Se dubidas, non veñas. Cap. 1: A nova

Supermercado. ALEKSANDAR PASARIC/PEXELS.

Mercedes Martínez Modroño.

—A esta tía fáltalle unha fervura.

—Non sei nin quen é.

—A nova dos embutidos. A que vén cubrir a baixa de Santi. Xa sabes, outro virá que bo te fará. Queixabámonos do Santi, e eu creo que esta é peor.

Ole a croissant. Están saíndo do forno os que contan con vender a partir das once e media, cando o recreo do instituto. É un martes de abril, gris, perdido no medio dunha semana laboral na que a única novidade é a nova da carnizaría, a que acaba de saír do cuarto do forno cun comentario fóra de lugar sobre o lixeiras de roupa que están naquel espazo reducido. Un comentario que non vén a conto de nada, coma cunha coquetaría entre desesperada e impotente que introduce entre as compañeiras esa violencia da sospeita erótica. Un martes gris, nada novo na quenda de mañá, só esa risadiña como nerviosa, que lixeiriñas de roupa estades aquí, así dá gusto, eh?

E sen presentarse nin dar máis explicacións, sae empuxando un carro con xamóns.

—Pasaránselle as ganas da rexouba en canto veña a semana santa e aparezan os turistas, xa verás. A que vai andar lixeira vai ser ela. 

A que fala é Fina, a encargada da panadaría. A súa interlocutora, Olga, moito máis nova ca ela, veu por unha ETT e non ten gana de buscar leas neste choio que lle vén moi ben ata que non convoquen as oposicións. Fina non ten gana de estar calada, nin nesta situación nin en ningunha outra que se saiba, así que continúa: 

—É que non me explico como fan a selección de persoal, de verdade, non mo explico —continúa Fina—. Será tan difícil, digo eu, buscar alguén normal, nor-mal —Párase abrindo os brazos, mentres Olga, que ten que sacar os bolos para a tenda, espera inutilmente que a outra llos saque do forno—. Xente da que anda pola rúa, que non está mal da chota, nin se pasa bebendo, nin está todo o día dándolle ao caletre a ver como pode amolar os compañeiros.

Fina segue parada, cos brazos ben abertos, en actitude de proclama ou mitin, así que Olga decide sacar ela mesma os bolos do forno e levalos ao lineal, porque pasan das once e aínda faltan as napolitanas e as ensaimadas. Cando regresa, Fina xa enfornou mentres lles coloca as etiquetas da oferta ás bandexas que quedaron de onte.

—Estamos rodeadas de chalados —continúa Fina cunha ollada que case a atravesa, este súper é un puto manicomio—. Levo catro anos, e non sei por que, toda a xente que está mal da cabeza acaba traballando aquí.

Fina manipula as bandexas rapidamente mentres fala, coma se o seu combustible para o traballo físico fose a xenreira que nunca parece deixala tranquila, ata que se detén de súpeto, coma se obedecese o ditado dun mando a distancia psicofísico, e mirando en fite a Olga, aclara:

—Non me refiro a ti, claro.

Coma se o mando a distancia lle metese unha dose de empatía intravenosa e fose consciente do efecto que as súas palabras podían estar causando na compañeira que viña só por un traballo eventual. Unha compañeira que coñecera había apenas unha semana, e que ademais parecía boa rapaza.

—Xente normal, coma ti, así dá gusto traballar —engade.

Fina arranca en loas cando soa a alarma do forno e ela saca as pezas coas mans, evitando a queimadura a base de minimizar o tempo de contacto entre a súa pel e a masa aínda fervendo, coma se fixese malabares con cada unha delas, ignorando as manoplas de silicona coas que se supón que deben collerse. A Fina gústalle alardear de ser quen de sacar as pezas de repostaría do forno sen queimarse. Sabe que impresiona as novas.

