‘Xoana de Arco’ vs ‘A abdución’

Fotograma do filme ‘A paixón de Xoana de Arco’, de Carl Theodor Dreyer.

Xornada 4 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Ana Vigo e Xerardo Méndez.

Traba: O relato debe ser do xénero erótico.

Xoana de Arco

Xerardo Méndez.

Collina. A sorte chamou por min e por unha vez fixen caso. O novo Beaufort poñía velas a deus e ao demo para agarrala; estabamos entre os borgoñóns para telo informado. No medio da loita ela quedou arredada dos seus paladíns e corpo de garda, cutifei nos homes e botámonos a ela: chimpamos o cabalo e caeu, perdendo o casco e deixando o rostro descuberto. Fálase da fermosura súa, e ao vela alí case apampo, sorte foi que levei un golpe e apurei a cargar aquel tesouro e correrlle co conto ao duque. Menos mal, que case a perden dúas veces estes bandidos. Xa no campamento, non podía deixar de mirar para ela, para a súa cara redonda e o cabelo loiro, luxado de bulleiro e sangue. Ela queixouse aos oficiais e levárona, pero o día chegou con orde do señor John de lla levar nós, e levámoslla. 

De premio tiven paga e emprego de carcereiro. Sabe o señor que moitos anos levo servindo a súa familia, desde que seu avó viñera reclamar o trono de Castela, cando os grandes de Galicia o fixeran rei. El marchou e marchamos canda el: aquel servizo era o que tiñamos, inda bo foi que nos acolleu. Axexeina, claro que axexei. Metía o ollo no burato da pechadura para mirar como as loairas entraban pola xanela da torre a peitearlle o cabelo, como aquelas ultimas luzadas do día xogaban a descubrirme o seu corpo, oculto nos lenzos rachados cos que acordaran vestila. Coñezo eses pés que empeza a abrasar o lume, sei da uña descarnada que a fai coxiliquear, a forma da maza da perna, corazón de cordeiro, e mesmo o lunar que descubrín nas coxas aquela noite que entrei coma un rato a contemplar o seu sono. Chamáronlle marca do diaño os curas, no tribunal. Alcumábana de herexe, bruxa e cen cousas que apuraban a riscar naqueles papeis, recocidos aínda despois das sesións do xuízo. Miña nai tiña unha igual. Vinlla o día que os casteláns e os seus acólitos franceses asaltaron a nosa vila. Mataron todos os homes e forzaron todas as mulleres antes de lles deseñar un colar de sangue. Os nenos foron parar ao pozo. 

Zafei. Tiña un cocho feito na leña e non me movín cando me miraron os ollos azuis da nai mentres lle rabenaban o pescozo. Houben arder alí se non me saca o tío, que viña con homes dos Castro defender a fronteira. Dixéronme que había matar casteláns e franceses se marchaba con eles e aquí estou. Miña muller tiña tamén a mesma falta e, Deus me perdoe, todas as noites soño co día que non cheguei para socorrela, para salvar a vida dos fillos. Era loira e tiña os ollos azuis, coma miña nai, coma ela. 

O lume lapa na pel, come na carne e fai estalar os ósos. Escóitanse berros por todo o campo. E pregúntome onde hei de ir agora que se me acaba o traballo, a forza, e a gana de matar xente.


A abdución

Ana Vigo.

Cando vira aquela nave xigante baixar do ceo pensei que, ou ben soñaba, ou ben me sentara mal a mestura de viño con café que decidira tomar na festa da que regresaba. O artefacto quedara levitando a poucos metros da terra, e levitando baixaran aqueles dous seres. Sorprendeume o seu aspecto; quero dicir, durante os meus vinte anos devorara moitas pelis de ciencia ficción, e o último que imaxinara era que os extraterrestres se parecesen a nós.

Saudaron cun xesto. Non respondín porque tiña demasiadas preguntas. Colléronme cada un dun brazo e subíronme con eles, flotando, ata a nave. Tampouco me resistín, custábame entender que pasaba, e unha parte de min sentía curiosidade.

O interior si se parecía máis ao que pensaba que tiña que ser unha nave espacial, con mandos e luciñas de cores. Só estaban eles dous a bordo. O máis alto, que identifiquei como o xefe, falou na miña lingua. Explicoume que eran científicos, que estudaban a Terra e as causas do cambio tan brusco que estaba a sufrir o planeta. Sospeitaban que o causaban os humanos, e por iso estaban a estudarnos, razón que os levara a adoptaren aquel aspecto e memorizar os nosos idiomas.

