Reflexións sobre o materialismo poético (I)

Julio Monteverde.

Xesús González Gómez.

Nas Poesías de Isidore Ducasse pódese ler:

«Varias cousas certas son contraditas. Varias cousa falsas non son contraditas. A contradición é a marca da falsidade. A non contradición é a marca da certeza.

»Existe unha filosofía das ciencias. Non existe para a poesía. Non coñezo ningún moralista que sexa un poeta de primeira orde. É estraño, dirá alguén.

»É horríbel sentir escorregar o que se posúe, afagámonos a iso só coa idea de investigar que non hai nada permanente.

»O home é un suxeito baleiro de erros. Todo lle mostra a verdade. Nada o enganará. Os dous principios da verdade, razón, sentidos, á parte de non estar desprovidos de sinceridade, claréxanse un ao outro. Os sentidos clarexan a razón por medio de aparencias verdadeiras. Este mesmo servizo que lle emprestan, recíbeno dela. Cada un toma o seu desquite. Os fenómenos da alma pacifican os sentidos: prodúcenlles impresións que non garanto non sexan molestas. Non menten. Non se enganan a vontade.

»A poesía debe ser feita por todos. Non por un».

O aforismo que poñemos en cursivas causou moitos, quizais demasiados, estragos e, tamén é evidente, conduciu a canellóns sen saída; ou que introducían (os canellóns) nunha escuridade case que total. Canellóns polos que ás veces transitaron aqueles que mellor entenderon no seu tempo (no tempo deles) a Lautréamont e a Ducasse: os surrealistas. Porén, foron dous surrealistas quen restituíron o sentido exacto do aforismo, que até aquel momento fora –a verdade é que aínda hoxe continúa a selo– pasto de malentendidos e, mesmo, demagoxias. En 1962, a Editorial Le Terrain Vague, editorial de Eric Losfeld, un editor surrealista, deu ao prelo o volume de Isidore Ducasse, Poésies, en edición de dous membros do grupo surrealista de París: Georges Goldfayn e Georges Legrand. Nesta edición, a primeira anotada das Poesías de Ducasse, os dous surrealistas aclaran o aforismo. Non se trata de que a poesía deba ser feita por “todos” (homes e mulleres), senón que nos parágrafos anteriores, reproducidos aquí, se enumeran os «elementos» cos que se debe facer a poesía. Se falta un deses elementos, non hai poesía. Noutras palabras, a poesía debe ser feita mediante a razón, os sentidos, a verdade, a sinceridade etc. Por outra parte, a preposición francesa par pode traducirse tamén, e segundo a expresión, por a través de ou por mediante, etc.

Esta explicación vén dada para nos introducirmos nun libro aparecido xa hai meses: Julio Monteverde, Materialismo poético. Aproximación a una práctica (Logroño, [pepitas de calabaza], 2021.

Julio Monteverde, ex membro do Grupo surrealista de Madrid, excelente poeta fóra de todo circuíto (La luz de los días, La llama bajo los escombros, Las Hojas rojas, etc), moi bo tradutor e prologuista, prólogos moi interesantes, por non subir o grao do adxectivo, de libros como Percy B. Shelley: La necesidad del ateísmo y otros textos de combate ([pepitas de calabaza]), libro que talvez debera ser de lectura obrigatoria nas clases de relixión; André Breton & Philippe Soupault: Los campos magnéticos (Wunderkammer); René Crevel: La muerte difícil (El paseo editorial), Edmond Goncourt: La Comuna de París ([pepitas de calabaza]); Alfed Jarry: Todo Ubú ([pepitas de calabaza]) ou VV. AA: El gran juego. Textos y declaraciones de la revista Le Grand Jeu (1928-1932) ([pepitas de calabaza]), etc. Tamén lle puxo un interesante estudo sobre Oskar Paniza en España á edición de Pepitas de Calabaza de El concilio del Amor, do escritor alemán, e para esta mesma editorial logroñesa.

Por certo, vai sendo hora de que Pepitas de calabaza tire da súa mancheta (sic), o lema: «Una editorial con menos proyección que un cinexin…, porque, felizmente, xa non é así, cando menos para un sinalado números de lectores e lectoras. (Sen que veña a conto, lembremos que nesta editorial viu lume a versión española da novela de Rexina Vega Nadie duerme, no 2017; novela, seica rexeitada por editoriais galegas até que dous anos despois viu lume en Laiovento: Ninguén dorme.) É tamén editor dunha antoloxía de textos do «decadente» Antonio de Hoyos y Vinent: La llama es bella (Cermi/Cinca)[1]

Ademais de poeta, de tradutor, de prologuista, Julio Monteverde escribiu os ensaios De la materia del sueño ([pepitas de calabaza]) e, con Julian Lacalle, Invitación al tiempo explosivo (Sexto Piso), unha recompilación de xogos…

Nove anos despois do citado De la materia del sueño, e pasando por riba do libro en coautoría con Lacalle (o editor de pepitas de calabaza), Monteverde entrega o citado Materialismo poético, en que recolle algúns escritos aparecidos, maiormente, en diversas publicacións do Grupo surrealista de Madrid, e nalgunhas outras, así como recuperou «diversas formulaciones que aparecían en otros textos y que he considerado retomar», e unha serie de textos inéditos ou «especialmente escritos para este trabajo». O «traballo», é dicir, o libro, divídese en dúas partes: «Catro fundamentos en relación a unha práctica» e «Sobre o materialismo poético». Partes que se dividen á vez en diversos capítulos. Nesta recensión, que quere ser un pouco discutidora, non entraremos na primeira parte, xa que nos levaría moi lonxe, porque Monteverde pon sobre o tapete problemas e problemáticas que debemos pensar, afondar e discutir día a día, así que entraremos de cheo na noción que entrega de «materialismo poético», mais antes reproduciremos algunhas asercións (perdón, propostas ou hipóteses) de Monteverde que nos parecen máis que axeitadas.

