‘Richi’ vs ‘Mosquitos’

Fotograma do filme ‘Pépé le Moko’, de Julien Duvivier.

Xornada 6 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Carlos Vega e Xerardo Méndez

Traba: O relato consiste no diálogo entre tres ou máis personaxes.

Richi

—E o Richi?  —preguntou Suso

—Non vén —dixo o Alberto—. Non pode.

Boh, nada, que nunca nos iamos dar xuntado. 

—E logo que foi desta vez? —quixen saber, e ao que moito quere saber dáselle un corno a lamber.

—Tá no trullo.

O Alberto sempre sabía cousas que os demais nin osmabamos.

—Que me contas?

—Que dis?

As nosas incredulidades proviñan do feito de que sempre lle fora ben, sempre fora un tipo con éxito nos negocios.

—Acordádesvos de cando volveu de Francia montado naquel Mercedes?

—E non estivo nin dous anos —dixo o Suso—. Ata me ofreceu contratarme para ir tocal naquel local que tiña, onde era? En París si, pero…

—Nunca pisou París —desenganounos o Alberto—. Miña irmá contoume que andara por Marsella cando ela traballaba alí, limpando na casa do comisario. Tivo que alandillar cara a Alxer, que seica o procuraba a mafia do porto por cousas que saberán o demo e a nai. 

—Onde era que andaba agora? Polo Brasil?

—Suso, onde vai que deixou o Brasil! —Eu acordábame porque aquela postal coa foto da garota sosténdolle o papo era inesquecible. En cinco palabras estaba todo dito: “Todo o bo se acaba”—. De alí pasou a Nova Iork. Mesmo casou e todo!  

—Non sabía nada.

—É que sempre andas na verza, meu —dixo o Alberto.

—Tanta xira e tanta groupie

—Moita envexa sinto por aquí. Como a vós vos teñen ben amarrados…

Touché. Había que recoñecelo. Esa vida de farándula do Suso sempre nos facía raiar o piso cos dentes.  

—Pero que hai do Richie? Como é o conto?

—Sempre andou na fariña, para uns e para outros. Por iso a pasta. Hai dous anos, cando andaba rascado e sen choio mandoume un billete e contoume algo. Dixo que precisaba alguén de confianza para levarlle uns billares. Levoume a velos e en canto entrei souben que non quería tocar aquilo nin de broma. E menos cando me dixo como facía para non ter nada ao seu nome. O tarambana tiña dúas mulleres, unha en Boston e outra en Filadelfia. E a metade dos cartos a nome de cada unha delas. O carallo foi que algo fixo mal, e a policía soubo do conto. Contáronllelo a elas e alá foi o home. 

—Pero como soubeches… 

—Escribiume. Quería cartos para un avogado. 

—E como non nos escribiu a nós?

—Porque non tedes un can.

Razón si que tiña.

—E vasllos deixar?

—Si, home. E que máis? Se case non saio da última…

—Seica as piscinas xa non dan o que daban, ou?

—Piscinas? Non me toques o nabo, anda. 

—Non me digas que fas planeadoras?

—Ta calado, animal!

—Coñezo a un tipo en Jolivú que quere facer unha película…

—Xa saíu o fantasma.

—Cala, Suso, anda.


Mosquitos

Aquela noite non me deixaran durmir os mosquitos. Ademais dos ronquidos de Berni, xa asimilados como estática, o zunido dos insectos metéraseme na cabeza, suplantando a idea de durmir a unha hora decente. 

Por non espertalo, busquei a bata, collín o tabaco e pechei a porta do dormitorio sen facer ruído. Non quixen encher a cociña de fume, así que saín á terraza. A noite era clara e, baixo ela, a cidade enteira descubríase como un labirinto de formigas, coas súas casiñas prendidas como grilos nocturnos.

—Boas noites, Laura —Soou unha voz dende o balcón veciño.

—Manu! Asustáchesme —dixen mentres cruzaba os brazos diante do peito, premendo o cruce da bata—. Que fas esperto tan tarde?