Olga non di nada. Sorrí e leva como pode esta e outras treboadas entre o persoal. Concorda con Fina en que hai moita xente mal da cabeza neste espazo tan pequeno. Son sete empregados por quenda, unha superficie pequena na que segundo lle aseguraron na ETT, o ambiente de traballo era excelente e a remuneración por riba da media no sector. Érache boa. Iso xa o sabía Olga, igual que sabe que ten razón o seu home cando lle di que deixe estes traballos de merda e se dedique en serio ás oposicións. Isto pensa Olga mentres leva os bolos ao lineal e comeza a contar as pezas de pan que quedan na tenda e calcula cantas máis terán que enfornar antes do cambio de mediodía. Sabe que agora tócalle a limpeza rápida de media mañá, que entre todas as tarefas que ten asignadas é a que máis lle agrada, coma se fose unha danza sen música allea ao balbordo da clientela e ás cantilenas das ofertas das que, ao fin, conseguiu abstraerse completamente mentres manexa a mopa esquivando carriños e sorríndolles de cando en vez aos poucos clientes que ousan mirala.

—Xente normal, non coma esta tía que mira raro —di Fina—. E fixácheste no peiteado? Nunca tal vira, leva toda a caluga rapada, coma unha punki.

—Como se chama? —pregunta Olga, por rebaixar a violencia dos comentarios. Por dicir algo que interrompa o monólogo de Fina, e que non osixene aínda máis a súa lumarada.

—Laura, creo. Vitoria nin sequera tivo o detalle de ma presentar. Xa ves.

O traballo da panadaría está feito, Olga aproveita a ocasión que a mopa lle ofrece para evadirse da diatriba segura que Fina está a punto de iniciar contra a encargada. Quizais o seu home teña razón, poderían prescindir destes cartos e ela podería pasar as mañás preparando a oposición, aínda sen saber se as convocarán este ano. Se non fose porque sabe que se fica na casa dedicará máis tempo a cociñar, a manter o cuarto de baño en perfecto estado de revista, a limpar os cristais do salón de cando en vez, e a desfacer as moreas de roupa dos sofás. Non está trasladando bolos do forno ao lineal tres veces ao día para gañar uns cartos cos que ir amortizando a hipoteca: a danza da mopa e as súas reflexións ordénanlle as ideas na cabeza. Está alí porque prefire soportar acotío a desorde das moreas de roupa, o baño tapizado de cabelos, os vidros floreados de manchas de tempo e as ceas rápidas de supermercado, a ter que quedar na casa e encargarse de todo iso. 

Esta Laura, a da carnizaría, é de certo un pouco estraña. Pero ela prefire considerala orixinal ca desequilibrada. Quizais o universo mental de Fina e as súas definicións de normalidade non toleren a máis mínima desviación, así que nin intentou suxerirlle que a caluga rapada non é unha etiqueta identificadora de desequilibrio mental. Pero é certo que a tal Laura, a que acaba de coñecer no forno, parece unha persoa das que dan que falar.

Hoxe por fin comezou a chover despois desta primavera tan seca. É unha boa nova: de seguro a súa irmá xa está facendo plans para ir aos cogomelos, que parecían imposibles só dúas semanas atrás. Vitoria, a encargada, chámaa para indicarlle que hoxe deberá asegurarse de que o chan se manteña o máis seco posible. Cáelle ben Vitoria. E mellor lle cae a instrución de pasar máis tempo na que soe ser unha ocupación cotiá de apenas dez minutos. Desde detrás da mopa, a superficie do supermercado ten outro aspecto. Dálle a sensación de que termando dun utensilio de limpeza unha vólvese, en certo modo, invisible. Como se a xente que se cruza con ela vise antes a mopa (ese mastro insignificante que comanda un rectángulo silencioso) ca a ela, ou coma se quen a toca quedase convertida tamén nun obxecto, nunha especie de mobiliario itinerante que se move silandeiro procurando non amolar. Gústalle esa sensación. Observa a nova sorríndolle a un cliente dos que preguntan por todos os prezos e ingredientes do xamón antes de pedir cincuenta gramos —en lascas mooooi finas, por favor— para deseguido repetir a operación con varios queixos e un lombo que finalmente nin compra, mentres a empregada aténdeo coma se non soubese da fila que se está formando. Polo menos dez persoas ollando atónitas a diferenza entre o número do pequeno tique que ripan do carrete e os números vermellos que amosa o monitor das quendas. Olga pensa que a Laura gústalle o traballo, ou, polo menos, está gozando desta nova ocupación. Faino ben. E todas saben que a o posto dos curados e embutidos pode ser moi duro se te colle sen experiencia. O comentario no forno foi inadecuado, si. Pero non é razón para falar mal dunha compañeira, pensa Olga. 

