Paratcha, o primeiro galego que dirixiu unha revista de cinema

Vicente Paratcha, primeiro pola esquerda, nos Estudios CEA de Madrid, co produtor arxentino Clemente Lococo, parte da delegación que o acompañaba, a actriz Maruchi Fresno e Enrique D. Rodiño (1934).

Xosé Enrique Acuña.

Vicente Segundo Eliseo Fernando (Gómez Paratcha) fora o seu secular nome. O imposto no cerimonial de bautismo e a serie inscrita a efectos civís en Vilagarcía. Porque o que ía ser no tempo coñecido como Vicente Gómez Paratcha nace na capital de Arousa o 8 de abril de 1893 para, desde tal data, describir unha traxectoria que, como tantos marcados por un exilio provocado por aquel alzamento militar de 1936, xa ofrece resistencia para ser reconstruída na totalidade dos seus tramos. Algunha fonte familiar —un seu sobriño— e mais a impagable e militante memoria de Alberto Vilanova (todo unha figura a reivindicar) permiten abrir pequenas vías desde as que poidan retornar parte da súa vida política, diplomática e profesional. Tamén da xornalística. Vida esta, a de Vicente G. Paratcha, que sofre un auténtico estrago en termos de memoria que, porén, aínda pode ser levemente retomada a través do seus pasos por Galicia, Madrid, Barcelona e distintos países de América. Xeiras e vivencias que poderían conformar diversos e moi variados guións cinematográficos. Mais o Paratcha que agora reaparece é o que se quere recuperar por ser o primeiro galego que dirixiu unha revista de cine.

Un político en formación en Galicia

A liña biográfica ten que comezar ligada á situación social e económica da súa familia. Estudante de recoñecida brillantez académica, en 1909 Paratcha acada o título de bacharel en Santiago, o que lle permitirá converterse en alumno de Dereito da universidade compostelá, e supostamente escribir nesta unha obra literaria que recreaba costumes sociais da cidade. Xa titulado en leis, en 1917 transcende que se responsabiliza da Juventud Maurista en Vilagarcía, e sobre todo que se implica nunha denominada Junta de Defensa desta cidade na que tamén milita seu irmán Laureano (despois con enorme percorrido político e co que comparte ese patrimonial apelido Paratcha que lles chega herdado de Jesusa Paratcha Pou, súa nai). Doutórase en Madrid —onde coincide con Leandro Pita Romero e Claudio Sánchez Albornoz, importantes contactos para a súa vida futura— e, en base a tal formación e grao, opta en clave profesional por abrir despacho e fundar na súa vila natal unha denominada Agencia Arosa, ideada como unha sorte de xestora de negocios na que, desde o primeiro momento, integrou dous avogados en plantel.