Unha das problemáticas é a do famoso aforismo ducassiano, que Monteverde afirma non foi ben entendido e moito menos practicado. Hai, porén, unha forma de practicar a poesía colectivamente: mediante o xogo. O xogo, di o noso autor, cando é practicado (xogado), cando «toma as características poéticas, ten como consecuencia directa e soberana ser unha manifestación da liberdade que se desenvolve en si mesma», e ademais, ao «ser unha actividade colectiva, que ten como fin a experiencia, supón un dos medios máis directos para alcanzar aquela máxima fulgurante, non sempre entendida e moito menos practicada, que falaba de que a poesía debe ser feita por todos, non por un». Mais o problema non é que a poesía poida, ou deba, ser feita por «todos», entendendo por todos os seres humanos. Esa é unha utopía, quizais mobilizadora, pero dificilmente alcanzábel. Se ben é necesario acabar dunha vez por todas co mito do artista, do poeta «solitario e xenial». Este mito, como afirma o poeta surrealista portugués Ernesto Sampaio, «consagra un estado de coisas que impede a irrupção, na vida, do principio poético». E continúa «querer “viver em poesia” fora da vida é atentar contra a vida e contra a poesia», de aí que só a existencia do grupo pode dar «ao surrealismo [porque Sampaio está a falar do surrealismo] a autoridade a que nenhum homem de espírito, seja quem for, poderá jamais pretender». É dicir, facer (quizais sería mellor escribir «practicar») poesía, non se pode realizar individualmente, por moi xenial que sexa o individuo. Talvez tampouco soñar, como din que afirmaba Benjamin Péret. Segundo contan, o autor d’A deshonra dos poetas, espetoulle a alguén que quería formar parte do grupo surrealista que alí se ía a «soñar en grupo ou comunidade, ou en grupo». Se para os surrealistas a existencia do grupo era condición sine qua non para a realización da poesía, era porque os surrealistas considera(ba)n que cada home, cada muller é poeta. Mais non se trata só de ser poeta, senón, sobre todo, de  «vivir a poesía». Todo aquel, toda aquela que viva a poesía, mesmo non escriba un verso na súa vida, é poeta. Toda aquela, todo aquel que viva a poesía, fai máis pola poesía que mil libros de versos. Do que se trata, xa que logo, é de liberar as «forzas poéticas» que viven en cada home, en cada muller, para alcanzar esa utópica (no bo sentido da palabra) poesía colectiva[2]. E para liberar esas forzas, liberación que conduciría a unha tentativa de expresión total (o que quixo, quere ser o surrealismo), hai, como que, afirma o citado Sampaio, «revelar o sentido oculto en todos os domínios, quer se trate da linguagem, da rua ou do sonho», e, por suposto, rexeitar «o pouco de realidade» que baixo o sistema capitalista e baixo os denominados no seu dia países de socialismo realmente existente, adoitan chamar, nomear Realidade (con maiúscula). Nesta esteira do surrealismo, mais nestes momentos fóra del mais sen renunciar a el –e moito menos «renegar»– Julio Monteverde artella o seu «pensamento»… e o seu libro ou, mellor, o seu «traballo».

Nos catro primeiros capítulos, Monteverde denuncia, por así dicilo, a «situación» da poesía baixo o capitalismo, a pouca realidade que conforma o capitalismo, a invasión da ideoloxía (e imos reducindo para non espraiarnos demasiado) até no soño, o mito do fragmento e da fragmentaridade (aquí debiamos discutir máis), pero talvez sexa xa hora de reivindicar a totalidade –con todo, o fragmento non está contra a totalidade–: ver Appel d’Air e Du trop de realité, de Annie Le Brun. Mais dixemos que non iamos entrar na primeira parte, porque non acabariamos nunca esta recensión.


[1] Sobre os decadentes, lembremos aquelas palabras de Louise Michel: «Os nosos sentidos son aínda imperfectos, mais o pensamento do home poderá atrapar todos os sons, todas as harmonías, todas as formas. […] Os anarquistas, como os decadentes, queren a aniquilación do vello mundo. Os decadentes crean a anarquía do estilo»

[2] Porque a poesía, como a política, debe facerse colectivamente. E, ademais, que é unha poesía sen política revolucionaria, e a política revolucionaria sen poesía? O defunto Daniel Bensaïd, nesa especie de autobiografía titulada Une lente impatience, París, Stock, 2004, escribiu aquilo de: «O ollo da poesía ve ás veces máis lonxe que o da política».

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s