—Son estes bichos do demo —contestou mentres sinalaba a lámpada repelente, sobre a que zumbaba unha nube negra. Miraba para ela, mentres sostiña un vaso nas mans, aínda que non bebía.

—Que tal está Helena?

—Dorme como unha santa todas as noites. A esa non hai trono que a esperte —Manu miroume e sorriu. Logo quedou quieto, mirándome de novo.

De golpe, colleu un trapo colgado da varanda e, como se dun látego se tratase, atizou na nube zoante. Aínda que moitos mosquitos caeron, outros tantos ocuparon os seus lugares.

—E Bernie como está? —dixo, tras dar, por fin, un trago do vaso.

—Ben tamén. Mañá madruga, así que xa se deitou.

Outro lategazo e outra morea de mosquitos que pedían suplencia. 

—Gustaríame volver falar con el, sabes? —Berni e Manu tiveran unhas palabras había tempo e retiraranse o saúdo. Por moito que insistín, nunca me dixera o porqué.

—Estamos ben, Manuel. Grazas por preocuparte.

—A veces escoitámosvos discutir. As paredes deste edificio son unha merda. —Outro golpe co trapo—. Sabes qué? Helena e mais eu démonos un tempo. Aínda compartimos a casa, porque non queremos armar lea na veciñanza. Pero xa non hai nada.

De súpeto, escoito escorregar a porta da terraza detrás de min.

—Mamá?

—Dani! Que fas esperto a estas horas?

—Teño que ir ao baño, pero está moi escuro.

—Anda, ven —Recólloo nos brazos e entro na cociña. Do outro balcón no se oe nada máis que o zunido da lámpada

Xa na casa, resoan os ronquidos dende o dormitorio. Amortecidos, soan como os mosquitos que zoaban na casa de Manu. 

Deixo a Dani no seu cuarto, tras acompañalo ata o baño. Déitome por fin. Mentres cravo os ollos na cabeza de Berni, véñenseme á mente, dalgunha forma, os golpes que daba Manu co trapo e penso en que debería adormecer enseguida.

Advertisement

5 comentarios en “‘Richi’ vs ‘Mosquitos’

  1. Bo día,

    Dous bos relatos que respecto as trabas semellan tirar polo mesmo camiño: primar a traba do diálogo tocando tanxencialmente o filme. Tamén me pareceu significativa a case renuncia á trama por mor da ambientación e o desenvolvemento das personaxes do diálogo.

    RICHI
    Diálogo ben construído no que prima a historia do Richi sobre a dos presentes no diálogo. Salva ben o risco de caer nun falso diálogo narrativo engadindo microperlas sobre a vida dos participantes da reunión, dos que me quedan ganas de saber máis.

    MOSQUITOS
    Gustoume moito a ambientación, totalmente centrada na nube de mosquitos, o que nubra por completo a trama, como se houbese que distinguila a través dunha bruma de agobio.

    Difícil decisión polo igualado dos relatos pero creo que vou votar por RICHI. Quero saber máis de Jolivú e as piscinas.

  2. Richi

    É este un relato raro. Poucas veces vin unha primeira persoa que aparecese tan pouco e molestase tanto. Non compensou metela, era mellor facelo plano, en 3º omnisciente, sen esas irregularidades en forma de pensamentos do narrador que se meten entre as moas como pasas en pan centeo (non soporto que metan nada no pan).
    Meter un narrador en primeira persoa nun relato que non o necesita non é boa idea. Sabes que non o necesita cando se o quitas non cambia nada. Neste relato non cambiaría nada (en realidade melloraria).

    Quitando iso o relato non está mal, a conversa é entretida e o lector segue con interese as pistas sobre Richi (ou Richie), por veces un pelín tópicas. Creo que qeudaria mellor que o asunto fose só un, porque é un pouco confuso saber sobre a marcha todas esas cousas sobre Richi. Ata sorprende o pouco que saben del os seus colegas, supoño que se levaba mais con Alberto.

