Os corpos fráxiles: Capítulo II

Rúa da Fonteiriña, Allariz.

Sofía Fernández.

A historia da miña avoa é, irremediablemente, a historia dos meus avós, que se coñeceron nas festas da vila meses máis tarde de que miña avoa comezase a dar clase no instituto. Escoitei de nena moitas veces como, baixo un candil e un par de mantas do chao, a avoa chegou a sacar o exame, igual ca o seu pai e as súas irmás. Ao principio, miña avoa pensaba do avó que era torto, e que era baixiño e que tiña nos beizos unha especie de fatiga forzada, que se expresaba máis ao sorrir. Pola contra, cando meu avó falaba dela só facía gabala, malia que despois ela sempre apuntaba que, en realidade, el pensou que estaba “ancha” e que tiña o pelo demasiado groso, e a pel un tanto escura. Pasaron semanas coñecéndose e indo ao río polas tardes. A ela, miña avoa, que sempre ía soa, custoulle un  chisco afacerse a ter unha persoa coa que compartir aquilo que sempre facía por si mesma, adoitar o seu hábito ao outro. Meu avó, ademais de cazar, pescaba, e moitas veces cando pasaban por unha das beiras máis fondas, el sempre lle pedía se podían parar, que  quería meter os pés e logo as mans e esculcar a ver se acaso pasaban as troitas por alá ou esa non era boa zona. Meses máis tarde, os meus avós fóronse vivir xuntos, a un piso pequeno  que o alcalde puxera para familias con poucos ingresos. Miña avoa ensinaba Matemáticas no colexio e pasaba os días axudando os rapaces a calcular. Meu avó tiña co seu irmán unha ferraxaría na Fonteiriña, unha rúa na que agora hai unha tenda de marca no canto da súa, pero que por moitísimos anos vendeu cravos, ferramentas e madeira no canto de pezas de roupa.

O meu avó marchou facer o servizo militar a Chaouen, unha vila ao norte de Marrocos á que tardou en chegar unha semana desde Ourense. Eses anos miña avoa pasounos soa, agardando, rezando e chorando. Foron moitas as noites nas que escribía cartas    e lle pedía ao Señor que por favor “coidase do Luís”, que alá onde estiver non pasase fame, nin miseria, nin medo.

Despois dun ano, meu avó volveu a Galicia sen ningún tipo de ferida, nin física nin mental. Volveu con ganas de montar unha familia, de ficar en Allariz por moito tempo. Recuperou o seu posto na ferraxaría, que coidou co seu irmán ata xubilarse. Logo naceu o meu pai, as miñas tías. Os meus avós tiveron catro fillos porque lles pareceu un número aceptable de bocas ás que alimentar. Por aquel tempo, os pisos  de proteción ampliáranse, e no canto de optar soamente a unha vivenda subalugada por cabeza, podíase adquirir chan barato. Así que meu avó decidiu investir os poucos cartos que tiña nun edificio na rúa principal da vila que, igual ca a ferraxaría, compartía co seu irmán. Alá os meus avós instaláronse no segundo e o meu tío avó e súa familia no primeiro. Na casa, un cuarto para eles e dous para os fillos: mulleres nunha e homes noutra.

As miñas tías medraron nunha veciñanza amable e compasiva. No monte, na terra, chea de lameiros e de leiras, que logo abandonaron para iren á cidade industrializada, os anos do ladrillo e do desarrollismo. Meu pai marchou a Madrid, miña tía Asun a Lugo, meu tío Celso a Vigo e miña tía Margarita a Compostela. Cada un deles trazou unha historia diferente, algo que a miña avoa sempre lle pesaba porque ela era unha muller con moito medo. Tanto que unha  vez, cando eu aínda non nacera, meus avós decidiron ir de viaxe ás Canarias. Ningún deles collera un avión antes, pero pensaron que a celebración do final da vida laboral era unha boa ocasión para facelo. Namentres, miña avoa pedíalle a meu pai que mirase pola miña tía porque ela pensaba que estar aínda estudando era algo parecido a non saír adiante, ou polo menos iso era o que lle dicía a el antes de marchar.

