‘Léxico familiar’, o mundo ao redor de Natalia Ginzburg

Natalia Ginzburg.

Xesús González Gómez.

Unha das grandes escritoras (e escritores), non só italianas, senón europeas, do século pasado foi (é) Natalia Ginzgburg, de quen non hai moito Laiovento entregou en galego unha das súas obras máis coñecidas: Léxico familiar.

Léxico familiar narra a historia dos Levi de Turín, unha familia italo-xudía de clase media alta) e un amplo número de amigos, antifascistas todos. Mais se ben se pode considerar esta obra como unha novela, unha parte da crítica (e das lectoras/es) inclínase por considerala unha autobiografía novelada; en todo caso, e acho que atinadamente, nunca é considerada como unha novela autobiográfica, nin, por suposto, como unha obra de autoficción (a autora, tamén personaxe da obra, mantense nun segundo plano, mediante unha escrita en segundo grao –é dicir, con linguaxe irónica e falsamente simple–, algo do que foxen as denominadas «autoficcións»: saberemos do seu casamento con Leone Ginzburg, e do asasinato deste polos nazis: nunca dos seus amores con el; como saberemos das segundas nupcias con Gabriele Baldini, pero máis nada da súa vida en común). No fondo, a obra talvez se mova nun terreo en que se combinan autobiografía, novela, crónica e ensaio…

Se no inicio da obra aparecen a narradora e os seus familiares: o pai sempre bramando, os irmáns indiferentes ou pelexando entre si, a nai sempre friorenta e contenta, as criadas a mandar na nai, ela mesma…, a medida que se avanza na lectura, a medida que avanza a obra, o «léxico familiar» vai ampliándose e faino extensivo, como se dixo, a amigos e militantes desaparecidos ou non: Filippo Turati, Cesare Pavese, Feliz Balbo, Primo Levi, Giulio Einaudi, Adriano Olivetti…, figuras de primeiro ou segundo plano da vida italiana, que son mencionados cunha afectuosa familiaridade que os converte en amábeis, tal como aparecen a ollos da escritora; e o relato acaba converténdose gradualmente no retrato da Italia de inicios do século XX, da Italia fascista e da Italia en guerra: persecucións, asasinatos, escondedoiros, fusilamentos, prensa clandestina: todo se salva do esquecemento e da corrosión do tempo e da furia das augas mediante a linguaxe. Mais esa linguaxe, que dá a impresión de que para a autora é instrumento de revisión ética e obstinada testemuña da historia, e a linguaxe, o léxico, o vocabulario familiar. Vocabulario, léxico familiar que permite que a autora fuxa de toda grandilocuencia e que as evocacións, tanto de persoas como de institucións ou partidos políticos (Partido de Aziene grupo Giustiza e Libertà), sexan non sinxelos, senón simplemente austeras. E ao tempo descobre (nos) o quid misterioso que caracteriza esa entidade que chamamos familia –e dinos, sen dicilo expresamente, que cada familia ten o seu propio léxico familiar:

«Nós somos cinco irmáns. Agora vivimos en cidades distintas, algúns están no estranxeiro e non nos carteamos con frecuencia. Cando nos atopamos, podémonos mostrar uns cos outros indiferentes ou distantes. Pero abonda, entre nós, unha palabra, abonda unha palabra, unha frase, unha daquelas frases, ouvidas e repetidas infindas veces na época da nosa infancia e mocidade, ligadas de maneira indisoluble a esas frases, a esas palabras. Unha desas frases ou palabras abondaría para recoñecermos, entre nós, os irmáns, na escuridade dunha gruta, entre millóns de persoas. Esas frases son o noso barallete. O vocabulario dos nosos días pasados, son como os xeroglíficos dos exipcios ou dos asirio-babilónicos, o testemuño dun núcleo vital que deixou de existir, pero sobrevive nos seus textos, salvados da furia das augas, da corrosión do tempo. Esas frases son o alicerce da nosa unidade familiar, que subsistirá mentres esteamos no mundo, recreándose e rexurdindo nos puntos máis diversos da terra cando un de nós diga. “Eximio señor Lipmann”, e ao instante resoe nos nosos ouvidos a voz impaciente de meu pai: “Para xa con esa historia! A de veces que a ouvín xa!”» (p. 26-27).

Nesta obra, Natalia Ginzburg reconstrúe unha biografía directa, sen a ficción do relato, mediante lembranzas a eito, flash-backs que xorden. Mais é unha reconstrución suficientemente distante (non o distanciamento brechtiano, senón o que Antonio Gramsci denominaba afastamento-comprensivo), conseguida mediante unha intelixente ironía que atinxe tanto familiares e amigos como a ela propia, e a todo ese mundo que, de maneira case que imperceptíbel –xestos mínimos, palabras ás veces case insignificantes– a autora retrata. Retrata o mundo; ou talvez o mundo só sexa a réplica dos parentes e amigos que pululan pola obra, aos que retrata, mais tamén lles pon unha voz ademais dunha imaxe.

Mais cedo lectores e lectoras poden decatarse de que con eses xestos mínimos, esas palabras case insignificantes, Ginzburg mide a vida, se así se pode dicir, cun curto alcance que sinala paso a paso os pequenos feitos da existencia individual e dos enredos que esta tece, pero axiña nos decatamos de que xestos, palabras, pequenos feitos, etc., conteñen nada máis e nada menos que a densa experiencia cotiá da humanidade.

Este libro de Natalia Ginzburg, como todas as súas novelas, deixando de lado o seu tamaño «físico», debe lerse pouco a pouco. Morosamente. Sen présas, a media voz, tal como probabelmente foi escrito, porque a literatura da escritora italiana semella escrita a media voz, sen estridencias, con moita ironía e non menos afectuosidade: é a lección de Proust. Lección que se fai patente cando lendo non só Léxico familiar, senón eu afirmaría que toda a obra da escritora (sobre todo As voces do serán e Todos os nosos ontes), un ten a sensación de que se camiña á beira dun misterio que nada ten a ver cos feitos ou anécdotas da obra. En realidade, é un misterio que talvez de primeiras nada teña a ver coa literatura, coas «prácticas» literarias. É un misterio moito máis familiar. É como a intuición dunha tristeza que non se sabe de onde vén, nin que a produce: unha especie de melancolía do presente suscitada polas trampas vulgares que nos tenden os días e a memoria. Non podemos deixar de loar a excelente tradución de María Alonso Seisdedos, que sabe manter non só a linguaxe plana, a monotonía prosaica da frase, tirada, maiormente, da conversa cotiá sen pretensións do universo familiar, senón tamén manter o ritmo orixinal da obra –é dicir, o ritmo da lingua italiana– trasladado a un «dicir» galego.

♦ Léxico familiar, de Natalia Ginzburg. Tradución de María Alonso Seisdedos. Laiovento, 2022. 202 páxinas. ♠17,95€

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s