‘Lóxica espuria’ vs ‘Cumpre a túa promesa’

Fotograma do filme ‘Le Samurai’, de Jean-Pierre Melville.

Xornada 3 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Lois Z e César Lorenzo Gil.

Traba: O relato debe inspirarse na canción ‘Palermo Queens’, de Benjamin Biolay e Sofia Wilhelmi.

Lóxica espuria

Lois Z.

O tipo da foto é o meu pai. O que lle apunta ós miolos cunha pistola é un dos terminators que enviei ó pasado para impedir o meu nacemento. O meu pai sempre mos enlea dicíndolles que se lle disparan e eu non nazo daquela a razón pola que os mandaron alí nunca terá existido no futuro. Os terminators non son quen de resolver o paraxodo e meu pai sálvase. 

En realidade o home da foto non é o meu pai. Non cheguei a coñecelo, morreu na batalla dos Campos de Pelennor, defendendo Gondor diante das portas negras de Mordor. Ou iso é, polo menos, o que miña nai responde cando lle preguntan por el. Supoño que lle resulta menos embarazoso que admitir que fuxiu do país ó deixala preñada. Eu levo ó pescozo o fatídico anel da súa invisibilidade. Cada vez que sucumbo e o poño no dedo podo velo. Vivindo nalgunha gran metrópole, con outra familia, sen pensar nunca en nós. Rindo, indo ó cine, contándolle ó seu outro fillo historias cun final canónico e feliz. Esas visións mátanme por dentro. Causáronme unha ferida que nunca vai sandar. Coma a dunha man cortada por un sabre de luz na cidade das nubes de Bespin. Talvez un día poida desfacerme desta mochila. Pero para conseguilo preciso acadar o mesmo lume no que foi creada. Aínda que me funda eu con ela na lava. Faríao feliz, erguendo o polgar mentres desaparezo entre as chamas.

Miña nai segue coa teima de adestarme para me converter no líder da resistencia mentres a min se me vai poñendo cada día máis cara de Skywalker. Agardamos no noso búnker o día do xuízo final, pero polo de agora non parece que as máquinas se vaian rebelar. Ata daquela seguirei enviando androides ó pasado ata que algún deles consiga apertar o gatillo e acabe dunha vez con este popurrí de referencias cinematográficas.


Cumpre a túa promesa

César Lorenzo Gil.

Recordas a primeira vez? A primeira vez que me miraches, que sorriches para min, que me recoñeciches entre a multitude, Biolain? Comíchesme cos ollos e logo cartografaches cada curva do meu corpo coas mans. 

Eu era o teu mundo, repetíalo unha e outra vez, coma un retrouso, mentres ancorabas o meu ventre ás xemas dos teus dedos. Prometemos diluírnos un no outro nunha cerimonia de esperma e saliva. Entre nós cada minuto debía ser de gloria: non comer, non beber, non cheirar máis ca a nosa propia suor. E chegabas da rúa e me uliscabas buscando quizais o rastro doutro e eu abría as pernas e amansaba entre as coxas o teu anturio até converterme en illó e perder o pé e a inocencia.

Mais agora todo iso é un eco que se evapora coma bágoas nun forno. Mírame, Biolain, pingando dentro desta gabardina que me queda grande, dando voltas na noite só por verte, por devolverte á humanidade. Até a pistola se estremece e se volve carne, e desexo arruinar a túa fermosura chantando as miñas unllas coma arados no teu rostro… Ou acertarche no corazón e converterte nun bloco de mármore para poder adorarte e chorarte até que alboreza e se borre de vez o recordo do teu sorriso. Non che vou preguntar por que, non quero un informe nin unha confesión. Só preciso que volvas ser ti.

Cumpre a túa promesa, Biolain.

—Todo é posible en París.