Por razóns de intereses familiares, e tamén para incidir na vida social e política da súa vila en iniciática clave maurista, aposta en paralelo, e coa mesma interesada misión, por asumir a xefatura de redacción dun modesto xornal como daquela era o Heraldo de Arosa, dirixido en principio por Gonzalo Albarrán. En breve, Paratcha aprópiase da dirección e fai bascular os seus contidos editoriais cara a unha retórica anticaciquil tan habitual por eses anos en certa prensa liberal-monárquica galega. Un comenenciudo cambio de criterio político por parte de Vicente G. Paratcha que co paso dos meses o conduce —de xeito entre natural e xeracional— a coñecer e mesmo comprender os elementos rexionalistas que se fogueaban noutro agrarismo máis combativo e impugnador. En 1918, dentro do impacto que se vivía por conta dunha xira que elementos da Liga Regionalista de Cataluña, presididos por Francesc Cambó, realizaban por Galicia, sería na Estrada onde, nun acto político, toman a palabra Porteiro Garea, Losada Diéguez, Arturo Noguerol e Alfonso Castelao, onde Vicente G. Paratcha, ao falar tamén neste mitin, acada un protagonismo político que mereceu décadas despois ser recollido naquel impagable anecdotario que baixo o título de Revoeira (1971) escribirá Xosé Núñez Búa no exilio arxentino. Nesta lembranza, moi literaturizada, o galeguista transmite como o desenvolvemento do mitin estradense vírase boicoteado por asistentes apupados polo marqués de Riestra, o gran cacique monárquico da comarca. Incidentes que provocan que unha Garda Civil (coma sempre, de parte) tentase desaloxar os oradores presentes no palco. Como estes se negaran a acatar esas ordes, escribe Núñez Búa, o tenente ao mando deu orde de cargar armas. Ao sentir os ferrollos dos máuser, seica Paratcha, “o máis novo dos oradores”, adiantouse, púxose na punta dos pés, abriu a chaqueta, e “coa súa voz endocrínica de baixo”—citamos sempre a Núñez Búa— seica berrou: “Esbirros, as balas a min!”. O tenente, dirixíndose a Paratcha diríalle á vez: “Ti sempre facendo o tolo!”. O caso é que o tal tenente non chegou a cumprir a ameaza de abrir fogo. As razóns desta rara conversa e situación tamén foron explicadas: “Se o tenentiño aquel, que morreu sendo coronel, non tivese sido contemporáneo seu no colexio, Paratcha non marcharía, xa os pasados os sesenta á Arxentina (…). Tería sido unha vítima máis do caciquismo monárquico, igual que os de Nebra, Sofán e Guillarei, caídas baixo o chumbo incivil”. Este Gómez Paratcha, Vicente, tamén participa en 1918 nun mitin de propaganda agraria que organizaran Los Previsores” de Meis. Falou onda Ramón Salgado, un dos principais líderes agrarios galegos dese tempo, co ánimo de se dotar dun fondo ideolóxico en variación que o situará, segundo certas fontes (Vilanova, Los gallegos en la Argentina, 1966), para sorpresa de tantos amigos e antigos correlixionarios mauristas arousáns, nese mesmo 1918 como “representante de Vilagarcía” na denominada 1ª Asemblea Nacionalista de Lugo. Todo un achegamento ao mundo das Irmandades da Fala que non tería continuidade nin compromiso maior, e que pola contra non pasou de ser a fervura dun home, en realidade un mozo puntualmente radicalizado, que aos poucos emprenderá co apoio dos acreditados —e á vez oportunamente suxeridos— contactos familiares, unha nova aventura de negocios que o conduce até Cataluña.

A súa xeira profesional por Cataluña e América

Dálle pois fin Vicente Paratcha á etapa da Agencia Arosa e mais á do seu primixenio galeguismo e instálase en Barcelona. Ofrecéranlle na capital catalá altas responsabilidades na compañía Lloyd Galaico, empresa de seguros marítimos, fluviais e terrestres que era propiedade dos irmáns Ramiro e Enrique Caamaño López, moi ligados a Vilagarcía de Arousa. Unha ocasión para retornar ao seu papel de avogado, pero que igualmente, como ese recente paso polo agrarismo e as Irmandades, tería pouco percorrido pola entrada en creba da súa nova empresa despois dunha inesperada e fonda crise financeira. O novo camiño a tomar, o de Paratcha, coma o de tantos galegos, con cartos ou sen cartos, xa foi o da emigración. Así, en 1921, xa se lle coñecen os seus esforzos, cando levaba poucos meses de veciño, para revalidar en La Habana o seu título de Dereito ao tempo que se ofrecía para asesorar a non poucos dos potentados de orixe galega que vivían na illa de Cuba. A partir deste ano tamén se move nos círculos asociativos fundados pola emigración máis activa e desde eles recibe unha homenaxe en 1922 cando, á fin, consegue a consolidación do seu doutorado en Dereito que porá ao servizo dun bufete (na habaneira calle Oficios nº 18, Edificio Casteleiro, primeiro, despois en Riela) e que exhibirá nuns traballos profesionais que con enorme éxito por ese tempo xa realiza para empresas tanto cubanas como norteamericanas. É cando se fala de que Paratcha se servía de barcos e avións (certas lendas inciden que algún mesmo era da súa propiedade) e á vez se converte nun elemento destacable, e de amizade desexada, da colectividade galega en Cuba. Vicente Paratcha, que frecuenta en La Habana o poeta Rey Soto, chegou a presidir en 1929 a Agrupación Artística Gallega de La Habana, a entidade cultural que máis contribuíu á formación cultural e artística das mulleres e homes máis activos da emigración galega na capital cubana e que, no tempo de presidencia de Paratcha, insistía na representación do teatro en lingua galega escrito por Lugrís Freire.

