A Espada do Metal: 2. A invocación

Espada/ONE LUCKY GUY/FLICKR.

Lois Z.

Peste e os seus lugartenentes Rabia e Guerra chegaron os primeiros. Trouxeran con eles a gaiola de aceiro que contería aquel perigoso ser extraplanar. Fixeron espazo no medio da vella sala de torturas, correron as cortinas e prepararon o material.

―Poñédevos en grupos de tres ó redor dese signo blasfemo pintado no chan ―ordenoulles Peste ós corenta demos segundo foron entrando.

Guerra puxo un vinilo marcha atrás no tocadiscos para crear ambiente. Os demos formaron trece grupos de tres e un de un.

―Agonía, ti sempre dando o cante. Ponte no grupo de Aberración ―Amañou Peste―. Veña! Ide vestindo as sotanas que estamos a piques de comezar.

Agonía botou as mans á cabeza. Esquecera a sotana de ritos impíos na casa.

―Voume pór perdido de sangue e ácidos!

―Pois apandas, hihihí… ―riu Aberración―, e para a próxima aprendes.

―Ide lendo o guión, que axiña comezamos ―pediu Guerra―. Se alguén non o ten que o vaia recoller, deixei copias na incineradora. Cando queiras, Peste.

Peste agardou uns intres vixiando o reloxo de man ata que deu a hora indicada.

―Atención todos, comezamos! Primeiro hai que drenar o sangue dos morcegos e ratas. Coidado que teñen a tiña. Si, sen anestesia, teñen que estar ben espertas. Agora tendes que… Agonía! A rata non é para xogar, espíchaa no cadro de disección e pon a sotana. Continúo. Tendes que facerlle un corte transversosaxital de orella a orella. Collede as tesoiras aaaasí… coidado coa vesícula biliar. Só necesitamos o fígado, vedes? Si, o resto podédelo levar para a casa se queredes. Vertédeo con coidado no bote coa… Non che dixen que puxeses a sotana, Agonía? Como, que non a trouxeches? Tómaste a broma os esforzos que aquí estamos facendo todos. Non, non pestanexes, sempre fas igual. Viches que alguén máis a esquecera? Ata Nugalla a trouxo. Cando vas madurar, Agonía? Que pasa, vas chorar? Agora vas chorar? Anda, vai e colle unha daquel colgadoiro. En fin. Vertede o fígado licuado no bote coa solución Ringer para demoxenizalo. Mentres se centrifuga a baño sangría, prepararemos a solución de luciferasas. Antes hai que facer unha curva patrón.

―Non se pode estimar a ollo?

―Por suposto que non! Como vas medir a concentración a ollo? Collede o sulfúrico. A disolución nai téndela aquí. Mans á obra. Ei, ti, como me pipeteas coa boca! Parece mentira, a estas alturas… A concentración de luciferasas ten que ser exactamente de 666 molar. Si, queda un pouco espesa. Ó acabar acordádevos de lavar todo o material con auga contaminada.

―Isto non está ben rasado ―comentoulles Perfeccionismo ós seus compañeiros de grupo.

―A probeta está perfectamente rasada ―contestoulle Traizón.

―Pero se o miras desde aquí vese que te pasaches un pouco.

―Pois mírao desde outro lado.

―Creo que o vas ter que repetir.

―Xa sabía eu que ía ter que matar alguén hoxe.

―Atención! ―pediu Peste―. Achégase o derradeiro paso do ritual. Un demo de cada grupo terá achegarse e axitar a mostra coa man esquerda en sentido antihorario. Témolo que facer todos á vez, de acordo? O resto atendede ó que vos diga Rabia.

―Agardade, agardade! ―Agonía traía ó trote a súa cubeta.

―Como é posible que sexades os últimos sendo o único grupo de catro? Guerra, lanzaches a protección contra o ben?

―Lancei.

―Seguro?

― Se che digo que si é que si.

Peste iniciou o pomposo rosario da invocación. Dos tubos de ensaio deu en saír un espeso vapor branco que inundou a sala de torturas.

―Mesturade o sangue dos mil infectados! ―berrou Rabia―. Acendede a destiladora infernal! Traede o símbolo do Caos Eterno! Subide a música!