12 comentarios en “‘Lóxica espuria’ vs ‘Cumpre a túa promesa’

  1. Gústame este relato pola forma que ten de encadear as referencias como marco da situación da personaxe, A trama e o estilo están ben conseguidos; o que menos me acaba de convencer é a frase final. Penso que non é necesaria. Tampouco entendo a relación coa canción.

    Cumpre a túa promesa

    Penso que entronca ben coa atmosfera da canción, cambiando a perspectiva. A trama aparéceme ben levada, aínda que a relación co título e coa conclusión parécenme algo forzadas. Creo que a linguaxe pode mellorarse no sentido de evitar a reiteración de nexos e formas verbais aínda entendendo que a reiteración é un efecto expresivo.

    Voto por “Lóxica espuria”

  2. ‘Lóxica espuria’: Paréceme que o estar tan baseado en referencias neste caso é contraproducente, xa que non é doado seguirlle o pulso ao relato, entre tantas imaxes familiares. Por outra banda, tampouco atopo a referencia á canción.

    ‘Cumpre a túa promesa’: Neste caso paréceme que a narración é correcta, ten bo ritmo e estrutura, polo que conseguiu convencerme máis.

    Voto por ‘Cumpre a túa promesa’.

  3. Este comentario é de Carlos Vega:

    Vaia duelo este¡ Non sei que me parece máis caótico, se a foto de mafiosos nunha peli que se chama Le Samurai ou se ter que xuntar todo isto coa canción de Biolay.

    Lóxica Espuria creo que captou ben ese sentido caótico que me transmitiu o conxunto de traba e foto. Está ben argallado, cun primeiro parágrafo que parece un conto en si, e co comezo do segundo rebaténdoo e dándolle sentido ao relato. Penso que, como a naturalidade, o popurrí é simple, pero complicado de conseguir. Un cúmulo de tantas imaxes en tan pouco espazo só funciona coa colaboración do lector. Nese sentido, está ben fiado. A historia tras el, eu enténdoa como a dun fillo que busca na ficción respostas que non atopa na realidade.

    Cumpre a túa promesa aposta máis pola liña da canción, situando nela á protagonista, que eu penso é unha das Palermo Queens. O ritmo do monólogo está ben cometido e as imaxes ben logradas. Gústame en especial a da pistola que se volve carne e que treme. O final sacoume un pouco de ritmo, o relato cedeu ante a trama, paréceme, pero deixou nel unha moi boa narración

    O meu voto vai por Lóxica Espuria, por esa sensación de popurrí coa que me identifiquei.

  4. Teño que ver esa peli. E tamén facer un realto baseado nesa canción. Duelo moi parello dentro dunha xornada moi parella tamén.

    “Lóxica espúrea”. Gústame como están inseridas as referencias, o baile que hai entre elas para ir debullando os sentimentos da historia principal. Unha historia de abandono e xenreira. É curioso como de novo, os dous relatos tiran polo mesmo, será pola pistola. No plano negativo podo ver certo titubeo cara o final, final que a min me gustou pero que penso que o autor non tiña demasiado claro.

    “Cumpre a túa promesa”. O relato está moito máis pegado ao tema e ten, aí polo medio, unhas cantas sentenzas moi fortes. A imaxinería é moi efectiva e aliméntase moito do que hai no videoclip. Hai un uso moi intelixente do material. No plano negativo penso que peca un pouco de ampuloso en certas partes, ese recargamento fixo que desconectase algo. Hai que calibrar mellor esa lánguida poeta vingadora para sentila crible.

    VOTO por “Lóxica espúrea” por medio palmo.

  5. Aquí hai outro bo duelo no que creo que os autores pecaron un pouquechiño por exceso. Para chegar aos relatos hai que eliminar moita follaxe que creo non traballa a favor das historias. Porén nótase a pericia e a capacidade de sacar un bo traballo.

    LÓXICA ESPURIA

    O exceso deste texto está nas referencias e o caos co que aparentemente se presentan. Terminator, O señor dos aneis e Star Wars.

