‘Todo era area’ vs ‘A comandante’

Fotograma de ‘Starship Troopers’, de Paul Verhoeven.

Xornada 7 e derradeira da Liga da Primavera 2022. Duelo entre Ana Vigo e César Lorenzo Gil.

Traba: O relato non pode conter as letras F, H, L, S e X.

Todo era area

Enviárana a morrer, todo o mundo o entendera. Na zona, nin mar nin ceo, unicamente vía area. Decidida, tomara a arma, abandonara o barracón e co ademán típico da tropa murmurara un “ata outra”. A continuación montara nun todoterreo e avanzara en dirección ao Centro Táctico. Tiña que entregar a carta da Raíña, pero non era un encargo doado.

O tiro obrigouna a correr, atacábana e non vía dende onde. “Veña, trae a carta!”, berrou a voz do Inimigo. Oíraa previamente, durante outra encomenda, cando era principiante. Entón por pouco non morrera, pero vira caer a quen a adoptara como irmá menor. Tiña medo, pero a cara inerte na memoria conducíaa a querer vinganza.

Cun berro de rabia, detivo o motor tomou a arma e apuntou. Todo era area, e o pó no aire impedía a detección do Inimigo. Oíu o agravio e perdeu a pouca temperanza que mantivera. Tomou aire, e guiada co oído, atacou.

Agora non notaba a voz. Abriu a porta do todoterreo e camiñou amodo para onde cría que vería o Inimigo. Non tardou en topar co cadáver.

Botou aire, todo o que contivera dende o día que perdera o irmán adoptivo. Premeu a carta da Raíña. O Centro Táctico agardaba.


A comandante

Nun cuarto que era dormitorio dun neno noutro tempo na cidade arruinada de Kobani a anciá pronuncia coa derradeira voz que garda na entraña:

Aquí todo ao redor era Rojava. Agora pardiñeiro, aquí todo ao redor a rúa onde eu bebía a auga moura dun pozo e roía no pan ácimo do domingo. 

Un día abandonou a garda do Pazo e a mocidade danzaron. Ergueron a jinocracia co pano verde e ateigaron a praza de verbo e combate. Partiron a terra, berraron democracia. 

O primeiro avión ouveou, o terceiro deitou a treboada. Aprobaron a creación da Comuna. En cada recanto, a paz armada. A comandante ordenou coa voz magnética do anoitecer abrazar cada canto da barriada, e a tropa cumprimentaba cada amencer coa arma cargada o voo do cometa quente a cruzar o ceo contra o inimigo.

Veu o cerco e a carencia, pero o corpo aguantou. A comandante con dente de vento canta e a bomba vence o trapo negro e a media noite encarnada.

Daime tempo, gritou a comandante, enganai a conta da area, agardai a que veña do mar a irmandade compañeira para matar a cobra empezoñada. 

Vazada a barriga, vazada a arma, entrou o diaño con aroma a morte. Un murmurio de pranto derrocou a cidade.

Vaite, comandante, berrou o pobo, o porvir agarda. Corredor de pedra, cova na montaña. Que o inimigo non mire onde anoei o meu pano verde.

Vivir? É vivir andar coa cabeza vencida, queimada a canción na garganta? Non permitiron nomear o I*I* e o ditador de Ankara. Non permitiron dicir mu**er, berrar Revo*ución, aprender a compor *iberdade, *u*tiza, progre*o… O dicionario arrombado nun armario de néboa.

Cando nin o penedo recordaba que acontecera, a compañía do tanque e o canón abandonou a rúa agretada, a parede caída.

Aínda queda tempo?, berrou con rouquén a comandante, aínda queda quen coñeza como tecer o pano verde e bicar o cimento coa e*peranza.

5 comentarios en “‘Todo era area’ vs ‘A comandante’

  1. Todo era area

    Paréceme que o relato está cheo de elementos que non se relacionan ben entre eles e que reunidos non dan lugar a unha historia coherente, ou que só o pode ser se o lector fai o esforzo de prescindir do que leu e reescribir o relato na súa cabeza.
    Eu, por exemplo vexo unha soldado que se presenta voluntaria para unha mision suicida: servir de cebo para atraer ó Inimigo e derrotalo cunha arma que o susodito non coñece. Para ser un cebo xugoso leva un obxecto que o atrae (a carta), e explicase que a voluntaria o foi porque tiña unha vella conta pendente con el. Esta historia non é mellor nin peor que a que lin, pero é coherente. Os elementos que contén conectanse de forma loxica, súmanse apoiandose uns nos outros e na sua causalidade.
    A historia que lin, en cambio, non a vexo ben deseñada. Os elementos (a conta pendente, a carta, a mision suicida, o combate co inimigo…) están aí, flotando, uns pegados ós outros, sen máis.
    A soldado foi escollida ó chou. a carta pode dicir calquera cousa ou estar en branco. A soldado atopouse co inimigo como puido non terse atopado e mataou como puido non telo matado, ela so se defendeu porque lle dispararon e só foi alí porque a mandaron. O inimigo queria a carta porque si (non sabemos como coñecia a sua existencia). Non digo que haia que explicar todo, non é eso. Pero si que hai que levar o esforzo de construir a historia. E aqui non vexo tal esforzo.
    Tampouco entendo por que os primeiros verbos do relato non están en pasado (pretérito).

