Se dubidas, non veñas. Cap. 2: Ratas

Rata. FREESTOCKS/UNSPLASH.

Mercedes Martínez Modroño.

Mentres almorza, Olga aínda lle dá voltas á rifa doméstica da noite anterior.  Pésalle unha especie de resaca emocional que lle zuga enerxía para acometer o día. Soa o móbil con ese ton diferente no que ten configurado o contacto da encargada, Vitoria. Le a mensaxe: “Podes vir unha hora antes?” e dous ou tres debuxiños que reproducen linguaxes xestuais das que usamos para convencer. Así que recolle a toda a présa, e mentres baixa á rúa pensa que menos mal que hoxe quedou o raxo de onte para o xantar. Dentro do supermercado, aínda pechado ao público a esa hora, escóitanse berros cando ela chega.

Aquela semana quedaría na memoria de todas como a semana das ratas. Ninguén sabe por onde saen, porque o burato polo que viron desaparecer a primeira é inmediatamente tapado con escuma de poliuretano e con cemento a continuación. Olga ten a sensación dun acontecemento extraordinario e funesto, pero atribúeo a que releu hai pouco A peste, esa novela de Albert Camus na que sempre tarda en entrar, e moito máis en saír. Parécelle que está a piques de ser sitiada por unha situación pouco común que lles ha de cambiar o ambiente rutineiro do traballo. Non erra moito nos cálculos: o perigo inesperado fai agromar o mellor e o peor de cada unha. 

Vitoria inventará métodos novos todos os días, incansable: desde a chamada urxente á empresa de desratización, o veleno colocado artesanalmente, as trampas de pegamento, a revisión exhaustiva de fendas, buratos, furados e furadiños, o acollemento dunha gata dunha veciña da aldea, e o levantamento de todos os palés de mercadoría para poder inspeccionar a diario o almacén. A empresa de desratización tarda dous días en aparecer, porque seica ten moitos avisos nesa semana e priorizan o hospital, a biblioteca (onde houbo perdas lamentables) e o concello. O veleno é escaso, porque se esgota en todas as partes e aínda utilizando todo o que hai no stock da tenda non dá para todo o local. As tiras de pegamento son o peor espectáculo para o persoal, porque aparecen patas e restos de cola e incluso pelos do bandullo, aínda que os bichos escapan, vivos pero mutilados, deixando manchas noxentas de sangue no piso. Tirando dos contactos na aldea, Vitoria consegue de favor dous albaneis para emplastar con cemento ben cargado todos os orificios posibles, revisar o tellado e as saídas e entradas de tubaxes. A gata hailla que devolver á súa propietaria porque estraga máis mercadoría da que salva, pero ratas seguen aparecendo.

Todo o persoal ten que facer horas extras, porque hai que comprobar a diario a tenda e o almacén para evitar que a clientela pispe a praga. Todos os días hai que destruír palés de mercadoría que foron tocados polos bichos. Os inspectores de Sanidade, por sorte, non teñen tempo de aparecer, andarán desbordados polo andazo de roedores que tomou a cidade.  Un dos condutores dos camións que vén da central propón matalas coa escopeta de perdigóns, o repartidor do pan é da idea de pechar a tenda ata que se normalice a situación. 

A pequena emerxencia une o persoal fronte a ese inesperado inimigo común, vencendo o noxo ou o medo ou unha mestura, que cada quen porta na súa historia persoal. Olga pásao moi mal, desde nena repetira que o que máis noxo lle daba no mundo era unha rata, ata que agora ten que combatelas, nunha terapia demasiado brusca pero á fin bastante efectiva. Porén, Laura sorprende a todo o mundo amosando calidades de hábil cazadora: o primeiro día pesca dúas cun gancho para polbos que seica pediu por internet.

—Envío urxente —aclara moi orgullosa, e ofrece outro a quen queira probar—: Teño dous! Viña así o pack, saía moi ben de prezo!