Preguntei que farían comigo, e díxome que non tivera medo. Nin se me ocorrera; o que sentía era confusión e un chisco de emoción. Indicoume que sentara nunha butaca das que estaban xunto ao cadro de mandos. Obedecín e o outro extraterrestre tendeulle unhas tesoiras ao xefe. Estremecinme cando tocou a miña cabeza e el pediume que me relaxase, que necesitaban recoller mostras. Mentres o xefe comezaba a cortar o meu cabelo, o outro retirou amodo a miña roupa.

Sentíame estraña, espida diante daqueles descoñecidos doutro mundo, co son das tesoiras de fondo e o pelo a caer en anaquiños sobre os meus ombros. O xefe retirounos, agradoume o seu contacto cálido na miña pel. O outro quitara tamén a roupa e empezara a aloumiñar o meu brazo, e despois, o meu ventre. Tatexando preguntei se aquilo era necesario. O xefe explicoume que coñecían a teoría sobre os humanos, pero que os científicos necesitaban experimentar. Situouse daquela fronte a min, inclinouse e bicoume, os seus beizos e lingua buscaron os meus e acendeuse o meu lume interior. Pechei os ollos e deixeime levar, catro mans percorrían o meu corpo, tamén dúas linguas, tocaban teclas que me facían tolear. Sentía unha calor deliciosa, e busquei o membro do xefe para introducilo na miña boca, mentres o outro me penetraba por diante, conseguindo que cada unha das miñas células tremese de pracer. Logo cambiaron de lugar, e souben que non aguantaría moito.

Soportei todo o que puiden antes de alcanzar aquel estado de plenitude que me fixo berrar como nunca, a piques de desfalecer. Non tardaron moito eles en rematar tamén, e cando nos vin os tres, sen folgos e sorrintes, estoupei en gargalladas. Ía ser divertido iso de que me estudasen.

6 comentarios en “‘Xoana de Arco’ vs ‘A abdución’

  1. Dous relatos moi distintos. Non poden selo máis. Se competisen así libres fixaríame noutras cousas, pero, para min, a liga ten as súas regras.

    ‘Xoana de Arco’

    Velaquí unha aproximación ao mito da santa medieval bastante clásica. É un relato bastante ben escrito, aínda que por momentos se fai un pouco redundante e cae preso en varias frases do propio mito. No plano persoal teño curiosidade por saber cal é a referencia real da relación con Galicia desta historia. Supoño que ese avó do señor do narrador que veu a Galicia foi John de Gante, pero no tempo da morte de Xoana de Orleans reinaba Henrique VI en Inglaterra, que xa era bisneto daqueloutro. Tampouco me encaixa a referencia aos Castro, unha liñaxe que desaparece como tal, polo menos en Galicia, a finais do século XIV, case cincuenta anos antes desta historia. Pero o principal é que este non é un relato erótico. Coido que a referencia á anatomía castigada de Xoana poida tomarse como tal. Encáixame máis con ese xénero que desde Marcel Schwob se define como microhistoria ou historia lateral. E neses parámetros este relato si me parece salvable, axustándoo e puíndoo un pouco para que poida coller máis brillo.

    ‘A abdución’

    Aquí si hai erotismo. Coido que o relato ten un punto naïf que lle queda moi ben, algo así como unha fantasía sexual extraterrestre contada por unha muller dos anos 50 logo de ver unha peli de serie B. Todo ten un aire de cartón pedra, de pulp, de represión feminina mentres para os homes nace a Playboy e en California o orfismo empeza pouco a pouco un camiño relixioso e libertario que desembocará no movemento hippy. Este relato sitúanos un pouco antes, cando a muller do suburbio fantasía con que dous descoñecidos a estuden a fondo e a liberen do peiteado que lle marca a moda e o status social. Certas analoxías entre o cadro de mandos da nave e as teclas que saben tocar os aliens para provocarlle pracer á narradora están ben utilizados. Dixen que o relato ten ese aire inxenuo, e casa moi ben non só co relato e as trabas, senón con certa percepción do fenómeno extraterrestre na cultura popular. Sempre houbo dúas tendencias: a temerosa (o medo ao estranxeiro) e a cosmopolita (nunca mellor enunciada). Velaquí unha mostra da segunda en plan sexo lúdico. Coido que no plano literario hai frases mellorables, e que todos os elementos non son orixinais. Pero ás veces o importante non é a orixinalidade, senón levar a bo fin unha idea.