Os días de gloria empresarial –como director xeral de La Unión Nacional. Compañía General de Seguros y finanzas— tiveron un final abrupto e inesperado. Alberto Vilanova explica que, “cando chegou a moratoria do azucre”, Vicente Gómez Paratcha víuse na obriga de liscar de Cuba “practicamente na ruína”. O seguinte chanzo vital pasará polo Perú e en Lima repite a operación de legalizar o grao de Dereito. Tratábase de comezar unha nova vida que no país andino reparte, desde 1930, entre dirixir de novo unha compañía de seguros –un traballo que dominaba– e exercer de xornalista nas páxinas de El Tiempo. Desta época tan activa quedan testemuños de certos intelectuais que, nos seus escritos memorísticos, apuntan o seu trato con Paratcha. José Díez Canseco lembraría que cando entrou a traballar en El Tiempo de Fernando Reusche, coñecería “al más gracioso de los editorialistas, a Vicente Gómez Paratcha”. Tamén o escritor Amado Nervo describiu as atencións que sempre recibira dun Paratcha que, como no caso de Cuba, dun día para outro tamén tería que abandonar Lima.

O motivo sería unha orde de expulsión decretada desde un goberno nacido dunha asonada militar de práctica autoritaria. Mais no Perú foi tamén onde o vilagarcián coñecería a que sería a súa nova parella, Carmela Poirer, irmá do embaixador francés en Lima e que coñecera na cidade de Lambayeque (antes estivera casado en Cuba con Isabel Medina). Desterrado, vese na obriga de abrir novas e breves andaduras por Ecuador, Panamá e Colombia (tamén se apunta que en Costa Rica) á procura dun novo asentamento que semellou ser a Venezuela do xeneral Juan Vicente Gómez, onde tamén exerce o Dereito, e que definitivamente non se concretará pola decisión de Paratcha —tras novos problemas coas autoridades— de retornar a unha España, xa republicana, onde seu irmán Laureano —que fora alcalde de Vilagarcía— se convertera nunha sinalada figura política do republicanismo galego autonomista en clave estatal.

Director de Sparta, revista de cinematografía

Frustrada polas razóns explicadas a súa rica etapa peruana, Vicente Paratcha escolle Madrid para se instalar nunha España ben distinta á que deixara había máis dunha década. O primeiro sinal que se detecta del, en clave profesional, é moi diferente do que anteriormente desenvolvera, sempre ligado ao Dereito ou ao mundo asegurador. Reaparece, toda unha sorpresa, nada máis e nada menos que dirixindo unha prestixiosa revista de cine na capital de España. Non transcendeu se na súa etapa como xornalista en Lima se achegara de maneira crítica ao cinema, mais o que pola contra si é asegurable é que nos seus días cubanos tivo acceso ao mellor do cinema que por ese tempo se podía filmar, en especial o programado desde as grandes distribuidoras norteamericanas nesa gran capital, como era La Habana. Chega pois Paratcha a cargos directivos nunha revista, antes de espectáculos, que desde agosto de 1934 se especializa en exclusiva no cinema. De nome Sparta, sería renumerada cun novo número 1 desde agosto de 1934, con Pedro Lagrava de director e á vez xerente. De que forma se converte Vicente Paratcha no home de confianza do editor da revista, non se poden ofrecer datos concluíntes aínda que, por ser costume deste grupos con vida secreta, non se pode descartar unha simple solidariedade masónica dada a adscrición de ambos –Partacha e Laplaza— á loxa.