O resto da mañá tócalle axudar no almacén, coma todos os martes. Acaba de chegar o camión da central e hai que repoñer. Traballan con alegría. Con esa alegría de traballadores que só pretenden pasar o día o mellor posible. Non ten razón Fina ao falar tan mal dos compañeiros, pero ela é así, seica non ten amaño. Fóra chove coma se toda a auga que tiña que ter caído no mes de abril acordase de súpeto chegar á terra, tanto que a choiva baleirou as rúas do barrio e chega con ter unha soa caixeira. Os poucos clientes que entran a estas horas, normalmente concorridas, son os que chegan en coche. O aparcadoiro vaise enchendo, o que significa que en media horiña van ter apuro, polo de agora poden aproveitar a novidade deste ceo gris e da pequena tregua que trae a xornada. 

 Foron corenta e cinco minutos de trebón. Nada máis escampar, a encargada reorganiza o persoal. Olga e a súa mopa teñen que atenuar a desfeita de pés mollados e paraugas que mollarán o chan, as caixeiras ocupan os seus postos e todos entenden que acabou a paz cando non falta nin media hora para rematar a xornada. 

A fila nos embutidos segue medrando, reforzada pola clientela que acaba de chegar a pé tras a choiva. Sen perder o sorriso, Laura atende agora unha familia que lle pide tres euros de mortadela e dous de salchichón, coa mesma solicitude que se lle estivesen preguntando por unha peza completa de cecina de León. Definitivamente, cáelle ben. Xa á altura da peixaría, empurrando desde detrás un contedor repleto de leite de todas as clases e cores, crúzase con Fina, que lle fai un aceno de desprezo cara á Laura, apenas un lene movemento de cabeza no que Olga le toda a ladaíña de insultos que a cabeza de Fina cospe ininterrompidamente ata que o contedor chega ao lineal do leite. Fina xamais permitiría que se lle formase unha fila así. Espabilaría os pedidos como espabila as pezas recén saídas do forno. Fina enumeraría, se tivese audiencia disposta a iso, todo o ben que ela levaría o posto na carnizaría, e Olga sábeo, e por iso se deixa conducir polo mango da mopa a augas máis tranquilas, o corredor dos produtos de limpeza, onde non é probable que o veleno de Fina a alcance. Faltan cinco minutos para a fin da xornada, hora de volver ao almacén para irse cambiando.

Aquela noite tivo co seu home a primeira discusión das moitas que seguirían, porque non lle deu nin tempo a avisalo de que non a esperase para xantar. En canto traspasa as enormes portas plásticas que separan o almacén da tenda, penetra no pánico que domina alí dentro a causa dunha rata, ao parecer enorme, que saíra correndo ao levantar un palé de galletas. Os compañeiros da quenda da tarde están cambiándose xa, así que unha lea de xente, que sabe que non pode berrar para que os clientes non sintan balbordo, corren espantados tratando de pillar o animal. Pasa media hora longa ata que conseguen levalo para un recanto no fondo, coma cazadores paleolíticos cercando un mamut, para ver como o bicho desaparece por un burato ata daquela ignorado por todo o mundo, xusto á beira do portón traseiro do edificio, a entrada das mercadorías. 

