Diego Ameixeiras: “Non soporto a confusión, tan rendible para algúns, entre literatura e catecumenado”

Diego Ameixeiras.

Descubrimos a ‘Biblioteca Íntima’ de Diego Ameixeiras poucas horas despois de que gañase o Premio Follas Novas 2022 na categoría de mellor novela por O cervo e a sombra (Xerais), que xa gañara tamén o Premio da Crítica Española. O autor ourensán é o maior representante da narrativa negra na literatura actual e mantén desde hai case vinte anos unha traxectoria sólida e moi atractiva.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Teño dúbidas entre A illa do tesouro, de Robert Louis Stevenson, ou Viaxe ao centro da Terra, de Jules Verne. Pero seguro que en verán, naquelas tardes da infancia que non remataban nunca.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Cinguíndome ao ámbito da novela negra, O arrecife do escorpión, de Charles Williams. O seu desenlace, cargado de romanticismo, paréceme fascinante.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Non me atrevo a ler por segunda vez Rayuela, de Julio Cortázar, ou O vixía no centeo, de J. D. Salinger. Sospeito que me producirían ese efecto.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Con Dashiell Hammett e Lillian Hellmann xuntos estaría ben, pero non creo que lles puidese seguir o ritmo.

E con cal, de entre as/os que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o.

Un exemplo moi citado podería ser Louis-Ferdinand Céline, que era un ser desprezable. Pero a experiencia de ler Viaxe á fin da noite non se esquece.

Un libro recente que lle gustase moito…

Páradais, de Fernanda Melchor. Unha ollada moi particular sobre a violencia e a desigualdade.

Unha novela que non puido terminar…

Lembro sensacións enfrontadas con El día del Watusi, de Francisco Casavella. A algunhas páxinas brillantes seguíanlle outras que deixaban de interesarme. Gardo na memoria unha lectura en diagonal, que é outro xeito de non rematar unha novela.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Conformaríame con ser o axudante de Philip Marlowe en O longo adeus, por exemplo. E con escoitarlle o diálogo máis famoso da historia da novela negra: “Ata outra, amigo. Non che direi adeus. Díxencho cando tiña un significado. Díxencho cando era triste, solitario e final”.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Crematorio, de Rafael Chirbes. Non sei se me reconciliou, pero si que me fixo crer na novela como un xénero que aínda ten sentido.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Agora mesmo teño gana de ler Sarah Jane, de James Sallis, Os seres queridos, deBerta Dávila,e Spanish Beauty, de Esther García Llovet.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Los mares del sur, de Manuel Vázquez Montalbán, por exemplo. Ou Vastas emoções e pensamentos imperfeitos, de Rubem Fonseca.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Téñolles cariño a todos, aínda que non sempre me levo ben con eles. Son a miña vida, cos seus numerosos defectos e algunha que outra virtude.

Leva vostede un diario ou un dietario?

Non. Só anoto cousas que pretendo facer. Ou pensamentos dispersos coa idea de encaixalos máis tarde no que estou escribindo.

Escribirá as súas memorias?

Moito tería que cambiar para atreverme cun xénero así. Pero a memoria, por suposto, é un dos materiais máis importantes cos que traballa un escritor. Nese sentido, é posible que leve vinte anos escribíndoas sen sabelo.

Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura?

Posiblemente Eduardo Blanco Amor. O seu Ourense subterráneo d’A esmorga. E ultimamente veume á cabeza a lectura adolescente de“O Suso”, un dos relatos de O crepúsculo e as formigas, de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Non teño piscina. Nin cheminea como Pepe Carvalho, para queimalos.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

A estas alturas, o que non soporto na vida pouco ten que ver coa literatura. Alén dunha obra en concreto, falaría máis desa corrente que nos arrastra a xulgar algúns libros polos valores positivos que defenden e non tanto pola súa calidades literarias. Esa confusión, tan rendible para algúns, entre literatura e catecumenado. E a autopromoción constante.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Cheguei tarde a Dos anxos e dos mortos, de Anxo Rei Ballesteros. Quen me dera lelo con dezaoito anos.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Sería unha temeridade minusvalorar a altura intelectual de figuras como Otero Pedrayo ou Castelao. Pero nunha literatura normalizada, sen o peso da nación ao lombo, non sei se lle prestariamos tanta atención á súa literatura.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste.

Un comentario en “Diego Ameixeiras: “Non soporto a confusión, tan rendible para algúns, entre literatura e catecumenado”

  1. Home si, só os grandes, ou moi grandes e grandísimos se atreverían co de Rayuela e mais do Vixia no centeo (mesmo as diferencias e méritos moi dispares. A “Maga” vaiche levar ó Cristo peludo a rezar da couce que vas levar). fernando ferrovello.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s