De Darío Xohán Cabana a Isabelle Eberhardt. Vinte libros para o verán do 2022

Darío Xohán Cabana recita no 1979 un poema dedicado a Moncho Reboiras. XAN CARBALLA.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente nos meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. Esta lista é extraordinaria porque Biosbardia non se publica durante os meses de xullo, agosto e setembro. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

A música das palabras. De lingua e literatura. 1990-2021, de Darío Xohán Cabana. Xerais

Xerais reúne nun volume un feixe de ensaios: artigos, conferencias… que o escritor de Roás falecido en novembro do 2021 compilara poucos meses do seu pasamento. O tema común ao volume, como indica o título, é a propia que el desenvolveu toda a vida, mais desde o outro punto de vista: o teórico. Nesta magna obra aparece a opinión e o estudo que Cabana fixo sobre poesía, narrativa e tradución, nun moi interesante diálogo con outros escritores contemporáneos, desde Manuel María a Xosé Luís Méndez Ferrín.

Miñán, de Ibrahima Balde e Amets Arzallus Antia. Tradución de Garbiñe Ugarte. Rinoceronte

Este libro nace dun encontro, o de Balde, inmigrante en Euskadi procedente de Guinea-Conakry, analfabeto, e Arzallus, xornalista vasco. Os dous asinan a historia porque os dous se encargan de vivila, un a través da experiencia e o outro a través do relato que escoita e converte en crónica. Unha mostra de xornalismo literario que acumula premios, lectores e recoñecementos. Unha historia do noso tempo que lle dá voz a unha persoa que non adoita máis que ser un clixé sen identidade que paira nos informativos de televisión e nos pesadelos dos fascistas.

O bosque do duque, de Fran Fernández Davila. Galaxia

Novela longa infantil que propón un argumento fantástico, mais fincado en tres temas moi actuais e realistas: os incendios forestais, a transmisión da lingua galega e as características da nova emigración. Sabine é unha nena de orixe galega que vive na cidade de ‘s-Hertogenbosch (tamén coñecida como Den Bosch), nos Países Baixos. O día do seu aniversario unha serie de cousas máxicas empezarán a ocorrerlle e empezará a ter consciencia dos legados da súa cultura orixinaria.

Os seres queridos, de Berta Dávila. Xerais

Premio Xerais 2021, esta novela únese á serie que a autora compostelá iniciou con Carrusel e continuou con Illa Decepción. Valéndose das técnicas da autoficción e cun estilo sobrio e moi preciso, Davila compón unha moi potente novela sobre a maternidade no tempo de hoxe e consolídase como unha das autores máis importantes da literatura actual.

En tempo de desconto, de Xosé Ramón Pena. Galaxia

O autor betanceiro publica neste libro catro relatos longos nos que o paso do tempo e a nostalxia teñen un gran protagonismo, ben adubiados por un costumismo clásico que se sustenta nas lembranzas sensoriais, especialmente na música, e tamén nas referencias pop (cinema, televisión). O libro válese dos recordos compartidos para deseñar un mosaico narrativo que finca o lector a unha época determinada a través dos elementos máis cotiáns.

Tres en raia, de Xosé Manuel Martínez Oca. Baía

Unha novela clásica, costumista, sustentada nos personaxes protagonistas. Gabriel, Guillerme e Antonio son tres amigos de Ourense que volven reunirse tras moitos anos separados. Un deles está enfermo e a reunión precipita a lembranza. O regreso de Martínez Oca á narrativa amosa un narrador con gran dominio das voces do relato, capaz de reescribir a historia íntima dos últimos sesenta anos.

A vexetariana, de Han Kang. Tradución de Alba Verea. Rinoceronte

A novela máis famosa da literatura coreana actual. A primeira obra orixinaria dese país asiático que se publica en galego. No 2016 recibiu o prestixioso Premio Man Booker, e está traducida a unha morea de linguas en todo o mundo. A obra está formada por tres visións de tres personaxes próximos á vexetariana do título, unha muller que decide renunciar á carne, mais que pouco a pouco inicia un camiño de renuncia ao propio mundo. Unha obra que destaca pola súa orixinalidade e habelencia formal.