Aquela noite foi a primeira vez que rifaban na casa. O seu home só cociñaba as fins de semana. Por iso cando chegou a xantar e non a atopou na casa nin lle collía o teléfono, en lugar de mirar ben na neveira, onde ela deixara raxo adubado metido nun cacharro baleiro de xeado, a ira fíxoo baixar á estación a comprar un polo asado. Non quixo entrar en razóns cando ela lle explicou que despois do episodio da rata foi cando entrou a nova dos embutidos ao vestiario e, presa dun ataque de pánico polo suposto olor a xofre que inequivocamente, segundo ela, sinalaba a presenza dun dragón, a obrigara a ficar con ela durante case dúas horas ata que se sentiu capaz de regresar soa.El nunca a creu. Ou se algunha vez o fixo, foi para reprocharlle que lles dese pábulo a historias de tolas sobre dragóns. Moito tripi, sentenciou. O caso era que a Olga caíalle ben Laura. E inesperadamente, en lugar de lle dar a razón a el e apuntarse á opinión maioritaria do persoal do supermercado, a saber, que a esta muller lle faltaba unha fervura, negouse a probar os restos do polo asado e porfiou en que no vestiario, tendo bo olfacto, cheiraba a xofre.

Advertisement

8 comentarios en “Se dubidas, non veñas. Cap. 1: A nova

  1. Penso que foi boa idea comezar o cap dandolle o peso da narracion a Fina e despois irlle pasando o protagonismo pouco a pouco a Olga. Unha xogada intelixente.

    Modularía un pouco mais a voz do narrador, por exemplo, cando di:
    “Hoxe por fin comezou a chover despois desta primavera tan seca”, parece unha frase propia dunha personaxe, non do narrador. Ou se é unha frase de Olga, mellor deixalo mais claro.

    En xeral penso que é o capítulo mais solido dos que lin ata agora. A narracion en presente acáelle ben. As personaxes están ben definidas, é un bo punto de partida para contar calquera historia. Estará o segundo capítulo á altura?

    • Moitas grazas! Deches na diana coa suxerencia, sempre teño dificultade en aclarar quen di que. Revisareino. A ver o que me sae no segundo…

  2. Aproveito esta caixiña na que non vou comentar o meu capitulo para escribirvos a todas: Parabéns, estou impresionada por todo este talento e por todo o que xa albisco que podemos aprender aquí. E pola boa idea desta iniciativa.

  3. Paréceme moi orixinal que o escenario sexa un supermercado e moi logrado todo o detalle das diferentes tarefas que se describen, froito, seguramente, da observación.
    Desfrutei lendo este primeiro capítulo e, non teño nin idea de por onde pode transcorrer a historia, se a Laura é unha tola ou realmente sabe de dragóns.
    O que si che digo, Mercedes, é que cando vaia ao supermercado vereino todo doutra maneira; as vivencias particulares e as interaccións do persoal van aflorar nos meus pensamentos.
    Gústame esa reflexión de Olga sobre a súa decisión de ir traballar alí, complementada coa discusión co marido. Pon de manifesto o papel da muller no fogar e que a corresponsabilidade aínda está en camiño.
    Como a narradora é unha das empregadas, a historia comunícase cunha linguaxe da rúa, da que usa a xente no seu día a día, o que non impide construír un argumento e artellar a trama que nos levará ao seu desenvolvemento nos seguintes capítulos.
    Tes expresións moi logradas (e simpáticas) polo que evocan no lector: “xente que non esté mal da chota”, “este super é un puto manicomio”, “por iso se deixa conducir polo mango da mopa a augas máis tranquilas”, “coma cazadores paleolíticos cercando un mamut”:
    Gustaríame saber algo máis de Laura. De momento so a vemos a través dos ollos das súas compañeiras. A ver que pasa …