“Mira Luis, mira que coides da Margaritiña, que se lle pasa algo que saiba que ten un irmán de quen botar mau”.

Eera certo, porque meu pai xa traballaba desde había anos e iso aos ollos dela era o seu propio triunfo. O día antes de marchar, miña avoa non durmiu nada e meu avó durmiu placidamente panza arriba, porque el, a diferenza dela, era un home botado para diante, sen moitos remorsos e  con moita alegría pola vida.

“Ai, Luís, eu non che sei, non che sei por que che me quixen vir aquí, se a min aquí tan lonxe non se me perdeu nada”.

A miña avoa chorou na Lavacolla mentres o avó lle pedía que se calmase e un azafato lle traía un vaso de auga. Non foi a única. Ela pasou a viaxe entre cactos, admirando unha paisaxe que lle pareceu “demasiado” diferente ás fragas galegas ás que estaba afeita. Non sacou moitas fotos porque non tiña cámara, pero contou que a imaxe do Teide, tan alta, flagrante e magnánima, lle quedou gravada na memoria para sempre. Cando falaba da viaxe, miña avoa pechaba lixeiramente os ollos e logo abríaos devagar, xusto na parte na que relataba como o meu avó case abafa co paseo que deron para camiñalo polas abas.

“Teríades que ver o papá, cando chegamos ó cumio botoulle tal grolo á agua que a rematou enteira”.

Meus avós, despois daquela viaxe, non volveron sair moito de Galicia. O avó quería, claro, pero ela sempre dicía que para que ir lonxe se aquí xa temos todo o que queremos, se vivimos no lugar máis fermoso do mundo.

Cando eu nacín, meus avós tiñan 70 e 65 anos. Miña avoa era máis nova, pero ambos os dous tiñan unha enerxía parecida. Coidáronme desde que nacín ata que o avó morreu e a avoa perdeu as facultades. O avó viviu toda a súa vida con franqueza e dignidade, foi un home valente e feito a si mesmo. Non foi á escola por moitos anos, pero sabía o nome de todos os paxaros que trilaban en Allariz, e tamén o nome de moitas plantas, tanto de Galicia coma do norte de África. Meu avó morreu con 84 anos no hospital de Ourense a causa dun ictus que lle paralizou a metade do corpo. O ictus, ou derrame cerebral, defínese na Medicina occidental como un acceso súbito e violento a causa dun golpe ou dunha complicación vascular que se ocasiona no cerebro. Consecuentemente, o corpo paralízase parcial ou completamente. Se sae ben, a persoa recuṕerase e ata pode recobrar a mobilidade. Cando o meu pai me contou que ao meu avó lle “dera un ictus”, eu pensei en que alguén lle dera algo, un agasallo. Logo, o papá explicoume que simplemente o avó “sufrira” un ictus, que algo no seu cerebro se derramara e moito sangue pasara de estar en capilares a estar entre tecidos. Viñeron moitos choros e explicacións que non entendín, tamén días de ver a avoa sentada no sillón coa mirada ao lonxe, pensando no Luís. No velorio, miña avoa abalanzouse sobre o cadaleito no que repousaba o corpo sen vida de Luís Fernández, o mellor home do mundo, nas súas palabras. Tamén, ela, namorada ata os últimos días da existencia do meu avó, dicía que el era unha persoa boa e cariñosa, un home que cumpriu como fillo, pai, avó e marido, un ser humano excepcional na terra. E así era, de certo cando meu avó marchou, miña avoa nunca volveu comportarse igual, nin sorrir do mesmo xeito. Agora, cando fala do avó, sempre pregunta canto tempo queda para encontralo, porque sabe que, dalgún xeito, vaino ver de aquí a pouco.