    A referencia a Terminator resulta a chave de toda a trama. (Unha trama marabillosa e universal, por certo). Poderían eliminarse as outras dúas e a historia non perdería máis que dúas boas frases, ambas relacionadas con O señor dos aneis, o que destaca o innecesario da referencia a Star Wars. A ferida xa quedaba patente na referencia a Gollum e Luke nunca quixo matar o pai, senón salvalo. É aquí onde na miña opinión se xeneral certo barullo.

    Sen Star Wars, a estrutura do relato podería quedar nun equilibrado Teminator – Terra Media – Terminator, cunha Sara Connor afiando o coitelo e un John Connor enviando androides ao pasado para matar o pai… a través da literatura. Que ben quedaría que iso que o protagonista fose escritor e que o que chama androides fosen en realidade relatos ou novelas.

    CUMPRE A TÚA PROMESA

    Este texto apóstao todo á lírica prescindindo de profundidade trama. Gústame a lírica, encántame a lírica e alégrame que de cando en vez a saquedes vós a pacer por estes campos de Biosbardia. Porén creo que esa aposta total pola lírica, pola sinxeleza da trama, fai que relato amose o seu punto débil. Coma o pozo respiradoiro da Death Star por onde Luke escoa o torpedo. Había moi pouco espazo para gañarlle, pero atopouno.

    O meu voto vai para LÓXICA ESPURIA. Parabéns a ambos autores.

  6. Graciñas polos comentarios, e a Ana polo voto.

    Eu pretendía con este relato, o primeiro, ser moi fiel ao desafío da dobre traba. A partir de aí quixen expresar unha voz feminina desde a intimidade, alguén que coñecese a Alain Delon. Penso que esa cariña é desas das que te namoras sen remedio, e intentei imaxinar a alguén que o ama, pero sabe que xa vai marchar. Tamén quixen construír un relato cun só cualificativo, o posible da última frase, que non é meu.

    Sobre Lóxica espuria:

    Paréceme unha construción moi ben edificada, un xogo (de lóxica) en base a referencias moi evidentes para o autor e no que o lector participa na medida na que as coñeza. É, por así dicilo, un recompilatorio pop de relacións paterno-filiais a través do mito, un mito moderno copiado dos mitos clásicos, pero mito á fin e ao cabo (Léase ‘Apocalípticos e integrados’, de Umberto Eco). O final é perfecto.

    Parabéns ao noso Líder Invicto.

  7. Loxica espuria foi o ultimo relato da tanda de 6 que escribin. Era xa case o ultimo dia do prazo e non sabía por onde tirar, así que me deixei levar por unha especie de escritura automatica que visitou lugares comuns pero que quedaron unidos por un fio imprevisible ata para min. Escoitara a cancion unha ducia de veces, o unico que me transmitía era unha ruptura posterior a ese namoramento ñoño da cancion. Ó contrario que Cesar situei a rabia desa ruptura (a foto non deixaba lugar a moito mais) no fillo froito de ambos. Cando revisei o relato engadin algo sobre unha amante arxentina e unha fuxida a París, pero borreino nunha revision posterior. Basta xa de estragar relatos por cumprir coas trabas. Prefiro que me disparedes por tanxencial que que me digades que tal cousa está metida con calzador para axustarse á foto ou á cancion ou ó que sexa.
    É certo que a referencia a SW aporta pouco, pero eu tampouco dixen que me referise a Luke. O fillo de Leia matou ó pai. Por iso puxen só o apelido, porque foron relacions paternofiliais problematicas en xeral nesa familia. Incluso Rey se declara Skywalker ó enfrontarse ó seu avó. A idea de que o prota sexa escritor está ben e non é incompatible co texto, posto que o texto é xa un relato escrito por el.
    Estou moi dacordo co comentario de Vega, o relato precisa da complicidade do lector para funcionar (e non só polo de entender as referencias).