  4. Pois teño sentimentos encontrados con este primeiro capitulo de “Se dubidas, non veñas”.

    Por unha banda intenta cousas que me parecen moi interesantes, a nivel de técnica narrativa. O narrador que vai como buceando na procura das personaxes, cambiando o foco en función do seu interés, como se fose omnisciente pero só do que ten diante en cada momento. É certo que hai momentos que isto dá lugar a un pouco de inconsistencia narrador/personaxes, que xa se apuntou arriba, pero é unha técnica difícil que se fai con bastante boa man. Tamén me parece unha decisión moi interesante a de ir coñecendo a que parece será a personaxe principal, Laura, de maneira oblicua, por referidos, o que opinan os demais, tamén me parece unha forma menos habitual pero potente de xerar “hype” sobre unha personaxe.

    O que pasa é que a min a parte da descrición do supermercado en xeral, aburriume un chisco. Entendo que quere ser realista e transmitir a idea do rotineiro pero, para min polo menos, acaba sendo demasiado, sinto en varios momentos tentación de ir para adiante, buscando as referencias ás personaxes que é o interesante. Entendo que a descrición e ambientación cumple tamén unha función de suministro de información, para que non pareza todo acelerado, pero non sei, quizais é demasiado e un capítulo máis curto funcionaría mellor. Como contrapunto a isto, o final volveu despertar o meu interese, que saia por fin o dragón e o elemento fantástico, a posibilidade do Dragón, devolveume á novela e fíxome quedar con gana de ver se sigue máis por aí o segundo capítulo.

  5. Este texto usa unha técnica semellante á do primeiro capítulo da novela de Guillermo Rodicio. A idea, entendo, é presentar unha situación banal prolongada que despois dea lugar unha revelación final. A partir de aí, introdúcese o estraño ou sobrenatural. Funciona moi ben, e de feito penso que é de louvar que esa revelación non sexa efectista; está magnificamente introducida.

    Mais é certo que o que acontece antes pode facerse un bocado lento. Talvez unha suxestión inicial, que ben pode recuperarse aquí e acolá no texto, axudaría a que quen le tome o cotián como unha pantalla que está a velar algo intrigante. Algo así, en calquera caso, axudaría a atraer a atención.

    Outro recurso que podería vir ben é, por así dicilo, xirar a rosca da esaxeración ao máximo. As interaccións cotiás e as súas tensións son unha materia moi interesante, mais tamén é unha que vivimos todos os días. Para que nos resulte nova, levar até o extremo as súas disputas, sentimentos ocultos e rarezas pode ser unha ferramenta eficaz. Dito claramente: botei en falta algo máis de histrionismo.

    Sexa como for, bo primeiro capítulo!

  6. Foi un dos que máis me gustou porque paréceme xenial o uso dunha situación tan cotiá para volvela literaria. A literateratura haberá de inmiscuirse en tódolos recunchos da vida e esa é a súa maxia, penso. Tamén, como apuntaba Lois, gústame que se vaian pasando o protagonismo das personaxes.
    Penso tamén que é complicado atopar esa cousa que enganche con situacións tan cotiáns, sen unha trama tan “apaixoante” nun primeiro momento, pero aí está o reto.
    Parabéns Mercedes, pouco maís que engadir, teño ganas de ler o segundo.

  7. Paréceme un punto de partida moi interesante que a narración comece no supermercado, e tamén que a personaxe de Fina, onde a narradora pon a nosa mirada, lévenos ata Olga. Algunha descrición pode parecer longa, pero a min sitúanme no lugar da acción perfectamente.

    Dáme a impresión de que poderían ser dous capítulos máis curtos, algo que tamén me pasou con algún outro primeiro capítulo.
    Dragóns no hipermercado, Terror nos ultramarinos… Pode funcionar ben se está ben escrito. A proposta polas personaxes parece adulta, pero aínda non teño claro se para mais maiores ou mais novos.

    Nun par de ocasións custoume un intre saber de que personaxe estabamos a falar. E nos parágrafos finais da discusión co marido, coa repetición de Aquela noite, fíxoseme algo abrupta. Pero en liñas xerais gustoume moito.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s