Cada vez que pesca unha chímpalle enriba calquera cousa de peso que teña a man, para que deixe de berrar. A primeira matouna cun xamón. A segunda cunha caixa de polbo conxelado. Despois diso, Vitoria, agradecéndolle quizais ao seu pesar a matanza, obrígaa a transportar na cazaría un carriño cun pack de garrafas de auga conxelada. 

—Por evitar máis perdas —dille cunha voz que non se lle oíra nunca antes—, e coas mans, coma se estivese imaxinando o que queda por vir.

Laura sorrí satisfeita. Parece unha nena a quen lle acaban de felicitar un debuxo. Pero o que pon nerviosas as compañeiras son as conversas coas que adorna a cazaría:

—Asíí, bonitiña, asíí —Esa voz melosa, co mango de setenta e cinco centímetros e o gancho de polo menos cinco de aceiro inoxidable—, pasa aí… Si… ti pasa para aí que no recanto ise falamos… aaaasí, moi ben… pasa, aí, AAAAAAÍ! —E tríncaa.

Polo menos o seu berro de xúbilo anuncia o desagradable chío do animal, que lles permite ás demáis uns segundos previos de reacción:  Olga tapa os ouvidos, Vitoria suspira, Fina exasera o susto, mentres Laura, aguantando o gancho co animal ensartado, busca a toda a présa algo que guindarlle enriba.

Ao cabo, escápaselle unha presa. E anuncia que o que fai falta é un arpón, para esas que teñen a ousadía de escapar por diante dela.

—Hainas ben valentes —reflexiona—. En lugar de acaroarse no recanto, foxen cara a min, á desesperada. Para esas fai falta o arpón —E simula o movemento en vertical, cos dous brazos baixando potentes coma se lle mandase unha lanza a un león—. Para as valentes, arpón. Para as covardes, o gancho —E a cara resplandece de satisfacción.

Fina leva á parte a Vitoria, case encurralándoa, en canto Laura desaparece da vista.

—Parece unha película de terror, non me digas, coma a dos pallasos asasinos —O espanto de Fina é sincero—. Dígoche que lle falta unha fervura, de onde saíu esta fenómena?

Vitoria intenta contemporizar, en parte pola tendencia do seu carácter, pero tamén porque o asunto das ratas tena completamente desbordada:

—Bastante fai, Fina, bastante fai —E move a cabeza coma se estivese nun confesionario—. Todas temos as nosas cousas —contéstalle mentres intenta mirala aos ollos, misión certamente complicada cando se trata de Fina—, toca estar unidas. Ninguén sabe de onde sae esta praga, tenme a cabeza tola.

—Bastante fai, si, por aumentar a fila dos embutidos —retruca Fina—. Tes que falar con ela, alguén lle terá que explicar a maneira de espertar os remolóns, esta muller non estivo atendendo o público na vida.

—Pois parecerache unha parvada, pero parece que a peixaría está vendendo máis —aclara Vitoria—. Antes espantábanse da quenda que lles tocaba, agora collen os dous tickets de vez.

E sabendo como sabe que non é doado sacarlle a Fina unha idea fixa da cabeza, intenta unha estratexia de distracción:

—E… como van os pans integrais que trouxemos novos este mes?

Co que Fina colle a mensaxe e marcha resmungando que ben, que non me cambies de tema, que ti es a encargada e ti saberás e outras ladaíñas que van esmorecendo segundo se afasta. 

Cando Vitoria non está diante, os ataques de Fina contra Laura son máis directos. A Olga cóntalle que sospeita da rapidez con que a outra atopou a solución do gancho. Estivo elaborando o discurso mentres enfornaban a repostaría da mañá. A argumentación, nun leixaprén marcado de repeticións e acenos sempre algo esaxerados, sostén a hipótese de que a praga de roedores ten que ver, por motivos sen concretar e substituídos por abondosas imprecacións, coa chegada de Laura. 

