‘Tempolongo’ vs ‘Amencía’

Fotograma de ‘O sétimo selo’, de Ingmar Bergman.

Xornada 6 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Fran Fernández Davila e Ana Vigo.

Traba: O relato consiste nun diálogo entre tres ou máis personaxes.

Tempolongo

CORUÑESA: Benvidos a A Raia Húmida, que se lles ofrece, cabaleiros?

BOMBARDINO: Viño!

GAITA: Comida!

TAMBORIL: Quentura!

BOMBARDINO (mirando A MORTE): Ves, Morte? Xa che dixen que este era un sitio de moito pendello.

(A MORTE mira arredor. Pousa a gadaña e senta. Demora a vista nas cadeiras do bordel).

CORUÑESA (cargando unhas xerras de viño e un pouco queixo): Vexo que hoxe traedes un colega novo? E lo’ que instrumento toca?

TAMBORIL (rindo): Este é mellor que non toque nada.

CORUÑESA (achegándose á morte): Pois é ben parecido o mozo. Aquí non lle ha de faltar a festa.

(Pousa a carga e ao inclinarse insinúaselle o peito. O tamboril achega a man e a CORUÑESA bate nela. Logo marcha).

BOMBARDINO: Gústache a Coruñesa, Morte? Disque é unha meiga retirada e que non sobe con calquera.

(A MORTE mira como a CORUÑESA abanea o cu atendendo as mesas).

GAITA: Seica te enfeitiza cos seus bailes e se che chanta un bico, ves o cuarto doutras cores.

TAMBORIL: E ves a alma das persoas, os esqueletos…

BOMBARDINO: Queres iso, Morte? Gústache a Coruñesa?

(Pousa tres reais no taboleiro. A MORTE non para de mirar para ela).

TAMBORIL: Pode ser túa se nos liberas.

(A MORTE fita o TAMBORIL e ponlle a man no pescozo. Ilumínanselle os ollos. Os compañeiros agárranlle o brazo).

BOMBARDINO: Calma, calma! Solta… solta, ho!

CORUÑESA (limpando as mans no mandil): Que pasa aquí?! Non vos quero leas no local! A ver se me indes ir pra fóra cos cabalos.

GAITA: Non é nada, Flora; aquí o amigo que seica está namorado.

(TAMBORIL amósalle as moedas).

CORUÑESA: Balbina! Vianesa! Atendede aquí…

BOMBARDINO (amosando dez pesetas): Nós queriamos un trato especial.

CORUÑESA: O que ti queres non hai cartos que o pague.

TAMBORIL (sacando un feixe de xoias): Nin sequera isto?

CORUÑESA (mirando as xoias asombrada): De onde sacastes este colar?

TAMBORIL: Un xeneroso pago polos nosos servizos. Á vella xa non lle facía falta.

GAITA: Gústache?

CORUÑESA: Está manchado de sangue.

TAMBORIL: Quérelo ou non?

CORUÑESA (sen que ninguén a escoite): Fillos de puta.

BOMBARDINO: Pois só tes que entreter un pouco aquí a este.

(A CORUÑESA fita A MORTE con tristura. A MORTE usa ollos compasivos. Sente a súa dor).

TAMBORIL: E se cadra a nós, tamén un po…

BOMBARDINO (batendo coa man na perna de TAMBORIL): Que dis, Flora? Faríasnos o favor?

CORUÑESA (pondo o colar cos ollos humedecidos): Claro, por que non?

(Os músicos aplauden, a CORUÑESA estende a man cara á morte).

CORUÑESA: Ven comigo.

(A MORTE érguese e desaparece coa CORUÑESA cara a un cuarto de interior).

BOMBARDINO: Veña, vamos!

TAMBORIL: Collede as xoias!

GAITA: E as dez pesetas!

TAMBORIL: E os tres reás!

BOMBARDINO (tentando abrir a porta): Estamos pechados!

GAITA (correndo cara á porta do cuarto interior): Coruñesa! Coruñeeesaaa!

TAMBORIL (chorimicando): Non pode ser! Non pode ser!

(Apáganse as luces. Escóitanse berros).