Os acólitos infernais ciscaron ó aire o contido das cubetas, que voou tal que unha manda de morcegos doentes pola sala ata introducirse no interior da gaiola, onde se produciu unha explosión tremenda que non saía no guión.

Ó pouco os demos comezaron a asomar de entre os cascallos do edificio.

―Aaai. Aaaaai. Menos mal que levabamos postas as sotanas de protección, eh.

―Cala, Agonía, cala. Es máis pesado ca eu que sei.

―Que golpe, hihihí, ai, que golpe… ―doíase Aberración.

―A min xa me parecía que estaba mal rasado aquilo.

―Onde está Peste? A ver se lle foi pasar algo…

―Que-que-que-que desasssstre… ―dixo Pánico mentres observaba o que quedaba da vella sala de torturas. 

―Oíde… cando entramos non había ningunha cama na torre, non? ―preguntou Rabia.

―Non, non había. Por que o dis? ―preguntou Guerra, que non se daba erguido sen o caxato.

―Pois… porque estou vendo unha.

―Que? Onde?

―Alí. Onde estaba a… gaiola.

―Polos nove infernos, é certo! ―xurou Guerra. E acabouse de erguer dun chouto.

―Agardade! Non vos movades… ―murmurou alguén.

―Peste! Que pasa?

―Shhhh…! Non o escoitades? ―insistiu o alto demo encapuchado sinalando a misteriosa cama―. Está roncando.

―Cal é o procedemento estándar para estes casos? ―preguntou Avaricia.

Por máis que folleaba para diante e para atrás, non topaba nada no protocolo que sopesase esa situación.

―A ver ―improvisou Peste―, co ruído que fixemos aquí é preciso que vaiamos a outro lado. Non tardará en chegar algún veciño curioso e como nos tope con todo este enredo…

―Ai, ai, ai que nos van levar presos! ―tremeu Agonía―. Estamos condenados!

―Vaiamos á miña casa, é aquí cerca e teño un cuberto moi grande detrás ―propuxo Envexa.

―Perfecto! ―decidiu Peste―. Os do grupo de catro, collede a cama un por cada pata. Rabia, Guerra, vós vide tamén. O resto volvede á casa, así chamaremos menos a atención. Marchemos de aquí.

Peste, Guerra, Rabia, Envexa, Agonía, Autoodio, Aberración e Pánico deron un rodeo polo camiño sen asfaltar que levaba desde as ruínas da vella sala de torturas ata a casa verde. Oito demos en traxe de ritos impíos trotando nos bicos dos pés de madrugada, catro deles cunha cama ó lombo. Resultoulles difícil disimular cando se atoparon cun veciño que sacara a pasear o seu imp a esas horas da noite. Agonías pensou en irlle pedir explicacións. Parecíalle sospeitoso.

―É aquí ―anunciou Envexa abrindo unha cancela―. Ide entrando no cuberto. Acomodádevos, acomodádevos.

Pousaron con coidado a cama. Quen a ocupase durmía coma unha pedra. Envexa acendeu unhas luces.

―Listo, jefe ―avisou Autoodio fregando as lumbares―. La botamos allí al lado del canastro.

―Apartade, vouno espertar ―rosmou Peste.

Sacou un chaparro de carballo que collera polo camiño e achegouse ó durminte. O suposto paladín repousaba barriga arriba e lucía un gorro de felpa cor branco cun pompón azul na punta. Peste chuzoulle un pouco o costelar a ver que pasaba. Os outros demos miraban con grande interese. O humano protestou entre soños e deu media volta. O portador do ramallo volveulle chuzar, desta vez nunha orella, con idénticos resultados.

―Parece mentira, home, parece mentira ―Rabia quitoulle da man a póla de carballo―. Agora verás como se fai.

Rabia berrou con ira e deu un salto para coller impulso. Zoscoulle a aquel ser convocado un chaparrazo tremendo na cara con todas as súas forzas. O humano ergueuse dun chimpo e quedou de pé enriba da cama ollando apampado ó seu redor. Levaba posto unicamente un camisón de tea gris e o gorro de felpa.

―Mira que es besta, Rabia! ―rifoulle Peste. Aclarou a voz e dirixiuse ó atordado humano―. Saúdos, ouh gran paladín. O meu nome é Peste. Eu e os meus compañeiros invocámoste aquí para implorar a túa axuda.

