As palabras perdidas de Joaquim Soler

Joaquim Soler i Ferret.

Xesús González Gómez.

Por pura curiosidade collo da biblioteca o libro de Joan Todó La verda és porta. Vida i opinions de Joaquim Soler i Ferret, publicado en setembro do 2021 por Godall Edicions. Cólloo porque coñecín o biografado. Joaquím Soler, nado no 1940 e morto no 1993, é o caso curioso dunha vocación literaria que o leva a abandonar un bo traballo e a, digamos, malvivir durante uns anos até que atopou un emprego máis ou menos remunerado. Hoxe, a maioría dos seus libros están descatalogados e hai que procuralos ou nas librarías de vello ou nos bibliotecas públicas.

Todó, antes de entrar en materia (sic), entrega un texto (novela?) de 212 páxinas que, confeso, fun lendo en diagonal e saltando páxinas, porque o que me interesaba era saber  que dicía do «suxeito» do seu traballo (as 450 páxinas restantes). Texto que lectora ou lector pode relacionar coa biografía de Soler, ou non, cousa que eu, por esa lectura en diagonal, non farei. Mediante esta biografía, por sorte nada íntima, aínda que fale de amores e desamores do escritor, o lector, ou lectora, pois a ela se dirixe Todó por unha serie de circunstancias, sobre todo porque segundo se afirma a maioría lectora hoxe é feminina.

Un inciso: Se isto é certo, que eu penso que o é: nos transportes públicos de Barcelona, por exemplo, a maioría lectora está composta por mulleres: maioría esmagadora, por outra parte; digo, se isto é certo, habería que estudar (sic), ou analizar, se non é por este dato que toda unha serie de escritores (é dicir, homes) adoitan facer as mulleres protagonistas das súas novelas, maiormente de baixa calidade: é unha moda? É unha chiscadela? Ou, simplemente, como penso eu, unha táctica para chegar a ese publico lector, a esa maioría lectora, inzando narracións e novelas máis ou menos infumábeis con mulleres como protagonistas, co-protagonistas e extras (evidente, nin o guión, nin o director teñen nada a ver coas mulleres). E agora ocórrenseme unhas cantas novelas galegas que non vou citar.

Pero vaiamos ao que iamos. Diciamos que mediante esta biografía se pode seguir a traxectoria vital e literaria de Joaquim Soler i Ferret, e non só iso, senón que lectora ou lector se poden introducir nuns anos en que a narrativa catalá se procuraba a si mesma despois de entrar nun canellón sen saída; canellón que levou a moitos escritores e escritoras a practicar o que se denomina novela de xénero (novela policial, de ciencia-ficción, erótica ou pornográfica, novela de aventuras tolkienanas, etc., mesmo, si, si, novelas folletinescas: lean vostedes, por exemplo, Joana E., de Maria Antònia Oliver). Era un momento da narrativa catalá, a década dos oitenta sobre todo, en que un escritor deste país, é dicir, de Catalunya, podía entregar unha novela sobre a vida cotiá dos hititas que deixaba, pola información deitada, abraiado o lector. Poucas novelas daqueles anos «intuían» o volcán en erupción sobre o que asentaba a sociedade. Talvez todo este «poti-poti» de novelas debeuse á, para min, perniciosa influencia dun escritor de segunda categoría, pero stakhanovista total, como Manuel Pedrolo, que era quen de entregar hoxe unha novela kafkiana, mañá unha joyceana, pasado mañá unha proustiana e pasado pasado mañá unha novela experimental que non entendía nin o lapelista: Text-Cáncer, sen irmos máis lonxe; onte entregara unha novela alegórica de moita venda, pero literariamente insoportábel (Totes les bèsties de càrrega) e antonte dera ao prelo unha novela histórica. Malia que el (Pedrolo) renegou dunha novela como Joc brut (policial), esta é, literariamente falando, unha das mellores obras do seu autor. Pedrolo foi tamén un prolífico tradutor e dá a impresión de que despois de traducir a Salinger –que non o traduciu– era capaz de entregar aos poucos meses unha novela salingeriana. Tamén escribiu novelas erótico-pornográficas que recomendo ler despois de beber, como mínimo, un litro de café só ben cargado. Mais, evidentemente, a culpa non era de Pedrolo nin do seu posíbel (en realidade, mínimo) herdo. Unha das causas de que a narrativa catalá entrase nos anos 1980 nun cul-de-sac, foi a teima de moitos escritores (upados por certas editoriais) de escribir novelas de xénero para intentar gañar novos lectores e/ou roubarllos á literatura española: un erro como outro calquera; e sobre todo, para que esas novelas, eses libros, entrasen como lecturas recomendadas nas escolas e nos institutos. Como se percibe, ninguén é orixinal e no noso país cométense o mesmos erros que noutros lugares non só do Estado, senón do planeta. Aínda que dá a impresión de que aquí (Galicia) se persiste no erro.