Amencía

—Mirade, está a amencer xa. A verdade, quixera que esta festa non rematase nunca.

—Claro, como ti levaches o premio ao mellor disfrace… Todos o dixeron, Facer fai maxia coas teas e a maquillaxe.

—Si, Carme, tamén, pero máis ca iso, eu… A verdade, sodes os meus mellores amigos, e quérovos!

—Fran, solta a botella, anda. E ti, Carme, deixa de gabalo, que todos imos xeniais. El tivo sorte, e xa está.

—Dende logo, Bea, es un amor de persoa. Claro, así che van as cousas… E vós, que calados ides! Estades ben?

—Míraos, Carme. A verdade, ben, o que se di ben, non imos ningún, eh?

—Chist!

—Que pasou, Bea?

—Oístes iso? 

—Eu só escoito o meu estómago… Que fame! Claro, debimos mercar aqueles anacos de pizza, eu díxeno. Agora, ata que cheguemos…

— Pareceume un riso.

—Ah!

—Fran! E ti por que berras agora? Que é iso que sinalas?

—A verdade é que non sei! Pareceume ver algo movéndose rápido, aí, entre as silvas!

—Un momento, onde se meteron os outros? Estaban aquí hai un intre!

—Claro, ían tan calados…

—A verdade, teño medo. 

—O que tes é unha mona que non hai quen te ature. Claro, como sen alcohol non abres a boca, pásache ao contrario ca estes.

—Non te burles deles, e se lles pasou algo?

—Que lles ía pasar? Está claro que é unha brincadeira, andarán por aí agochados, e o que di Fran que viu foron eles.

—Agora que o dis… E Fran?

—Claro, agochouse tamén, como os descubriu, diríanlle que se unise a eles…

—Pero se estaba aquí agora, non tivo tempo!

—Que outra explicación lle ves? A xente non desaparece porque si de repente. Claro que pode que ti tamén tentes enganarme. Non ides asustarme, que o saibas.

—Estamos as dúas aquí soas, e hai nada eramos sete. É imposible que todos se ocultasen tan de socato. E menos Fran, con esa especie de gadaña xigante que levaba! Penso que… Carme? Carme!

»Está ben, rapaces, se é unha brincadeira, conseguíchelo, asusteime. Xa podedes saír. Por favor.

»Ah! E ti quen es? Onde estou? Quero volver! Non, por favor, déixame ir! Non tes dabondo cos meus amigos para saciarte? Solta, son moi nova para rematar así! Non! Non!

Advertisement

5 comentarios en “‘Tempolongo’ vs ‘Amencía’

  1. Tempolongo

    gustoume este relato figurado (ou parabolico). Creo que vai ben coa imaxe e tamen coa pelicula. os instrumentos musicais van coa morte nunha especie de santa compaña e tentan librarse dela distraendoa coa coruñesa. ó final a cousa sae mal, non entendo ben por que nin por que están tan asustados. o relato pode ter multiples interpretacions, poida que ata sexa unha perda de tempo buscarlle algunha concreta. Non importa, é o suficientemente suxerente como para formar imaxes entretidas na neboa do pensamento. Como cando escoitas unha cancion e non entendes a letra. A cancion é pegadiza e bastache con iso. Primeira obra de teatro presentada nun torneo de BB?

    Amencía

    só habia unha maneira de que este relato trascendese a sua forma, que era que os protagonistas tiveran o nome dos participantes do torneo, dese xeito sería un xogo, una comedia entendible. Non é asi, por desgraza, e temos que conformarnos con ver ó autor/a bourando nas personaxes sen criterio nin piedade. Os dialogos tentan narrar a historia, non é esa a sua funcion natural e nótase. é o resumo dialogado da pelicula de terror estandar.

    Voto por Tempolongo. conseguiu crear, con moi pouco (e isto non é un defecto) unha experiencia literaria satisfactoria, mentres que o seu rival non logrou que a sua proposta destacase, nin como achegamento ó xenero do terror nin como parodia.