Advertisement

8 comentarios en “Os corpos fráxiles: Capítulo II

  1. Gustoume o capitulo. Pareceume ben escrito, ben levado, o que se conta ten sentido e nótase moi real (sexa ficcion ou non). Sempre é un risco narrar en 1º persoa algo que lle aconteceu a outro cando ti inda nin naceras. Un 1º persoa non pode facer de omnisciente de outro, ten uqe narrar sempre desde o seu “eu”. Esta narradora penso que consegue superar esta “trampa”, cada pouco tempo dedicase un espazo a si mesma na historia, ás suas propias percepcions, e iso é moi bo.
    As contras: fíxoseme algo curto e tamen algo afastado do tema do capitulo anterior. Non digo que non aporte nada, pero un pode comezar a formarse a idea de que en lugar dunha historia (a historia da narradora e a sua circunstancia inmediata) imos ler un documental (conducido pola narradora, sobre os seus recordos escollidos a conveniencia). A min gustaríame que os seguintes capitulos dos corpos fráxiles se parecesen máis ó 1 que ó 2. E non por calidade, que ambos o teñen, senón polo enfoque do tema.

  2. Tamén se desfrutan os relatos lentos e, tan ben desenvoltos, moito máis. Tanto o primeiro capítulo coma este parécenme amorosos, cheos de humanidade, rebosantes de empatía e respeto.
    Chamoume a atención que os avós foran “vivir xuntos”. Non estaban casados? Dígoo pola época. E tamén me sorprende que, sendo ela mestra, ocuparan unha casa que o alcalde destinaba á xente sen recursos.
    Por outra banda, tal e como empeza, da a impresión de que ese amor non foi un flechazo. Mais ben se forneceu a medida que os dous se foron coñecendo e resultou un amor profundo e leal ata o final.
    Que bonito me parece eso de que a avoa quería que o soldado non pasara fame, nin miseria nin medo. Podería haber elexido outras calamidades. Supoño que teñen relación coas reaccións dela e coas circunstancias da época (postguerra).
    Tamén están moi ben narradas as vivencias de Tenerife e a dor da perda.
    Supoño que en próximos capítulos iremos enfiando a historia. Polo de momento, non sei por onde irán os tiros. Quizais, como xa comentei na outra entrega, cara un crecemento persoal da protagonista.
    Parabéns, Sofia.

  3. O certo é que gostei menos deste capítulo do que do anterior. Sinalan nos comentarios unha tendencia para o documentario, e pode ser certa -e produtiva e interesante. Mais sinto que non acaba de funcionar de todo.

    O meu problema como lector é que sinto que me están contando a vida de persoas que non coñezo sen que me dean a información de por que me debo interesar por elas. Penso que habería dúas maneiras de conseguir isto que farían que a min (só podo falar por min, claro) me axudarían a entrar. A primeira é lingüística: o estilo escollido é fácil e agradábel de ler, mais un pouco máis de requintamento contribuiría a aumentar a sensación de estarmos perante literatura e non perante experiencia persoal. A segunda é narratolóxica: penso que o uso de prolepses que nos vaian adiantando para onde levan estas vidas, cal é o motivo que fai que urxa contalas, axudaría moito a aceptar o ritmo demorado do texto.

    Nada disto quere dicir que o que se está a contar non sexa interesante. Creo que, efectivamente, o é. Mais por iso mesmo boto de menos un envoltorio, un laciño, algo que sinale que o que temos diante é ouro.