    Voto por ‘A abdución’.

  2. Xoana de Arco

    A historia de Xoana de Arco sempre me impresionou (joder a quen non) asi que lin o relato con interese. a historia do home que capturou a Xoana pinta a boa historia (na ficcion digo). Para o seu bando é un heroe, nese momento concreto. Pero con perspectiva as cousas cambian. É unha eleccion moi literaria. O discurso en 1º persoa está ben conseguido. Está contando algo moi relatable, algo importante na historia, incluso el o sabia naquel momento, entón o lector sigue o camiño sen preguntarse nada mais.
    Non me vou poñer a buscar na rede se as referencias historicas que involucran a galicia son correctas ou non. Vounas aceptar como parte da ficcion que é o relato. Se son certas, xenial. Se son inventadas, xenial tamen, mentres se manteñan como medianamente verosimiles para un coñecemento medio. Se falase dun rexemento de samurais custodiando a Xoana, non poderia aceptalo.
    Paréceme moi boa tamen a frase dos pes que empeza a abrasar o lume. Refirome ó momento no que se emite e da maneira que o fai. Para o lector é un impacto: estana queimando a medida que lemos o relato, el está pensando en todo iso mentres a ve arder. e sabelo no medio do relato, o cal é inda mais impactante que sabelo ó principio ou ó final. Outra boa eleccion.
    Despois enlaza a marca de Xoana con pensamentos persoais. Parece unha digresión, pero é o nucleo do relato. Nesa imaxe están concentradas todo o odio que el sinte polos franceses, que mataron a sua nai (e á muller tamen, admito que ó mellor chegaba cunha morte, literariamente falando) e tamen toda a compaixon que -sen el sabelo conscientemente, ó mellor- está sentindo tamen por Xoana.
    A morte de Xoana fixo que alguen cheo de odio perdese a gana de matar, e iso transmiteo dunha forma indirecta, na que lector e protagonista o van descubrindo case á vez, porque se narra desde o presente.
    Paréceme un relato moi ben deseñado, gustoume.
    Non me parece que sexa un relato erótico.
    A verdade é que é moi dificil clasificar por xeneros relatos tan curtos. Deste eu diría que é un relato histórico.

    A abdución

    Non sei por onde empezar. Está claro que o nucleo do relato, a razon da sua existencia, é a escena de sexo do final. Eran necesarios uns preliminares tan longos para chegar aló? Imos pensar que si. Imos pensar que o 50% do impacto da escena principal está en que un non a espera. Enton o deseño sería tal que así: meter recheo que distraia ó lector (unha abduccion cumpre co propósito) e despois a bomba final. Se nos apegamos a ese deseño é lóxico que non haia “pistas” sobre onde imos ir parar. É un final sorpresa ben feito. Si, é un relato que fai o que quere facer. Mágoa da execución, bastante mellorable. Refírome ás frases en si, á escrita. Xa desde a primeira frase, quilometrica, se adiviña que a lectura fai ser dificil. Cun/ha bo/a lector/a beta estou seguro de que o texto acadaría o seu máximo potencial. Os ET sospeitan que somos os humanos os que causamos o cambio climatico. Son ben avispados, eu pensaba que eran os castores. A veces parece que quere tirarse ó humor e non chega. Ó mellor habia que explorar esa vía.
    Para min non é un relato erótico.

    Dous relatos sobre mulleres quentes. Os dous me impresionaron, cada un no seu estilo. Voto por Xoana de Arco porque me gustou máis, e porque o seu rival, ainda considerando que pasase por unha reescritura, non creo que conseguira en min un “impacto literario” suficientemente fondo.

    • Sobre Xoana de Arco hai innumerables relatos. É un personaxe literario que xa no século XV foi obxecto de atención, por exemplo de François Villon. Por dar dúas pistas: a canónica, o relato ‘Nicolás Loyseleur’, de ‘Vidas imaxinarias’, de Schwob (co que o relato de Xerardo ten relación, até certo punto) e a aproximación que fixo Álvaro Cunqueiro no libro ‘Flores del año mil. Pico de ave’.

  3. Nunca me toca a traba do erotismo…

    Despois desta fría queixa procedo a comentar.