―Pero… onde? Onde están as paredes do meu cuarto? É igual, xa o descubrirei despois. DE MOMENTO VOUVOS MANDAR A TODOS Ó INFERNO, HAHAHA!!!

―Mirádeo, hihihí, se nin sequera ten unha arma ―comentou Aberración. 

O humano deulle unha patada á almofada e agarrou unha espada de gran tamaño que gardaba debaixo. Despois encarou aquel demo que non paraba de rir.

―E agora que, especie de ORCO?

―Mirádeo, hihihí, ameázanos cunha espada e nin sequera sabe que non nos pode facer nada porque estamos protexidos contra o ben, hihihí…

Sen pararse a analizar aquelas palabras, o humano rebandoulle unha orella a Aberración.

―Ai, ai, hihihí, que pasou? Hihihí, creo que me vou desangrar.

―Mecache na mar! ―protestou Guerra―. Cómo es tan parvo, Aberración? Cando viches que botase a protección AQUÍ, no cuberto de Envexa?

―Re-re-re-cordade q-q-que aínda que nos mu-mutile todas as extre-tremidades e nos fff… e nos fff… e nos ffffaga perder o coñecemento coa dor non nos ma- non nos ma- non nos ma-! Porque sssss… porque sssss…. porque sssss…!

Guerra apresurouse a buscar no misal de ritos escuros algún feitizo que os axudase a controlar a situación mentres o resto de demos tentaban reducir o humano.

Rabia conseguiu desarmalo a cambio de perder un dedo dunha dentada. Aberración ríase sen control, tanto que lle doían os abdominais. Agonía saíu fóra tomar o aire.

Foron Autoodio, Rabia e Envexa quen o inmobilizaron ante os aliviados ollos de Peste. Finalmente Guerra logrou lanzar un sortilexio e o humano deixou de remexerse.

―Vale, parece que todo está ben… Creo que xa podedes soltalo ―comentou o vello diaño cerrando o misal―. Agora atenderá a razóns.

―O carallo vinte e nove! ―exclamou Rabia, que seguía aplicándolle unha chave ó prisioneiro―. Xa me arrincou un dedo e agora tócame a min quitarlle un brazo!

―Non! O feitizo desfaríase se alguén lle fai dano ―advertiu Guerra―, así que garda ese machete. E ti, Aberración, deixa de rir e vai a ver se che poden enxertar esa orella.

―Quen sodes? Que… queredes de min? ―preguntou o humano finxindo estar afectado pola maxia.

O paladín xirouse e comezou a borboriñar cara a si mesmo.

―Que fas, narrador? Estás descubrindo a miña argucia diante de todos!

―O humano parece confuso ―observou un demo.

―Debe ser o magic lag.

―Atópaste ben? ―preguntou Guerra.

―Si, si. Que sucede aquí entón? ―cambiou de face o humano.

―Precisamos a túa axuda ―dixo Peste.

―De acordo. Pero antes de nada gustaríame saber onde estou.

―Verás… estás… estás no inferno.

―Home, o sitio non é moi bonito, pero tampouco diría que…

―Que si, que si, que isto é o inferno e nós somos demos! ―rematou Guerra con decisión―. Mira, mira, temos ás membranosas que nos saen do lombo! Dedicámonos a roer almas dos mortais e atormentalas por toda a eternifffmmm… mnmm..!

―Poderíase dicir que cumprimos un labor imprescindible no ciclo do fluxo da enerxía vital e… ―Peste trataba de amañalo tapándolle a boca ó seu senil compañeiro.

―Non pode ser! Nin sequera vos parecedes ós seres infernais que saen no compendio de monstros ―O paladín pechou os ollos con forza―. Intento descrer!

Cando os abriu, os demos aínda estaban alí.

―Señor paladín ―chamou a súa atención Peste moi serio―. Isto non é ningunha ilusión. Fuches convocado para realizar aquí un servizo. Tras o cal, serás liberado.

O humano sentou na cama. Notábase canso e un pouco aparvado, coma cando participara naquel concurso de chopos. A espada aínda xacía tirada no chan tras o rifirrafe de antes. Quitou o gorro de felpa e pousouno sobre a colcha.

―Entón… sodes demos? ―Mantíñase sorprendentemente calmo.

―Si.

―Demos do inferno, non é iso?