O certo é que desde o nº 30 de novembro de 1934, Paratcha xa figura na manchete como director da quincenal Sparta. Revista Técnica de la cinematografía. Con sede no Palacio de la Prensa, en plena praza do Callao, esta publicación —despois, simplemente subtitulada “Revista de cinematografía”—, buscou unha nicha de mercado que os seus responsables deseñaron con claro propósito de conseguir unha carteira publicitaria que asegurase a viabilidade da empresa. Este obxectivo conseguiríano en parte, xa que Sparta publicaba en todas as súas entregas módulos publicitarios tanto das produtoras como de todos os sectores que arrodeaban a creación de filmes. A estratexia centrábase en cubrir os intereses das grandes produtoras españolas (por exemplo, o caso de CEA, a empresa dirixida por Enrique D. Rodiño), e estar sempre abertos e colaboradores coas estratexias tamén publicitarias deseñadas desde as grandes produtoras norteamericanas, xa instaladas con forza en España. Esta liña estratéxica e editorial foi desenvolvida e asumida desde a dirección de Vicente Paratcha que, con intelixencia e en paralelo, non evitou en ningún momento que a revista abrise as súas páxinas ás firmas que emerxían no seo dunha crítica cinematográfica madrileña que vivía e estaba a vivir o privilexio de ver nacer tanto a impactante chegada do cinema sonoro, como o asentamento da industria e a aparición vangardista dos documentarios cinematográficos.

A revista, baixo a condución de Paratcha, andou atenta a obra de importantes directores europeos (casos de René Clair, G.W. Pabst, Rouben Mamoulian, Ernst Lubischt, Marcel L’Herbier…), informou sobre o cinema británico, do mellor do americano, entrevistou actores e actrices, publicitou festivais pioneiros como o de Venecia e sobre todo, por implicación directa do seu corpo de críticos, realiza un particular seguimento das actividades cineclubistas. En especial as do madrileño GECI (o animado polo Grupo de Escritores Cinematográficos Independientes), no que se proxectaban as propostas máis rompedoras do cine republicano e as novidades de matiz vangardista nacidas das cinematografías europeas. O feito de que os máis caracterizados redactores e colaboradores de Paratcha en Sparta formasen parte desa elite en formación, que en Madrid despuntaba divulgando, analizando e iniciándose na crítica de cine, faría posible un nivel de calidade que firmas —despois de longo e recoñecido percorrido— como Rafael Gil, César Arconada (este centrado na divulgación do cine soviético), José Alfaro, Antonio de Salazar, Luciano de Arredondo, Benjamín Jarnés, Antonio Barbero e José María Aguirre, de redactor xefe, lograron manter entrega tras entrega. Tamén nese papel —procedentes da mítica Nuestro Cinema— sobresaíron Luis Gómez Mesa, Manuel Villegas López, J. G. de Ubieta e sobre todo un Augusto Ysern —membro destacado do GECI—, que sumará nas súas crónicas a fotografía do operador Cecilio Paniagua. Un cadro de xornalistas e críticos que lles dan a Paratcha e aos lectores de Sparta solventes artigos sobre a censura (que non desaparecera na República), a defensa dos espidos no cine —a revista chega a publicar nus femininos de actrices, caso de Joséphine Baker e da actriz protagonista do filme Elysia (1933)—, fichas con clasificación das películas que chegaban á pantalla, informacións pioneiras sobre a aparición da televisión, a novidade do cinema en color, a relación da música co cine, entrevistas a produtores e ese seguimento necesario das actividades de empresas españolas como Torna Film, Filmófono, Iberia Films ou Cifesa.

