Samuel Solleiro: “Stefan Zweig, á parte de caerme mal, non me gusta como escribe”

Samuel Solleiro.

Aínda que el mesmo diga que non se dedica á literatura, Samuel Solleiro publicou narrativa e poesía e foi o encargado de traducir ao galego obras de Mary Shelley, Louise Glück ou Marcel Schwob, entre outras. Membro do grupo Ataque Escampe, nesta entrevista cóntanos da súa biblioteca máis íntima.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Con debuxos, La oca loca, de Gloria Fuertes. Sen debuxos (ou con debuxos anecdóticos), probablemente Cuentos escritos a máquina de Gianni Rodari (tradución de Esther Benítez) ou Las aventuras de Jim Botón y Lucas el Maquinista de Michael Ende (tradución de Adriana Matons). En galego, o primeiro creo que foi O dragón das catro cabezas de Antoniorrobles e Montserrat Ginesta (tradución de Xavier Senín).

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Badlands, de Oakley Hall; Maxia para principiantes, de Kelly Link; os alucinadísimos diarios de Léon Bloy.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

O mestre e Margarita de Mikhaíl Bulgákov, por exemplo. Cando nun libro pode pasar absolutamente calquera cousa en calquera momento é coma se non pasase nada nunca, e resúltame moi aburrido. Tampouco me interesan moito as alegorías, en xeral.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Non me vexo moito de festa con escritores, salvo que os coñeza xa de antes. Se non, tería moita vergoña e pasaríao bastante mal.

E con cal, de entre as/os que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Ía dicir Stefan Zweig, pero non serve para responder a pregunta: ademais de caerme mal tampouco me gusta como escribe.

Un libro recente que lle gustase moito…

Ultimamente estiven lendo sobre todo libros sobre música. Por dicir unha novela, Desierto sonoro, de Valeria Luiselli (que tamén é un libro sobre música até certo punto).

Unha novela que non puido terminar…

Os irmáns Karamázov, de Dostoievski. Empeceina a ler no confinamento, lin un terzo ou así e estábame gustando, pero a tradución que teño parecíame horrible. Como en teoría ía ser pouco tempo, púxenme a esperar que abrisen as bibliotecas para coller outra versión. Cando por fin abriron, xa pasara demasiado tempo e esquecera ese terzo que lera. Nada disto é culpa do libro en si.

Que novela lle gustaría protagonizar?

22/11/63, de Stephen King.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Non sei se se deu algunha vez unha situación que me obrigase a reconciliarme coa literatura. Como lector creo que sempre me levei razoablemente ben con ela. Con todo, gústame cando, de cando en vez, en épocas de ler de forma fragmentaria, aparece unha novela que non che dá tentacións de pasar a outra cousa. Unha foi O segredo, de Donna Tartt, hai tres ou catro anos.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Hai tempo que encabeza a pila Middlemarch, de George Eliot. Quero de todo corazón que me guste e voume poñer moi triste se non é así, por iso nunca chega o momento perfecto para empezar.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Patos, Newsburyport, de Lucy Ellman.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Das librarías xa deberon desaparecer case todos. Das bibliotecas, mal que me pese, non debería desaparecer ningún. Dito isto, a día de hoxe dos libros que escribín só me interesan dous, O mundo dos vivos e Gran tiburón branco. Cos que traducín son máis benévolo, podo salvar máis ou menos todos.

Leva vostede un diario ou un dietario?

Por épocas intenteino. Agora só anoto algúns soños raros que teño.

Escribirá as súas memorias?

Creo que xa as escribín, nun libro de poesía que se chama O mundo dos vivos.

Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura?

Non me dedico á literatura.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Cada vez teño máis tolerancia polos libros que non me gustan e podo coexistir con eles sempre que non os teña que ler. Con todo, creo que foi particularmente daniña toda a tradición do malditismo e a autocompaixón tipo Bukowski e similares; talvez iría por aí o mergullo.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Bretaña Esmeraldina, de Méndez Ferrín, polo que comentaba antes das alegorías e porque me dá vergoña responder isto con evasivas.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Case todos os de Méndez Ferrín que non son Bretaña Esmeraldina; Casa pechada/Cativa en su lughar,de Luz Pichel; Os seres queridos, de Berta Dávila.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Case sempre saco proveito de ler clásicos galegos; se non me interesan literariamente, adóitame gustar lelos por motivos sociais, culturais, lingüísticos ou o que sexa. Abúrrenme un pouco os trobadores medievais, seguramente porque a distancia cronolóxica é excesiva e dificulta esa lectura etnográfica.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

A cociña galega, de Álvaro Cunqueiro.

Advertisement

Un comentario en “Samuel Solleiro: “Stefan Zweig, á parte de caerme mal, non me gusta como escribe”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s