―Pois non podemos negalo, non.

―As almas dos mortais agonizan aquí para toda a eternidade?

―Iso é, iso é. Ímonos entendendo ―comentaba Peste, que se empezaba a animar ó ver a boa reacción que estaba a ter o paladín―. Escoitarás o que queremos pedirche?

―Claro, claro, dime en que podo axudar ―respondeu o humano ó tempo que lle botaba unha visual á porta do alpendre.

“Carai, non foi tan difícil como parecía”, matinou Peste. Xirouse cara a Guerra e fíxolle un xesto erguendo os dous polgares con xúbilo. Daquela algo estraño sucedeu: Guerra miraba cunha expresión de terror algo por riba do ombreiro de Peste, na dirección onde estaba o paladín. Acto seguido o vello diaño moveuse cara arriba a gran velocidade ou… Non, non era iso, era el quen se movía, cara abaixo. Todo lle deu voltas durante uns segundos ata que puido ver desde o chan o seu propio corpo decapitado ante el. Aquel falsísimo humano recollera a súa espada cunha reviravolta e rebandáralle o pescozo dun tallo.

―Hahahaha! Ilusos, estaba a finxir para descubrir a vosa verdadeira natureza! Os paladíns somos inmunes ós encantamentos! Hahahaha! E agora acabarei contigo ―ameazaba o humano achegándose a Guerra.

―Como lle tiraches un encantamento, vello senil ―exclamou a cabeza de Peste desde o chan―, tiña que ser unha protección!

―Eu, eu, foi coas présas… ―trataba de desculparse o aludido.

―Como é posible que aínda esteas vivo, maldita criatura? ―comentou o paladín erguendo a súa espada con intención de baixala sobre aquela cabeza falante. 

Nese momento algo o suxeitou por detrás: era o corpo decapitado de Peste.

―Nós somos inmortais, humano do carallo! Pero ti non! ―chiaba a cabeza sen corpo.

O paladín fixo un rápido movemento co que se soltou da presa e correu cara á saída do cuberto. Topouse de fronte cos outros demos, que se achegaran alertados polo ruído. Aberración ía diante e foi o primeiro que atrapou un espadazo do humano. Partiuno en dous pola liña da cintura.

―Ai, hihihí, que me caen os intestinos!

―Non hai maneira de matar estes bechos! ―maldixo o paladín, que corría sen rumbo perseguido por Agonías e Pánico.

―Encarriládeo cara ó Abismo Infinito! ―propuxo Envexa―. Alí non terá escapatoria.

―Co-co-co-corre, Agonía, co-co-co-corre, que xa-xa é teu!

O fuxitivo esquivou a placaxe de Agonía cun hábil salto, pero non aterrou sobre terra firme. Entre a escuridade da noite e a altura dos toxos, o humano non vira que diante del había un barranco, e vaia barranco: era o Abismo Infinito por onde acababa de caer. Ou case. Cando os demos se achegaron ó bordo atoparon o paladín amarrado coas dúas mans dun ramallo seco. A espada foi dando laios de metal Abismo abaixo ata que se perdeu nas tebras.

―Semella que os paladíns infravisión non tedes ―dixo con sorna a cabeza de Peste, ben sostida baixo o seu sobaco―. Agora si que imos negociar coma xente civilizada. Que alguén vaia buscar a Perxuro para que tome boa nota de todo o que aquí se diga!

Perxuro era un simpatizante do Movemento, coma moitos outros demos que, sen asistir ás reunións secretas e sen querer arriscarse a sufrir a ira do Maligno, apoiaban a Peste nas súas horas libres. Cando chegou traía bata, pantuflas e cara de poucos amigos.

―Que escándalo é este? ―farfullaba o escribán―. Aínda me hei de meter nunha lea por vos axudar. Home, Peste, que che pasou, rapaz?

―Nada, non te preocupes ―afirmou a cabeza de Peste―. Traes os papeis?

―Por suposto ―afirmou Perxuro sinalando o pequeno maletín negro que levaba sempre con el―. De que se trata esta vez? Necesitas escravizar unha alma mortal? Firmar unha condena perpetúa de sufrimento e  dor?

―Si, un contrato de traballo estándar.