En Sparta, revista que Paratcha e Lagrava entendían tamén como “gremial y sindical” (cobre e aposta pola creación de montepíos, asociacións profesionais, a realización de congresos e a necesaria participación do Estado a través do “Consejo de la Cinematografía”) créase un “servizo de asesoramento xurídico” ás capas máis febles do sector cinematográfico que se reflicte en opinións e propostas recollidas nunhas editoriais da revista que, en temas legais, organizativos e económicos, non é allea a pluma xurídica do propio Paratcha que, como director, tamén desenvolveu unha sinalada atención á relación que na República comezaba a ter Galicia co cine de vangarda. A maiores de que el mesmo escribe un breve ensaio de título “El cinema y el teatro” (abril de 1935), de que convide a outro xornalista galego, Amadios, para que se responsabilice de entrevistas e artigos, e que moi na liña do que reivindicara en La Habana, anime desde as páxinas de Sparta a que Santiago de Compostela, coa súa rica historia e contexto, se convertese en inspiración dalgún dos ensaios dese novo cinema que se estaba a realizar en España, Paratcha bendí —ben é verdade que influenciado pola súa vangardista redacción— esas novas linguaxes cinematográficas ás que a súa revista sempre se mostrará atenta. Ofrece especial recepción á estrea de Homes de Aran, de Robert Flaherty (1934) e, enfiando con este filme, á obra de dous cineastas galegos como eran Carlos Velo e Antonio Román, que daban os seus primeiros pasos no cine. De Velo publica informacións sobre a estrea de Almadrabas (1934), mentres que de Antonio Román insire planas enteiras que saudaban e cubrían a filmaxe en Ourense (con resumo do seu guión e fotogramas do filme, incluídos) da iniciática e desaparecida Canto de emigración (1934).

No centro sentado con traxe claro, Vicente Paratcha durante a celebración do anual Día Cinematográfico en La Bombilla de Madrid, 1935.

Malia este esforzo e dinámica, no número 18, que se correspondía co 18 de xullo de 1935, anúnciase que Vicente Paratcha xa non dirixe Sparta. Unha editorial, a todas luces inspirada por Pedro Lagrava, avanza que á vez que se declara continuísta do traballo do director destituído —“no abominamos de nuestro pasado”— e coa etapa e contidos dos números en que o xornalista galego estivo á fronte, tamén se aceptaba que “no hacemos sino ceder a las sugestiones que venimos recibiendo de nuestros lectores, amigos y anunciantes”. Desde esa data e ese cambio de rumbo (que quizais agachaba unha crise económica interna), Paratcha xa non ocupará oficialmente a dirección de Sparta nin desenvolverá na empresa editora ningunha outra función.

Diplomacia no Perú, exilio e morte na Arxentina

Aínda a exercer responsabilidades na revista cinematográfica, en xullo de 1935 Paratcha firma unha petición de amnistía —xunto a un sinalado grupo de xuristas españois que, como el, se encargaran de defendelos— para os condenados á morte por conta da súa implicación activa na revolución de Asturias de outubro de 1934. En liña propiamente política, en xullo de 1935, ocupaba a primeira secretaría da Liga Española de Derechos del Hombre, entidade presidida por Roberto Castrovido, Diego Martínez Barrio e Augusto Barcia Trelles, e na que coincide coa tamén xurista Victoria Kent. Mais perdido o traballo xornalístico, xa sexa de forma voluntaria ou forzada, aquelas vellas relacións con Sánchez Albornoz e mais con Leandro Pita Romero (os dous acadaran o cargo de ministro de Estado na República), xunto ás influencias que tamén podía manter seu irmán Laureano, tamén ministro republicano baixo ao abeiro da ORGA, poderían estar detrás do nomeamento de Vicente G. Paratcha como diplomático, pensamos, coa chegada de Barcia Trelles ao ministerio de Estado nomeado polo presidente Manuel Azaña.

