Manuel Forcadela: “O Quixote debería ocupar un espazo central na formación de calquera humanista”

Manuel Forcadela.

Manuel Forcadela é un todoterreo da literatura e xa estivo en todos os seus campos: poeta, narrador (tamén novelista policial), ensaísta, teórico da literatura, crítico e investigador universitario… O seu libro máis recente é Fábula das aves (Laiovento, 2019). Velaquí a súa ‘Biblioteca Íntima’.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Moi perto da miña casa, en Forcadela (Tomiño), vivía unha parella de persoas xa maiores. Ela fora sempre delgadiña como un bimbio e áxil como unha atleta, mesmo até pouco antes de morrer. Chamábase Asunción e sabía de receitas máxicas que curaban as verrugas e os fungos, a miúdo con herbas, cinza, cera derretida e oracións recitadas en latín. E el chamábase señor Guerra e sentaba na pedra horizontal que tiña diante da casa nos longos solpores do verán no Baixo Miño a fumar tabaco de enlear. Os nenos iamos alí como quen hoxe vai ao cine. E ela dicía a súa ladaíña: “Deus me dea paz con Guerra e Guerra nunca me falte”. 

Pois ben, o señor Guerra era un contador de historias, deses que Walter Benjamin dicía que desapareceran de Alemaña logo da Primeira Guerra Mundial. E contábanos historias que lera no grande best-seller da súa época: Roxelio Ribeiro. Un escritor agrarista do período intersecular de enorme difusión en lareiras e fiadas, que debería ser reeditado. 

Aprendemos o pracer de contar e esoutra semiose alén da lingua que está no mito. Os camiñantes, os ofrecidos, os falecidos errantes, as rexoubas de vellas e solteiras, historias de animais e de feiras. 

Mais é un recordo recuperado, deses que alguén che contou e que incorporaches á túa propia historia, do que só manteño firmes algunhas sombras. Si recordo a imaxe da señora Asunción e do señor Guerra. Agora mesmo para min deuses mitolóxicos. E eu reivíndicome da proxenie do Señor Guerra, meu mestre primeiro, marabilloso ficcionista. 

Algunha vez, falando con Pepe Cáccamo, que evocaba a súa infancia e madurez co seu pai e Álvaro Cunqueiro, amigo da familia, téñolle dito que mentres el falaba co autor de Escola de Menciñeiros aquel que outrora eu fun andaba cos menciñeiros propiamente. 

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Direi algo que resultará sorprendente: El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha. En primeiro lugar porque é unha obra que ninguén le e que só é coñecida nos seus aspectos máis tópicos e vulgares. E, en segundo lugar, porque sendo fillo dun cervantista afeccionado, que leu o Quixote centos de veces ao longo da súa vida e que sabía páxinas e diálogos enteiros, e de quen herdei unha edición antiga chea de notas persoais e comentarios, e tendo tratado despois con cervantistas académicos da talla de Isaías Lerner, —que foi o meu anfitrión en Nova York durante as semanas que pasei alí impartindo docencia—, non podo negar que esa é a sensación que me embarga. Unha obra descomunal sen a resposta lectora que merecería, en parte porque pagou e segue a pagar o imposto de ser unha obra de prestixio imperial e consideración fascista. Mais, lonxe dese prexuízo, unha obra que debería ocupar un espazo central na formación de calquera humanista. 

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Ducias. Se comezase a enumeración remataría esta entrevista. O establecemento do canon e as disputas hexemónicas sobre o sentido de determinadas obras fan que os que vivimos do ensino da literatura teñamos moito tento con isto. É normal que unha determinada obra se lle atragoe a un lector concreto, mesmo a obra enteira dun poeta ou narrador ou dramaturgo. Teño deixado sen ler moitas obras. Algunhas logo recuperadas noutros impulsos lectores. En primeiro lugar polo que poderíamos denominar distancia estética, seguindo a tese de Jauss. A cantidade de estrañamento que estamos dispostos a asumir no discurso de outro. Ás veces isto pode ter aspectos positivos. Cando unha lectura invita a refacer o texto, eliminando as distancias palabra a palabra e frase a frase. Pásame con obras clásicas e tamén con obras de actualidade das que recibo valoracións esaxeradas que logo, no corpo a corpo, na intimidade da escoita, non podes corroborar. Por dicirche algúns nomes: O Principiño, Mulleriñas, moitas das partes da Biblia, El Lazarillo de Tormes, El Buscón, A poesía de Antonio Machado, Las Moradas de Santa Teresa, Tristram Shandy

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.