―Ahá… ―O notario abriu o maletín e apoiouno nun dos seus xeonllos, despois sacou un folio e un bolígrafo, quitoulle o capuchón cos dentes e comezou a falar de novo―. A femfo far…? ―Cuspiuno―. Temporal ou indefinido?

―Temporal.

―Obra ou servizo a realizar?

―Arrebatarlle ó Maligno a Espada do Metal.

Perxuro mirou a Peste estrañado.

―Xa cubriremos o resto máis tarde ―atallou o decapitado.

―Como queiras. Onde está o suxeito?

―Aí mesmo ―Sinalou Peste co polgar detrás do seu ombreiro.

―Onde dis?

―Achégate un pouco e xa o ves.

O notario foise arrimando con cautela ó bordo do Abismo. Mirou de esguello e non viu nada. Indignado, volveuse cos brazos apoiados nas cadeiras.

―Non será unha broma das vosas, eh?

Daquela notou como algo lle agarraba un pé. Do susto case se lle varre o xuízo. Baixou a mirada e contemplou o rostro máis espantoso que xamais vira. O paladín, bastante cabreado e envolto nunha noxenta aura de pureza, colgaba ameazante amarrado a unha xesta.

―VOUVOS ASAAAR!!!

Perxuro botou un berro que xa lle gustaría a Pánico e púxose a golpear no humano co seu maletín coma un energúmeno. Peste e Rabia botáronse a el deseguido.

―Quieto, Perxuro! Que nolo botas a perder!

O maletín deixou de rebotar na cabeza do guerreiro cando lograron calmar o asustado notario, a quen lle batía o corazón no peito con dobre bombo.

―FILLO DE SATÁÁÁN!! ―bufaba o paladín alí abaixo.

―Ai o que tendes aí! Polos nove infernos! É un paladín humano!

―Si, e é noso ―respondeu Rabia orgulloso.

―Que ides facer con el? É mellor que o deixedes onde o atopastes.

―Ti escribe o contrato, o resto é cousa nosa.

En menos do que agoniza un galo estaba redactado o infernal documento. Só faltaba a firma do humano.

―E saberá firmar? ―preguntábanse os demos.

―NON FIRMAREI NADA!

―Non? Prefires quedar aí ata que che fallen as forzas e caias ó Abismo Infinito.

―SI!

―Si? Veña, pois marchamos, rapaces ―dixo Peste chiscándolles un ollo ós demais―. Imos invocar outro paladín máis razoable.

Deu varias pisadas no chan diminuíndo a intensidade para simular que se afastaba de alí. Autoodio non se decatou da xogada e marchou de certo. Ó pouco, este tropezou con Aberración, que seguía tronzado pola metade e se fora arrastrando ata alí desde a casa de Envexa. Agonizaba entre gargalladas.

―Que, Aberración, como te partes, eh?

Os demais imitaron a Peste.

―Era un perdedor ―dixo Rabia ben alto seguíndolle a corrente a Peste.

―En realidade nunca me caeu ben ―afirmou Guerra tamén.

―ESTÁ BEN, ESTÁ BEN, MALDITOS MONSTROS DO AVERNO!! FAREINO!!

―Entón firmarás?

―SI!

―E axudarasnos?

―SI!

―Perfecto ―interveu Perxuro―, cal é o teu nome?

―Jhonante Inzo Novelle de Chimpeira Hernea e Outense.

―Jo… nan… ―escribía Perxuro―. Jhonante… Que máis era?

O paladín notou que o ramallo comezaba a ceder.

―JhonanteInzoNovelledeChimpeiraHerneaeOutense! Acaba dunha vez, orco!

Empezaban a caerlle areíñas na cara.

―Inzo… Con z e sen h?

Xa se lle vían as últimas raiciñas a aquela xesta.

―Pon só as iniciais! JINCHO!

―Jincho. De que grupo sanguíneo es? Para a firma.

―Non pertenzo a ningunha desas vosas seitas impías!

―Usaremos o cero negativo.

Perxuro sacou do peto unha estilográfica e colocoulla a Jincho entre os dentes con máis medo ca coidado.

―Firma aquí. E aquí. Poñemos o selo infernal e listo. Esta copia é para ti, humano. Xa o podedes subir. E agora eu marcho, non quero saber nada máis disto. Adeus!

Rabia tendeulle unha man que o paladín aceptou, non sen reparo.