Pola súa experiencia previa nese país, a Paratcha escólleno para ocupar un destino na agregaduría cultural da embaixada de España en Lima. Un cargo que, despois da frustrada experiencia de Sparta, podería entenderse como un retorno triunfal e, sobre todo, un traballo exquisito e tranquilo pero que, como poucos anos antes coñecera na propia súa pel, lle conduce en nada a unha nova expulsión do Perú. Esta vez, desde unha comunicación oficial, baixo a acusación —a todas luces falsa– pola que se quería converter a Paratcha nun axente máis dos comunistas españois. O historiador e xornalista Fernando Borges Pérez e a poeta portorriqueña Concha Meléndez escribiron detalles da vida peruana e americana de Vicente Paratcha que, a salvo xa das intencións do mariscal peruano Óscar Benavides, será diplomaticamente acubillado polos servizos consulares de España no Brasil. Fatidicamente, este tampouco sería un destino en firme nin tampouco plácido desde o momento en que o levantamento militar en España contra a República conduce cara a unha longa guerra civil, que aos gobernantes brasileiros, a tomar partido de xeito claro por Franco, os impulsa a controlar en curto toda a acción diplomacia republicana no Brasil. O certo é que Vicente Paratcha —case en paralelo ao momento no que o seu irmán Laureano é detido en Verín e posteriormente condenado nun consello de guerra en Ourense a 12 anos de prisión— pasa a engrosar o amplo censo de exiliados galegos na Arxentina. O país onde se libraría dunha condena  en rebeldía, tamén a 12 anos de prisión, que por delito de masonería se lle impuxo en 1944 por parte do Tribunal Especial para la Represión de la Masonería y el Comunismo.

Afincado en Buenos Aires, como nas súas xeiras de Barcelona, La Habana ou Lima, o mundo empresarial non lle foi estraño desde a súa formación e experiencia en asuntos legais. Asentado e con traballo de prestixio, malia todo, en clave política coñécese a súa colaboración con España, órgano da Juventud Republicana de Punta Arenas, e tamén como exhibe socialmente a súa participación no parladoiro aberto no Café Richmond xunto a outros galegos exiliados. Algúns de Vilagarcía, arousáns ou amigos del desde a mocidade, como Mireia Dieste, Xermán Quintela Novoa, Luis Villaverde, Antonio Baltar, Rafael Dieste e Manuel Otero Acevedo. Anos despois faría outro tanto no tamén porteño restaurante La Casa de la Troya, xunto a Elpidio Villaverde, Castelao, Luís Seoane, Federico Ribas e o citado autor de Revoeira (xornadas propicias a confidencias e lembranzas), Xosé Núñez Búa.

Malia o seu rango directivo en La Franco Argentina, a empresa de seguros onde acadará unha contrastable estabilidade económica (na revista institucional deste consorcio escribe numerosos artigos especializados), Paratcha asume un dos discursos que na Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires se pronunciaron en 1956 nun solemne acto en conmemoración do Estatuto de Galicia de 1936. Tamén formou parte daquela elite exiliada que organizou e participou no I Congreso da Emigración Galega en xullo de 1956 e, en distintas citas e anos, impartira conferencias sobre a obra do Padre Feijóo e mais sobre Sebastián Martínez Risco, neste caso no Ateneo Curros Enríquez. En xesto solidario, participa na homenaxe ao xeneral Fernando Martínez Monge, xefe militar de Franco na campaña colonial do Rif, que se mantivo leal á República (morre no exilio en 1963), e que a prensa galega nun tempo anterior ao 36, saudaba como “xeneral galego”. Vicente Paratcha, que se afastou en Arxentina de toda relación crítica ou empresarial co cine, recibe o irmán Laureano, por un tempo tamén exiliado, reencóntrase con Pita Romero, Sánchez Albornoz e Barcia Trelles —os tres ex ministros de Estado, como el transterrados— e vincúlase á Agrupación de Intelectuales Demócratas Españoles. Con esta asociación, presidida polo seu amigo Sánchez Albornoz, firma en agosto de 1956 un manifesto-homenaxe para lembrar o XX aniversario do asasinato de Federico García Lorca en Granada. O nome de Paratcha súmase neste escrito aos de María Teresa León, Rafael Alberti, María Lejárraga, Alejandro Casona, Clemente Cimorra, Guillermo de Torre, Gori Muñoz e, en representación do exilio galego, aos de Rafael Dieste, Sánchez Guisande, Antonio Baltar e Eduardo Blanco Amor. Comprometido coa colonia exiliada (con algúns dos seus integrantes xa coincidira no Lar Gallego de Madrid en faladoiros galeguistas dos que Paratcha foi habitual en anos da República), responsabilízase da secretaría de AGUEA (Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas), a entidade fundada polos elementos máis activos e politizados da emigración galega. E xa conseguida a xubilación (no persoal, antes abrira unha nova relación con outra muller, Nelly Casco), abre residencia en Río Ceballos, nas serras de Córdoba, despois de ter vivido na casa duns familiares en General Pintos, unha cidade a máis de 300 km de Buenos Aires.

