pertence ó universo do relato (a veces xógase coa rotura da 4ª parede, cando as personaxes interaccionan co narrador, pero iso qeuda para outro simposio).
    Hai zonas grises a montón. As etiquetas non son perfectas, usámolas ata onde dan de si e hai mil formas de romper a cabeza con elas. A veces esas formas raras adquiren entidade propia. Como o narrador testemuña. Por exemplo: que sucede se estamos lendo un relato e 3ª persoa e de repente o narrador tuse? Pasaría a ser un relato en 1ª persoa? Non o sei.
    E que pasa se o narrador se dirixe ó lector?
    Se un narrador en 1ª persoa se dirixe ó lector o caracter da narracion non cambia. O “eu” segue sendo o protagonista. Pero Lois, diredes, e se é un narrador en 1ª que só aparece na primeira frase e o resto é todo en 2ª, que pasa? Pois daquela sería un narrador testemuña, pero a protagonista sería UNHA PERSONAXE do seu universo (á que se refire en 2ª persoa), non o lector. Admito que hai maneiras de involucrar ó lector desta maneira, pero sería de novo un caso de rotura da 4ª parede, non unha narracion en 2ª persoa.
    En cambio, se o narrador en 3ª se dirixe ó lector sucede algo especial. O resultado desta tecnica adquire entidade propia. Pero como é posible iso, Lois? Un ente inexistente no universo do relato dirixindose ó lector?? O truco, amigos, está en que o lector tampouco existe no universo do relato. Por iso se sostén esa ficción, esa especie de dialogo interdimensional. Por iso a clave está en que o narrador se dirixa Ó LECTOR, non a outras personaxes dese universo. Por que un narrador en 3º non pode tocar ás personaxes, pero pode tocarte a ti: e ten que tocarte sen aparecer, coma unha pantasma. Invócate desde a escuridade. Diche o que pensas, o que sentes, o que fas. Este é o tipo de narrador que pedía a traba. Ou polo menos é como eu a interpretei á hora de escribir o meu relato e de xulgar os dos demais.

    • Na frase do final “Por que un narrador en 3º …” Teria que ter posto: “Por que un narrador en 3º que se dirixe ó lector, é dicir, o que chamamos un narrador en 2ª” … se non parece que falo dun narrador en 3ª clasico.

      Outra cousa: un relato de so dialogos, que tipo de narrador diriades que é? Non creo que haia unha soa resposta correcta, pero dependendo da escena si que podemos descatar cousas. Se a personaxe A fala coa B a soas e despois unha C fala con outra D (noutra cidade ou tempo histórico) sería loxico pensar que quen está levando a narraccion (baleira neste caso) é un narrador en 3º (un ente fora do universo do relato). É un caso retorcido pero pode servir de punto de partida para ir sacando os demais.

  7. Este comentario é de Carlos Vega:

    Creo que o que máis me gusta destas competición é a sensación que di Lois de estar sos no barco. Aprendo moito máis de ler un dos vosos comentarios que de escribir o relato. Ter que delimitar os conceptos implica primeiro dominalos e para que poder abarcar os temas das trabas (ben escollidos en canto a mecanismos de narración: diálogos, narradores, vocabulario…) un tense que poñer os guantes e empezar por comprender o básico, que moitas veces remata por ser o complicado.

    Nos anos que levo participando, aínda que o meu me costase, fun adquirindo nocións básicas que a día de hoxe, permítenme ler algo desta teoría e non morrer no intento. A Liga é una das experiencias máis enriquecedoras nas que tiven a sorte de participar.

    Sobre o narrador, creo que os máis fáciles de definir son o primeiro e o terceiro, pola forma que teñen de involucrarse na historia e porque son sobre os que máis se ten traballado. Corresponde coas formas básicas do tratamento da historia, se o narrador se involucra nela ou non.

    Sobre as zonas grises, gustaríame afondar nas posibilidades dun narrador como o que propón Lois, que en medio dunha narración en terceira persoa interrompa dalgún xeito. A propósito disto gustaríame poñer de exemplo o videoxogo The Stanley Parable, un simulador de camiñar por unha oficina, caracterizado por un narrador que, de primeiras, observa todo como se o estivese a ver desde unha pantalla.

    O xiro vén cando, ante unha bifurcación, o narrador di que Stanley atravesou a porta da dereita, pero o xogo dá a opción de escoller. Non destriparei máis, porque desde este punto creo que se pode argumentar que o narrador en terceira pasa de observar a reaccionar; involúcrase no obxecto, inferindo no narrador, que neste caso sería o xogador.

    Sería interesante pensar nunha novela arredor deste concepto, intentando ir en contra das limitacións que ten o libro fronte ao xogo, no relativo a interacción. Ocorréseme o caso da marabillosa novela de Italo Calvino, pero creo que outras vías son posibles.

    A propósito dos relatos completamente dialogados, estou dacordo con Lois. Se se suceden varios diálogos entre distintas persoas, creo que o que mellor encaixa é un narrador en terceira, que este a velos desde fora. No caso de relatos como a Esmorga, na que practicamente o desenrolo é unidireccional, pasa o mesmo? Ou o formato fai que o lector este máis disposto a encher, a interpretar máis alá de ler, e iso acerca o relato a unha 1º ou 2º persoa?

    • precisamente pensei (entre outros) no narrador de The Stanley Parable cando escribia o post. As zonas grises son case infinitas, ata cando o autor o fai “mal” e mestura cousas que non deberia mesturar aparece unha zona gris que pode estar abrindo un novo camiño.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s