‘Réxime de visitas’ vs ‘O duelo’

Fotograma de ‘Brave’, de Mark Andrews.

Xornada 3 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Carlos Vega e Fran Fernández Davila

Traba: O relato debe inspirarse na canción ‘A balada de Sacco e Vanzetti’, de Joan Baez.

Here’s to you, Nicola and Bart, interpretada por Joan Baez.

Réxime de visitas

Fran Fernández Davila.

Imaxina, en lados contrarios do cristal, unha nai e unha filla. María que lle manda bicos a Silvia. E a nena de oito anos a chorar. A tentar erguerse da cadeira. Ti non tes a culpa, ti non tes a culpa, imaxina que repite mentres trata de calmala. Imaxina o público a axustaren as súas gravatas negras. Lembra, miña filla o que che ensinei, podes oílo? O garda que se apura a ler sentenza. As infames gotas de cuspe a precipitarse sobre elas. Imaxina agora que María canta, lembra que nós somos as donas das nosas almas, mentres unha man molla as esponxas. Unha esponxa grande para a nai. Unha minúscula para a nena. Imaxina que no LED de en fronte a ela fan bailar unha princesa. Un chorriño de auga fría que lles baixa pola cabeza. Imaxina que María non remata a súa canción, Lembra que só o silencio te axeonlla. Que lle apertan forte as correas dos pulsos. Que ás de Silvia hai que facerlles ollos novos. Imaxina os seus dediños comezando a pórse mouros. E logo os pés. E despois o pescozo. Imaxina o casco de coiro cunha fibela fría de metal. E o golpe dunha biblia que se pecha. Imaxina, xa queda pouco, que as cobren cun capucho de tea. E que María, na súa mente electrizada, María, ve sacudirse a súa nena. Imaxina que ves sorrir un pai e que ves fundirse as gardenias de preescolar. E imaxina ao lonxe, coma a tres tundas de distancia, que unha xuíza bate o seu martelo. Pois iso. Pois algo así.


O duelo

Carlos Vega.

O duelo de Siobhan era o mesmo que enfrontara a súa nai que, no seu tempo, tan só tivera pedras coas que defenderse. O mesmo enfrontamento que librara a súa avoa, que non puido loitar máis que coas mans espidas.

Enfronte da nai, da avoa; agora da princesa, erguíase o rei, con inmensa forza e poder. Vestía a mesma armadura ca o seu pai, que fora a mesma vestidura que forxara o seu avó, centos de anos atrás, co ferro do vello mundo.

Contra o mazo da antiga lei, a princesa brandía a espada que a súa nai fundira cada noite, dende que a levaba no ventre. As bágoas que escapaban dos caudais dos seus ollos secaban sobre as únicas testemuñas do seu sacrificio, que eran os raios de luz de lúa. Así, verteuse a espada que brandía Siobhan, filla do pasado e irmá de bosque, dos lobos e de todo o que era libre no mundo.

Cada golpe da lei terrible ameazaba con quebrar a espada, que fora morea de pedras, que fora mans espidas. O ferro da coiraza, oxidado polas vellas manchas de sangue, roía cos rastros que a espada empapada deixaba sobre ela. Con cada golpe, quecíase o frío peito do rei, e o mazo que suxeitaba entre as mans facíase máis pesado. 

Siobhan tamén sentía o peso que sobre ela descargaba cada acometida, pero aguantaba porque non era unha soa, senón moitas. Cantos máis anacos da súa arma se estrelaban, máis penetraba a espada na vella armadura. As veces os choques soaban a berros, as veces soaban a súplicas, pero nunca chocou a espada de Siobhan contra o peito do rei sen resoar. Berros e súplicas atravesaban o océano de ferro que separaba o rei do pai, prendendo chamas dentro dos fornos que facía tempo xa que se apagaran. 

Fornos que gorecían aínda as brasas do lume que fora a súa muller, non a raíña. A súa filla, non a princesa. A súa nai, non a vella monarca. Este lume de lumes rematou por fundir o ferro da armadura, que máis ben era prisión. O mesmo ferro co que estaba feita a vella lei, e co que estaba presa Siobhan. 

Dende aquela, gardouse na memoria do reino a fazaña de Siobhan, quen non necesitou nunca máis das armas que se forxan no segredo da noite. Cada día, coa súa liberdade, engarzou ramos de sol cos que lles rendía homenaxe á nai, á avoa e a todas aquelas que, algunha vez, disputaran o duelo. Rematou por ter un xardín que asombrou o lugar enteiro pois estaba nel, no vento entre as pólas, no auga entre as rochas e cervos entre as árbores, a verdadeira lei do mundo.