  4. Neste capítulo fico sorprendida do cambio con respecto ao primeiro. Se o primeiro era feito de primeiros planos, de interior, este vai algo rápido de máis.
    Agora vexo algo máis de como irá a novela: un xogo de cambios de tempo, no que o contar a historia da vida explica ese presente co que comezamos.
    O que máis me gustou foi a narradora en primeira persoa vendo desde os seus ollos de nena un ictus, e botei en falta que haxa máis pasaxes nos que a realidade desas vidas (absolutamente descritivas dunha época e unha provincia, desde logo, representativas dunha xeración) sexan contadas desde a perspectiva da narradora.
    Quizais funcionase unha mestura entre o tempo lento do primeiro capítulo e o arco temporal dunha vida enteira deste segundo. Por exemplo, traer a narración ao presente e explicar algún costume, xesto, palabra, en base a unha experiencia anterior. Que se fale de Chaouen, ou algo da ferraxería, un xesto que quedara dos tempos de mestra, unha chamada telefónica desas fillas que viven fora, algún tipo de enlace.
    Quedo xa con ganas de saber que pasa a continuación.

  5. No segundo capítulo de Os corpos fráxiles a narración resulta algo máis apresurada. Aporta moitos datos sobre o avó e a avoa da protagonista, centrándose mais na figura do avó.

    Salta temporalmente nalgún intre e resulta menos introspectivo que o primeiro capítulo. A narración é moi boa, pero son eses saltos e o ritmo os que, lendo os dous capítulos seguidos, parecen denotar un certo nerviosismo da protagonista e narradora.
    A narración en primeira persoa, complicada, segue funcionando ben. Pero algún pequeno detalle como o da ignorancia sobre o ictus sendo xa unha adolescente de catorce años, segundo as contas que me saen polas datas achegadas, poden resultar un pouco infantís primeiro e demasiado técnicas despois. Cando ademais antes de contar o caso explica de xeito moi técnico o ictus. Agora quédanme as ganas de ver se o terceiro capítulo volverá ao presente ou indagará mais en tempos pasados.

  6. Boas! Chego tarde aos comentarios, pero imos con eles. Perdoade o retraso, aproveito para comentar máis devagar, e ter a persectiva do seguinte episodio e os comentarios de lectores e autores que se verquen.

    En xeral neste segundo capítulo dos Corpos fráxiles creo que todos apuntamos que é moi distinto do anterior como unha eiva, sun salto demasiado brusco entre dous estilos que non casan moi ben. Eu estou dacordo con esta crítica. De feito, neste segundo episodio eu vexo algúns vicios habituais que teño detectado en escritores que se lanzan a intentar contar épicas familiares, e é que herdan as narrativas herdadas da familia. Non sei se me explico, ao final tendemos a imaxinar as historias familiares da mesma maneira en que nolas contan, penso nesa matriarca que senta e nus 20 minutos contouche a súa vida toda, a do seu marido e dos netos, nun resumo que ten moito de construído, e nese sentid moito de literario.

    Peeero, en xeral e un ton e unha perspectiva que funciona mal para unha novela, porque peca de xeralista e mesmo na miña opinión de totalizador, certa idea das historias como unha cousa xa feita que sen mais observamos desde o futuro. Algo que funciona moi ben para dar sentido de familia e comunidade “intra muros”, pero que creo que non funciona tanto cando queres contar historias a outros. Digo isto porque como digo, teño visto este mesmo mecanismo noutros, e mesmo eu tamén cando quixen contar variantes de algunha historia que me contaron na casa acabei nesta trampa.

    Non vou entrar en cousas miúdas que hai no capítulo en particular, que penso que apuntaron ben outros compañeiros. Como proposta, para que non quede só en crítica senón tamén en construír, eu atopo que unha forma proveitosa de mesturar máis os dous tempos, o presente e este tempo longo do pasado, e mesturalo todo dentro do presente. En realidade, algo así como observar este capítulo como un exercicio que a escritora fai para si mesma, pero sen metelo na novela, que a información que esta aquí metida e que o creador asume como certa atope vías indirectas de coarse no texto. Unha especie de traballo de lore que se fai en novelas de fantasía, como analoxía. Por esas vías indirectas podes transmitir a mesma información que aparece neste episodio, pero engrandecendo a trama e arcos das personaxes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s