O 31 de decembro celebramos o San Silvestre, unha data propicia para o caos

Castaña das bruxas e allos benditos. NATI REY.

Nati Rey.

No ciclo galego do Nadal, o día de San Silvestre comprendese no que se dá en chamar “duodenario místico”, o período de doce días comprendido entre finais dun ano e comezos do seguinte. Nese tempo limiar de doce días, o contacto entre o mundo terreal e o alén é especialmente intenso e perigoso. Por tanto, a última noite do ano, é o momento idóneo para que se manifesten seres malignos como son as bruxas. Esta crenza produciu o famoso dito: San Silvestre, meigas fóra!

Para protexernos das bruxas cómpre utilizar unha variedade de amuletos, caso da figa que, confeccionada en acibeche, é valioso contra as meigas e o mal de ollo. A figa tamén se pode realizar coa man introducindo o dedo polgar entre o índice e corazón. Deste xeito pódeselle facer fronte á ameaza en calquera momento, mais cando non se logra captar o perigo a tempo, o feitizo lanzado terminará por afectarlle irremediablemente ao receptor. Para evitar este tipo de problemas, cómpre levar sempre no peto outro tipo de obxectos con fins apotropaicos, como son as castañas das bruxas, os cornos de vacaloura, dentes de allos…

En Galicia, o amuleto por excelencia para todo é a Cruz de Caravaca. Ademais de arredar as meigas e defendernos das influencias malignas, na medicina popular emprégase para curar certas enfermidades e con ese fin a utilizaban os pastequeiros. Tamén existe a crenza de que xunto co ensalmo propicio sanda todo tipo de doenzas. A Cruz de Caravaca que posúa un enmeigado terminará por rachar á metade.

A festividade de San Silvestre, ademais de ser unha noite meiga tamén acolle o caos, coma a noite do San Xoán. Escóndense os aparellos de labranza, fanse trasnadas, atráncanse camiños, prodúcese ruído, desorde… Este balbordo é un aspecto necesario para a renovación do ciclo anual. A instauración do caos significa a abolición do ano vello como premisa para a instauración dun tempo novo.

O etnógrafo Xesús Taboada Chivite documentou a queima do Ano Vello no municipio de Becerreá. Os mozos dunha parroquia lévanlle a outra limítrofe a representación deste Ano Vello, que consiste nun boneco feito de palla e vestido de aldraxes. A broma considérase un insulto moi serio e ás veces termina nunha liorta entre a mocidade. O monifate do vello, lánguido e inútil, remata queimándose publicamente entre a rebuldaina. O lume está vencellado ao sol, que renova o seu ciclo no solsticio de inverno, cobrando vigor a partir de agora, até alcanzar o seu punto máximo no solsticio de verán.

Nesta data repítense as mofas dos Santos Inocentes. As inocentadas representan a confusión, a alteración da orde cotiá, supoñen a anulación do pasado e a súa disociación. Tamén, como acontece por Inocentes, San Silvestre é un día sagrado e hai que o respectar sen traballar, pois quen o faga ese día será un malpocado.

Advertisement

Un comentario en “O 31 de decembro celebramos o San Silvestre, unha data propicia para o caos

  1. Dou fe. A vila de Becerreá ten un barrio que se chama Anovello, que é onde se queimaba. Non recordo facelo pero si a referencia moi directa. E a un mozo que ía sempre colgado da noiva a deixaba despois dicían: “Andaba soténdose nela como se fose un anovello”. Grazas por esta referencia que podo corroborar, así como o rito de “coutar o ano” que non debeu recoller ningún etnógrafo de sona.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s