―Grazas, Perxuro ―Peste xirou a cabeza cara ós seus compañeiros―. Agora cada un para a súa casa. Avisade a todos de que mañá a primeira hora hai asemblea xeral.

―Pepepero que ffffacemos co-co-con el? ―preguntou Pánico sinalando a Jincho, que estaba alí de pé enfurruñado de brazos cruzados.

―Que o leve algún de vós á súa casa pasar a noite ―suxeriu Peste―. Xa non nos pode facer mal ningún. É o que teñen os paladíns; sonvos xente moi legal.

Os demos deron un paso atrás.

―Ningún voluntario? ―Peste paseou a mirada polos que aínda estaban alí. De repente, sorriu―. Agonía, tocouche.

Advertisement

7 comentarios en “A Espada do Metal: 2. A invocación

  1. Parabéns. Lois. Estou que me troncho con Aberración ao meu carón.
    Si que nos levas ao inferno, pero estes demos non son o que eu pensaba; algo torpiños e pouco rigorosos, e cun toque moi humán que ata fai pensar que queren parecer malos sen seren.
    Sorpréndesnos en cada paso da historia. Nada é o que se espera. E tes un montón de ocurrencias brillantes: o paladín con gorro de felpa, o do sangue cero negativo, o vinilo ao revés, o de subir a música como ingrediente do ritual…
    Perdeuse neste capítulo o toque de crítica social que vin no primeiro. Estou segura de que reaparecerá.
    Encántanme estes mundos de ficción e moit máis con gargalladas.
    O camiño do teu proxecto é excelente.

  2. Encántame! Noraboa , neste si entendin todo moi ben. O da música ao revés encantoume, pero creo que o mellor é a fala de Autoodio!. É coma se os personaxes se foran perfilando mellor.
    Resultoume cómico, e por suposto moi ben levada a acción, xa estás metido na narración e no que irá a pasar a continuación.
    Lamento non poder dar suxerencias, non se me ocorre como melloralo.Admiro a imaxinación que amosa o texto, a ver que sucede despois…

  3. Bo segundo capítulo quen mantén o ton e as virtudes do primeiro. As personaxes van collendo máis e máis identidade, non tanto porque saibamos cousas novas delas, mais porque os seus trazos persoais -incluso lingüísticos- se van repetindo. Mencionara antes Gaiman e Miéville, mais penso agora tamén no Hércules animado de Disney, e digo isto como un cumprimento grande. Talvez por iso bote en falta a fisicalidade exaxerada de Pánico e Agonía. Dado que o autor opta por unha narración moi cinematográfica, a min gustaríame que a descrición do aspecto deses demos tivese máis protagonismo. Que non fose (só) a voz o que as define, en fin.

    Sinto que non teño moito que dicir desta entrega porque todo funciona moi ben. O personaxe coral dos demos está bordado, como tamén o paladín que é demasiado paladín. Dado o punto de partida, a acción segue soa como se tivese vida propia. E dá a sensación de que todo vai continuar polo mesmo (bo) camiño.

    Cousas que criticaría: levamos dous capítulos e aínda que a trama foi avanzando seguimos practicamente na escena inicial, como se o narrador gravase un plano secuencia. Nada intrinsecamente negativo, mais ese ritmo tan demorado resulta rechamante nunha ficción que aínda que de modo paródico, entronca coa fantasía épica. Vou botando de menos unha mudanza de escenario que aproveite para facer algo de elipse e acelerar un pouco os acontecementos.

  4. Moitas cousas me gustan disto. Por unha banda, a grande imaxinación de Lois na contrución das personaxes, que se mantesñen consistentes malia seren moitas. Os diálogos entre elas tamén me parecen xeniais, porque hai un equilibrio moi bo logrado entre as acotacións que se poñen despois (dixo, desculpouse, afirmou, bufaba…) e os que non as teñen, o que fai que a lectura sexa rápida e fresca, nun bo sentido.
    Tamén a incursión do xénero humano, que ben seguro será o fío que poor unha banda nos leve polo camiño da historia, e que tamén será unha anclaxe á realidade fantasiosa da novela.
    Teño moitas ganas de seguir lendo xa que me parece que hai moita cohesión entrámbolos capítulos,
    parabéns Lois

