Anxo Angueira: “Vai medrando na cabeza unha novela que quero escribir desde hai dez anos, pero moi pouco a pouco”

Anxo Angueira. EDUARDO RIVO.

Presidente da Fundación Rosalía de Castro, investigador universitario e sobre todo, escritor. Anxo Angueira visita a Biblioteca Íntima para falarnos dos libros que leu. Nas súas mans aínda cheira á tinta do seu último libro de poemas, Palmeiras, piueiros (Chan da Pólvora).

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

O primeiro libro que sei que tiven nas mans, pero que non entendía case nada foi o Hamlet, de Shakespeare. Era un libro da biblioteca da escola e eu andaba nos nove anos. Os primeiros libros que recordo ler foron Un mundo feliz, de Huxley e o Cantares gallegos, de Rosalía. Linos nun barrio de Bilbao onde estaba emigrado un meu irmán, que os tiña na mesiña do cuarto. Eu estaba alí de vacacións e aproveitei. Andaba nos trece anos.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Dous: o Coloquio dos 24 galegos rústicos, de Martiño Sarmiento, e O divino sainete, de Curros Enríquez. Foron enterrados polas historias da literatura canónicas.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Teño que pensalo moito.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Con Rosalía de Castro e con Valle Inclán. Pode ser?

E con cal, de entre as/os que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Con Dante tería as miñas precaucións.

Un libro recente que lle gustase moito…

Tres: O gran poema, de Constantino Bértolo, todos os pasos fan ruído, de Sara Plaza e 200 gramos de patacas tristes, de Juan Carlos Mestre.

Unha novela que non puido terminar…

Moitas. 

Que novela lle gustaría protagonizar?

Ningunha. A verdade, non me vexo e ningún papel.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Nunca tiven que reconciliarme coa literatura. Pero houbo algunhas que me deixaron marca nese sentido. Por exemplo La saga fuga de J-B, de Gonzalo Torrente Ballester, e Bretaña, Esmeraldina, de Méndez Ferrín.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Teño moitos, moitísimos pendentes. Os que máis me apetecen agora son G., de  John Berger, Diario dun escritor, de Dostoievski e os Papéis da Prisão, de Luandino Vieira.

Que libro lle gustaría ter escrito?

A min gustaríame escribir a novela que quero escribir desde hai máis de dez anos. Vai medrando na cabeza, pero moi pouco a pouco.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Ningún, desde logo. Nin meu nin de ninguén.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Non gasto nada diso. Agora que o penso, o certo é que utilicei durante un tempo as páxinas dos diarios que chegaban a min para escribir cartas. 

Escribirá as súas memorias?

Non sei, pero non creo. Desde logo non está nas miñas planificacións.

Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura?

Moitos. No principio, Xosé Luís Cristobo, que non publicou nada da poesía que escribía, e Bernardino Graña, que era o meu profesor no Bacharelato. Por eles chegaron a min Manoel Antonio, Camus, Meendiño, Ferrín, Pexegueiro ou Fray Luis de León.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Non. Ademais non lle vexo moito xeito a iso.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Non vexo cal. Hai os que non me interesaron nada, iso si.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Cabalgada na brétema, de Darío Xohán Cabana

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

En relación a Manoel Antonio, Amado Carballo.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

O Follas novas xa está pillado, que llo regalou Yolanda Díaz ó Papa. Daquela propoño un Con pólvora e magnolias ilustrado por Sucasas. Se puidese ser a primeira edición, xa case sería algo máis que afecto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s