Cando hai humildade e simpatía e desaparecen os fantasmas e os egos, as persoas deste gremio soen ser xente moi divertida. Recordo congresos e reunións con xente de moitísimo talento e cultura que fomentaron logo afectos duradoiros e profundos. Algunhas, xa mortas, aínda veñen de cando en vez petar na miña porta. Luís Mariño, por exemplo, Manuel María, Uxío Novoneira, Gustavo Pernas. Mesmo Ramiro Fonte, nunha determinada época. Entre as vivas, María Xosé Queizán, unha muller verdadeira. Román Raña…

E con cal, de entre as/os que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o. 

A República das Letras está habitada por espectros e fantasmas. E isto dificulta moitas veces o manexo. Co tempo resulta inhabitable a non ser que dilúas os espectros e esfumes os fantasmas. Tanto o propio como o alleo, sempre que as dúas partes esteades en disposición de facelo. Algo que, supoño, é tamén semellante noutros tipos de repúblicas. Podería contar algunha anécdota de xente moi pagada de si mesma que, nun determinado momento, foi incapaz de xestionar o propio fantasma. 

Un libro recente que lle gustase moito…

Un home elegante de Suso de Toro. Encontreino o outro día en Compostela e feliciteino. Trátase dunha obra maior. Ditada desde unha voz humilde e exemplar que anima a ler e que che vai facendo confidencias todo o tempo. Non está por enriba de ti. E ten unha consideración da sociedade, da historia e da existencia que busca encontrar unha poética do tempo ou mesmo do acontecemento, por  veces conmovedora. Creo que hai unha mudanza significativa na obra de Suso desde Sete palabras. Un escritor maduro, un home elegante, como o título da súa novela, aínda que non se refira a el. 

Unha novela que non puido terminar…

Direiche títulos doutras literaturas para non ser ofensivo con xente que pode estar a ler. Una historia ridícula, de Luís Landero. De vuelta a casa, de Jim Harrison. Norma Jeane Baker of Troy, de Anne Carson…

Que novela lle gustaría protagonizar?

A dun poeta que viaxa en autocaravana por Europa e dá longos paseos por cidades vellas facendo fotos. Un melancólico do tempo dos hippies que atesoura o desprazamento e a novidade cultural como parte do seu síntoma. 

Que novela o reconciliou coa literatura?

A morte de Virxilio, de Hermann Broch e a narrativa completa de António Lobo Antunes, un autor que adoro. Antes tamén A montaña máxica, de Thomas Mann. Recordo tamén cando empecei a ler Cien años de soledad e non puiden levantarme da cadeira, a pesar dos prexuízos previos que me levaran a rexeitala durante algún tempo. Creo que lin a novela enteira en dúas ou tres sentadas. Últimamente Arrecife, de Juan Villoro. 

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito.

Leo moita filosofía e psicanálise. Neste momento teño unhas cantas ducias de obras en espera. Interésame moito Lacan e a súa conexión política con iso que denominamos crítica da ideoloxía e a denominada esquerda lacaniana. Ás veces penso que non é lectura senón simple nutrición, alimento para a mente e para o espírito. 

Que libro lle gustaría ter escrito?