  2. Boas.
    “Tempolongo” utilñiza moi ben os recursos do teatro escrito para engrumar a historia nos diálogos. A utilización dos nomes dos personaxes no diálogo esclarece moito a narración e o seu sentido, de maneira que a trama está ben mantida e sostida. O estilo é coherente e a conclusión boa.
    “Amencía”, ao non empregar a presentación teatral das personaxes deixa a estas un pouco eslavazadas, faltalle algo por onde agarrar o relato, aínda que ao avanzar algo se esclareza mellor a situación de partida. A serie de desaparicións está máis ou menos ben levada, pero a causa, o ambiente de terror que se precura non acaba de concretarse nese final. Paréceme que está un pouco menos conseguido.
    Voto por “Tempolongo”

  3. É curioso como a morte participa en ambas historias.

    Tempolongo

    É certo. Nunca antes aparecera unha obra de teatro na liga, o cal é lóxico porque é unha liga de relatos. E o teatro non é relato. E esta miniobra non é un relato. No fondo dá igual, porque a traba permite traspasar a fronteira e optar por un drama simbólico coma este. A parte simbólica, co enigma incluído do final, é o que menos me interesou. Recordoume ao teatro de Blanco Amor, co seu ambiente talvez barroco talvez medieval dos músicos ambulantes. E con iso me conformo: hai unha boa ambientación, os personaxes aparecen ben colocados nos rexistros dramáticos tradicionais (protagonista, antagonista, coro) e só estraño que o autor/a non fixese acoutacións sobre o vestiario, por atopar aí un extra de fantasía.

    Amencía

    É unha historia cunha boa idea e unha execución mellorable. É coma se presentase un suculento curry pero que logo vas e o cheiras e ole a acelgas e vas e o probas e resulta que sabe a sopa de hospital. Fáltalle chispa, explotar os diálogos máis alá do tópico, atopar unha fenda imprevisible nun relato que moi pronto nos resulta demasiado evidente. Tamén coido que gañaría con acoutacións. Tantos personaxes falando sen nomes supón bastante esforzo e non se me ocorre un motivo para aforrarnos esa información.

    Voto por Tempolongo.

  4. Boas. Esta peli é unha desas que teño pendente e nunca dou sacado tempo.

    “Tempolongo”. Ordia, pois é verdade que é teatro. Xa só por iso merece un plus. Boa idea o de facelo estilo teatral para afrontar a trama. Gústame a personificación das persoaxes, as relacións e dramas subxacentes e o final, elíptico e a un tempo voraz. Non lle atopo moita queixa, a verdade.

    “Amencía”. O diálogo está ben levado, sobre todo ao principio. Si que custa ubicarse así sen acoutacións (xa sei, xa sei, eu nunca poño ningunha…). Eu quixen levara a traba esta do diálogo da mesma maneira e deime conta de que se facía moitas cruces perdíanse pronto as referencias, sobre todo nun diálogo onde hai movemento, coma neste. No meu caso para facelo máis ou menos entendible optei por diálogos longos e poucas entradas e inda así… Poida que sexa algo previsible, había que darlle unha volta aí ao final para sacar algo máis.

    VOTO por “Tempolongo”.

  5. Este comentario é de Carlos Vega:

    Creo que está é a miña foto favorita da liga. Gústame como ambos autores captaron o ton tétrico que a acompaña, sen necesidade de máis. Parece que o papel da morte non pode fuxir da película, nin por un frame.

    Tempolongo

    Primeira obra de teatro¡ Gústame o toque que ten de Morte con personalidade. Recordoume un pouco á de Terry Pratchet, con ese ton de comedia macabra. A escena está ben construída e os diálogos nunca sacan de sitio. As acoutacións serven para fiar a narración, sacándolle partido máis alá da graza. Eu entendo a escena como unha Santa Compaña ambulante, que non poden escapar ao final porque a Coruñesa levou consigo as chaves da casa? Sorprendeume moito este relato, creo que casa perfectamente tanto coa imaxe como coa traba.

    Amencia

    Unha boa idea que penso necesita algún detalle ou idea rechamante para destacar. É correcto, pero fáltalle personalidade. Unha chispa que a separe dos tópicos. Quizais dándolle personalidade coas acoutacións. Como fan do xénero desfruteino, pero boto en falta algún xiro que me meta de volta na escena.

    O meu voto vai para Tempolongo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s