    “Xoana de Arco”. Gústame do relato a construcción das escenas. A estrutura e a linguaxe casan moi ben. O protagonista ten forza, unha mágoa que non tirase polo erótico con máis forza. Quedaría un relato de voyeur moi decente, o pajillero medieval nada máis e nada menos que coa deusa Xoana, o anxo batallador Francés. Pero ese sería outro relato, nese relato non cabería personificar ao protagonista e aos seus traumas, nin o que o levou a guerrear e, por suposto, non tería o fantástico final que ten agora.

    “A abdución”. É certo que o relato ten un aire naif, inxenuo, que lle acae ben polo que está a contar. Recordoume aos relatos guarros que viñan en certas revistas ás que tiña eu acceso de novo na librería de meus pais, e tamén algo á Super Pop. Tamén me recordou de forma incrible ao capítulo onde non lembro se Kang ou Kodos lle fan a sexualización a Marge vía raio inseminador. Este relato bebe un pouco de todo iso e asúmeo sen complexos. O único que lle vexo de malo ao mellor é a execución, e tamén a obviedade en certos puntos. Penso, coma Lois, que igual debía pivotar unha chisca máis cara o humor. Non acaba de quedar claro que os aliens salidos lle están poñendo excusas para meterlle caña á prota, cun par de frases a maiores onde iso se vise de lonxe isto mellora pero moito.

    Creo que me chegou moito máis a imaxe de Xoana a arder, así que VOTO por “Xoana de Arco”.

  4. Debo dicir primeiro que o nivel deste torneo está a ser moito máis que aceptable. Non atopei aínda relatos amistosos ou de final de temporada, todos son aproveitables, calquera podería gañar máis dun duelo e todos se len con gusto e atención.

    Neste duelo hai dous relatos que afrontan a dobre trama por flancos diferentes. O primeiro tírase directamente a pola historia de XOANA DE ARCO construíndo o seu universo con mestría. A min case me semella unha mininovela, algo que estendido daría nivel para gañar o Antón Avilés de Taramancos, de Noia. Animo ao autor ou autora a darlle unha voltiña á idea e tentar ir polos 3000 €. Porén, creo que a Biosbardiana limitación a 500 caracteres obriga á autora ou autor a sacrificar o desenvolvemento dos personaxes en aras de explicar ben trama que aínda así me quedou algo enmarañada. O que non podo perdoar de ningunha forma é a renuncia total á parte erótica da traba. Se se promete chicha, ten que haber chicha.

    A ABDUCIÓN si que dá o que se espera da parte erótica cun relato máis estándar, tipo prato combinado, pero ben de ovo, bacon e patacas fritidas. Digo isto porque a elección do universo extraterrestre xa me semella que está moi usada para estes temas erótico-festivos, tipo Pajares e Esteso, Antonio Ozores ou Hermanos Calatrava. Todo iso sen ánimo de ofender, máis ben o contrario. O relato está ben levado, con moita elegancia. Como diría César, manexa ben a nitroglicerina. Aínda así creo que se desaproveita a segunda parte da traba, con Xoana de Arco, que se toca tanxencialmente tan só co corte de pelo, para crear un artefacto erótico relixioso de varios megatóns. Creo que quen escribiu este relato faría un prato gourmet se atrevese a usar todos os ingredientes. Débesnos unha, sexas quen sexas.

    O meu voto vai para A ABDUCIÓN.

  5. Por favor, manter a traba do erotismo lonxe de Botana, que a saber que podería saír dalo.
    Xoana de Arco ten un manexo moi bo tanto da súa linguaxe como da estrutura. Se cadra botei de menos un acercamento máis convencional ao erótico, pero a imaxe de Xoana ardendo creo que o compensa. Vexo no principio do relato, cando a atrapan, unha pulsión entre atracción e odio. É un relato cuxa gravidade non casaría ben con ese achegamento. O protagonista perfilase moi ben mentres fai de testemuña da execución e, con ela, sucede a evolución que lle da tanta forza ao final do relato.
    A abdución escolle xirar en torno a traba, máis que á imaxe. Voto en falta algún valor máis alá a escena erótica. Cando xoga un pouco co humor, dálle un toque que de telo o relato enteiro, gañaría bastante. Máis alá da escena, creo que hai madeira para armar un relato con máis chicha.

    O meu voto vai para Xoana de Arco, porque creo ver nel una veta sutil de erotismo que aproba polos pelos a traba.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s