    A comandante

    O autor/autora tivo a boa idea de basarse en feitos reais para que nos fose mais doado encher os ocos que tivo que deixar.

    No inicio unha anciá pronuncia unhas palabras. Pero non sei onde rematan as palabras. Imaxino que se extenden ata o final do relato. Ou ó mellor é só ese parágrafo, tería máis sentido. E o resto sería un flashback no que a comandante é a mesma anciá?
    O relato ten un aire como de poema en prosa ou profecia de sabio desdentado ou actor de teatro con Alzheimer. Ó final hai un xogo co tema da traba, a censura de certas palabras (ou conceptos) colle forma nesas palabras incompletas con asteriscos. En cambio antes vimos algunha j que non era tan metaliteraria. Que vou dicir eu, esta traba é matadora. conste que a min calquera forma de sorteala me parece valida. sexan asteriscos, cambio de letras, escribir emojis ou o que sexa.
    boteille un vistazo na wiki como foi a batalla de Kobani pero cara o final xa non dou seguido o que narra o relato. Non é imprescindible, o relato pode lerse en clave simbolica, pero do mesmo xeito que apoiarse en feitos reais é unha axuda, tamen hai un prezo que pagar por iso: o lector espera atopar unha historia tanxible no relato.

    Voto por A comandante, porque ainda que a sua lectura non foi totalmente satisfactoria segue superando ó seu rival, que apenas me ofreceu nada que non trouxera xa eu da casa.

  2. Boas. Parece que a derradeira xornada nos pillou vagos a todos.

    “Todo era area”. O mérito deste realto está en levar a traba de tal maneira que non se nota a falta das letras. Ten moito mérito iso, a min esta traba sempre me supera, teño tan pouco vocabulario que me pega moi forte nos dentes… paréceme impresionante dar escrito algo normal sen esas letras. O malo que ten é que é algo estandard, hai aí cousas flotando pero non rematan de facer chispa. A carta da raiña podería ser un bo mc-guffin, pero ao final quédase nada, o do irmán ao final tampouco semella ir a ningures. Faille falta un par de voltas a isto.

    “A comandante”. O certo é que a traba forza relatos breves e pouco habituais. Diría que fomenta a poesía. Este relato ten bastante diso. Semellan versos lanzados ao ar enlazados por unha historia real, nos poñemos o relato e o texto a música. Unha solución habilidosa feita con gran técnica e moita solvencia. Parabéns ao autor@.

    O meu VOTO é para “A comandante”

  3. Boas.
    “Todo era area” ten para min o mérito de claridade, da concreción e da consecuencia. O problema é que me parece unha simple escea dun relato maior: como media páxina dunha novela non moi longa ou algo así.
    “A comandante” propón moitas cousas, eu diría que demasiadas, e a estrutura narrativa mesturada con esa linguaxe a min empapúlame.
    Voto por “todo era area”

  4. Vaía última xornada, entre a traba que mino riza as extensión e tal, nótase que estamos a comezos do verán.
    Todo era area é un relato no que o logro e conseguir unha lectura limpa, na que no se atopen ningún bloque-Considera varios elementos que non fan arco nin completan o seu recorrido. Quizais, ante a falta de outras combinacións, dunha maior extensión que lle e oco.
    A comandante aposta por un ton poético, ligado a escasear de palabras. Paréceme un exemplo que traspasa a subordinación da traba e consegue atoparse a el mesmo, mediante a traba
    O meu voto vai para A Comandante

  5. Bo día. Perdón por votar tarde.

    É patente que o de aquí non é traba, é un muro enorme. Como audiencia renunciei con tempo á crema por poder atopar trama doada de ver. Raramente a atopo, pero debo remarcar que aquí autor e autora probaron moita pericia por entregar un conto que todo o mundo entende. Pagou a pena, Ana e compañía.

    Todo era area.
    Trama doada. O conto corre ata o remate de maneira congruente. A autoría evitou de todo a típica greta que adoita aparecer coa traba tan puñetera da derradeira quenda do torneo. Ata puido dar cor ao carácter da prota. Enténdoo todo, o que me parece técnicamente moi bo.

    A comandante
    A autoría aquí toma perigo, pero creo que non é quen de evitar caer no críptico, como ben evita o conto contrario. Porén aporta un ton de poema que é de agradecer e aperta a competencia. Práceme a ambientación que tira a épica, pero non a mención da parte do abecedario non permitida mediante o carácter comodín. Aínda que a intención é boa, creo que eiva o conto. Outra moi boa obra, porén.

    Con moito, a pugna do día. Voto por Todo era area.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s