    Ser fiel á dobre traba págase, eu creo que ó relato de César lle pasou algo así. Ata os lectores premian as aproximacións orixinais porriba das máis explícitas. Deixando isto a un lado a narradora a min fixoseme demasiado intensa, puxoselle voz de narrador en 3ª e todo. A única forma de que un discurso como este sone natural é que sexa por escrito (a típica carta) ou que algun outro contexto especial o xustifique (que se trate dunha interna da unidade psiquiatria que estea falando coa television e a pistola sexa o mando a distancia). Entón, ainda que o relato está ben feito, ben escrito, ben argumentado e todo iso, non é un relato humano. Non fala da humanidade real, é un retrinco nacido do cruce entre a foto e a cancion. En relatos deste tipo o mellor é introducir algun outro elemento raro ou rechamante para distraer ó lector mentres lle roubas a carteira.

    • Non estou para nada de acordo, Lois. Nin no de que a narradora se expresa en terceira persoa nin en que este relato se encadre no xénero realista. Por suposto que ninguén fala así, nin falta que fai. No relato o que di a primeira voz nin sequera se sabe se é falado, escrito, imaxinado…

      Cadaquén é libre para valorar o que queira no relato, pero as trabas están postas para algo. Esta liga procura que os autores liden con eses atrancos para espremer as meninxes. Considerar que algo é máis orixinal porque pasa das trabas, do meu punto de vista, é un argumento feble. Tan importante é a traba da inspiración nunha canción (que por certo non ten nada de ñoña) coma saber narrar en segunda persoa. Non hai trabas de primeira ou segunda categoría segundo se adapten aos nosos intereses. Apertas.

  8. Como hai unha resposta ó final, cun guion, imaxinei que o texto anterior formaba parte dun dialogo, talvez só a parte final. Resulta dificil imaxinar que sexa un texto escrito (mírame, pingando con esta gabardina…). A narradora fai unha recapitulacion da sua relacion con Biolain que me casa máis cun narrador en 3ª que cunha en 1ª. Non en todo o relato, pero si nalgunhas partes. Sobre xéneros non falei, só dixen que non me sonaba real, a escena real, sona coma se fose un poema.

    As trabas hai qe cumprilas, mais hai moitas formas de facelo. Eu inspireime na cancion. Non podo demostralo empíricamente, pero o que me inspirou está no relato. O unico que estaba seguro de non querer facer era meter como personaxes principais a un tipo e unha tipa en amorosa relacion. Valorar a orixinalidade na aproximacion á traba é inevitable e non telo en conta como autores é sair ó campo cun gol en contra, porque pasou, pasa e vai seguir pasando. Cantas veces limos a un votante manifestando sorpresa (grata sorpresa) pola forma en que o autor interpretou a foto. Pero cando a traba se cumple dunha forma tan explicita que parece que primeiro foi o relato e despois a traba nunca nos paramos a dicir canto nos prestou. Enton é un erro esforzarse en pregrase a algo que non é valorado. No 1º torneo con trabas un relato que non cumplia a sua ganou o seu duelo (Ugarte vs Botana) e nin sequera o perdedor protestou. E un relato que cumplia a traba perdeu o seu duelo (eu vs vega, e creo que tamen pasou noutro) e o unico argumento dado por algúns votantes foi que non cumpría a traba. E isto en trabas obxectivas (2º persoa, non usar x letras) e con votantes que coñecían as trabas (non como o xurado do torneo de equipos, que non vale nin para poñer exemplos), imaxinate nas subxectivas.
    Unha solucion sería que as trabas fosen ocultas (a foto non, só as trabas adicionais). A organizacion vela polo seu complimento, se se lles da o OK, publicase o relato e ninguen pode xulgar se se cumpliu mellor ou peor. Mentres sexan publicas (e non digo que isto sexa malo) estarán dentro do debate, para ben e para mal. E parte dese debate somos eu animando ós autores a que as retorzan ata que qeuden case irrecoñecibles e ti afirmando que están postas para algo.
    Levo as de perder porque todos escribimos xa 6 os relatos. Pero ó final é poñerlle cancelas ó mar. Podes poñer as regras pero non podes controlar ós xogadores. Se un votante non ve a traba nun relato que a cumpre e o castiga inxustamente non se pode facer nada. Se un relato non cumpre unha traba ou a cumpre dunha forma esperpentica e lle votan igual tampouco se pode facer nada.

