Maite Jiménez: “Os best-sellers cutres fanlles moito máis mal ca ben aos lectores”

Maite Jiménez e Momo.

Catedrática de Latín de Secundaria, Maite Jiménez é unha das tradutoras que participan da mala saúde de ferro da tradución ao galego. Dáse ben co latín (Cantar de Valtario, Cantar de Ruodlieb, Cancioneiros dos Goliardos, todas en Rinoceronte) e co italiano (Circe, de Annie Vivanti (Rinoceronte), O nome da rosa, de Umberto Eco (Aira)). Está próxima a saír a súa tradición do Satiricón, de Petronio, que tamén publicará Rinoceronte. Velaquí a súa Biblioteca Íntima.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Contos infantís, que primero me lían e logo xa lin eu soa. O meu preferido era Riciños de ouro e os tres osiños. Logo, Mulleriñas e Heidi, naquelas edicións de Bruguera que tiñan as viñetas coa historia resumida a carón do texto enteiro. Consérvoos con moito cariño. Agora resultan case ilexibles.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Stoner, de John Williams, é unha obra mestra. Penso que non é moi coñecido. Cualifiqueino moitas veces como A NOVELA, así, con maiúsculas. Ademais, a edición en castelán é dunha editorial moi pequena. Será por iso que non chegou onde merece aquí en España.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Poucas. Lembro que na universidade non puiden co Guzmán de Alfarache, de Mateo Alemán. Agora estou na metade do Ulises, de James Joyce, e aínda non me caeu. De feito, estou fascinada. Descubrín que moitas das técnicas narrativas que me pareceron novísimas e rompedoras nalgúns autores no seu día, agora xa non mo parecen tanto: inventounas Joyce. Déixome levar, é a mellor maneira de lelo.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Se conseguise “desempaquetar” a Javier Marías, penso que sería un compañeiro de esmorga estupendo. Será porque o teño idealizado, porque me encanta como novelista.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o.

Non lle falaría moito tempo a Alessandro Baricco.

Un libro recente que lle gustase moito…

Agnes, de Javier Peña. É un escritor moi, moi sólido.

Unha novela que non puido terminar…

Las luminarias, de Eleanor Catton

Que novela lle gustaría protagonizar?

Tender is the night, de Francis Scott Fitzgerald. Deixando á parte o trastorno mental da protagonista, que non creo ter, por sorte, identifícome moito coas mulleres de Fitzgerald.

Que novela a reconciliou coa literatura?

O descubrimento de John Banville, en concreto Antigua luz. É marabillosa. Volvín sentir emoción. Creo que a partir dese momento a lectura doutros libros foi máis gozosa.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Propúxenme este ano ler a Joyce e a Marcel Proust, aproveitando que se celebran os seus aniversarios. Creo que é Proust o reto ao que máis ganas lle teño. Quero probarme con el como lectora. Penso que me vai gustar.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Calquera de Alice Munro. Gustaríame reencarnarme nela e escribir relatos tan redondos coma os seus.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Só levo seis anos dedicada á tradución, e publiquei seis libros. É pouco tempo para arrepentirse.

Leva vostede un diario ou un dietario?

Non. Nin de nena conseguín escribilo. Tiña un precioso, cor bordeos, con pecho de metal cunha chaviña e todo, pero nin por esas. Coido que en realidade non me gusta escribir de min mesma.

Escribirá as súas memorias?

Non o creo. A miña vida é do máis convencional. O único que quizais teño de especial é o xeito de contar as cousas oralmente. Iso dinmo as miñas amigas, que conto ben as cousas. Debe de ser pola paixón que lle poño ao conto e todos os adornos que lle meto.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Con respecto á tradución, que é o meu xeito de facer algo parecido á literatura, non penso que fose ningún autor en concreto. Si que me fixei desde sempre no modo no que se traducían os libros, porque estou constantemente atenta ao uso das palabras, e ao xogo de linguas, que é unha especie de bipolaridade, que rebole na cabeza do tradutor. Paréceme que teño unha sorte inmensa por vivir a literatura tamén así, de preto.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Os best-sellers cutres fanlles moito máis mal ca ben aos lectores. Non leo ese tipo de libros, pero teñen o seu público, e numeroso.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Non sabería dicir un título, nin tampouco quero, a verdade, por respecto a todos os que se dedican á creación literaria, pero si podo dicir que detesto con toda a miña alma a autoficción, de modo que, é doado entresacar algúns títulos.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Gústame Carlos Casares. Escollo O sol do verán.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Os autores de Nós quédanme moi lonxe.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Rosalía, nunha edición chula. Tamén Álvaro Cunqueiro, por suposto.

Un comentario en “Maite Jiménez: “Os best-sellers cutres fanlles moito máis mal ca ben aos lectores”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s