Invitación para coñecer a Claude Cahun. A propósito dunha mala novela

Claude Cahun.

Xesús González Gómez.

Fozando na biblioteca do barrio, dou cun libro cuxa portada me «soa», así que o collo e miro os «paratextos»: contraportada, lapela, etc. A portada soábame porque é unha foto (un auto-retrato) de Claude Cahun, a escritora e fotógrafa surrealista «descuberta» máis de trinta anos despois do seu pasamento. O libro que, finalmente, levo para casa, é unha novela titulada Nadie más que tú, de Rupert Thomson, un escritor inglés do que descoñezo todo, publicada no 2019 por Galaxia Gutenberg. A trama (sic) da obra é a novelización dos amores e aventuras e desventuras de dúas mulleres: Lucy Schwob, máis coñecida polo pseudónimo de Claude Cahun, e a súa compañeira Suzanne Malherbe, que asinaba as súas obras como Marcel Moore. Como que un é un féru do surrealismo deixo o que estaba a ler e entro nesta novela, que pouco a pouco vaime aburrindo cada vez máis. Porque a novela non é nada. Da vida apaixonante e apaixonada destas dúas mulleres, o autor, demasiado correcto politicamente, non sabe tirar o zume necesario para facer unha novela cando menos lexíbel. E ademais, son dos que pensa que cando se coloca nunha obra de «ficción» un personaxe real, os feitos e as palabras deste deben ser mais verdade que unha acta notarial, polo que os «excursos» adoitan ser perigosos, por moi verosímiles que poidan ser.

A novela está narrada en primeira persoa por Suzanne. E imos sabendo da vida de Lucy Renée Matilde Schwob, nacida en Nantes en 1894, filla de Maurice Schwob –propietario do xornal Le Phare de la Loire– e de Mary Antoniette Courbebaisse, é sobriña do escritor Marcel Schwob, autor de Vidas imaxinarias, A cruzada dos nenos, O libro de Monelle e outros. A nai de Lucy é ingresada en 1898 nun psiquiátrico parisiense. En 1906, durante a revisión do proceso Dreyfus, Lucy –como xudía que era– foi agredida polas compañeiras de colexio, polo que a retiraron do liceu para pasar a estudar nun pensionado inglés. Con quince anos volveu a Nantes e iniciouse na paixón amorosa que durou toda a vida por Suzanne Malherbe –as familias eran amigas. Comeza a colaborar no xornal do pai á vez que a tenta o suicidio; en 1916 escolle o pseudónimo de Claude Cahun, apelido da avoa materna. Cando o ano seguinte seu pai casa coa nai de Suzanne, as dúas mulleres van vivir xuntas, e en 1918 inscríbese na Sorbona, sección de letras, á vez que colabora en La Gerbe e Le Mercure de France, ás veces co pseudónimo de Daniel Douglas, homenaxe a Alfred Douglas, o compañeiro de Oscar Wilde.