    Mosquitos

    Mosquitos é un relato que parece que evita conscientemente ter unha trama. En cambio, crea unha escena chea de tensión e posiblidades. Que pasa realmente aí? Que problema tiveron eses dous? Por que ela ten esa actitude? Pode ser que o autor non teña resposta para esas preguntas, ou mellor dito, el terá a sua resposta, que será distinta da miña. Ou ó mellor son eu que non pillei algun dato trascendental. Porque esa noite pasou algo: indicado a 1º frase do relato. Foi o de que soubo que os veciños estaban en proceso de separacion? A ultima frase tamen é estraña, pero non quero ler mais do que está escrito. En todo caso a escena do balcon gustoume, molestoume a interrupcion do neno coma se estivese eu alí mirando e quixese saber mais. En xeral estou bastante dacordo co que dixo Fran do relato, parece contraditorio, pero vivin ese agobio de forma positiva, porque o relato deu creado en min un estado de animo concreto coma se fose unha pastilla de emocion.

    Voto por Mosquitos, porque onde o seu rival titubeou este logrou manterse firme na sua aposta e lograr extraer unha pequena pebida de ouro.

  3. ‘Richi’: Pasoume algo parecido coa primeira persoa, confunde máis do que aporta. Malia isto, interesoume o diálogo destes amigos, e coñecer máis sobre Richi a través deles.

    ‘Mosquitos’: Coido que este autor conseguiu mellor a ambientación, esa tranquilidade nocturna interrompida polas palabras co veciño, á súa vez interrompida polo neno, o que deixa ese final aberto a interpretacións. Non sei se me sobra a frase final, ou talvez esperaba algo distinto, pero en xeral convenceume máis que o do seu rival.

    O meu voto ó para ‘Mosquitos’.

  4. A foto deste duelo coido que é das que máis liberdade deron. En ambas historias a recoñezo. A traba deu para dous desenvolvementos moi diferentes. E seguramente sen a traba nunca habería relatos coma estes. E gustoume que o diálogo non se aproveitase para enfiar unha historia (algo habitual) senón para construír unha escena, dúas escenas tan separadas entre si.

    Richi

    Está ben conseguida a oralidade, con algún exceso (Jolivú á parte de castelanizado paréceme un pouco obsoleto, coma o Soberano). A min si me encaixa a primeira persoa porque soporta o ambiente algo nostálxico da historia máis sobre a memoria, e as súas trampas, que sobre o concreto. Até pensei que todo o diálogo puidese ser a fantasía de alguén atacado por recordos borrosos, o narrador nun asilo, por exemplo, fascinado por ese Richi home de acción que alanca de Alxer para o Brasil e para California ou a onde lle cadre. A lectura deste relato recordoume a recente novela de Martínez Oca, Tres en raia, porque tamén se achega ás lembranzas dun grupo de amigos.

    Mosquitos

    Gustoume moito este relato. A ambientación está moi conseguida; eu vinme na cidade da foto, pasei calor e alporizáronme os insectos. A atmosfera recordoume a un relato de Faulkner. Paréceme moi difícil sementar un universo tan profundo con tan poucas palabras. Quizais se puidese puír algo máis e atoparlle aínda algunha volta argumental, pero quen dá escrito así ten unha man para a literatura que debera exercitar a diario.

    Voto por ‘Mosquitos’.

  5. Boas a todos. Chego tarde coma fame de medianoite.

    “Richi”. O que me gusta deste relato é o natural da trama, quedoulle como unha escena de amizade moi auténtica. De feito parece que a cousa pide máis espazo, dan ganas de saber máis desa panda. Ás veces custa saber quen fala e iso crea un efecto estraño ao saber que un deles é precisamente o narrador.

    “Mosquitos”. A verdade é como se o autor fixese un relato sensorial, que pasada de atmósfera con tan poucos elementos. Teño moita envexa deste relato, porque a min, en xeral cústame definir entornos e aquí faise con tal mestría que te sintes dentro. E que ademáis a trama é xusto o que pide o ambiente, velada, mollada, chea de mosquitos…

    VOTO por “Mosquitos”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s