‘As mellores tendas de Madrid’, Grosz en Vigo

Manuel Veiga Taboada.

César Lorenzo Gil.

Un matrimonio de clase media (Fredy e Mónica) ven como o seu mundo se vai esfarelando paso a paso durante a crise económica xurdida no 2008, mais que en Galicia se fixo sentir con virulencia crecente a partir do 2009. 

Manuel Veiga toma como punto de referencia a cidade de Vigo e fai pivotar a súa novela ao redor do proceso de desaparición das caixas de aforro, como feito histórico máis relevante para definir como esa crise modificou a estrutura socioeconómica do país até reconfigurar moitos dos seus fíos e inercias.

Nese sentido, As mellores tendas de Madrid pode cualificarse como unha novela costumista con matices sociais, aínda que a etiquetaxe non lle acae demasiado ben á literatura de Veiga, que sempre destaca pola súa liberdade e experimentación.

Esta novela é libre porque se achega ao narrado sen apriorismos, sen un plan. Retrata un anaco da vida dos personaxes. Estúdaos, radiografa o seu contexto e contorno, observa e subliña, puntea, anota… Veiga experimenta non coa expresividade ou as formas da linguaxe senón coas posibilidades da linguaxe convencional para narrar cunha estrutura diferente á convencional na novela costumista. O autor aproveita máis ben recursos xa desgastados ao máximo, caso da linguaxe xornalística, enciclopédica ou incluso científica, para ver de tirarlles un novo zume, desta volta irónico.

A obra achégase a un momento moi duro na historia recente para revelar as súas miserias a base do humor e da caricatura. A novela (que ten moito de pintura) bebe da concepción artística de ecos coma o do artista George Grosz, que foi quen de deformar a realidade da República de Weimar para representar as súas miserias a través da deformación.

Veiga usa o humor e a ironía como ferramentas para o retrato, mais tamén como mecanismo para restarlle virulencia a unha época que deixou cicatrices practicamente en todas as clases e individuos de Galicia. A pluma do escritor deforma os feitos coma nun xogo, mais coa elegancia que dá o distanciamento. O trazo é sutil e, por veces, sobrio de máis, nunha proposta que esixe do lector un compromiso completo para captar todas as cores do cadro, todos os riscos sobre os personaxes e sobre o Vigo retratado.

Con esta novela, Veiga confírmase como un dos grandes novelistas “vigueses” e o libro gaña enteiros se se le canda Lois e Helena buscándose un día de tormenta (Galaxia, 2006). A cidade é outra vez un espazo que o escritor abraza, quizais temeroso do seu poder, pero seducido polas súas contradicións e correntes interiores.

O peor do libro é, quizais, que o autor se deixou engaiolar por esa liberdade na narración e non soubo pór límites. Algunhas notas ao pé de páxina —disparatadas e fútiles— sobran. 

♦ As mellores tendas de Madrid, de Manuel Veiga Taboada. Xerais, 2021. 384 páxinas. ♠19,50€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s