5 comentarios en “‘Réxime de visitas’ vs ‘O duelo’

  1. Boas.
    Debo confesar que teño un problema de interpretación aquí, porque o texto di que o relato debe inspirarse na canción “A balada de Saco e Vanzetti” de Joan Baez, que eu penso que non se corresponde coa que aparece no video “Here´s to you, Nicola e Bart” , Así que vou deixar ese tema un pouco á marxe.

    “Réxime de visitas” é un relato que, ao meu entender, queda escurecido por un simbolismo mal manexado e unha linguaxe escura que o fai case incomprensible.

    “O duelo” creo que incorre no mesmo tipo de excesos, que recrúan por causa do xénero no que quere inserirse. Ademais contén algúns fallos gramaticais que renxen (“con cada golpe quecíase o peito do rei”) e, baixo o meu punto de vista, é unha liorta escasamente explicada que remata cunha vitoria sobre non se sabe o que, para introducir unha frase final tan melífera que case repugna.

    Voto por “Réxime de visitas”

  2. ‘Réxime de visitas’: Entendo que quere simbolizar cunha proposta tan dura a violencia vicaria, e se é así, resulta efectivo, malia estar máis desapegado que o seu competidor da imaxe proposta.

    ‘O duelo’: Pasoume aquí un pouco o mesmo que a Xerardo, non me queda claro exactamente contra que combate Siobhan, que encarna exactamente esa figura do rei.

    Recoñezo que os dous me pareceron demasiado crípticos. Dito isto, voto por ‘Réxime de visitas’, malia non estar segura de se o entendín ben, pareceume máis potente.

  3. Gustoume moito a canción, tan simple e tan evocadora. Moi potente.

    Réxime de visitas

    Podería dicir o mesmo que da canción.
    O narrador é moi especial, está nunha desas zonas grises das que falara no post da xornada anterior. É 1ª, 2ª ou 3ª? É un dialogo co lector, poderia argumentarse que é calquera delas ou ningunha. A orde que da é a de que imaxinemos, e con iso o autor crea 3 capas de lectura. O relato mesmo como ficción aparente, o que te imaxinas ti e o significado real da historia (a comparación á que se refire o narrador ó final).
    Quedei atrapado nesa arañeira que teceu o autor, e porriba de todo iso, están as impactantes imaxes que da nai e a filla sendo executadas, moi ben narradas, espeluznantemente ben narradas. Na miña opinión abusase un pouquichiño do melodrama, e non facia falta. Por exemplo, o pai rindo. Penso que bastaba mencionalo na escena sen dicir mais para transmitir o seu papel na historia. E xa que falo desa frase tampouco entendo o das gardenias de preescolar. A nena ten 8 anos e a referencia caeme como desubicada.
    Con respecto á historia, eu o que vexo (xa que o relato é unha comparación) é que unha xuiza ordena que a nena do relato debe convivir co pai (non sei se con custodia completa –sempre un drama en si mesmo para un dos proxenitores-, compartida ou só visitas –se fose este caso enton teria que tratarse un pai realmente pernicioso para a nena, e é o que parece pola frase das tundas-).
    Esa sentenza sería como unha condena a norte para a nena e para a nai. Isto é raro porque non me cadra que ambas o vivan de forma tan similar. Tería mais sentido se o entendemos de forma mais literal: que nena e nai corren perigo de morte real. É raro que o perigo de morte fose de idéntica intensidade para ambas, asi que isto tampouco lle redondea o significado. É posible que o autor expuxera unha situación debuxarlle un marco concreto. Como un “mónteo vostede mesmo”, un relato de Ikea entregado sen chaves allen. É posible. Esas cousas saen ben 1 de cada 100 veces, e esta –se fose asi- pois saiu ben. Moi ben.
    Ademais a identificación coa canción é total.

    O duelo

    O primeiro e mais grave problema deste relato é o rival que ten.
    O segundo e posteriores poderian resumirse en que está sen rematar. Ten demasiadas frases que suplican unha revisión, e a historia mesma está tirada sobre a mesa coma un puzle sen montar. Así e todo non é un mal relato. Tal como está necesita unha poda para que a historia non semelle manteiga untada sobre demasiado pan, que diría Bilbo.
    Por exemplo, o combate ocupa demasiado espazo para o que sabemos del. O relato semella metaforico, e nese contexto non podes radiar o combate coma se fose real. Despachao en 2 liñas a toro pasado e céntrate noutros aspectos da historia. Pero claro, cal é a historia? Unha alegoría sobre o emponderamento, sobre o loita sobre dereitos da muller e o patriarcado? Se é así a alegoría necesitaba unha terra mais firme na que botar raíz. E se é unha historia mais literal, sobre unha princesa que debe vencer ó espectro do pai para progresar na sua vida laboral, estamos medio a escuras, quitando o nome todo sona como inconsistente.
    As 2 capas de lectura do relato parecen excluintes porque ambas compiten por ser a principal. No relato do seu están perfectamente estruturadas, tanto que o propio narrador nolo indica (pois así. Pois algo asi).