A medida que avanza a novela, a pesar de certas confusións espazo-temporais, imos sabendo da obra (escrita) de Claude. De como coñece a Philippe Soupault, mais non se integra (era nos inicios dos 20 do século pasado) no grupo surrealista, daquela aínda dadaista. Coñecen outros escritores: Henri Michaux, Francis Carco, etc. Suzanne, sen lle dicir nada a Claude, vai visitar a André Breton e na casa deste coñece a Robert Desnos –co que anos despois ambas ligaran unha fonda amizade, e coa muller deste, Youki–, René Crevel e outros e é testemuña dunha «sesión de soños», polo que co paso do tempo se decata de que talvez viu nacer o surrealismo, etc., no que non se integran, pero que admiran e mesmo comparten o «marxismo» romántico de Breton. (En realidade cando nace (sic) o surrealismo, de marxismo, nada de nada: tardarán pouco mais dun ano en se interesar por este. Como tampouco, malia o que se le nesta novela, e nalgúns manuais, sabían moito de Freud e o freudismo.) En 1932 tanto Claude como Suzanne coñecen a libreira Yolanda Oliveiro –grande amiga de Luis Buñuel– que na novela non aparece por parte ningunha, e pasan a militar na Asociación de Escritores e Artistas Revolucionarios, organización «apartidaria» do Partido comunista francés, e da que naquel momento formaban parte os surrealistas. Este mesmo ano coñece a André Breton e lígase progresivamente co grupo surrealista. Cando estes rompen co Partido Comunista francés, e fundan, con Bataille, ContreAttaque, Cahun e Suzanne forman parte do grupo. Nesta novela de Rupert Thompson lese: «Cuando Breton se peleó con Georges Bataille –siempre se estaba peleando con alguien, parecía–, nosotras le ayudamos a formar una nueva escisión llamada Contraataque» (!!!). Breton e os surrealistas romperon con Bataille e así se desfixo ContreAttaque, que non era escisión de nada, senón reunión de dúas tendencias: surrealistas e batailleanos, que acababan de abandonar Critique Communiste, a revista do disidente comunista Boris Souvarine. As frases reproducidas en castelán días Suzanne, pero quen llo pon na boca é o escritor inglés, que debeu ler mal a excelente biografía de François Leperlier (Claude Cahun. L’écart et la metamorphose, París, Jean-Michel Place Éditeur, 1992; Leperlier ten escrito diversos volumes sobre a fotógrafa e escritora surrealista), o gran recuperador de Claude Cahun. Cando os surrealistas abandonan ContreAttaque, Cahun e Suzanne acompáñanos. En 1934 publica o panfleto, Les paris sont ouverts (Admítense apostas), contra a poesía «comprometida» e a favor da poesía surrealista; o panfleto está dedicado a León Trotski. De 1933 a 1939 colabora en diversas revistas surrealistas ou surrealizantes, ilustra con fotografías libros de poemas, responde enquisas, vai vivir, definitivamente, á illa Jersey, con Suzanne. En 1939 adhírese á Federación Internacional da Arte Revolucionaria e Independente, fundada por Breton e Trotski. En 1940 os nazis invaden Francia e Jersey, desde o primeiro momento as dúas amigas optan pola «resistencia activa». Durante catro anos levan a cabo un traballo de contra-propaganda e desmoralización cara ás tropas de ocupación. En marzo de 1943, Claude sofre un primeiro interrogatorio por parte da Gestapo. O 25 de xullo de 1944 as dúas son arrestadas pola Gestapo e conducidas a unha prisión militar, a súa casa arrasada e pillada polos nazis, moitas das súas obras destruídas. Claude tenta, máis unha vez, suicidarse. O 16 de novembro de 1944 son condenadas a morte pola corte marcial alemá. Rexeitado o indulto, benefícianse, con todo, dun aprazamento da execución da sentenza. Serán deportadas a Alemaña, mais, entre tanto, chega a capitulación e o 8 de maio de 1945 son liberadas da prisión de Saint-Hélier. Cedo torna a tomar contacto con Breton, Michaux, e novos surrealistas, mais a saúde reséntese e con ela a súa actividade. De 1946 a 1949 realiza diversos autorretratos, tenta escribir unhas memorias, quere deixar Jersey para se instalar en París. En 1951 concédenlles a ambas a «Medalla de prata do recoñecemento francés» pola súa actuación na Resistencia. En 1953 pasa un mes en París, acode as reunións dos surrealistas, mais a saúde continúa mal. Torna con Suzanne a Jersey, perturbacións oculares, renais, pulmonares. Morre o 8 de decembro de 1954, por paro cardíaco, embolia pulmonar, no Hospital de Saint-Hélier. Suzanne morrería, suicidaríase, o 19 de febreiro de 1972. Estes son algúns dos trazos biográficos dunha vida, en verdade, apaixonante. Trazos debilmente «tratados» nesta decepcionante novela.

Ou talvez non se estea diante dunha novela, mais tampouco é unha biografía, nin mesmo estamos ante un híbrido de novela e biografía: o que estamos a ler non é senón un deses biopic, neste caso semi-bipoic, realizados con demasiada présa e, ademais, con ganas de se lucir, de aí que chegue un momento en que o produto se alonga demasiado, porque o autor coidou que había que dicilo todo cando en realidade non está a dicir nada. Finalmente, sexa o que for o produto, este é decepcionante. Decepcionante porque aqueles «puntos», ou temas, que podían facer deste semi-biopic unha novela apaixonante, como a vida destas dúas mulleres, e apaixonada, como debería ser calquera escrito sobre Cahun e Malherbe, son tratados de pasada; tratados simplemente como mera información. Serían estes dous temas a fascinación polo suicidio por parte de Cahun e, segundo informa a voz narrativa, é dicir, teoricamente Suzanne Malherbe, a relación, os sentimentos, que cara a Breton sentía Claude Cahun: estaba namorada del ou, simplemente, fascinada? Velaí un «misterio» que non resolve este biopic e, por suposto, tampouco Leperlier nos seus escritos sobre a fotógrafa. Estes dous temas (sic), á parte do sentimento amoroso que sentían as dúas mulleres unha pola outra, e nos que, ao meu parecer, Thompson non afonda, puideron sen puntos de apoios para argallar unha boa novela. Sen esquecermos o sentimento, non sei se en certo modo, na novela (?), magnificado polo escritor inglés, xa que é un «tema» que «vende», ou real en Cahun, da súa condición de xudía, que, como dixemos, padeceu dende noviña na súa propia carne. Aínda que, non nos enganemos e non enganemos a ninguén: a arte (sic) de Claude Cahun non é nin unha procura da identidade xudía nin tampouco da identidade de xénero. Para as artistas vangardistas dos anos 1920-1930 – e antes– a arte debía traerlles dúas cousas: a liberdade e mais a liberdade sexual. Procurar outras cousas nelas é confundir os desexos coa realidade. Confundir os anos 2000 cos anos 1920-1930 e, por suposto, tratar esas (e eses) artistas como meniñas que non saben nin o que son nin o que procuran e, ademais, pasarse a historia, e os denominados «contextos», polo forro daquel sitio. No fondo, outra caste de machismo e de paternalismo, aínda que poida vestirse de reivindicación progresista etc. E as/os artistas e escritoras/es xudías daquelas décadas, consideraban, con razón ou sen ela, que a súa incursión na arte as/os liberaría das cadeas do antisemitismo, como moi ben dixo no seu día a escritora (xudía) norteamericana Barbara Prost Solomon… e, ademais, como din ou dicían en Castela, «no hay más cera que la que arde».