Os seus amigos escritores e críticos cos que compartira a aventura de Sparta pouco saberían do que acontecera co seu antigo director desde que este decidise marchar ao Perú e despois, exiliado, radicar na Arxentina. El, pola súa parte, coñecería quizais o mínimo do que acontecera con aquel prestixioso núcleo de escritores cinematográficos que acollera e dirixira nos anos 30. O seu xefe e amigo Pedro Lagrava Laplaza, de sempre afiliado ao PSOE, despois de ter cargos de moi alta responsabilidade nos servizos de información militar no período bélico 36-39, exíliase en México onde retoma o seu oficio de xornalista e de correspondente internacional. No mesmo país, e polo mesmo o motivo, recalaría Benjamín Jarnés. Aínda que este retornaría a España en 1948, na práctica para morrer. Pola contra, outro grupo deles acomodaríanse ou soportarían o franquismo. Así Augusto Ysern alternaría entre a poesía e a dirección de cine, e foi un dos homes que escribe nos anos corenta na revista Cine Experimental. Rafael Gil converteríase nunha figura de referencia do cinema máis achegado ao réxime nacionalsindicalista aínda que, desde a calidade formal dalgún dos seus filmes —en especial Camarote de lujo (1957)— soubo desprenderse dos máis rancios códigos dunha cinematografía oficial que albergaría, en distintos niveis e propostas, a outros nomes de da revista Sparta.

Foi o caso de J. G. de Ubieta, que será o coguionista da bélica e patrioteira Escuadrilla (1941) de Antonio Román, director de cine, produtor e decorador. Pola súa parte, Alberto de la Escalera acabaría converténdose nun coñecido censor franquista e, a subliñar o papel como historiadores, tanto de Manuel Villegas López, militar e cinéfilo, como de Luis Gómez Mesa, un retornado do exilio moi respectado pola permitida e nova crítica de Cinema Universitario, Nuestro Cine e Cinestudio, acadarían o máximo recoñecemento —moito máis o segundo— por investigacións que tanto contribuirían á historia do cinema. Circunstancias ben distinta vivirían César Arconada, morto no exilio en Moscova e figuras como Carlos Velo e Antonio Román, directores de cine, que, en clara solidariedade galega, Paratcha lles abrira mediante noticias ou entrevistas as páxinas de Sparta. Velo, exiliado en México, confirmaríase como un arraigado director de cine e Román –nos antípodas políticas de Paratcha e Velo– gozaría dunha ampla traxectoria no cinema realizado en plena Ditadura na que figuran títulos tan solventes como La casa de la lluvia e Intriga, os dous de 1943.

Unha das entregas de Sparta. Revista de cinematografía e a páxina dedicada ao filme Canto de Emigración do cineasta galego Antonio Román.

A poucos dos citados, eses homes de Sparta, lles chegarían en tempo real a noticia da morte en Arxentina do Paratcha exiliado. Vicente, na práctica cego (José Gómez Paratcha, seu sobriño, sería a fonte de Alberto Vilanova para este final), faleceu o 8 de xullo de 1961 en Río Ceballos e alí quedou soterrado. Ninguén ese día, ben seguro, lembraría que lle estaban a dar terra —americana— ao primeiro galego que dirixira unha revista de cinema.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s