‘O bosque do duque’, vellas mitoloxías para novas xeracións

Fran Fernández Davila.

César Lorenzo Gil.

O bosque do duque. ‘s-Hertogenbosch, de Fran Fernández Davila, aparece no catálogo da editorial Galaxia cun formato senlleiro, distinto ao da colección ‘Costa Oeste’ aínda que o seu miolo se corresponde coa maqueta habitual nesta serie xuvenil. A novela, de 220 páxinas, pódese considerar de fronteira, un auténtico libro infantoxuvenil.

A historia comeza no décimo aniversario de Sabine, filla de galegos emigrados nos Países Baixos, concretamente en ‘s-Hertogenbosch (ou Den Bosch), onde ela naceu e vive. Canda unha bicicleta coas cores nacionais neerlandesas, a nena vai recibir como agasallo un misterioso caderno que ninguén sabe de onde saíu. Sabine ten unha cuadrilla con máis tres amigos: Jeroen, Anja e Wilko, e todos acabarán por comprender que o caderno misterioso serve para abrir a porta cara a unha dimensión marabillosa onde vivirán aventuras, acompañados de diversos animais dos cinco continentes e outras figuras (algunhas mitolóxicas).

Esta novela podemos encaixala na tradición de grupo que deixa a súa vida cotiá para ter que salvar o mundo. O eco de historias como Momo, de Michael Ende, e a película The Goonies é explícito incluso na contraportada do libro. Podemos sumar tamén as referencias a As Crónicas de Narnia, de C.S. Lewis, A historia interminable, tamén de Ende ou as novelas infantís de Cornelia Funke. É unha obra de iniciación clásica, no que as aventuras teñen un perfil ecolóxico: de salvagarda da biodiversidade, estendida tamén ás linguas.

Fernández Davila é dos primeiros autores galegos que toma como protagonista unha nova galega, unha nena que en todo o libro se define como tal, aínda que naceu e se cría nos Países Baixos. Está moi ben definida esta nova emigración, moi diferente á que levou a mocidade a Europa durante as décadas dos 60, 70 e 80. Unha nova xeración polo xeral mellor situada socioeconomicamente, máis integrada no país de nacenza e acollida, con moita facilidade para manter os vínculos coa terra de orixe.

O bosque do duque está ben escrita, especialmente cando o autor mantén a consciencia dun lector infantil do outro lado. O problema é que durante algúns tramos da novela ese vínculo parece que se perde e o texto faise máis confuso, farragoso, máis sometido ás metáforas e ás referencias adultas, o que lle fai perder algo de pé. A iso tampouco axuda a estratexia dos diálogos, con menos acoutacións das necesarias tendo en conta a cantidade de voces que participan.

Mais cando Davila se cinxe ao seu primeiro obxectivo (o que está vizoso nas primeiras sesenta páxinas), o libro captura o interese mediante unha hábil intriga, un sutil costumismo e o xogo de espellos entre a plácida realidade dos nenos en Den Bosch e a maxia que os perturba e atrae.

A mensaxe moral mantense bastante a raia en case todo o momento, aínda que ás veces a tentación sentimental parece que vai comer a trama de aventuras, especialmente na vinculación entre árbores e palabras dignas de estar nalgunha antoloxía de El Español de “cien palabras gallegas que no conoces y que a tu abuela le encogían el corazón”. As figuras antagonistas, con todo, están bastante ben suxeridas e permiten que o lector complete o que le coa propia imaxinación.

Nunha obra con tantos personaxes que ademais interactúan todos xuntos nas mesmas escenas é complicado conseguir diferenciar as voces e, sobre todo, ser quen de desenvolver por completo os seus arcos. Mais esa é a aparencia deste libro, porque en realidade hai unha única protagonista, Sabine, amparada sempre por unha terceira persoa narrativa moi pendente dela, que trata o resto do elenco como un coro. Nese sentido, a personaxe de Sabine está moi ben construída.

Como curiosidade, ao inicio de cada capítulo aparece unha definición subxectiva dunha árbore. Foi unha boa idea porque á parte de aprendermos moitos datos interesantes, este dicionario opera como preámbulo simbólico da riqueza que está ameazada pola voracidade dun sistema económico que non repara en nada máis ca no beneficio. E recordan a aquilo que contaba Álvaro Cunqueiro que contaba Bertrand Russell de que cando soubo que o pexego viña da China e que xa na Antigüidade levaron de alí para Persia as carabuñas e que de alí chegaron a nós (pexego vén do latín persicu) entre os dentes dos lexionarios romanos, a Russell, primeiro, e logo a Cunqueiro, os pexegos tíñanlle mellor sabor.

♦ O bosque do duque. ‘s-Hertogenbosch, de Fran Fernández Davila. Galaxia, 2022. 220 páxinas. ♠13,40€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s