A lectora, o lector, deste libro, desta biografía, ademais de seguir o camiño vital e literario de Soler i Ferret, ademais de coñecer as súas opinións (ás veces, como afirma o propio Todó, erradas, porque errada estaba a información), ademais de saber o que dixo a crítica das súas novelas no momento da aparición destas, pode seguir tamén o traxecto de toda unha novelística catalá, que adoitan denominar «textual (como se toda a literatura non fose textual) que cegou moitas carreiras, empantanou outras e produciu unha cantidade máis que inusual de novelas ilexíbeis[1]. Os que se salvaron foi porque se lanzaron por outros camiños, como Josep Albanell, que despois de diversos libros, de boa calidade, como Calidoscopi sentimental: pinyol tot salivat; Compreu-vos una neurosi i sigueu feliç, Les parets de l’insomni ou Tractat de vampirologia, chegou á que debía considerarse, como novela ou obra narrativa para adultos, a súa obra cume: Ventada de morts, unha novela ambiciosa pero tamén falida, e que no seu momento talvez non tivo máis eco debido a que a editorial en que se publicou quebraba aos poucos de aparecer tal novela. (Como dato curioso, e se a memoria non me falla, digamos que esta novela estaba traducida ao galego por Manuel Guede e, teoricamente, íase publicar en Ir Indo, o que nunca aconteceu.) Albanell salvouse dirixindo os seus intereses cara á narrativa infantil e xuvenil (varios dos seus libros destes xéneros están traducidos e publicados en galego por diversas editoriais). Outros, como Biel Mesquida (autor da novela-manifesto telqueliano L’Adolescent de Sal, novela en realidade ilexíbel), calaron durante uns anos até que reapareceron con obras nada telquelianas, nin nada rompedoras pero de gran calidade, etc.  Todó narra todos eses anos con grande acerto, unha miga de ironía e, tamén, moita empatía: o lector, a lectora, non se sentirá decepcionado. Ademais acabara coñecendo unha serie de datos e feitos que raramente aparecen nas historias de literatura. E seguirá a saber da traxectoria de Joaquim Soler, dos autores, novelistas e poetas que amaba, dos premios a que se presentaba e nunca gañaba, até que en 1981 leva o Premio Ciutat de Palma por Una furtiva llàgrima, en 1985 o Prudenci Bertrana por Unha cambra de bany, a súa novela máis lida e, quizais, a máis conseguida. En 1992, nas vésperas do seu deceso, gañou o Premio Victor Català de narracións con A una sola veu. Colaborou en revistas e xornais: Avui, Diario de Barcelona, El Punt, Arreu, Treball, La Xarxa, El drall (unha revista satírica), etc. etc. «E no verán de 1982 comezou a colaborar no programa de Ràdio 4 Subratllat en vermell». En realidade Subratllat en vermell era o título do seu espazo dentro do programa, dirixido por Montserrat Minobis, «Viure a Barcelona», cuxo produtor era quen isto asina. Para a pequena historia, digamos que o programa quixo contratar o Dr. Scopius (Joan Rendé), quen por mor do traballo que acumulaba agradeceu o xesto mais amabelmente rexeitou a invitación (era só para os meses de xullo-agosto daquel 1982) e recomendou o nome de Joaquim Soler, quen continuou despois daqueles dous meses a colaborar no programa.

Joan Todó.

Despois de acabar o seu contrato con Radio 4, presentou o seu currículo a Catalunya Ràdio, a emisora de radio da Generalitat, que naquel momento (1983) estaba a argallarse e ese mesmo ano encetaría as súas emisións, onde traballou até o seu pasamento, dirixindo un programa, primeiramente diario, logo semanal, La porta dels somnis. Tamén mediante esta biografía, a lectora ou lector, saberán das opinións, e das teimas e case odios, de Joaquim Soler: ás veces equivocadas; outras veces, sobre todo algún odio, producido pola envexa (o odio a Vázquez Montalbán puido ser producido polas, opinións deste, pero tamén dá a impresión de que Soler nunca se parou a analizar a «posición» e os «posicionamentos» do autor de Tatuaje). Doutros odios, como o que profesaba cara ao crítico Joan Triadú ou ao locutor de radio Josep Cuní, que como xefe de programas de Catalunya Ràdio decidiu que o programa de Soler pasase a ser semanal no canto de diario (non obstante, hai que afirmar que Cuní conseguiu facer da emisora da Generalitat a radio máis escoitada de Catalunya: tomou posesión do cargo en 1984, cando a emisora levaba un ano de funcionamento e esmorecía pouco a pouco…), Todó non nos di palabra. Tamén saberá a lectora, o lector, que formou parte dos colectivos Ofèlia Dracs e Trencavel. Digamos que os libros «producidos» por Ofèlia Dracs tiveron un grande éxito, sobre todo a novela erótica Deu pometes té el pomer (novela que gañou o premio Sonrisa vertical, da Editorial Tiusquets). Este colectivo foi, en certo modo, produto do canellón sen saída en que se introducira a literatura catalá nos anos 1980. De 1979 a 1994 deu un total de seis libros de xénero: novela erótica, novela policial, de ciencia-ficción, novela histórica, novela gastronómica e novela de terror (aínda cabería preguntarse se o terror non se producía cando se lía algunha destas novelas). A xustificación (sic) deste colectivo é que había que cultivar en catalán todos os xéneros para gañar lectores.

Esperemos que este libro de Todó sirva para reivindicar a obra literaria de Joaquim Soler, malia que, segundo a miña opinión, a súa literatura é unha literatura moi «datada», nacida nunhas circunstancias moi determinadas e debida a unhas modas dadas que Soler, infelizmente, sempre segundo a miña opinión, nunca puido, ou non soubo, superar. Esas circunstancias, de que falamos un pouco, son moi ben «plasmadas» por Joan Todó, que nunca se sente secuestrado polo tema da súa obra. É dicir, a presente biografía é iso, e non unha haxiografía.


[1] Velaí algún título deste tipo de novela: Coll de serps, de Cremadis i Arlandis; Puta marès, de Biel Mesquida; Self-service, de Biel Mesquida e Quim Monzó; Espai d’un ritual, de Josep-Lluís Seguí. Alén desta narrativa «textual», moitos, demasiados, dos artefactos narrativos que se produciron de 1975 a 1985 deben, mesmo, ruborizar a moitos dos seus autores e autoras, a empezar por Quim Monzó, cuxa primeira novela, de título conseguido (L’udol del griso al caire de les clavegueres (O ouveo da xistra á beira dos sumidoiros) non deixa reeditar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s