    Voto por Rexime de visitas, creo que é o mellor relato da xornada (e do que levamos de torneo). O seu rival precisa unha reescritura (ou unha boa poda para salvar o nucleo do relato sen meterse en mais lios).

    Todos aquí sabemos traballar coas palabras, e pensó que somos capaces de dicir as cousas –por duras que sexan- dunha maneira mais amigable que “unha frase final tan melífera que case repugna”. Ten piedade de nós, xerardo.

  4. Este duelo deixoume bastante frío. Paréceme que ambos autores traballaron máis para a galería que para a literatura.

    Réxime de visitas

    É unha obra eficaz e si consegue evocar o universo da imaxe e da canción dunha maneira subxectiva e ben lograda. Pero a eficacia desta obra non é literaria, senón que pertence á linguaxe publicitaria. Non é un relato, é o guión dun spot, adubiado con algunha frase “ves fundirse as gardenias de preescolar” que opera como símbolo profundo, a diferenza de “tres tundas de distancia”, que opera como metáfora evidente, e se integra perfectamente no anuncio, até podería ser o slogan. A obra non está construída con palabras, no entanto, senón con imaxes. A primeira é a máis poderosa, a que ten que tocar nervio, esquivar a razón e chantarse no cerebro reptiliano. Cando sentas unha nena nunha cadeira eléctrica xa non hai moito que dicir. A partir de aí acaba o debate. A descrición da escena xa non se fai con palabras, senón con retallos de memoria, a memoria das películas americanas de execucións, biblia incluída. Como ocorre acotío na publicidade, o autor recicla referencias que están practicamente en todas as cabezas e ponas a traballar para un obxectivo moi concreto. Nese sentido incumpre varias regras da literatura: a ambigüidade, o sentido crítico, o distanciamento sobre o obxecto narrado. Aquí o lector non ten escapatoria, ten que comer a imaxe da nena sentada nunha cadeira eléctrica xunto coa mensaxe publicitaria que transmite. E é irrelevante a relevancia moral da mensaxe. Aplaudiremos porque hai unha nena atada á morte, pero se o título fose ‘Aborto’ tamén habería quen aplaudise. E se fose ‘Aborto ilegal’, pois tamén.

    O duelo

    Neste caso coido que o autor tamén se deixou levar pola memoria, pola evocación doutras historias lidas. Hai un intento de construír un universo creativo, pero todo queda nun esbozo. Se no primeiro caso a mensaxe é a protagonista, pero o autor encontrou unha estrutura para elevala do chan, nestoutro caso non houbo tanta sorte. Percíbese unha preguiza, un cansazo, coma se ao lector se lle entregasen as pezas dun relato que temos que aplaudir porque debemos consideralas boas, e que nós debemos darlles sentido, porque o autor non tivo tempo ou ganas, ou sinxelamente se aburriu a si mesmo mentres o escribía.

    Voto por ‘Réxime de visitas’.

  5. Boas. Chego tarde, pero chego. Hai un chisco tiven que inverntarme o conto do Lobo Lacazán, un lobo tan lacaceiro que non quería saír nos contos… Evidentemente non colou e tiven que poñelo a traballar ata que me quedei eu durmido.

    “Réxime de visitas”. É certo o que di César, e eu non caía de primeiras, que poida que este relato tire de imaxinario colectivo, a modo de anuncio, para contarnos algo (votábanse de menos as aportacións de César no torneo a verdade). O único que eu non vexo algo negativo niso. Lembreime inmediatamente daquel anuncio de Levis creo que era, onde un rapaz lle pegaba cun cinto ao cadaleito do pai. A min este relato chegoume e moito, ten unha lixeireza evocadora moi potente, poida que lle sobre algún tópico, pero entra como un tiro e pide moita relectura. Tamén deixa mal corpo, se fose un anuncio de colonias eu compraba e iso que non uso.

    “O duelo”. O problema deste relato é que cando ía lelo realmente estaba relendo mentalmente o anterior. É curioso porque semella que ambos escolleron un formato moi parecido, relato asentado no simbolismo e na evocación. Pero aquí hai un esvaecemento de ideas cara o final que non lle presta. Hai nais, pais e fillas nun rebumbio onde se perde o foco e xa non volve.

    VOTO por Réxime de visitas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s