Nadie más que tu é unha obra á que axiña se lle ven as costuras por todas as bandas[1]. Unha obra escrita por un home, sobre dúas mulleres máis ou menos coñecidas, cunha vida publica e privada máis que interesante; mulleres, ademais, escritoras, artistas, esquecidas ou dadas de lado durante moito tempo, etc. É dicir, un tema, para producir unha novela dirixida directamente a un público feminino, hoxe público lector maioritario, pero que non engade nada non só á narrativa contemporánea: cousa sempre difícil, senón ao que se sabía sobre estas dúas mulleres, a quen este biopic non fai xustiza, non podía facela, debido á súa calidade literaria. Porque, isto é literatura? No sentido máis amplo do termo, si; como é literatura os miles de toneladas de papel que explican historias sabidas e esquecidas até o infinito. Non é literatura como o son as grandes ou pequenas obras que conseguen, a través da ficción, iluminar(nos) algún recanto da conciencia. Os responsábeis de Galaxia Gutenberg, no canto de publicar esta obra, se querían publicar algunha cousa sobre Claude Cahun e Suzanne Malherbe, ben puideron traducir a biografía que de Cahun escribiu François Lepèrlier. Ou se non a biografía, calquera dos libros sobre a fotógrafa escritora argallados por el. Ou, porque non?, traducir Confidences au miroir, unha autobiografía, inacabada, de Claude dedicada a Suzanne e que viu lume por vez primeira no 2002, en Claude Cahun, Écrits, edición presentada e estabelecida por François Leperlier (Jean-Michel Place éditeur), e, de paso, engadirlle o escrito Le muet dans la melée, que trata da ocupación de Jersey polos nazis e da vida de ambas mulleres durante ese tempo, escrito inacabado e iniciado en 1951, aparecido por vez primeira no mencionado volume. Non foi así, que lle imos facer. Non obstante, poden lectora e lector galegas aproveitar a única tradución que de Cahun existe, que saibamos nós, nunha lingua peninsular: Confesiones inconfesas (Aveux non avenus), vertidas ao castelán por Cristian Crusat e publicadas o pasado ano pola editorial Wunderkammer, selo cuxo catálogo recomendamos encarecidamente. Como recomendamos o catálogo da exposición Cahun do IVAM Valenciano, así como a biografía e pequena escolma da fotógrafa e escritora realizada por Esther Soto Vila e Gonzalo del Puerto: Claude Cahun. La aventura invisible (Biografía no autorizada), Madrid, Prisa noticias, 2019. En verdade, as artistas surrealistas deben ter algún maleficio, porque cando argallan novelas nas que elas son «protagonistas», estas –as novelas– deixan moito que desexar, como, por exemplo Leonora, da escritora galega-universal Elena Poniatowska, obra en que se «noveliza» a vida de da pintora e escritora surrealista Leonora Carrigton. Novela moito mellor que Nadie más que tu, pero novela que no fondo rebaixa a obra da Carrington para facela heroína de non sei que.

♦ Nadie más que tú, de Rupert Thomson. Tradución de Vicente Campos. Galaxia Gutenberg, 2019. 400 páxinas. ♠23€


[1] Sinalemos que o autor incorre en diversos anacronismos (Claude explícalle a Suzanne unha anécdota de Kafka; o problema é que lla explica nos inicios da década de 1920, cando Kafka era daquela en Francia un perfecto descoñecido, etc.); ademais, como bo inglés, é un pragmático, e todo o que está escrito en prosa que non sexa prosa de pensamento ou ideas, ou tratados de historia ou ciencias, é novela: Un certain Plume (poesía), de Henri Michaux é considerado como unha novela; Nadja, de Breton, «ídem de lienzo» etc.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s