  9. vou ir un pouco máis aló. no relato o xuizo metin unha frase que facia referencia directa á foto. creo que estaba ben metida, nada do outro mundo. De que me serviu? unha persoa dixo que estaba metida con calzador. é dicir, fixouse na frase, soubo que tiña relacion na foto e viu esa relacion tan directa como algo negativo. Non debín poñela, a relacion estaba aí igualmente. Por sorte neste relato si que tiven a lucidez de borrar a ultima hora a referencia directa que puxera sobre a cancion.
    Os votantes premian que os sorprendan. Ata o dixo con esas mesmas palabras Couto cando fixo de xurado (ou foi sabela?). Iso non o pode cambiar unha norma. E os autores temos que adaptarnos a iso. Se temos a foto dun zapato e facemos unha space opera, arrasamos. Se pos un fotograma de Star trek e falas da migracion dos patos rabicurtos, ganas (sempre dentro dunha marxe de calidade razonable, que o rival tamen xoga). E a dobre traba ten un funcionamente raro tamen, porque parece que se cumples unha das 2 ben é como se non fixese falta xa esforzarse coa outra. Enton hai que escoller a traba principal, e hai que mallala, e despois a outra ya tal. Son só percepcions que teño, non son queixas nin desexos.

  10. Insisto en que cadaquén vota cos motivos que quere, e coido que calquera conclusión que poidamos tirar desa votación é válida a posteriori, pero eu non me atrevo a desenvolver un playbook. Ti tes moita experiencia neste modelo de competición e moitos éxitos, polo tanto agradezo que compartas as túas mellores xogadas.

    E dis ben cando falas das referencias orgánicas. Que alguén se queixe de que unha frase está metida con calzador non é bo nin malo, nin define o que debe facer un autor nin o lector. Eu sei que valoro como lector-votante e sei o que quero facer como autor. Pódeme saír mellor ou peor, pero non me adapto ao que quere o público, entre outras cousas porque non teño nin idea.

    Claro que a sorpresa agrada, pero sen saírmos desta liga gañaron relatos sorprendentes e outros que non o son. Os exemplos do zapato e dos patos poden valer ou non, porque escribir literatura non vai do que senón do como.

    Comentas que con cumprir ben unha traba abonda. Pode ser, repito, que iso abonde para ti como lector-votante ou incluso para a maioría. E pode ser incluso que a dobre traba, a nivel competitivo, non opere como un elemento importante na valoración do público. Non o sei. Eu formo parte da competición porque tivemos baixas de última hora, pero se falo como organizador, incluín as novas trabas porque contaba con que iso provocase un aumento da calidade. E o experimento penso que saíu ben. Relatos como ‘O xuízo’ son boa proba diso. E como organizador penso que ese é o camiño que a min me interesa para Biosbardia, porque estimula a creatividade e mellora a técnica. No curto prazo gañar ou perder é o que dá ambiente, e está ben que se recoñeza a capacidade para vencer duelos e ser regular na liga; pero a longo prazo, do meu punto de vista, o que quedará será o pouso dos relatos independentemente do seu éxito electoral.

  11. Non é por adaptarse a que alguen diga que unha frase sobra. É porque un se da conta, ó ler ese comentario, de que realmente sobraba. E para iso están os comentarios en primeiro lugar: para aprender deles.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s