—Como se entende daquela a súa rapidez de reacción? Ti viches que familiaridade cos leiróns?  —Fina di leiróns, en lugar de dicir ratas—. E nunha cháchara atrapallada atopa unha explicación satisfactoria para a praga que ten tomada a cidade. A demostración descansa na coincidencia cronolóxica entre a chegada da nova e dos bichos, argumento consistente pola obxectividade dos datos. E conclúe triunfal:

—Non entende o mundo quen non quere, xa ves. Eu de parva non teño nada. Nada de nada. 

Olga atura os comentarios, que remedio lle queda, mentres están as dúas compartindo o pequeno espazo do forno. Pensa para si que o das ratas máis ben terá que ver coas obras que están facendo no antigo cine Odeón. Xusto cando empezaron a meter as pas e desescombrar comezou o problema. Moito se fala desa obra e do que irán facer no soar. Hai quen di que vivendas de luxo e hai quen di que un centro comercial. Como a ninguén lle parece que faga falta na vila nin unha cousa nin outra, a polémica está sempre acesa nos bares. E ademais, pensa Olga, con Laura lévase certamente ben. Quizais por non teren ningunha das dúas experiencia en traballar nunha superficie coma esta, non comparten eses xuízos de Fina que considera os clientes amos e inimigos ao mesmo tempo. Porén, o rebumbio que montou Laura polo do xofre e o dragón aínda lle doe. E hai que darlle a razón a Fina en que o que mete medo de Laura é o pracer que parece experimentar nas matanzas de ratas. 

O sábado á mañá tócalle axudala nos embutidos. É o primeiro día que pasan tanto tempo xuntas. Laura amósase agarimosa, case feliz. Fala de todo ou de case nada, ata que nun aparte confésalle que sabe de onde vén o olor a xofre. 

—Do armario da Vitoria. Sen ningunha dúbida.

E nese momento Olga, mentres empaqueta o queixo en fatías, e lle pon a etiqueta que cospe a máquina, e lle sorrí ao home que llo pediu, e lle dá as grazas, e mentres lle dá as grazas pulsa o botón das quendas, e mira o monitor, e berra: 

—Setenta e catro!

E mira en derredor a ver onde aparece o premio do setenta e catro, neses segundos nos que fai todas esas cousas, a acusación de Laura cara a Vitoria pousa nela e pensa que pode que o seu home leve razón. Que non precisan de que ela pase aquí corenta horas á semana. Pensa que por mal que lle caia Fina igual tamén leva razón en que este sitio está maldito e que calquera que entre aquí a traballar acaba perdendo a cachola máis tarde ou máis cedo.

E como non aparece o setenta e catro, volve chamar: 

—Setenta e cinco!

Co cal aínda ten tempo de volverse rapidamente a Laura, que está tras dela empurrando un taco enorme de friame ritmicamente sobre a máquina de cortar, e bisbarlle: 

—E eso que significa?

E xa berrando cara a fóra: 

—Setenta e seis!

Aparece o setenta e seis, trescentos gramos de salchichón. Comeza a súa performance ao mando do embutido, sentindo como o ombreiro comeza a resentirse polas horas que leva nesta nova tarefa, cando recibe a contestación de Laura:

—Que ela sabe do dragón.

A Olga atráncaselle o salchichón do susto.

—Ti cres? Que Vitoria ten algo que ver?

Laura empaqueta o friame mentres levanta as cellas e pecha rapidamente os ollos cara a Olga nun xesto de inmortal autoridade intelectual:

—Creo que sí. E que é unha boa nova.

A conversa queda inconclusa pola cantidade de clientela que teñen á última hora. Cando se despiden á fin da xornada na porta do supermercado, Olga aínda lle saca o tema das ratas, do que non falaron a soas en toda a semana.

Laura detén os seus pasos, coma se a profundidade do asunto requirise dunha explicación pausada e reflexiva:

—As ratas son o aviso das desgrazas, sen ningunha dúbida. A enfermidade do planeta que temos que enfrontar, como un absceso —Parece enlevada por riba do seu ser dos días laborables—. Unha especie de adestramento, comprendes?