Aquí comeza o mar, de Blanca Riestra. Galaxia

A autora coruñesa gañou o Premio Eduardo Blanco Amor 2021 con esta novela coral sobre A Coruña da década do 1980. Unha das obras máis actuais e ambiciosas dos últimos tempos que somerxe o lector no “sumidoiro” dunha cidade que pasou de ser “a segunda capital do franquismo” a acoller moitas manifestacións artísticas, case sempre subterráneas e case sempre ameazadas pola marxinalidade e a morte. Polas páxinas da novela transitan caras coñecidas, coma Lois Pereiro ou Vari Caramés.

Ningún de nós ha volver, de Charlotte Delbo. Tradución de Sergio Gómez Blanco. Rinoceronte

Charlotte Delbo demorou vinte anos para publicar este relato que é tamén un testemuño de vida. No 1942, máis de duascentas mulleres foron detidas pola policía colaboracionista francesa. A meirande parte delas formaban parte da Resistencia (Delbo era comunista) e foron trasladadas ao campo de concentración de Auschwitz. Apenas medio cento sobreviviron, Delbo incluída. O que chama a atención deste libro é o pouso lírico, moi elevado e evocador, dunha experiencia tan tráxica.

O negociador, de Miguel Sande. Xerais

A negociación do secuestro máis longo que realizou a ETA é o tema ao redor do cal Sande compón unha historia meticulosa, por momentos intimista, escrita con contención e sen concesións sentimentais. Esta obra, que a editora nomeou como “finalista” do Premio Xerais 2021, é orixinal tanto polo tema como polo estilo. Sande demostra que á parte de dominar ben os xénero narrativo, dramático e poético, vive agora un momento doce en canto a recoñecementos. Nos últimos once anos gañou media ducia de certames en todas as categorías e foi finalista tamén de varios máis.

Dezanove comunas e un aeroporto, de Daniel Ugarte. Morgante

O título é elocuente sobre o que vai atopar o lector neste libro. Vinte relatos curtos que toman a cidade de Bruxelas (e o seu aeroporto) como escenario. Ugarte, el tamén veciño de Bruxelas, compón un fresco variado sobre a capital de Europa na actualidade. Relatos con varios niveis de lectura que máis alá da améndoa argumental van dando pistas sobre a socioloxía dunha cidade onde latexan todas as contradicións do mundo actual.

Erica, de Ana Vigo. Galaxia

O debú de Ana Vigo na literatura en galego, unha novela xuvenil fantástica protagonizada pola moza que lle dá título á obra. Erica e o pai trasládanse á vila da Adormecida, mais a rapaza entra con mal pé. Enfróntanse aos novos coñecidos e gaña fama de conflitiva. Mais o que non sabe é que nesa nova vila un grupo de rapaces sabe como traer á realidade o mundo que se percibe nos soños. Unha obra na que a fantasía atrapa os personaxes e o lector.

Os anos do silencio, de Xosé Álvarez Castro. Xerais

Este libro subtitúlase “Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)”. É, polo tanto, un percorrido ambicioso pola totalidade das consecuencias do golpe de Estado de xullo do 36 sobre a estrutura sociopolítica do ámbito xeográfico estudado. Álvarez Castro repasa como o franquismo actuou na xustiza, entre o clero, contra os docentes e masóns, sobre as mulleres. Mais tamén atende a resistencia: no exército, nos campos de concentración, mediante a guerrilla, e tamén na vida cotiá. Unha crónica do horror moi ben documentada sobre un tema que malia o tempo pasado segue a amosar novas descubertas.

A cegadora luz de dúas estrelas vermellas. O caso dos cadernos de Víktor e Nadia, de Davide Morosinotto. Tradución de Moisés Barcia. Sushi Books

Este libro está composto coma un auténtico caderno, cun texto mecanoscrito constantemente interpelado por anotacións, engádegas, aclaracións, documentos oficiais, fotografías, mapas, recortes… Un desafío formal para seguir o fío da historia de Víktor e Nadia na época da invasión alemá no 1941. Unha novela de aventuras e supervivencia nun dos momentos máis convulsos e terribles da historia da humanidade.