  5. ainda faltan 2 persoas por comentar, pero tampouco vou dicir nada do outro mundo. Ë certo que neste capitulo non hai critica social (máis aló de que continua a mesma historia co mesmo fondo), non me resulta facil engarzar en cada capitulo algo que denunciar sen ser repetitivo. Pero si, volverá.
    É certo o que di Pablo sobre as descripcions. Mais adiante xa falarán diso as propias personaxes da novela. Resultame mais interesante o que sinala sobre o “plano secuencia”. Aquí si que vexo algo a estudar e mellorar, o ritmo pódese resentir se a narracion continua asi, como “en tempo real”. Isto é algo co que terei que loitar. Neste 3º capitulo xa publicado non puiden modificar nada e entendo que me pode penalizar ese continuismo tan apegado a cada movemento das personaxes, pero haberá sorpresas no 4º con ese tan pedido cambio de escenario. Espero que non chegue tarde, pero non podía por loxística metelo antes.
    Como xa dixen noutro post, está claro que todos ou case todos imos necesitar edicion cara atrás para adaptar os primeiros capitulos ós que vaian saindo. Sexa por estilo, por enfoque da narracion, por cambios argumentais ou porque un ve simplemente que a algunha pasaxe lle cómpre unha reescritura.

  6. Súmome aos comentarios positivos dos compañeiros, é un segundo capítulo moi moi bo, que sigue coas cousas boas que se sementaron no anterior.

    O esencial, que é que me faga graza, está moi logrado, hai varios golpes que aterran moi ben, algúns xa tan pronto feitos sobre as bases xa postas de como funciona o mundo, cousa ben difícil e que se consegue. Tamén me gusta moito o ritmo do diálogo, que é tan acelerado como precisa esa personaxe coral dos demos.

    Sobre o tema da personaxe coral, teño un pouco máis de dúbidas sobre en que capítulo sería aceptable que sigan aparecendo chistes de nomes novos de demos. Neste por exemplo cando sae Perfeccionismo case me pareceu un pouco que o personaxe estaba ao servizo do chiste e non vice versa. Non ten por que ser algo malo, pero ten un punto surrealista co que hai que ter coidado, que non acaban sendo como “one liners” sen continuidade. Neste sentido, o caso contrario de Aberración e Agonías parémece moi ben feito.

    A nivel estrutural, seguindo co que comenta Pablo do plano secuencia, creo que vén un pouco derivado polo ton tan teatral que ten todo. Sigo comparando o proxecto coas novelas de Pratchett, sinto se é inxusta hahaha. Coméntoo porque visto agora ao abeiro deste proxecto, entendo moito mellor por que Pratchett conta as súas historias apegado a un personaxe central que seguimos en todo momento, sendo os seus escenarios que se darían tamén moi ben a un punto coral como o que propós. Penso que serve un pouco para dar o punto de conexión ao lector co mundo estraño onde nos colocamos (recurso clásico non só da fantasía), pero tamén serve como un mecanismo de control de ritmo, que tende a ser ultraacelerado. Como hai un personaxe áncora, sempre hai sitio para que nun momento ese personaxe teña unha reflexión interna, un monólogo, ou un lapso fóra de tempo onde se nos conta o que fai de maneira menos directa, e iso serve para acompasar o ritmo, que non sexa todo sempre tan ultrarrápido.

    Non sei, quizais aquí a chegada do Paladín podía funcionar como un (doble) capítulo de prólogo, e o seguinte comezar cun foco xa máis posto no paladín, que podía cumprir esa función. Comento só como proposta, non ten nada de malo explorar o formato teatral-coral, e de feito valoro moito iso como punto distintivo do proxecto. Son comentarios sobre o que se gaña e perde con estas escollas.

    Voume facer unha infusión ao baño sangría.

  7. O capítulo 2 é puro teatro, e a min gústame ler teatro, mais a algunhas persoas pode cústarlles atender tantos diálogos e non perderse entre personaxes. As pullas entre os demos funcionan moi ben, pero todavía non vexo moi claro ao paladín, inda que el emprega un tono máis formal e os demos máis coloquial. Supoño que en vindeiros capítulos saberemos máis del.

    Como achega, nalgún diálogo penso que é innecesario explicar fora del a cara ou estado de animo das personaxes, a propia acción e as propias palabras xa nos están a suxerir ese estado.

    Parabéns!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s