Pois falando do rei de Roma: A femonenoloxía do espírito

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Non creo que nos escritores de vocación o valor que se lle dea á propia obra sexa algo determinante. Non se escribe para iso ou, cando menos, só para iso. Hai unha aventura de existencia e de coñecemento que pode ser máis importante. Sei que as reconstrucións que facemos de escritores mortos pouco ou nada teñen que ver con esas persoas, percibidas no seu tempo. Sempre hai esa fenda que separa o real do simbólico, o realmente acontecido do contable ou memorable nun momento dado. Así que, salvadas as distancias, comprendo moi ben a Franz Kafka ordenando queimar os seus manuscritos, que eran o mellor da súa obra. O que desvela que a súa teima en escribir non se asentaba na ilusión da posteridade, senón que dispuña doutros alicerces. Dito isto: da miña narrativa salvaría un único libro: A Armada Invencible, un exercicio de estilo escrito nun momento de crise que me segue a parecer excelente. Dos meus libros de ensaio, as ideas e as liñas de investigación que se aventuran. E, se acaso, como libro completo, Dama Saudade e o Cabaleiro Sombra, un libro en galego publicado en Berlín por unha editorial alemá que tivo moi pouca difusión aquí e que, curiosamente, vendeu bastantes exemplares polo leste de Europa. Da miña poesía, porén, nada me sobra. Acaso porque aí reside a miña biografía, a autobiografía da que antes falabamos. Dependo moitas veces de recuperar esa voz que aí reside. Esa mirada. Hai poemas que levo comigo incorporados na memoria e que son parte dese carácter vocativo da conciencia do que falaba Martin Heidegger. Son a miña voz. Habitan na voz. 

Leva vostede un diario ou un dietario? 

O meu muro de Facebook. E a miña páxina de YouPic, onde xacen as fotografías. 

Escribirá as súas memorias?

A recapitulación do que foi a existencia precisa esa mirada desde o alén, desde esa perspectiva que xa non é a do existente e mortal, senón a da eternidade que reside nos idiomas. Verba volant, scripta manent. A autobiografía, que é o deitado da existencia no leito das palabras, procura facerse interpretar por signos compartidos na boca dos outros. 

Mais o vivido malamente pode ter breviarios porque a existencia sempre foi intensidade. 

Facer biografía, pois, é separar o vivido do dito, o existente do escrito. E comprender que esa fenda é definitivamente intransitable. Entender que esa distancia é para sempre. 

Só preciso dúas cousas: encontrar un Eu que sexa quen de gobernar o conxunto e unha Voz que lle dea sonoridade. Diso se trata. 

Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura? 

Na miña mocidade, Ferrín, que foi o meu profe no instituto e que nos convenceu de sermos galeguistas para sempre. Xa na mocidade, Carlos Oroza. Aconteceu que eu tiña un cuarto libre no piso no que residía en Santiago e un día Carlos apareceu por alí, porque se fixera amigo do meu compañeiro de piso Manolo Martínez, da Fonsagrada, (un saúdo, Manolo, cántos anos) e dixémoslle que podía quedar se quería. Así que, durante dous cursos, Carlos foi o noso compañeiro de piso. Vivía como un anacoreta. Comía pouquísimo. E estabamos até as tantas da mañá falando e falando sobre o divino e o humano. En varios dos meus libros desa época hai mencións e dedicatorias a Carlos que son mostra desa comunicación. 

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

As obras completas de José Antonio Primo de Rivera. 

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Haber habería. Pode que mesmo algún libro meu. 

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

A antoloxía comentada da poesía galega 1976-2000, de Arturo Casas. 

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.

O termo valor é un termo económico mesmo cando Bourdieu tenta achegalo á cultura e desenvolve o concepto de valor simbólico, contra os tradicionais de uso e de cambio. E o valor e a economía falan da mesura. Mentres que a literatura, como mostra do espírito, parte da desmesura. Así que o normal é que sexa sempre desmesurada. O talento, a intelixencia e a inspiración non teñen prezo. 

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto.

Á xente que eu adoro, que me acolleu ante as inclemencias do mundo, tamén do propio mundo, regaleille o meu último libro de poemas: Fábula das aves, Laiovento, 2019. Nalgunhas das recensións que lle fixeron falan del como dun clásico.

Advertisement

3 comentarios en “Manuel Forcadela: “O Quixote debería ocupar un espazo central na formación de calquera humanista”

  1. Pingback: Entrevista en Biosbardia | O Ximnasio de Academo

  2. Sobránlle cousas don Manuel. Comedes todos do mesmo prato (non sei quen lle falou do Quixote como unha obra fascista; por certo, se non a leu, lea a Quinta parte, o mal chamado Quixote de Avellaneda). Temos que demostrar demasiado, meu, e mírase. Falar maravillas do menciñeiro señor Guerra, ten o seu aquel, señor; pero, palurdiño (escúseme), falar de contra o Lazarillo, en fin… Unha aperta. fernando ferrovello.

    • A ti, sóbranche marabillas por meterte onde non te chaman, Ferro, mira a do MC que prudente, non escorrega no exame, nin cara endiante se bota…, ff.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s