10000 millas de andar na bici, de Xabier Cid. Xerais

Xabier Cid traballou entre o 2018 e o 2020 como repartidor (deliveira, defínese a si mesmo neste libro). Desa experiencia nace este volume, moi orixinal nas nosas letras e que Xerais edita tamén cun formato singular. A través dun xénero que poderiamos considerar case como autoensaio ou autocrónica, este libro é unha especie de testamento dunha profesión moi nova, mais con data de caducidade, e tamén relato da propia experiencia do autor.

A educación sentimental, de Gustav Flaubert. Tradución de Isabel Soto. Hugin e Munin

Hugin e Munin segue a traer para o galego clásicos fundamentais, neste caso unha monumental novela (540 páxinas) que foi precedente e ensino para escritores posteriores e que aínda hoxe deberan ler todos os que se queiran dedicar á literatura. A novela conta, a través da propia experiencia do protagonista, Frédéric Moreau, as frustracións e arelas da clase media francesa na época previa á revolución do 1848 e a posterior chegada de Napoleón III ao poder. Novela descritiva e discursiva máis ca baseada na trama, é para moitos o máis fiel relato da Francia convulsa que oscilou entre o reino, a república e o imperio.

O ano do tigre, varios autores. Rodolfo e Priscila

É habitual atopar antoloxías de relatos de varios autores. Galaxia leva anos convocando diversas voces para compoñer coleccións, e tamén outras editoriais como Urco ou Contos Estraños optaron por esta vía. Estas propostas funcionan coma unha sorte de revistas literarias nun formato máis recoñecible polo comprador galego. Mais na idea d’O ano do tigre perfílase un camiño distinto. Á parte de xunguir todos os relatos breves ao redor do novo ano chinés como punto de partida dabondo concreto e dabondo evocador e libre como para provocar a diverxencia en todas as súas facetas, moitas das autoras teñen un perfil marcadamente poético, o que lle outorga a este libro tamén a calidade da curiosidade para ver como se desenvolven nun xénero que se considera moitas veces ponte entre a lirica e a narrativa. Nesta antoloxía poden lerse relatos de Lucía Aldao, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos.

Dublineses, de James Joyce. Tradución de María Alonso Seisdedos. Galaxia

Nova edición en galego do libro que sempre se recomenda para encetar a literatura de Joyce. Publicado no 1914, o libro reúne quince relatos que cartografan o estado de ánimo da cidade de Dublin durante o cambio de século. Considerados por críticos e literatos obras mestras do relato curto, emparentados coas novas técnicas que levaban fermentando na literatura europea desde había dúas décadas, o certo é que Dublineses serve de contrapunto perfecto do estilo do Ulises, a grande obra do irlandés que Galaxia tamén reeditou recentemente.

Curros & Holmes no misterio d’O Kapital, de Marcos Calveiro. Galaxia

A literatura galega xuvenil non é moi dada a sagas, polo que é benvida esta proposta que ademais intenta unir dúas culturas populares: a do arquicoñecido Sherlock Holmes creado por Arthur Conan Doyle e Manuel Curros Enríquez, un dos escritores máis famosos da nosa historia cuxas composicións pasaron ao acerbo popular case que como cantigas nacidas do pobo. Calveiro une ambos personaxes en Londres como detectives e aventureiros nunha novela sinxela que por veces parece escrita demasiado rápido. Malia todo, son maiores os acertos ca os erros: a presenza da familia Marx e a eclosión do socialismo en Inglaterra; que Curros algunhas veces fala cos seus propios versos ou a boa química que consegue crear entre o detective londiniense e o poeta de Celanova.

Siluetas na area, de Isabelle Eberhardt. Tradución de Fernando Domènech. Rinoceronte

A colección ‘Vétera’ dá un pulo máis na súa ambición espazotemporal acollendo esta escolma de relatos dunha autora cuxa propia biografía é tan literaria coma os escritos que deixou á súa temperá morte con 27 anos. O maior interese desta obra é coñecer desde dentro e cunha mirada próxima e chea de empatía a situación da Alxeria colonizada ou por colonizar por Francia. A mirada de Eberhardt é a medias etnográfica a medias moi subxectiva e foi un acerto presentar esta colección acompañada de notas, glosario e introdución a cargo do propio tradutor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s