Olga, sobrepasada polo discurso, tarda en contestar. Así que Laura continúa con afouteza:

—A presenza do xofre anuncia unha nova era do dragón. E será sandadora, verás, as ratas son o aviso de que a enfermidade está chegando, e con ela, a posibilidade da curación —Amplo sorriso—. O lume da curación.

E abalánzase nunha longa aperta a Olga, que a recibe antes de poder procesar a proclama, sabendo que isto non vai poder contalo na casa, que quere paz durante a fin de semana e que o luns seguramente todo vai volver á rutina da semana previa á Pascua, as agardadas vacacións na primavera cos seus plans de suspensión da realidade.

Advertisement

5 comentarios en “Se dubidas, non veñas. Cap. 2: Ratas

  1. Gústame esta novela costumbrista. Sí que me parece que vai por veces un pouquichiño máis lenta, porque mentres que pasan cousas cando os números van saíndo, non vexo que haxa unha progresión da trama. Sen embargo, a miña novela tamén ten un ritmo moi lento, e concordo bastante coa pousadura das ideas que da lugar ao estilo máis que á trama.
    Quizáis nos próximos capítulos poida verse se hai máis escenarios a parte do supermercado ou se a novela se ambienta maioritariamente aí. Gustaríame saber máis da vida de Olga nese espazo. Tamén me gustou moito a alusión a Camus coa Peste, penso que está moi ben traída.

  2. Da gusto lerte, Mercedes. Aquí imos coa velocidade de Victoria buscando as solucións á praga de roedores. Ese ritmo está moi logrado ao longo do relato.
    Tamén me resulta áxil, e metido nos movementos do supermercado, ese transcurso dos números, entremezclados coa conversa, que nos vai dando claves da trama.
    Volves a rematar con sorpresa. Victoria sabe do dragón. E eu empezo a preguntarme se ese suupermercado volve tola á xente, se existe ese animal dos contos e de onde veñen as ratas.
    Quero ler máis!

  3. É moi interesante como se conxugan de tan boa maneira os elementos estraños da novela: Laura, a praga, o dragon. Mercedes manexa ben os tempos, pasan cousas, cada vez de maior relevancia, e á vez quedamos coa promesa de que haberá máis.
    Non sei por que, pero neste capitulo pareceume que a narracion en presente se me atragantaba algo, o texto pedíame mellor un pasado.
    En xeral creo que o gran desafio desta novela é atopar a voz e o enfoche adecuados do narrador/narradora. Polo demais está indo moi ben.

  4. Gústame este capítulo dous que nos agasalla Mercedes. Toda a historia ao redor da caza de ratas, mesmo que Laura empregue un xamón para aplastar a unha. Paréceme moi ben contada, aínda que si é certo que o anuncio da semana das ratas ao comezo do capítulo parecía pedir unha narración en pasado.
    Por outra banda agás a sospeita de Laura de que Vitoria sabe do dragón e do xofre, non avanza demasiado na historia, aínda que en dúas entregas é normal que quede moito por descubrir.
    O que me resulta algo estraño, tamén, e que parece que Olivia é a protagonista proposta, pero polo de agora Vitoria e Laura levan a maior parte da acción. Pero o mesmo que antes, o tempo porá cada personaxe no seu lugar.
    Teño moitas ganas de saber a onde vai a historia, e se terá unha expansión física de escenarios.

  5. Estou a gostar moito desta novela. Cousas que antes non me convencían vanme entrando máis. O supermercado, que ao comezo non me funcionaba, agora paréceme indispensábel: é máis, espero que a acción nunca saia das súas paredes, e que todo o que aconteza estea filtrado pola conversa entrecortada entre unhas cantas traballadoras.

    Estame tardando poder ver o dragón, iso si. Mais talvez sexa un defecto do formato do Torneo, en que acabamos lendo capítulos como se fosen contos, e pedíndolles por tanto unha clausura que nunha novela real podería ser até contraproducente.

    Por criticar algo: é de verdade para tanto o que Laura conta ao final? Tanto como para que Olga medite como ocultalo? Non o creo, e sácame un pouco do relato. Parece que Olga medita en función de cousas que aínda non pode saber.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s